Novas da lingua

Rexistros1 a 30 de 5273
02/03/2026. AXUDAS E PREMIOS

O EDLG do IES San Clemente convoca o premio “Galeguizar é multiplicar”

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente (Santiago de Compostela), no marco do seu programa O galego fainos fortes, convoca o Premio de vídeos publicitarios “Galeguizar é multiplicar”, dirixido a alumnado de ensino secundario, bacharelato, ciclos formativos ou estudos equivalentes, de calquera centro educativo.

A iniciativa ten como obxectivo visibilizar e promover o uso do galego no ámbito empresarial a través da creación audiovisual. Os participantes deben crear vídeos publicitarios, dunha extensión non superior aos dous minutos, sobre empresas de Santiago de Compostela que empreguen o galego e que formen parte das redes Galego Empresas ou Abertos ao Galego.

O prazo para a presentación dos traballos remata o 10 de abril de 2026. Outorgaranse oito premios, cunha dotación económica de 100 euros cada un.

Podes ampliar información premendo aquí.

27/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para estadías no Instituto da Lingua Galega de PDI procedente de fóra de Galicia

O Instituto da Lingua Galega (USC) convoca dúas axudas para o ano 2026 destinadas a subvencionar estadías de PDI procedente de calquera universidade ou institución de Educación Superior de fóra de Galicia, para a realización de actividades de investigación que se vinculen coa axenda científica do ILG.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
27/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

A asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

A Academia Galega do Audiovisual acordou galardoar co Premio de Honra Fernando Rey á asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo, unha distinción que se outorga no marco dos XXIV Premios Mestre Mateo. A galardoada participou na tradución e adaptación lingüística de numerosas obras audiovisuais ao longo da súa traxectoria profesional e na actualidade exerce como asesora lingüística do Centro Dramático Galego.

O acto de entrega terá lugar o vindeiro 21 de marzo de 2026 no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, durante a gala dos XXIV Premios Mestre Mateo.

Podes ampliar información premendo aquí.
26/02/2026. INVESTIGACIóN

A RAG difunde na súa páxina web dous novos volumes sobre onomástica galega

A Real Academia Galega ofrece na súa páxina web dous novos estudos de onomástica galega. Un deles é Toponimia de Carnota, unha nova contribución á colección Terra Nomeada, autoría de Alfonso Blanco Quintela, que analiza 59 nomes de lugar da toponimia maior e oito da toponimia menor deste concello da Costa da Morte.

Outro dos volume que tamén podes consultar en liña é Estudos de Onomástica Galega X. Os nomes do mar, editado por Ana Boullón e Luz Méndez. Neste caso o volume recolle os relatorios sobre talasonimia e naonimia presentados na X Xornada de Onomástica Galega que tivo lugar en outubro de 2025 en Pontevedra.
24/02/2026. DINAMIZACIóN

O alumnado de Redondela comprométese co galego “unha semaniña enteira”

O pasado venres, 20 de febreiro, tivo lugar no IES Chapela a presentación dunha nova edición da campaña “Unha semaniña enteira”, unha iniciativa promovida polos IES de Redondela coa colaboración do Concello, que tamén apoian clubs deportivos, asociacións, comercio e bibliotecas do municipio. A través desta campaña a comunidade educativa de infantil, primaria e secundaria asume o reto de falar galego durante 7 días, as 24 horas do día (nesta edición, entre o 20 e 27 de febreiro). A programación inclúe tamén teatro, concertos, conferencias e charlas de promoción da lingua galega.

Na páxina web do SNL do Concello de Redondela tes máis información.
24/02/2026. DINAMIZACIóN

Programación de Apego para os meses marzo-maio na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta as actividades que se van desenvolver na cidade durante os meses de marzo, abril e maio de 2026 no marco do proxecto Apego, dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos.

O programa inclúe narración oral, música, contos e xogos con palabras. As actividades desenvolveranse no Centro Ágora. Podes obter máis información premendo aquí.
24/02/2026. OUTRAS

Kathleen N. March e Francisco Díaz-Fierros reciben hoxe a Medalla do Consello da Cultura Galega 2026

O Consello da Cultura Galega celebra hoxe, 24 de febreiro de 2026, o acto de entrega das Medallas do Consello da Cultura Galega do ano 2026 ao catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola Francisco Díaz-Fierros Viqueira e á filóloga estadounidense Kathleen N. March.

