Novas da lingua

Rexistros31 a 60 de 5493
16/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Simposio ILG 2026. Lingua(s) e identidade(s) nas redes sociais: análise discursiva, oportunidade didáctica e revitalización lingüística

O Instituto da Lingua Galega convoca o seu simposio anual centrado, nesta ocasión, na capacidade das redes sociais para construír e negociar as identidades contemporáneas.

Con respecto aos destinatarios, oriéntase ás persoas investigadoras da análise do discurso, da sociolingüística e da didáctica da lingua, xunto con persoas dedicadas á creación de contidos.

As xornadas vanse desenvolver o 24 e 26 de novembro de 2026 na Facultade de Filoloxía da USC. A inscrición debe realizarse a través deste formulario ata o 20 de novembro de 2026.

Toda a información na páxina do Simposio.
16/10/2026. DINAMIZACIóN

Obradoiro de regueifa para docentes en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra dá inicio ás actividades de Enreguéifate o próximo día 23 de outubro, cun obradoiro destinado a profesorado interesado en explorar estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, ao tempo que promoven valores como a diversidade, a cooperación, a integración e o feminismo.

O prazo de inscrición remata o 20 de outubro de 2026 e hai 45 prazas dispoñibles. Tes máis información aquí.
16/10/2026. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador presenta a Guía básica de galeguización empresarial

O Foro Enrique Peinador, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, edita un manual con recomendacións e suxestións orientadas a que as empresas incorporen e promovan o uso do galego como un elemento máis da súa cutura corporativa.

A Guía básica de galeguización empresarial reúne referencias legais e propostas para paliar a marxinación da lingua galega no ámbito económico: "nas páxinas web, na sinalética, na telefonía, nas nóminas e contratación laboral, incluídas as cláusulas dos dereitos lingüísticos de traballadores e consumidores".
16/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

O Concello de Quiroga convoca un curso de iniciación ao galego entre o 26 e o 30 de outubro

O Concello de Quiroga, coa colaboración de Cruz Vermella, organiza un curso presencial de lingua e cultura galegas. O propósito é dobre: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectivas das persoas participantes, así como aproveitar o potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de neofalantes.

Esta formación é de balde, ten unha duración de 20 horas e un límite de 20 prazas, que se cubrirán por orde de solicitude.

A inscrición presencial farase na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura (Rúa Real s/n 1º andar).
15/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornada sobre variación e cambio lingüístico

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro organizan a IV Xornada sobre variación e cambio lingüístico, un encontro que reunirá o vindeiro 5 de novembro de 2026 a investigadores e investigadoras para difundir os seus estudos sobre a variación e o cambio lingüístico.

Nesta convocatoria, que terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, presentaranse traballos vinculados co tratamento e análise de documentación oral, tanto para a investigación como para a súa aplicación ás tecnoloxías da fala.

Podes informarte sobre o programa e a inscrición nesta ligazón.
15/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Convocada a proba en liña para a obtención do Celga 4 no ano 2026

A Secretaría Xeral da Lingua convoca unha proba en liña para a obtención do Certificado de lingua galega 4 (Celga 4) en 2026. Poderán participar todas as persoas maiores de dezaoito anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria.

A proba, para a que se dispoñen 200 prazas, terá lugar o 27 de novembro de 2026, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida.

As persoas que desexen inscribirse nesta convocatoria deberán presentar dúas solicitudes: unha a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para os efectos do rexistro oficial de entrada e a correspondente tramitación administrativa; e outra a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, pois esta constitúe o soporte técnico indispensable para a realización da proba en liña.

O prazo de inscrición será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
15/10/2026. DINAMIZACIóN

Andaina "Reivindica o galego: camiña e fala na túa lingua" en Valga

O Concello de Valga, coa colaboración dacSecretaría Xeral da Lingua, organiza unha andaina co obxectivo de promover o uso da lingua galega na vida e nas actividades cotiás.

A andaina sairá do parque Irmáns Dios Mosquera o 17 de outubro de 2026, a partir das 9.30 h. As persoas interesadas teñen que remitir a folla de inscrición ao correo xestion@valga.gal.

Máis información aquí.
13/10/2026. OUTRAS

DuckDik Sense, primeira pulseira de saúde que funciona integramente en galego

A empresa DuckDik lanza unha pulseira ou banda de saúde na que se pode escoller a lingua de uso entre as oficiais no Estado: galego, éuscaro, catalán, castelán e valenciano.

