Novas da lingua

Rexistros3031 a 3060 de 5280
01/10/2014. AXUDAS E PREMIOS

III Premio Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a terceira edición do Premio Abertos ao Galego. O obxectivo desta iniciativa é premiar unha empresa que se distinga polo seu uso normalizado do galego, promovendo deste xeito a normalización lingüística no ámbito empresarial. O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro 31 de outubro de 2014.
29/09/2014. DINAMIZACIóN

Enredando coa lingua de xeito creativo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o programa de dinamización lingüística Enreda coa lingua, que inclúe tres obradoiros artísticos dirixidos ao público infantil que se desenvolverán entre os días 3 de outubro e 22 de novembro de 2014 no Centro Ágora. Os máis pequenos/as poderán participar en “Chapando a”, obradoiro de fabricación de chapas a partir da lectura de poemas; “Renova a camisola”, obradoiro de reciclaxe de camisetas usando técnicas de escritura creativa; e “Canta música”, obradoiro musical dirixido ás familias. Para obter máis información, preme aquí.
29/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

Obrodoiro para aprender a comunicar con eficacia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade Filoloxía da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organiza o obradoiro Mellora o teu discurso oral, dirixido ao alumnado de calquera titulación de grao ou mestrado con nivel de Celga 4 ou equivalente. O obradoiro, de carácter práctico, está deseñado para que o alumnado poida adquirir habilidades sociais e comunicativas e mellorar a súa competencia oral en galego. As sesións desenvolverase na Facultade de Filoloxía do 13 ao 30 de outubro de 2014. O prazo de inscrición remata o 5 de outubro.
26/09/2014. DINAMIZACIóN

O CDSG presenta o Kit para a normalización en rede

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, elaborou o Kit para a normalización en rede, un novo produto documental deseñado para ofrecer ferramentas documentais e lingüísticas aos profesionais que están a traballar na administración local.
26/09/2014. OUTRAS

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

O Consello de Europa instaurou en 2001 o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía. Un ano máis, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
24/09/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
23/09/2014. DINAMIZACIóN

Xuntoiros na Coruña para conversar en galego

A Concellería de Cultura do Concello da Coruña organiza o programa Xuntoiro, grupos de conversa en galego deseñados para persoas que están aprendendo esta lingua e queren mellorar a súa competencia oral. As sesións desenvolveranse entre o 21 de outubro de 2014 ata o 18 de decembro de 2014, os martes e xoves, no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora. Todas as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición entre os días 6 e 16 de outubro. Para ampliar esta información, preme aquí.
22/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

VII Xornadas de materiais e recursos educativos

A Coordinadora Galega de ENDL e mais Nova Escola Galega organizan as VII Xornadas de materiais e recursos educativos, que terán lugar os días 24 e 25 de outubro de 2014 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. As xornadas están destinadas a profesorado de todos os niveis educativos, estudantes e persoas interesadas.
O prazo de matrícula remata o vindeiro 21 de outubro. Para obter máis información, preme aquí.

19/09/2014. OUTRAS

A Mesa avalía o cumprimento do Plan Xeral de Normalización

Cumpridos xa dez anos desde a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística presenta un informe no que se sinala o incumprimento das medidas planificadas no seu día para os diferentes sectores e áreas. No informe, que pode descargarse en formato pdf e mais epub, a Mesa conclúe que é necesario retomar o consenso de 2004 e que o goberno se comprometa co desenvolvemento das medidas recollidas no Plan, derrogando todas as disposicións legais contrarias a este.
19/09/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega 2014 para David Mackenzie

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2014 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, o premiado desta edición é David Mackenzie, referente na difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas no mundo anglófono.
Nas outras categorías, os galardoados/as son Xosé Neira Vilas (Letras), a Galería Trinta (Artes Plásticas), Cándido Pazó (Artes Escénicas), O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (Música), a AGAPI (Audiovisual), o Grupo Marcelo Macías (Patrimonio Cultural) e o Centro Pen Galicia (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
15/09/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición da axenda escolar redondelá

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración coa Coordinadora ENDL de Redondela, presentan unha nova edición da Axenda escolar redondelá. Esta edición, deseñada para o curso 2014-2015, inclúe información sobre o patrimonio cultural, lingüístico e arquitectónico redondelán. As axendas serán distribuídas entre os 1900 alumnos e alumnas dos centros de ensino públicos do municipio. Para ampliar esta información, preme aquí.
11/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística, co obxectivo de afondar na filosofía da dinamización lingüística e adquirir metodoloxías de traballo útiles para deseñar e implementar accións normalizadoras. As sesións terán lugar os días 3, 10, 17, 25 e 31 de outubro de 2014 na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de setembro.
11/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso para familiarizarse coas ferramentas web en galego

