----

O legado cunqueirián reclama unha visión de conxunto da súa obra e unha actualización biográfica, segundo o congreso “Mil e un Cunqueiros”, que mañá finalizará en Vigo

O legado literario de Álvaro Cunqueiro está a reclamar unha visión de conxunto que permita abarcar analíticamente toda a súa diversidade creadora e tamén unha actualización biográfica, que cubra baleiros significativos da súa peripecia persoal e vital. Así o constatou Fernando Valls (Universidade de Barcelona) na súa intervención na penúltima xornada do congreso internacional “Mil e un Cunqueiros” celebrada hoxe na sede do Consello da Cultura Galega. As sesións, organizadas por esta institución cultural en colaboración coas tres universidades galegas, tiveron carácter itinerante con escala o xoves na Coruña, e rematarán mañá sábado 1 de outubro no Auditorio Municipal de Vigo cunha mesa redonda e dúas conferencias, a última ao cargo do destacado galaicista John Rutherfod, da Universidade de Oxford.

Non ano que sinala o centenario do nacemento do autor de “Merlín e familia” (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981), o profesor Fernando Valls, das universidades de Barcelona e Berlín, subliñou a necesidade de estudos actualizadores e reveladores de aspectos aínda non debidamente coñecidos da biografía de Cunqueiro, particularmente os referidos ao período do compromiso dun galeguista que logo se faría “falangista” e “franquista”, dentro e fóra de Galicia. Reclamou asemade unha visión de conxunto da obra diversa e poliédrica dun creador ao que cualificou como “un dos grandes escritores do século XX”. Fernando Valls constatou a boa acollida e o aprezo do que gozou o escritor mindoniense por parte da crítica literaria española, e nomeadamente da catalana No espazo catalán contou coa amizade e a axuda de escritores importantes como Néstor Luján e Joan Perucho e a editora “Destino”. O relator botou en falta a presenza da obra cunqueiriana en castelán nas coleccións de clásicos como Cátedra ou Castalia.

Pola súa parte, Jordi Gracia (Universidade de Barcelona) trazou un paralelismo entre as personalidades e a poética de Cunqueiro e Josep Plá, ao tempo que reflexionaba sobre “os lugares do intelectual” nun tempo marcado pola grande fractura histórica e política do século XX español e lembraba tamén casos e situacións como as de Dionisio Ridruejo ou Gonzalo Torrente Ballester.

OUTRAS OLLADAS

Na penúltima sesión do congreso, celebrada hoxe na Biblioteca e no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, houbo tempo para comunicacións sobre a recepción da obra cunqueiriana no ámbito infanto-xuvenil (Cristina Novoa, Pilar Sampedro e Monserrat Pena Presas), “Cunqueiro e o seu tempo” (Cristina Martínez, Olivia Rodríguez e María Dolores Villanueva), “Achegas biográficas” referenciadas en Antonio Odriozola (Xosé Luís Cochón) ou Fernando Pérez Barreiro-Nolla (Joaquim Ventura), “Cunqueiro e as artes plásticas e escénicas” (Xavier Castiñeira, Xaime Estévez e Camilo F. Valdehorras), “O popular en Cunqueiro” (María Xesús Nogueira, Camino Noia, Marcial Gondar e José Luís Forneiro) e “Cunqueiro e as tradicións litrerarias universais” (Felix Castro Vicente, Rubén Jarazo e Antonio Francisco Pedrós).

1 DE OUTUBRO EN VIGO

O congreso desenvolverá os seus tres derradeiros actos ao longo da mañá do sábado 1 de outubro no Auditorio Municipal de Vigo, sito na Praza do Rei, con dúas conferencias e unha mesa redonda.
10 horas. Alberto Moreiras, da Texas A&M University, falará sobre “Älvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental”.
11 horas. Mesa redonda para analizar “Os outros mundos de Cunqueiro” con relatorios de César Morán Fraga, escritor, Carlos Martínez Pereiro (Universidade da Coruña) e María Xesús Lama (Universidade de Barcelona).
13 horas.- Jonh Rutherfod, da Universidade de Oxford, falará de “Álvaro Cuqneiro e a tradición literaria anglófona”.