Este aparato non ten pantalla, toda a "comunicación" realízase a través dunha aplicación na que a persoa usuaria interactúa cos distintos servizos na lingua que desexe. A explicación dos creadores resulta evidente: “unha persoa non entende igual unha recomendación sobre a súa saúde nunha segunda lingua que na súa. Se o que vendemos é comprensión, traducir só os botóns non serve de nada”.
13/10/2026. INVESTIGACIóN

En rede "O libro en Galicia: produción editorial, lingua e mercado"

O Consello da Cultura Galega acaba de poñer en rede o último informe do Observatorio da Cultura Galega, co título O libro en Galicia: produción editorial, lingua e mercado. O informe, que colle os seus datos da estatística de ISBN e do Comercio Interior del Libro, sitúa a edición galega como un sistema de “alta densidade cultural e modesta escala económica”. Así mesmo, os datos falan de estabilidade na produción e fortaleza do sector editorial e da súa capacidade asociativa.

Con respecto á lingua, o galego é o principal idioma das publicacións realizadas en Galicia, por diante do castelán; máis a súa representación económica é considerablemente menor.

Accede á nota de prensa para coñecer un resumo dos datos.

09/10/2026. DINAMIZACIóN

Aberta a inscrición no certame de contos orais non profesionais Bótalle un conto

O Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova edición de Bótalle un conto, certame de contos orais non profesionais que pretende prestixiar e visibilizar as persoas galegofalantes e os seus trazos dialectais e promover a participación interxeracional. Valorarase nos participantes a habilidade para emocionar e engaiolar coa palabra en catro minutos.

Accede á información completa e o formulario de inscrición na web do Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
08/10/2026. LEXISLACIóN

O Parlamento de Galicia aproba un novo Plan xeral de normalización da lingua galega

Na sesión plenaria do 7 de outubro de 2026, o Parlamento de Galicia someteu a votación a Proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, presentada polo Partido Popular e o Partido Socialista de Galicia. O resultado foi de 50 votos a favor, os dos propoñentes e Democracia Ourensana, e 24 en contra, do Bloque Nacionalista Galego.

Coa aprobación deste documento, decae o PXNL vixente, que acadara o consenso da Cámara. Outro motivo importante de crítica é a modificación do polémico "Decreto do plurilingüismo" de 2010. De excluír a docencia de materias de ciencias en galego, pásase a deixar esta decisión en mans dos centros, sempre e cando dar en galego estas materias supoña impartir en castelán as materias da área de Sociais, para manter as cotas establecidas no Decreto en 2010.

Os propoñentes advirten da necesidade dunha intervención urxente e destacan do plan as case 700 medidas resultado das achegas de profesionais, entidades, institucións e particulares. O conselleiro de Cultura explicou que as principais liñas de actuación deste documento céntranse na acollida e no arraigamento da poboación chegada de fóra de Galicia, na problemática da transmisión xeracional ou no reforzo da presenza do galego nas plataformas e aplicacións dixitais.


08/10/2026. AXUDAS E PREMIOS

IV Premios Folgueira para Francisco Fernández Rei e Pablo Quintana por dignificar o galego-asturiano

Axuntar, Asociación prá normalización del galego de Asturias, fixo públicos os nomes das persoas galardonadas cos IV Premios Folgueira, que distinguen a persoas e institucións destacadas no seu labor pola dignificación do galego-asturiano.

Trátase de Pablo Quintana López, investigador e divulgador do patrimonio cultural das terras do Eo-Navia e responsable da Editorial Canela; e Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica da USC e coordinador das primeiras Normas ortográficas del galego de Asturias.


A entrega dos galardóns terá lugar o 10 de outubro de 2026 ás 16:30 horas na Biblioteca de Vilanova de Ozcos.
08/10/2026. EMPREGO

O Concello de Ames convoca unha bolsa de prácticas no Servizo de Normalización Lingüística

A través do programa de formación da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), o Concello de Ames oferta unha bolsa de prácticas para persoas graduadas en Lingua e Literatura Galegas sen experiencia laboral.

Esta bolsa, vinculada ao Servizo de Normalización Lingüística, terá unha duración de 12 meses, do 11 de novembro de 2026 ao 10 de novembro de 2027. O prazo para presentarse remata o 26 de outubro ás 14.00 horas.

Máis información

Inscrición
07/10/2026. DINAMIZACIóN

Achégase o festival dos Premios Fouciño de curtametraxes

Os VI Premios Fouciño outorgarán os galardóns aos proxectos gañadores desta edición dentro dun festival que se vai celebrar do xoves 22 ao sábado 24 de outubro en Baio.

Na programación altérnanse o cinema e a música; competicións en directo, como a de dobraxe; escolares e dirixidas á mocidade. Nesta edición, o foco ponse especialmente na animación galega.
07/10/2026. OUTRAS

Ferramenta pioneira do Proxecto Nós para avaliar o galego nos grandes modelos de IA

Arena Nós é o nome polo que se coñece a ferramenta que o Proxecto Nós presentou no Parlamento Europeo, nunha xornada organizada por Google para tratar o papel da intelixencia artificial no futuro da diversidade lingüística e cultural.

