O Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Concello de Vigo, o Concerto das Letras Galegas 2026, que terá lugar o sábado 16 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio Mar de Vigo.
Nesta edición a cantante Uxía renderá homenaxe á súa amiga Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano. Interpretará en primicia pezas inspiradas nos seus textos literarios e no seu labor xornalístico e radiofónico, que formarán parte do libro-CD Indómitas: nove ondas a Begoña Caamaño.
A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. O concerto tamén se emitirá en directo a través do web do Consello da Cultura Galega e, posteriormente, na programación especial da Televisión de Galicia polo Día das Letras Galegas.