Os departamentos de Normalización Lingüística e Cultura do Concello de Carral organizan o curso “Novas ferramentas web e informáticas en galego”, que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de setembro de 2014, no horario de 10:30 a 13:00, na Casa da Cultura. A matrícula é gratuíta e poden participar todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en ampliar os seus coñecementos informáticos e coñecer ferramentas de utilidade en galego.
10/09/2014. EMPREGO

Contrato para colaborar nun proxecto de investigación sobre o cambio lingüístico

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública dun contrato a tempo parcial para colaborar no proxecto de investigación “Cambio lingüístico no galego actual”, que está a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega. Os/as candidatos/as deben posuír a Licenciatura ou o Grao en Filoloxía Galega ou Lingua e Literaturas Galegas e, a maiores, estar matriculados/as nun Programa de Doutoramento na USC. O prazo para presentar as solicitudes remata o 19 de setembro de 2014. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.

05/09/2014. DINAMIZACIóN

A Mancomunidade de Ordes anima aos clubs a xogar a prol do idioma

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes promove a campaña de dinamización lingüística “E ti, a que xogas?”, que ten como obxectivo fomentar os usos e as actitudes favorables cara ao galego no ámbito do deporte, especialmente influente para a mocidade. A responsable do SNL porase en breve en contacto cos diferentes clubs deportivos dos concellos pertencentes á mancomunidade para animalos a que exerzan de axentes normalizadores, ofrecéndolles apoio e asesoramento lingüístico nas tarefas de tradución e corrección de documentación.
01/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

Convócanse cursos de lingua galega e de linguaxe administrativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e cursos preparatorios para a obtención dos Celga, para o curso 2014/2015, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia. Os prazos de solicitude son do 28 de agosto ao 12 de setembro de 2014 para os cursos do primeiro cuadrimestre, e do 15 de decembro de 2014 ao 16 de xaneiro de 2015 para os cursos do segundo cuadrimestre.
Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí (corrección de erros).
31/07/2014. DINAMIZACIóN

Este verán o camiño faise en galego, con X de Muxía

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Muxía presenta o programa de dinamización lingüística “Con X de Muxía”, que inclúe diferentes accións destinadas a promover o uso do galego entre a cidadanía. A primeira das iniciativas que se desenvolverán é “O camiño en galego II”, que consiste na edición e distribución entre os establecementos de hostalaría de manteis individuais con información turística, así como toponimia do concello e léxico relacionado co ámbito da restauración. O programa completarase nos vindeiros meses con outras iniciativas de iniciación á lectura en galego.
29/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais publica, no DOG do 29 de xullo de 2014, as bases para a concesión de axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

22/07/2014. OUTRAS

Faise pública a listaxe dos 93 pioneiros que estrearán o .gal

A Asociación puntoGAL presentou hoxe, 22 de xullo de 2014, nun acto que tivo lugar no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) a listaxe dos 93 enderezos seleccionados no Programa Pioneiros. As empresas, administracións, fundacións e asociacións seleccionadas terán activo o seu enderezo co dominio .gal a partir do vindeiro 25 de xullo. Entre os meses de setembro e novembro poderán solicitar este dominio aquelas entidades de especial interese que non foron seleccionadas no Programa Pioneiros. A comezos de decembro abrirase o rexistro libre de dominios por parte do público xeral. Para ampliar esta nova, preme aquí.
22/07/2014. OUTRAS

Xa podes descargar o teclado galego para o teu android

Cilenis e a empresa de consultoría Faz Cultura presentan o Teclado Galego Android, unha aplicación lingüística gratuíta para dispositivos Android deseñada para facilitar a corrección da lingua galega escrita. A aplicación contén unha listaxe de erros comúns e un dicionario de 500.000 entradas (lemas e formas flexionadas) xeradas a partir do dicionario de Avalingua e do CilenisConxugador. A maiores, engadíronse os topónimos, nomes de persoa e outros nomes propios extraídos da Galipedia. Conta tamén con escritura xestual, predición intuitiva e un soporte lingüístico que permitirá unha continua mellora.

