Novas da lingua

Rexistros1 a 30 de 5145
16/03/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, para desenvolver iniciativas durante o ano 2026 que contribúan á promoción do uso da lingua galega, á mellora do seu prestixio e á súa dinamización social; así como para a realización de estudos sociolingüísticos, ou xornadas e publicacións sobre recuperación de toponimia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
13/03/2026. DINAMIZACIóN

Lingua Vital presenta un protocolo para acadar a normalización do galego

O proceso Lingua Vital celebrou o 14 de marzo de 2026 na Praza da Quintana (Santiago de Compostela) unha asemblea aberta na que se aprobou e presentou publicamente un protocolo elaborado por 57 entidades de diferentes ámbitos sociais. O documento recolle accións normativas e executivas concretas dirixidas a acadar a plena normalización do idioma galego. No acto interviñeron Celia Armas, Mónica Valencia, Xosé Henrique Costas, Marcos Maceira e unha persoa representante do Centre Internacional Escarré per las minories étnicas i nacionals (CIEMEN). Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de gozar da actuación do dúo musical Caamaño & Ameixeiras.

Na páxina web da plataforma Queremos Galego tes máis información.
13/03/2026. INVESTIGACIóN

XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a décimo cuarta edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que ten como obxectivo alentar entre a comunidade escolar a investigación sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico de Galicia. Un capítulo do traballo deberá tratar algún aspecto lingüístico (toponimia, antroponimia, léxico, fraseoloxía...) relacionado co tema proposto. Poden participar todos os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia que impartan ensinanzas de educación primaria, ESO, bacharelato, formación profesional e educación especial. Outorgarase un premio de 7.000 euros para o traballo gañador en cada unha das dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario.

O prazo de presentación de candidaturas remata o 25 de maio de 2026.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
13/03/2026. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid entre a segunda quincena de maio e a primeira de xuño de 2026. As datas concretas publicaranse no DOG e na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/03/2026. LEXISLACIóN

O Concello de Salceda de Caselas publica a súa ordenanza de uso da lingua galega

O Concello de Salceda de Caselas publica, no BOP de Pontevedra do 12 de marzo de 2026, a súa Ordenanza municipal de uso da lingua galega, que regula os usos lingüísticos polos que debe rexerse o Concello, os organismos municipais que del dependan, así coma as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratas cando actúen en función desa adxudicación. No último capítulo recóllese que “sempre que resulte posible orzamentaria e normativamente”, o Concello contará cun Servizo de Normalización Lingüística e indícanse as súas funcións.

No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
11/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de linguaxe xurídica para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración pública convoca actividades de formación dirixidas ao persoal da Administración local galega. Entre a oferta formativa, inclúese o curso “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”, que se desenvolverá na modalidade de teleformación entre o 20 de maio e o 4 de xuño de 2026.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de marzo de 2026.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
06/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

XXXVI Cursos de Lingua e Cultura Galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo sexta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura. Os cursos desenvolveranse entre o 3 e o 24 de xullo de 2026, e están organizados en diferentes niveis: elemental, medio e superior.

O prazo para a recepción de solicitudes remata o 6 de abril de 2026.

Para ampliar información sobre o programa e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
06/03/2026. DINAMIZACIóN

Mostra de narración oral do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo

O vindeiro xoves, 12 de marzo de 2026, o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo organiza unha mostra de narración oral, na que amosará o traballo realizado durante o curso. Na mostra participará o alumnado do curso e o público que se achegue á biblioteca, e estará guiada polos docentes Cris de Caldas e Dani Blanco.

O evento, aberto á cidadanía, terá lugar ás 19:30 h, na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas (Vigo).
06/03/2026. DINAMIZACIóN

Santiago centra o programa de Apego en marzo na igualdade de homes e mulleres

Neste mes de marzo no que se conmemora o Día Internacional da Muller, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago proponlles ás familias compostelás adscritas ao programa Apego un programa de actividades lúdicas e educativas (cociña, psicomotricidade, ciencia, contos, xogos e música) centradas na igualdade entre homes e mulleres.

