O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do 20 de xuño de 2025, que o Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2026 estará dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014).
Begoña Caamaño foi unha narradora serodia, comezou a escribir aos 45 anos de idade, e deixounos dúas novelas: Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), nas que reelabora os mitos da Odisea e o artúrico desde a perspectiva feminista. Como xornalista, a súa obra representa o exercicio da profesión de maneira crítica, rigorosa, independente e comprometida co uso do galego, uns valores que a RAG tamén quere reivindicar con esta homenaxe.
Na páxina web da RAG atoparás máis información.

