vento que zoa
Reveriano Soutullo Otero
1880 Ponteareas 1932 Madrid
(detalle) Imaxe: Federico Ribas (1890-1952). Cartel Ver imaxe completa

En: Orquesta Regal. La leyenda del beso. Intermezzo Regal, RS 1007, 1928
Escoita aqui o audio
Un dos grandes creadores de zarzuela
Aprendeu música dende moi neno co seu pai, director da Banda de Redondela. Despois estudio con Segundo Fernández Cid, director da Banda de Ponteareas. Con catorce anos dirixiu o Orfeón de Tui e en 1900, foi estudar ó conservatorio de Madrid, onde lle deron clase Arín e Fontanilla e composición, Fernández Grajal. Graduosuse en 1905. Neses anos sufriu unha infección de oído que lle deixou medio xordo. Entre 1906 e 1907 voltou a Vigo. No teatro Tamberlick desta cidade, estreou a zarzuela El regreso. Dende alí marchou ó estranxeiro cunha bolsa de estudos. O ambiente musical de Italia, Alemania e Francia influíronlle moito; especialmente Debussy e Ravel.

Á súa volta a Madrid comezou a compoñer zarzuelas, xénero que daquela gozaba dun grande éxito, en solitario ou en colaboración con outros músicos. Tamén compuxo obras para piano e canto e obras para banda de música.

Colaborou con compositores como Tena, Pablo Luna e Enrique Estela. No período 1919-1931 asociouse con Juan Vert e, entre ámbolos dous, compoxuron máis dunha veintena de zarzuelas, algunhas das máis famosas: El ültimo romántico, La del Soto del Parral, La leyenda del beso, El regalo de boda, La caída de la tarde, El capricho de una reina, etc.

Morreu en 1932, tras unha operación do oído dereito que derivou nunha bronconeumonía.


La leyenda del beso ten libreto de Enrique Reoyo, José Silva Aramburu e Antonio Paso. A música está composta por Reveriano Soutullo e Juan Vert. Esta zarzuela consta de dous actos, dividida en tres cadros. A súa estrea foi no Teatro Apolo de Madrid o 18 de xaneiro de 1924. Supuxo un grande éxito e levou á fama ós dous compositores.

O libreto é un expoñente da zarzuela levada ó terreo da opereta, con certos toques melodramáticos. A música, de indudable calidade, pódese considerar como unha ópera en si, dado o tratamento tan profundo das voces e a riqueza orquestral que obrigan a dispor de grandes cantantes e músicos para interpretala.

A composición seleccionada, Intermezzo, corresponde ó acto segundo, cadro segundo. Trátase dun fragmento orquestral, extraído do disco de lousa da compañía discográfica Regal, co número de catálogo RS 1007, e datado en 1928. A interpretación corre a cargo da Orquesta Regal, formación ad hoc que as propias compañías discográficas xuntaban puntualmente para gravar acusticamente, nos anos vinte, os éxitos do momento.

Este disco de lousa forma parte da ampla colección de discos de 78 rpm. do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, que está dixitalizada, restaurada e ao dispor dos investigadores.
Autor/a: Arquivo Sonoro de Galicia
A sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega procura a complicidade de todos e mostra unha selección dos nosos compositores. Cada músico que se presenta asóciase a un artista plástico galego. A unión non é azarosa. Xorde de sincronías históricas e de coincidencias nas sensibilidades estéticas, de afinidades persoais e de emotividades compartidas. Trátase, en definitiva, de que o noso disfrute sensitivo e intelectual sexa pleno.