Xa podes consultar a biografía de Xoán Manuel Pintos no Álbum de Galicia


O Álbum de Galicia, colección dixital de biobibliografías do Consello da Cultura Galega, acaba de incorporar a entrada de Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, 1811 - Vigo, 1876). Xurista de profesión, destacou polo seu activismo cultural e pola súa defensa da lingua galega, e como autor literario (cunha obra poética practicamente monolingüe en galego), está considerado coma o precursor do Rexurdimento Galego. Desde o punto de vista filolóxico, foi tamén un importante lexicógrafo. O texto biográfico que presentamos, asinado por María do Carme Ríos Panisse, está acompañado doutros recursos documentais (bibliografía, galería fotográfica, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas á vida e obra deste autor.