A importancia de recursos como este reside na garantía dos dereitos lingüísticos, máis tamén en conseguir unha representación profunda das diferentes linguas e culturas nos sistemas de IA.

A iniciativa concluirá o seu desenvolvemento nos vindeiros meses, co fin de facer accesibles datos públicos baseados en metodoloxías científicas de referencia. Tes máis información nesta crónica da xornada.
07/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso na Escola de Segunda Oportunidade de Santiago de Compostela para acadar o título de Competencias Básicas

As persoas interesadas en presentarse aos exames de Competencias Básicas teñen a posibilidade de recibir formación na Escola de Segunda Oportunidade que xestiona a Concellaría de Dereitos e Asuntos Sociais do Concello de Santiago de Compostela.

As clases, que comezan o 19 de outubro, impartiranse por ámbitos: o científico-técnico (matemáticas, física e química); o lingüístico (galego, castelán e lingua estranxeira) e o humanístico (historia e xeografía). Os exames oficiais convocaranse en abril e xuño.

O prazo de inscrición péchase o 15 de outubro de 2026. Para solicitar praza pódese enviar un correo electrónico a plandeinclusion@santiagodecompostela.gal ou chamar ao teléfono 618212859.

Máis información aquí.
06/10/2026. DINAMIZACIóN

1ª edición do Premio de Pódcast Transmitindo na Lingua Galega

A área de Lingua da Deputación da Coruña convoca a I edición do Premio de Transmitindo na Lingua Galega, que se concederá aos pódcast candidatados que destaquen polo uso da lingua galega nas seguintes catro categorías: O teatro do aire; A palabra fiada; A pescuda sonora e A voz da nosa lingua.

O prazo para presentar as candidaturas iníciase o día seguinte ao da publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 18 de decembro ás 14.00 h.

Podes ampliar esta información na web da Área de Lingua da Deputación.
06/10/2026. EMPREGO

Praza de técnica/o de normalización lingüística na Deputación da Coruña

O Diario Oficial de Galicia do 2 de outubro publica a oferta de emprego público de 2026 da Deputación da Coruña.

No anuncio recóllese unha praza de técnica/o de normalización lingüística.
02/10/2026. DINAMIZACIóN

VII edición de Galetiktokers no Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade do Concello de Ames convocan a sexta edición do Certame Galetiktokers, co obxectivo de estimular a creatividade e a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega en TikTok.

Poderán participar todas as persoas maiores de 13 anos, distribuídas en dúas categorías: a primeira para a mocidade comprendida entre os 13 e os 17 anos, e a segunda para as persoas de 18 anos e maiores que presenten vídeos de elaboración propia en lingua galega.

Como actividade complementaria, organizaranse xornadas de formación a cargo de Miguel Barbazán Lesta (@miguelblesta) nos centros de ensino secundario do Concello de Ames.

O prazo de inscrición remata o 30 de outubro de 2026. Podes ampliar información premendo aquí.
01/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

A CTNL convoca un Curso de xestión administrativa para SNL

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha actividade formativa centrada na nova normativa da tramitación administrativa, co fin de facilitar a xestión cotiá dos servizos de normalización lingüística. O curso impartirao Mónica Legaspi Díaz os días 15, 16 e 22 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC.

O prazo para matricularse remata o 8 de outubro. Accede nesta ligazón a toda a información
01/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de elaboración de documentos administrativos da Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense convoca un Curso de elaboración de documentos administrativos con linguaxe sinxela para a comunicación eficiente coa cidadanía dende a Administración Local.

Ao curso, que dá dereito a diploma de aproveitamento, terán preferencia de acceso os/as traballadores/as das entidades locais adheridas ao Programa de formación continua da Deputación do ano 2026.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o martes 6 de outubro de 2026.

Os detalles dos contidos do curso e de como realizar a solicitude, podes consultalos aquí.
30/09/2026. OUTRAS

A Real Academia Galega conmemora hoxe os 120 anos da súa constitución

A Real Academia Galega celebra o 120 aniversario da institución engadindo á súa web unha sección que permite percorrer a súa historia a través de libros, documentos e imaxes que tecen unha liña do tempo sobre a traxectoria de luces e sombras coas que a Academia tivo que lidar.

Hoxe como entón, a RAG mantén o compromiso de servizo á sociedade galega e de dar resposta aos novos retos formulados á nosa lingua e á nosa cultura.

