Concerto das Letras Galegas

Concerto das Letras 2026

Data
16 de maio de 2026
Hora
20:30 h
Lugar
Auditorio Mar de Vigo (Vigo)
Entrada libre e gratuíta

Presentación

Convocámosvos un ano máis para nos acompañar no Concerto das Letras Galegas no serán do 16 de maio, na véspera do día grande en que todos os galegos e galegas, Galicia toda, somos chamados pola Real Academia Galega para homenaxear, nesta ocasión, a escritora viguesa Begoña Caamaño.
A festa lévanos precisamente a Vigo, lugar de nacemento, formación e primeiros pasos profesionais da autora homenaxeada, para reunirnos arredor da proposta musical da súa amiga a cantante Uxía. Con ela festexaremos a vida e obra de Begoña Caamaño, pero tamén a todas as mulleres indómitas: as que abriron camiños, as que decidiron o seu destino, as que resisten e as que veñen detrás.
A amizade entre Begoña Caamaño e Uxía dá sentido a este proxecto, que parte da súa obra e da súa forma de entender a palabra como pensamento, liberdade e resistencia. Desde aí, a música flúe entre a tradición galega e sonoridades viaxeiras, nun diálogo entre raíz e horizonte.

Uxía e Begoña Caamaño
As pezas inspíranse nos seus textos literarios e no seu labor xornalístico e radiofónico, e formarán parte do libro-CD Indómitas: nove ondas a Begoña Caamaño, que soará en primicia neste concerto. Xunto a elas, escoitaremos tamén cancións da memoria compartida entre Begoña e Uxía, nun repertorio que transita do íntimo ao festivo. Así, ao longo de 75 minutos desfilarán polo Auditorio Mar de Vigo Circe, Morgana, as amigas, o mar da Arousa e o de Vigo, Penélope, a casa da Comboa, as pegadas do seu andar a terra, as rebeldes, as mans enlazadas e as lobas que ouvean. Neste emocionante e intenso percorrido musical, Uxía estará acompañada pola súa banda e outras convidadas especiais.
Teremos oportunidade de gozar dun formato único e irrepetible, con intérpretes de luxo, apoio audiovisual e colaboracións interxeracionais moi especiais, que levarán a Vigo luz, emoción, beleza e irreverencia, herdos que nos deixou Begoña Caamaño e que o artista Leandro Lamas plasmou á perfección na imaxe creada expresamente para este concerto, no que tamén desfrutaremos das ilustracións de Viki Rivadulla.
Quen non poida gozar con nós do concerto no Auditorio Mar de Vigo pode vernos a través do web do Consello da Cultura Galega e na programación especial da Televisión de Galicia polo Día das Letras Galegas. Ademais, quedará dispoñible na mediateca do CCG e na plataforma dixital Agalega.
Sexa como for, agardámosvos na festa!

Feliz Día das Letras Galegas 2026!

Como podo asistir?

Entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala (1425 butacas).

Auditorio Mar de Vigo
Avenida de Beiramar, 59, 36202 Vigo, Pontevedra

16 de maio de 2026 | 20:30 h
Emisión en directo no web consellodacultura.gal e na programación especial da Televisión de Galicia polo Día das Letras Galegas.
Uxía

Uxía

Uxía é unha das voces máis recoñecidas da música galega contemporánea. Cantora, compositora e investigadora, foi clave na renovación da canción galega desde os anos 80, combinando raíz tradicional con sonoridades atlánticas e influencias lusófonas de países como Portugal, O Brasil ou Cabo Verde.

Ao longo da súa traxectoria publicou discos de referencia como Foliada de marzo, Estou vivindo no ceo, Eterno navegar, Danza das areas, Meu Canto, Baladas da Galiza Imaxinaria con Narf e De tu casa a la mía con Javier Ruibal. Colaborou con artistas internacionais e levou a música galega a escenarios de todo o mundo.

Ademais, impulsou proxectos colectivos de gran relevancia. Os espectáculos Son Delas e Enredadas con Martirio, A Pedreira, Carmen París e o grupo Malvela contribuíron de maneira decisiva á visibilización e posta en valor das voces femininas na música.

Está a festexar os seus 40 anos de camiño musical co celebrado espectáculo Será por flores, cun amplo repertorio que revisita os fitos máis importantes da súa carreira.

Neste concerto extraordinario estará arroupada no escenario pola súa banda e convidadas moi especiais.

Repertorio

1Fada Morgana
2Vivo no mar
3Circe e Penélope
4A casa das amigas
5Alalá das Mariñas
6O teu nome é bandeira
7Menino do Bairro Negro
8No bico un cantar
9Desde que o samba é samba
10As nosas cores
11Na casiña da Comboa
12O carro
13Begoñísima
14⁠Gotinha d’água
15Himno galego

Participantes

Uxía:
Proxecto musical e voz

Banda:
Santi Cribeiro-acordeón
Rafa Otero-guitarra acústica e eléctrica
Yudit Almeida-contrabaixo
Isaac Palacín-percusión

Convidadas:
Neste concerto haberá colaboracións interxeracionais moi especiais, tanto na voz como nos instrumentos. A aparición de convidadas no escenario será unha continua sorpresa que converterá o concerto nunha festa da amizade, a música e a palabra.

Produción e coordinación: Conchi Carro
Asistente de produción: Xosé Caamaño
Ilustracións: Viki Rivadulla
Videocreación: Xavier Belho
Técnico de son: Tito Ledesma
Iluminación: Dani Juncal
Arranxos e dirección musical: Pablo Novoa
Ilustración de Leandro Lamas.

Ilustración de Leandro Lamas.