Para coñecer o programa completo, preme aquí.
02/03/2026. AXUDAS E PREMIOS

O EDLG do IES San Clemente convoca o premio “Galeguizar é multiplicar”

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente (Santiago de Compostela), no marco do seu programa O galego fainos fortes, convoca o Premio de vídeos publicitarios “Galeguizar é multiplicar”, dirixido a alumnado de ensino secundario, bacharelato, ciclos formativos ou estudos equivalentes, de calquera centro educativo.

A iniciativa ten como obxectivo visibilizar e promover o uso do galego no ámbito empresarial a través da creación audiovisual. Os participantes deben crear vídeos publicitarios, dunha extensión non superior aos dous minutos, sobre empresas de Santiago de Compostela que empreguen o galego e que formen parte das redes Galego Empresas ou Abertos ao Galego.

O prazo para a presentación dos traballos remata o 10 de abril de 2026. Outorgaranse oito premios, cunha dotación económica de 100 euros cada un.

Podes ampliar información premendo aquí.

27/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para estadías no Instituto da Lingua Galega de PDI procedente de fóra de Galicia

O Instituto da Lingua Galega (USC) convoca dúas axudas para o ano 2026 destinadas a subvencionar estadías de PDI procedente de calquera universidade ou institución de Educación Superior de fóra de Galicia, para a realización de actividades de investigación que se vinculen coa axenda científica do ILG.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
27/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

A asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

A Academia Galega do Audiovisual acordou galardoar co Premio de Honra Fernando Rey á asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo, unha distinción que se outorga no marco dos XXIV Premios Mestre Mateo. A galardoada participou na tradución e adaptación lingüística de numerosas obras audiovisuais ao longo da súa traxectoria profesional e na actualidade exerce como asesora lingüística do Centro Dramático Galego.

O acto de entrega terá lugar o vindeiro 21 de marzo de 2026 no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, durante a gala dos XXIV Premios Mestre Mateo.

Podes ampliar información premendo aquí.
26/02/2026. INVESTIGACIóN

A RAG difunde na súa páxina web dous novos volumes sobre onomástica galega

A Real Academia Galega ofrece na súa páxina web dous novos estudos de onomástica galega. Un deles é Toponimia de Carnota, unha nova contribución á colección Terra Nomeada, autoría de Alfonso Blanco Quintela, que analiza 59 nomes de lugar da toponimia maior e oito da toponimia menor deste concello da Costa da Morte.

Outro dos volume que tamén podes consultar en liña é Estudos de Onomástica Galega X. Os nomes do mar, editado por Ana Boullón e Luz Méndez. Neste caso o volume recolle os relatorios sobre talasonimia e naonimia presentados na X Xornada de Onomástica Galega que tivo lugar en outubro de 2025 en Pontevedra.
24/02/2026. DINAMIZACIóN

O alumnado de Redondela comprométese co galego “unha semaniña enteira”

O pasado venres, 20 de febreiro, tivo lugar no IES Chapela a presentación dunha nova edición da campaña “Unha semaniña enteira”, unha iniciativa promovida polos IES de Redondela coa colaboración do Concello, que tamén apoian clubs deportivos, asociacións, comercio e bibliotecas do municipio. A través desta campaña a comunidade educativa de infantil, primaria e secundaria asume o reto de falar galego durante 7 días, as 24 horas do día (nesta edición, entre o 20 e 27 de febreiro). A programación inclúe tamén teatro, concertos, conferencias e charlas de promoción da lingua galega.

Na páxina web do SNL do Concello de Redondela tes máis información.
24/02/2026. DINAMIZACIóN

Programación de Apego para os meses marzo-maio na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta as actividades que se van desenvolver na cidade durante os meses de marzo, abril e maio de 2026 no marco do proxecto Apego, dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos.