No que respecta á galardoada con perfil lingüístico, Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) é catedrática emérita de Español na University of Maine, primeira presidenta da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos) e unha das principais estudosas da literatura galega no ámbito angloamericano.

As Medallas do Consello da Cultura Galega foron instauradas no ano 2018 para recoñecer o labor daquelas persoas que colaboran coa institución no desenvolvemento das súas actividades (nomeadamente, na súa acción exterior); e para poñer en valor o seu compromiso coa cultura galega en termos xerais. O evento terá lugar ás 12:00 h, no salón de actos do CCG, e será retransmitido en directo a través da páxina web da institución.
24/02/2026. LEXISLACIóN

O Concello de Carnota publica a súa ordenanza de uso da lingua galega

O Concello de Carnota publica, no BOP do 24 de febreiro de 2026, a súa Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega, que regula os usos lingüísticos polos que debe rexerse o Concello, as entidades de dereito público vinculadas ao Concello, así coma as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, e tamén as de explotación mixta. No último capítulo prevese a creación dun Servizo de Normalización Lingüística que “terá como principais obxectivos impulsar a normalización da lingua galega, incrementar o uso e prestixio social do galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para que se cumpra esta ordenanza”.

No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
23/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra convoca o circuíto +Escénicas do ano 2026

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras e mais a convocatoria do ano 2026 do circuíto “+Escénicas” de apoio á programación de espectáculos profesionais de artes escénicas en galego. Os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra poderán solicitar un máximo de cinco espectáculos, que se desenvolverán entre o 1 de abril de 2026 e o 31 de marzo de 2027, de entre os grupos incluídos no catálogo +Escénicas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 16 ao 31 de marzo de 2026.

Pola súa parte, as compañías terán de prazo ata o vindeiro 28 de febreiro para inscribir ou actualizar os seus espectáculos no citado catálogo.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
20/02/2026. DINAMIZACIóN

Institucións, asociacións culturais e centros de ensino celebrarán o Día de Rosalía

Institucións, entidades culturais e centros educativos do país organizan diferentes actos para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra anualmente cada 23 de febreiro, data do nacemento da autora.

A Fundación Rosalía de Castro organizou para este 2026 un programa de actividades que se desenvolverán en Padrón e Santiago de Compostela ao longo de toda a xornada do 23 de febreiro. O acto institucional central terá lugar no Panteón de Galegos Ilustres, ás 12:00 h, cunha lectura de poemas rosalianos, música e degustación do Caldo de Gloria.

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tamén celebrará os días 22 e 23 de febreiro diferentes actos na Coruña, Lugo, Pontevedra e Vigo, ademais do seu acto central conmemorativo que terá lugar o domingo 22 de febreiro, ás12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres, no que se fará unha lectura pública de fragmentos da obra rosaliana e mais do Manifesto da AELG, asinado este ano por Eva Veiga. No web da AELG podes consultar o programa completo de actividades conmemorativas, tanto as propias coma as organizadas por outras institucións ou entidades culturais.
20/02/2026. OUTRAS

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

Mañá, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, que este ano 2026 quere poñer o foco nas voces da mocidade na construción da educación multilingüe.

Co gallo desta celebración, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago organiza o acto Contar a ciencia desde nós, co se quere “destacar o valor de contar con sistemas educativos que formen en ciencia nas linguas maternas (no noso caso, en galego), tanto no ensino formal como en contextos de divulgación”. O acto terá lugar hoxe, 20 de febreiro, ás 12:00 h, na Facultade de Ciencias (campus de Lugo).

Desde o CDSG aproveitamos tamén a ocasión para convidarte a visitar o especial de Proxector sobre esta temática, un recurso divulgativo que elaboramos en colaboración co SNL da USC.
19/02/2026. DINAMIZACIóN

Feminismo, conciencia social e lingua van da man en Oleiros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros convoca unha nova edición da Campaña polo 8M, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria, ESO e bacharelato escolarizado neste municipio, para elaborar material divulgativo (chapas, bolsas de tea ou outro material de difusión) relacionado coa conmemoración do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
19/02/2026. DINAMIZACIóN

Volve o proxecto Guizo a Narón con actividades de natureza e lecer en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta o programa de actividades que se desenvolverán no marco do proxecto Guizo durante os meses de febreiro e xuño de 2026.