18/07/2014. OUTRAS

Sempre en Galiza dispoñible para móbiles

O Consello da Cultura Galega e a Editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago, presentan a edición dixital do Sempre en Galiza. Trátase dunha aplicación, de descarga gratuíta para tablets e móbiles Apple e Google Android, que permite a consulta da obra nunha edición aumentada, con fotogalerías, vídeos e artigos sobre o autor, a súa época e a súa obra. Con esta iniciativa as entidades promotoras queren conmemorar o 70 aniversario da edición de Sempre en Galiza, obra cimeira do pensamento político de Daniel A. Rodríguez Castelao.
17/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

VIII Certame de Investigación Condado de Pallares

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza a oitava edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares (concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo). Os traballos debe ser orixinais e inéditos, estar redactados en galego e ter unha extensión mínima de 100 folios. A temática debe cinguirse aos ámbitos lingüístico, histórico, artístico, arqueolóxico, antropolóxico, etnográfico e folclórico. O gañador/a recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo de presentación remata o 1 de novembro de 2014. Para consultar as bases preme aquí.
16/07/2014. EMPREGO

Contrato para colaborar nun proxecto de investigación sobre o cambio lingüístico

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública dun contrato a tempo parcial para colaborar no proxecto de investigación “Cambio lingüístico no galego actual”, que está a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega. Os/as candidatos/as deben posuír a Licenciatura ou o Grao en Filoloxía Galega ou Lingua e Literaturas Galegas e, a maiores, estar matriculados/as nun Programa de Doutoramento na USC. O prazo para presentar as solicitudes remata o 22 de xullo de 2014. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
16/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premios á calidade lingüística na USC

A Universidade de Santiago de Compostela, a partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, convoca anualmente os Premios á calidade lingüística, co obxectivo de vincular calidade e uso do galego no ámbito académico. A USC premia os mellores traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, proxectos de fin de carreira e traballos de fin de mestrado escritos en galego. Para consultar as diferentes bases deste concurso no curso 2013-2014, preme aquí.

16/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución pode consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación dun servizo de normalización lingüística, para o seu mantemento ou para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.
15/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, convoca o VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos co obxectivo de contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega no ámbito científico. O certame está dirixido a todo o estudantado da UDC e conta con diferentes modalidades segundo a combinación da tradución (tradución directa do francés/inglés ao galego ou tradución inversa do galego ao francés/inglés). O prazo para entregar os traballos remata o 30 de setembro de 2014.

09/07/2014. DINAMIZACIóN

I Día das Galegas nas Letras

A plataforma de crítica literaria A Sega convoca o I Día das Galegas nas Letras, que se celebrará o 15 de agosto de 2014 co obxectivo de homenaxear a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura galega en particular. Nesta primeira edición a muller homenaxeada será Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego, obra de referencia da lírica popular galega que se publicou por primeira vez en papel en 1978 e desde 2013 tamén está accesible en internet.
09/07/2014. CURSOS E CONGRESOS

Foro sobre a tradución de software libre a linguas minorizadas

O Proxecto Trasno está a organizar o Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas, que terá lugar os vindeiros días 4 e 5 de outubro de 2014 na sede do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela). O obxectivo do encontro é reflexionar sobre a problemática específica dos grupos de tradución do software libre a linguas minorizadas, así como fomentar o traballo colaborativo neste ámbito. Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o 7 de setembro para enviar as súas propostas de participación nas diferentes mesas ou grupos de traballo. A asistencia ás xornadas é libre e de balde.
08/07/2014. OUTRAS

Dispoñible en galego o xestor de correo Gmail

O equipo de Mallando no android anuncia que xa está dispoñible en galego a interface do xestor de correo electrónico Gmail, creado por Google. Para configurar esta opción, só é preciso acceder a “Configuración” e elixir o galego entre os 71 idiomas nos que pode empregarse este xestor de correo. Este novo logro para o noso idioma é froito da campaña #AndroidEnGalego, promovida polo equipo de Mallando no android, a partir da cal Google se comprometeu a aumentar o número de servizos que oferta en galego.
07/07/2014. DINAMIZACIóN

Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 5 de xullo de 2014, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2015 ao historiador e escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). No que respecta á súa obra, salientan as súas achegas á nosa historia e etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval. No ámbito cultural, a RAG destaca o seu papel como membro fundador do Seminario de Estudos Galegos, director do Museo de Pontevedra e conselleiro de Cultura. Para ampliar esta nova, preme aquí.