O programa inclúe narración oral, música, contos e xogos con palabras. As actividades desenvolveranse no Centro Ágora. Podes obter máis información premendo aquí.
24/02/2026. OUTRAS

Kathleen N. March e Francisco Díaz-Fierros reciben hoxe a Medalla do Consello da Cultura Galega 2026

O Consello da Cultura Galega celebra hoxe, 24 de febreiro de 2026, o acto de entrega das Medallas do Consello da Cultura Galega do ano 2026 ao catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola Francisco Díaz-Fierros Viqueira e á filóloga estadounidense Kathleen N. March.

No que respecta á galardoada con perfil lingüístico, Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) é catedrática emérita de Español na University of Maine, primeira presidenta da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos) e unha das principais estudosas da literatura galega no ámbito angloamericano.

As Medallas do Consello da Cultura Galega foron instauradas no ano 2018 para recoñecer o labor daquelas persoas que colaboran coa institución no desenvolvemento das súas actividades (nomeadamente, na súa acción exterior); e para poñer en valor o seu compromiso coa cultura galega en termos xerais. O evento terá lugar ás 12:00 h, no salón de actos do CCG, e será retransmitido en directo a través da páxina web da institución.
24/02/2026. LEXISLACIóN

O Concello de Carnota publica a súa ordenanza de uso da lingua galega

O Concello de Carnota publica, no BOP do 24 de febreiro de 2026, a súa Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega, que regula os usos lingüísticos polos que debe rexerse o Concello, as entidades de dereito público vinculadas ao Concello, así coma as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, e tamén as de explotación mixta. No último capítulo prevese a creación dun Servizo de Normalización Lingüística que “terá como principais obxectivos impulsar a normalización da lingua galega, incrementar o uso e prestixio social do galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para que se cumpra esta ordenanza”.

No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
23/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra convoca o circuíto +Escénicas do ano 2026

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras e mais a convocatoria do ano 2026 do circuíto “+Escénicas” de apoio á programación de espectáculos profesionais de artes escénicas en galego. Os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra poderán solicitar un máximo de cinco espectáculos, que se desenvolverán entre o 1 de abril de 2026 e o 31 de marzo de 2027, de entre os grupos incluídos no catálogo +Escénicas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 16 ao 31 de marzo de 2026.

Pola súa parte, as compañías terán de prazo ata o vindeiro 28 de febreiro para inscribir ou actualizar os seus espectáculos no citado catálogo.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
20/02/2026. DINAMIZACIóN

Institucións, asociacións culturais e centros de ensino celebrarán o Día de Rosalía

Institucións, entidades culturais e centros educativos do país organizan diferentes actos para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra anualmente cada 23 de febreiro, data do nacemento da autora.

A Fundación Rosalía de Castro organizou para este 2026 un programa de actividades que se desenvolverán en Padrón e Santiago de Compostela ao longo de toda a xornada do 23 de febreiro. O acto institucional central terá lugar no Panteón de Galegos Ilustres, ás 12:00 h, cunha lectura de poemas rosalianos, música e degustación do Caldo de Gloria.

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tamén celebrará os días 22 e 23 de febreiro diferentes actos na Coruña, Lugo, Pontevedra e Vigo, ademais do seu acto central conmemorativo que terá lugar o domingo 22 de febreiro, ás12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres, no que se fará unha lectura pública de fragmentos da obra rosaliana e mais do Manifesto da AELG, asinado este ano por Eva Veiga. No web da AELG podes consultar o programa completo de actividades conmemorativas, tanto as propias coma as organizadas por outras institucións ou entidades culturais.
20/02/2026. OUTRAS

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

Mañá, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, que este ano 2026 quere poñer o foco nas voces da mocidade na construción da educación multilingüe.

Co gallo desta celebración, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago organiza o acto Contar a ciencia desde nós, co se quere “destacar o valor de contar con sistemas educativos que formen en ciencia nas linguas maternas (no noso caso, en galego), tanto no ensino formal como en contextos de divulgación”. O acto terá lugar hoxe, 20 de febreiro, ás 12:00 h, na Facultade de Ciencias (campus de Lugo).