O proxecto Guizo está deseñado para mellorar a socialización en lingua galega das nenas e nenos de 6 a 12 anos, creando un espazo de lecer para familias que xire ao redor do contacto coa natureza e do seu coidado e respecto.
19/02/2026. DINAMIZACIóN

O Concello de Carballo presenta a nova edición do programa “De landras a carballos”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, en colaboración coa Concellaría de Igualdade, organiza unha nova edición do programa De landras a carballos, co obxectivo de ofrecerlles ás familias con nenos/as de entre os 5 e os 11 anos espazos culturais, educativos e lúdicos propicios para o uso do galego.

O programa deste ano 2026 desenvolverase entre os meses de febreiro e xuño nas Escolas do Xardín Agra de Caldas (Carballo).
19/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización do galego na provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca axudas, dirixidas ás entidades culturais da provincia, para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega durante o ano 2026, co fin de potenciar o seu uso no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
18/02/2026. INVESTIGACIóN

Novo número da colección "Toponimia do Val do Fragoso" dedicado a Matamá

A colección Toponimia do Val do Fragoso suma un novo número no que se compilan os nomes de lugar da parroquia viguesa de Matamá. O volume, autoría de Gonzalo Navaza, Arantzazu Luna e Marcos Alonso Rodrigues, presentouse o pasado 11 de febreiro na sede do Concello de Vigo.

Os dez números da colección Toponimia do Val do Fragoso, promovida polo Concello de Vigo e a Universidade de Vigo, están accesibles en formato dixital na páxina web da Área de Normalización Lingüística da UVigo.

Se o precisas, podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
18/02/2026. DINAMIZACIóN

Nova edición do certame “Lingua de Namorar”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia convocan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega, dirixido á mocidade e pensado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

As bases establecen 3 categorías: A (persoas de 14 a 19 anos); B (persoas de 20 a 35 anos) e C (persoas de 14 a 35 anos, só para Instagram). Outorgaranse tres premios en cada unha das categorías A e B (1º- Lenovo Tab 11´´ con lapis; 2º- Libro electrónico Kobo Clara; 3º- Cascos JBL sen fíos), e un único premio na categoría C (Lenovo Tab 11´´ con lapis).

O prazo para enviar as mensaxes remata o 16 de marzo de 2026.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
18/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para financiar gastos do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2026.

Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
13/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Santiago acolle o VIII Festival Rosalía

Os vindeiros 21 e 22 de febreiro de 2026 a cidade de Santiago de Compostela acollerá a a oitava edición do Festival Rosalía, unha iniciativa organizada pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Santiago, que nesta nova edición festexará o 189 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e o 160 da publicación do seu artigo "Las literatas".

O programa inclúe actividades de acceso libre para todos os públicos, como obradoiros de maquillaxe, paseos teatrais, obradoiros de rap, poesía, contos, música ou xogos tradicionais, ademais dunha feira de produtos rosalianos.

Podes ampliar información premendo aquí.
12/02/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública galega

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, corenta e un cursos de linguaxe administrativa galega e sete de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2026.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.

11/02/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2026.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/02/2026. DINAMIZACIóN

A RAG presenta a programación das Letras Galegas 2026

A Real Academia Galega fixo público o programa de actividades co que renderá homenaxe a Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas este 2026.

As actividades conmemorativas botarán a a andar o vindeiro 2 de marzo no CEIP O Pombal (Vigo), coa presentación da nova edición da iniciativa didáctica “Primavera das Letras”. Na programación inclúese tamén o “Simposio Begoña Caamaño” (que terá lugar no outono), unha serie web sobre a autora, unha colección de vídeos curtos sobre a súa obra para difundir nas redes sociais, un videopódcast no que diferentes creadoras reflexionarán sobre os temas tratados na obra de Begoña Caamaño e unha serie de recursos didácticos que se difundirán no Portal das Palabras.

Na páxina web da RAG tes máis información.
10/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra convoca o programa “+Música 2026”

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras e mais a convocatoria do Programa “+Música 2026” de apoio á programación artística profesional en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. O programa está dirixido aos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes. Aos concellos solicitantes concederáselles, como minimo, unha actuación de entre os grupos incluídos no Catálogo +Música, a desenvolverse entre o 15 de abril e o 31 de decembro do 2026.

