NOTICIA

----

Ponse en marcha o estudo sobre a lectura e publicanse os últimos datos sobre a edición

O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer en marca o estudo sobre a lectura en Galicia. Na tarde deste martes a biblioteca da institución acolleu a primeira reunión de traballo á que asistiu máis dunha vintena de profesionais de ámbitos diversos relacionados coa lectura (biblioteca, asociación, narradores orais, ensino, edición, creación) que trasladaron a súa experiencia profesional e reflexión sobre a situación da lectura en galego. Ao mesmo tempo, a institución acaba de poñer en rede o último informe do Observatorio da Cultura Galega. Co título *O libro en Galicia: produción editorial, lingua e mercado* analiza a edición galega nos últimos anos e conclúe que conta cunha produción estable, cunha dimensión económica reducida e unha forte dependencia de determinados segmentos do mercado. O estudo tamén destaca que a fortaleza do sistema non reside “na dimensión industrial, senón na función cultural que cumpre dentro do ecosistema galego”.

A posta en marcha do estudo da lectura en galego que pretende coñecer mellor quen le nesta lingua, como se forman e se manteñen os hábitos lectores e que condicións poden favorecer a súa extensión. A primeira xuntanza serviu para contrastar o enfoque do estudo coa experiencia das persoas participantes, identificar preguntas que as estatísticas non responden e orientar as seguintes fases do traballo. No marco desta primeira sesión detectáronse tanto dificultades como experiencias que están a conseguir resultados. O estudo, que se presentará en 2028, terá o seu núcleo na análise cuantitativa, acompañada polo contraste cualitativo necesario para interpretar os datos.

Últimos datos sobre a edición
O informe, que colle os seus datos da estatística de ISBN e do Comercio Interior del Libro, sitúa a edición galega como un sistema de “alta densidade cultural e modesta escala económica”. A produción mantense arredor dos 2.000-3.000 títulos anuais durante a maior parte do período analizado: en 2024 rexistráronse 2.830 libros con ISBN, fronte aos 3.006 de 2011. Así, o descenso acumulado é do 5,9 %, unha evolución que o estudo interpreta máis como unha dinámica de oscilacións que como unha tendencia continuada de contracción.

A estabilidade da produción acompáñase tamén dunha fotografía da situación do sector: un tecido de máis de 150 editores activos. En 2025 contabilízanse 153, fronte aos 166 de 2011, e a produción media mantense practicamente estable: en 2024 cada editor rexistrou unha media de 18 libros, exactamente a mesma cifra que en 2011. Ademais, caracterízase por estar composto por pequenos e medianos axentes. En 2024, 1.500 dos 2.830 títulos inscritos en ISBN procedían de editores situados no tramo de menor volume de produción. Galicia representa o 3,2 % dos libros inscritos no Estado, pero a súa participación elévase ao 4,2 % entre os editores de menos de 100 libros. Outra das características identificadas polo informe é a súa capacidade asociativa. As editoriais integradas na Asociación Galega de Editores pasaron de 42 en 2021 a 47 en 2024, e o “46,8 % das editoriais galegas están agremiadas”, a porcentaxe máis elevada entre as comunidades analizadas, fronte a valores inferiores ao 27 % en Madrid e Cataluña. Outra das características é a distribución territorial, onde as entidades se concentran nas provincias de Coruña e Pontevedra tanto en ISBN como na producción editorial. Na radiografía ao sector, a perspectiva económica revela unha situación fráxil. No sector privado agremiado, Galicia concentra o “1,4 % dos títulos editados en papel e o 0,9 % da facturación” estatal. En 2024, ademais, os títulos en papel diminuíron un 7 %, os exemplares producidos un 40 % e a tirada media baixou de 1.877 a 1.211 exemplares por título.

Outro dos contrastes máis significativos que revela o estudo é a diferenza entre a capacidade produtiva e a capacidade de consumo. Galicia representa arredor do 3 % dos libros inscritos en ISBN no Estado, pero é destino do 6,4 % das vendas do mercado interior do libro, fronte ao 5,6 % que representa na poboación. Esta posición como mercado lector está acompañada dunha rede de librarías especialmente densa: Galicia conta con 247 librarías independentes, o 9 % do censo estatal, e con 9,14 establecementos por cada 100.000 habitantes. O informe identifica así unha asimetría entre oferta e demanda: existe unha capacidade produtiva limitada, pero un mercado galego con capacidade de absorción superior á que correspondería polo seu peso demográfico.

O galego mantén unha posición central, pero cunha escala comercial moito menor
O galego é o principal idioma de publicación da edición realizada en Galicia e supera o castelán nos anos analizados. Porén, a súa presenza económica é considerablemente menor. En 2024, o libro en galego facturou, segundo o informe “13,4 millóns de euros, arredor do 0,4 % da facturación total do sector, cunha tirada media de 1.099 exemplares, fronte aos 3.517 do conxunto”. A estrutura desta facturación mostra tamén onde se sostén fundamentalmente o mercado en galego: o “39,1 % corresponde ao libro infantil e xuvenil e o 32,9 % ao texto non universitario”. As librarías son a principal canle de comercialización, cun 50,8 % da facturación, mentres que empresas e institucións representan outro 25,9 %.

O perfil da produción presenta unha especialización clara: creación literaria, o libro infantil e xuvenil e os libros de texto constitúen os tres grandes eixes do sector. Especialmente significativo é o peso do infantil e xuvenil, que pasou de representar o 11,6 % dos libros inscritos en Galicia en 2011 ao 19,2 % en 2024. No conxunto do Estado, este subsector representa o 11 %. Galicia ten, polo tanto, unha especialización moi superior á media estatal. En 2024, a creación literaria supuxo o “24,1 % dos títulos”, con 681 libros, mentres que os libros de texto representaron o 17,8 %, con 503 títulos.

A dixitalización avanza na produción, pero aínda non se traduce en maior facturación
O cambio de soporte é outra das transformacións destacadas. O peso do papel pasou do “82,8 % en 2011 ao 63 % en 2024”, mentres que os formatos non impresos alcanzaron o 37 %. Na práctica, esta evolución corresponde case por completo ao avance da edición electrónica. Con todo, o crecemento da produción dixital non vai acompañado dun crecemento equivalente do mercado. A facturación do libro electrónico en galego baixou un “13,3 % en 2024**, ata os 824.000 euros, mentres que o conxunto do mercado dixital medrou un 14,9 %. O informe sinala así unha posible distancia entre a expansión do dixital na produción e a súa capacidade para xerar ingresos, unha cuestión que deberá ser contrastada coa evolución dos próximos anos.
Un sector culturalmente forte que necesita reforzar a cadea do libro
A lectura conxunta dos datos leva o informe a situar a principal fortaleza da edición galega non tanto na súa dimensión industrial como na “función cultural que desempeña dentro do ecosistema galego”. O reto, polo tanto, non pasa unicamente por incrementar o número de títulos, senón por crear mellores condicións para que o libro galego “circule, se compre, se lea e permaneza vivo nos catálogos”. As principais fraxilidades sitúanse na escala comercial, a visibilidade, a distribución e a presenza efectiva nas librarías, así como na consolidación dos espazos de lectura.