Desde o CDSG aproveitamos tamén a ocasión para convidarte a visitar o especial de Proxector sobre esta temática, un recurso divulgativo que elaboramos en colaboración co SNL da USC.
19/02/2026. DINAMIZACIóN

Feminismo, conciencia social e lingua van da man en Oleiros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros convoca unha nova edición da Campaña polo 8M, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria, ESO e bacharelato escolarizado neste municipio, para elaborar material divulgativo (chapas, bolsas de tea ou outro material de difusión) relacionado coa conmemoración do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
19/02/2026. DINAMIZACIóN

Volve o proxecto Guizo a Narón con actividades de natureza e lecer en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta o programa de actividades que se desenvolverán no marco do proxecto Guizo durante os meses de febreiro e xuño de 2026.

O proxecto Guizo está deseñado para mellorar a socialización en lingua galega das nenas e nenos de 6 a 12 anos, creando un espazo de lecer para familias que xire ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado e respecto.
19/02/2026. DINAMIZACIóN

O Concello de Carballo presenta a nova edición do programa “De landras a carballos”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, en colaboración coa Concellaría de Igualdade, organiza unha nova edición do programa De landras a carballos, co obxectivo de ofrecerlles ás familias con nenos/as de entre os 5 e os 11 anos espazos culturais, educativos e lúdicos propicios para o uso do galego.

O programa deste ano 2026 desenvolverase entre os meses de febreiro e xuño nas Escolas do Xardín Agra de Caldas (Carballo).
19/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización do galego na provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca axudas, dirixidas ás entidades culturais da provincia, para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega durante o ano 2026, co fin de potenciar o seu uso no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
18/02/2026. INVESTIGACIóN

Novo número da colección "Toponimia do Val do Fragoso" dedicado a Matamá

A colección Toponimia do Val do Fragoso suma un novo número no que se compilan os nomes de lugar da parroquia viguesa de Matamá. O volume, autoría de Gonzalo Navaza, Arantzazu Luna e Marcos Alonso Rodrigues, presentouse o pasado 11 de febreiro na sede do Concello de Vigo.

Os dez números da colección Toponimia do Val do Fragoso, promovida polo Concello de Vigo e a Universidade de Vigo, están accesibles en formato dixital na páxina web da Área de Normalización Lingüística da UVigo.

Se o precisas, podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
18/02/2026. DINAMIZACIóN

Nova edición do certame “Lingua de Namorar”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia convocan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega, dirixido á mocidade e pensado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

As bases establecen 3 categorías: A (persoas de 14 a 19 anos); B (persoas de 20 a 35 anos) e C (persoas de 14 a 35 anos, só para Instagram). Outorgaranse tres premios en cada unha das categorías A e B (1º- Lenovo Tab 11´´ con lapis; 2º- Libro electrónico Kobo Clara; 3º- Cascos JBL sen fíos), e un único premio na categoría C (Lenovo Tab 11´´ con lapis).

O prazo para enviar as mensaxes remata o 16 de marzo de 2026.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
18/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para financiar gastos do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2026.

Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
13/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Santiago acolle o VIII Festival Rosalía

Os vindeiros 21 e 22 de febreiro de 2026 a cidade de Santiago de Compostela acollerá a a oitava edición do Festival Rosalía, unha iniciativa organizada pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Santiago, que nesta nova edición festexará o 189 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e o 160 da publicación do seu artigo "Las literatas".

O programa inclúe actividades de acceso libre para todos os públicos, como obradoiros de maquillaxe, paseos teatrais, obradoiros de rap, poesía, contos, música ou xogos tradicionais, ademais dunha feira de produtos rosalianos.

Podes ampliar información premendo aquí.
12/02/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública galega

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, corenta e un cursos de linguaxe administrativa galega e sete de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2026.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.

11/02/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2026.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.