O prazo de presentación de solicitudes de actuacións por parte dos concellos interesados estará aberto desde o 20 de febreiro ata o 5 de marzo de 2026, os dous incluídos.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
09/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten gañadores/as

O xurado da novena edición dos Premios Youtubeiras+ fixo públicas as canles gañadoras na gala que tivo lugar o pasado sábado, 7 de febreiro de 2026, no Teatro Jofre de Ferrol. As canles galardoadas nesta edición foron: Konachadas (Premio á creación de contidos), Rodri Rodríguez (Premio á mellor canle), Fóra de mapa podcast (Premio ao mellor pódcast), Patri Otero (Premio calidade lingüística), O bunker debuxos (Premio revelación), ChutenMeme (Premio Rede) e “Cada historia, unha vida” – 25N no CEIP de Tarrío.
09/02/2026. DINAMIZACIóN

O CCG conmemora o Día dos Medios en Galego renovando o portal culturagalega.gal

O pasado sábado, 7 de febreiro, foi o Día dos Medios en Galego, unha celebración instaurada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) para conmemorar a data na que saíu por primeira vez á rúa, no ano 1976, o xornal O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega).

Este ano o Consello da Cultura Galega súmase á conmemoración cunha remodelación do seu portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que agora presenta un importante cambio de imaxe e novas funcionalidades para adaptarse ao actual ecosistema dixital galego.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
06/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a realización de teses de doutoramento en galego na USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela publica as bases da convocatoria de axudas para a realización de teses de doutoramento en galego, dirixidas a estudantes de Programas de Doutoramento da USC que realicen en lingua galega a redacción e defensa da tese de doutoramento no curso académico 2025/2026 (ata o 30 de setembro do ano 2026).

O prazo de solicitude remata o 30 de setembro de 2026. Para consultar o texto completo das bases e acceder ao formulario de solicitude, preme aquí.
06/02/2026. CURSOS E CONGRESOS

A USC convoca unha nova edición do Curso de habilidades comunicativas

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago organiza unha nova edición do Curso de habilidades comunicativas, dirixido ao alumnado da USC que queira redactar ou defender en galego os seus traballos académicos de curso, o traballo de fin de grao, o traballo de fin de mestrado ou a tese. O curso está estruturado en tres módulos, que se poden cursar de xeito independente: A redacción científica, Presentacións dixitais eficientes e Falar en público.

Na páxina web do SNL da USC tes máis información sobre os prazos de matrícula desta 2ª convocatoria do período lectivo 2025-2026.
05/02/2026. CURSOS E CONGRESOS

O Consello da Cultura Galega fai públicas as conclusións dos XXVII Encontros

O pasado 21 de outubro de 2025 tiveron lugar na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, os XXVII Encontros para a Normalización Lingüística. Baixo o lema “Lingua en acción: pasado, presente e futuro dos equipos e servizos de normalización lingüística” convocamos a docentes, técnicos/as de normalización e persoas interesadas na sociolingüística galega para reflexionar sobre a situación actual destes dous axentes fundamentais no proceso de normalización do idioma galego (SNL e EDLG) e facer novas propostas que permitan enfrontar con éxito os retos do futuro.

Partindo dos datos, reflexións e propostas presentadas tanto nos relatorios iniciais como nas sesións de debate posteriores, a Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia elaborou un documento de conclusións que cremos pertinente facer de dominio público.

Tanto o documento coma os vídeos das sesións están accesibles en liña na páxina web dos XXVII Encontros.
05/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca unha liña de axudas, dirixida a concellos e outras entidades locais da provincia, para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2026. No caso das axudas á creación de SNL, poden optar os concellos de menos de 50.000 habitantes, ou ben as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia que non conten con este servizo. Para o mantemento ou reforzo do SNL, poden optar os concellos que conten con este servizo e queiran mantelo ou reforzalo (contratando persoal a maiores ou incrementando a xornada existente).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOP de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
04/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

Xa podes conseguir as entradas da gala dos Premios Youtubeiras+ 2025

O vindeiro sábado 7 de febreiro de 2026, a partir das 19:00 h, terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol a gala na que se darán a coñecer os/as gañadores/as dos Premios Yoububeiras+ 2025. O evento será conducido por Leila Fernández e Carlos Vieito e contará co acompañamento musical de Russ.

A asistencia é gratuíta, mais cómpre retirar previamente as entradas. Na páxina web do proxecto Youtubeiras+ tes toda a información que precisas para conseguilas.