Navega pola súa historia.
28/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

Chega a final de CeibaRimas, rap improvisado en galego

A praza Castelao de Rianxo vai acoller o 3 de outubro, ás 18 h., a fase final de CeibaRimas 2026.

As persoas interesadas en participar poden facelo desde agora mesmo ata 1 hora antes do inicio do evento. Se algunha persoa quere inscribirse despois do peche do formulario, poderá facelo in situ, antes do comezo dos sorteos da clasificatoria.

Os participantes optarán a máis de 1.000 euros en premios. Ademais da competición, haberá actuacións e actividades arredor do mundo do rap improvisado, a cultura urbana, a música e a lingua.

Esta é a ligazón ao formulario de inscrición.
28/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

XXXI Edición do Premio xornalístico Reimóndez Portela

O Premio Reimóndez Portela, dotado con 1000 €, ten como obxectivo "promover e recoñecer o labor xornalístico e dos medios de comunicación así como os artigos escritos en lingua galega".

Poderán presentarse a el un traballo ou serie de traballos (ata un máximo de cinco) publicados en lingua galega, tanto en xornais impresos coma dixitais, entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.

Accede ás bases e ao formulario para presentarse aquí.
28/09/2026. DINAMIZACIóN

O LGx15 deste ano falaranos de videoxogos, natureza, deporte, audiovisual, integración ou aprendizaxe do portugués

O sábado 10 de outubro de 2026, ás 19.00 h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tedes unha nova cita co LGx15. Ideas para o futuro da lingua.

Un ano máis, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua preséntanos un programa diverso en temáticas e tamén en argumentos que inflúen positivamente no futuro do idioma, sempre de forma visual e divertida. Para demostralo, estarán nesta cita: Inma Soto, Telmo Celeiro, Teresa Carro Sobral, Anita Mateu, Jon Amil, Recuncho Gamer e Rosa Moledo. Será conducida en formato podcast polo Exército Mekemeke e contará coa música de Sofía Espiñeira.

Tes no seu web toda a información.

25/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas no Concello de Silleda

Como parte das accións do programa municipal Anduriña, orientado á integración sociocultural de persoas procedentes doutros países, o Concello de Silleda organiza un curso de lingua e cultura galegas.

As sesións terán lugar na Casa da Xuventude entre os días 19 e 27 de outubro, de 17:00 a 20:30 horas.

As persoas interesadas poden anotarse a través do tfno. 986 592 037 ou en info@silleda.gal. Esta formación concede un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.
25/09/2026. DINAMIZACIóN

Vigo acolle mañá o III Festival das Linguas

O Festival das Linguas e as Culturas é un proxecto impulsado pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Esta iniciativa nace no seo da Semana Internacional de Linguas, Literaturas e Tradución co obxectivo de poñer en valor a diversidade lingüística e cultural. Se che interesa participar, as actividades comezan o sábado 26 de outubro ás 11 h na praza do Berbés.
23/09/2026. DINAMIZACIóN

A CTNL celebra os seus 30 anos con paseo, obradoiro e foliada

Son tres décadas de defensa da profesión de técnico/a de normalización lingüística, tentando mellorar este labor e colaborar no proceso de normalización da lingua.

A CTNL, para celebrar esta data tan especial, organiza o 3 de outubro, no parque do Berce do Sar (Santiago de Compostela), unha xornada chea de actividades e sorpresas, á cal poden asistir tanto socias/os coma non socios/as.

Tes toda a información na súa páxina web.
23/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

O Concello das Pontes convoca as axudas para entidades culturais de 2026

O propósito destas axudas, para as que se destinan 170 660 euros ao financiamento de actividades culturais e 16 000 euros a infraestruturas e equipamento, consiste en «apoiar aos colectivos, favorecer a participación da cidadanía na vida cultural e contribuír ao desenvolvemento dos seus proxectos, incorporando tamén entre os obxectivos o fomento da igualdade de xénero e a promoción do uso da lingua galega».

Segundo a convocatoria, as entidades interesadas dispoñen ata o 13 de outubro para presentar as súas solicitudes. A tramitación deberá realizarse exclusivamente por vía telemática, a través da Sede Electrónica do Concello das Pontes, mediante o modelo oficial.
23/09/2026. AXUDAS E PREMIOS

Patricia Buxán distinguida co Premio de tradución Plácido Castro

Nesta última edición, o xurado do premio Plácido Castro seleccionou a tradución ao galego da obra de Virginia Wolf Un cuarto propio “pola súa excelencia” ao “recrear as peculiaridades da escrita da autora, a riqueza lingüística empregada e o ritmo conseguido”.

A súa autora, Patricia Buxán, é tradutora e revisora profesional de alemán e inglés ao galego e ao castelán, así como docente da Universidade de Vigo. Na súa web tedes máis información.