Novas da lingua

Rexistros3061 a 3090 de 4427
18/11/2014. CURSOS E CONGRESOS

VIII Xornada “Xustiza e lingua, reflexións para a normalización”

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a oitava edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza. A xornada terá lugar o vindeiro 25 de novembro de 2014, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán. A matrícula é de balde. Para acceder á ficha de inscrición, preme aquí.
18/11/2014. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para o tempo de Nadal

A Coordinadora Galega de ENDL presenta, un ano máis, un espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos para traballar nas aulas os contidos relacionados co Nadal. Entre outros materiais, facilítanse modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades, recursos didácticos e novas de interese relacionadas con estas datas festivas.
18/11/2014. CURSOS E CONGRESOS

A didáctica das linguas afíns será obxecto de debate en Venecia

O Institut Ramon Llul e a Università Ca’ Foscari Venezia organizan a xornada “Linguas comparadas: a didáctica das linguas afíns (catalan-galego-italiano-espanol)”, que terá lugar en Venecia o vindeiro 28 de novembro de 2014. O relatorio sobre a lingua galega correrá a cargo de María Pardo, lectora no Centro de Estudos Galegos da Università degli Studi di Padova.
17/11/2014. INVESTIGACIóN

Novo pulo na proxección internacional dos estudos galegos

A Modern Language Association, asociación norteamericana de referencia para investigadores de lingua e literatura, comunicou oficialmente que acaba de aprobar a creación do “Galician Language, Literature and Culture Forum”, unha sección permanente e un grupo de debate sobre lingua, literatura e cultura galegas. Os promotores da iniciativa consideran que a introdución dos estudos galegos no seo desta prestixiosa asociación americana, con arredor de 28 000 membros en máis de 100 países, suporá un importante pulo na proxección internacional do noso idioma.
17/11/2014. DINAMIZACIóN

Volve o Festival de Monólogos de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha nova edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival terá lugar os sábados 15 e 29 de novembro e 6, 13 e 20 de decembro de 2014 no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela). O programa inclúe as actuacións de Carlos Meixide, Avelino González, Soledad Felloza, Marián Bañobre e Celso Sanmartín.
14/11/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o III Premio Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística acordou entregarlle o III Premio Abertos ao Galego á cooperativa Erica Mel, de Arzúa, pioneira no seu sector na etiquetaxe en lingua galega. Así mesmo, o xurado recoñece cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que cumpre 30 anos. A entrega dos premios será o 19 de decembro, ás 19:00 h, no Museo Provincial de Lugo. O acto será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Caxade. Para ampliar esta información, preme aquí.
14/11/2014. DINAMIZACIóN

Exposicións e música para festexar os 20 anos do bravú

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza a exposición “Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!”, co obxectivo de conmemorar os 20 anos do nacemento do bravú, un movemento musical que naceu en Galicia cun claro compromiso co galego en clave de creatividade. A exposición estará aberta desde o 18 de novembro ata o 7 de decembro de 2014 no Pazo da Cultura. No acto de inauguración, que terá lugar o vindeiro luns 17 de novembro, ás 20:00 h, participarán Xurxo Souto e Pinto de Herbón.
A cidade da Coruña tamén celebrará os 20 anos do bravú cun amplo programa de actividades que se desenvolverán na semana do 17 ao 20 de novembro.
12/11/2014. DINAMIZACIóN

Mesa redonda sobre os medios en galego

O Departamento de Galego e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela organiza a mesa redonda “Os medios, enteiros en galego”, co obxectivo de reflexionar sobre a situación actual dos medios de comunicación galegos e os usos lingüísticos neste sector. Na mesa participarán Olalla Rodil (Sermos Galiza), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na Costa), Raul Rios (Novas da Galiza) e Aurélio Lopes (moderador, Irmandade TV). O acto terá lugar o xoves 13 de novembro de 2014, ás 18:30 h, no salón de actos da EOI de Santiago. Para obter máis información, preme aquí.
11/11/2014. CURSOS E CONGRESOS

XV Xornadas de expresión oral "Tíralle da Lingua"

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XV Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse ao longo do vindeiro día 22 de novembro de 2014 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula (que debe realizarse a través do web da AS-PG) remata o vindeiro 20 de novembro.
Ademais destas xornadas, dirixidas ao profesorado, o proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebra no mes de maio en Santiago de Compostela.
11/11/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso de oratoria para profesionais da avogacía

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o Curso de oratoria: habilidades comunicativas en lingua galega. A actividade, dirixida aos profesionais da avogacía, ten como obxectivo adquirir as competencias básicas para desenvolver con éxito os actos comunicativos do ámbito profesional. As sesións terán lugar entre os días 17 e 21 de novembro de 2014 no salón de actos do ICA de Santiago. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
11/11/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os servizos de normalización lingüística municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica a convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación ou mantemento de seus servizos de normalización lingüística durante o ano 2015. Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes. Os concellos con menos de 7 000 habitantes só poderán participar en mancomunidades ou agrupacións de concellos. Aqueles cunha poboación de entre 7 000 e 50 000 poden presentarse individualmente ou agrupados. O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 h do 5 de decembro de 2014.
07/11/2014. DINAMIZACIóN

Convócase unha nova edición do Club de Debate

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo promoven a cuarta edición do Club de Debate, unha iniciativa deseñada para fomentar entre o alumnado a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Ademais das entidades promotoras, a iniciativa está aberta a calquera outro concello que desexe sumarse. O alumnado interesado en participar pode obter máis información no seu centro educativo ou SNL municipal. O prazo de inscrición remata o 28 de novembro de 2014. Podes manterte ao día do desenvolvemento do proxecto, a través da súa páxina de Facebook.
07/11/2014. OUTRAS

Accesibles en liña os manuais dos cursos de linguaxe de especialidade

A Secretaría Xeral de Política lingüística pon ao dispor da cidadanía, a través da súa páxina web, a colección de manuais de linguaxe administrativa e xurídica que serven de apoio ao alumnado dos cursos de linguaxe de especialidade. A colección, que tamén pode resultar de utilidade para a autoaprendizaxe, componse de dous manuais de linguaxe administrativa (nivel medio e nivel superior), dous manuais de linguaxe xurídica (nivel medio e nivel superior) e un manual práctico de documentos administrativos e xurídicos. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/11/2014. INVESTIGACIóN

Primeiro glosario en galego sobre administración electrónica

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta o glosario Termos esenciais de administración electrónica, autoría de Xusto Rodríguez. A obra, a primeira en galego sobre esta temática, recolle 164 conceptos en galego xunto coas súas correspondencias en español, inglés, francés e catalán.
Se o desexas, tamén podes consultar a listaxe completa de traballos terminográficos elaborados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC.
05/11/2014. OUTRAS

Xa podes descargar a nova versión de Ubuntu totalmente en galego

A Oficina de Software Libre do consorcio interuniversitario CIXUG informa que xa está ao dispor dos/as usuarios/as a versión 14.10 da distribución GNU/Linux Ubuntu, dispoñible na súa totalidade en galego. O feito de estar esta versión traducida na súa totalidade ao galego, sitúa o noso idioma no grupo dos dez únicos idiomas do mundo que acadan o 100% de localización, un logro que lle debemos ao equipo de tradución ao galego de Ubuntu. Para descargar esta nova versión, distribuída baixo o nome “Utopic Unicorn”, preme aquí.
03/11/2014. OUTRAS

LinguaKit, novo portal de ferramentas lingüísticas

A empresa Cilenis Language Technology presenta o seu novo portal LinguaKit, onde teñen intención de poñer á disposición do público diferentes ferramentas lingüísticas froito da investigación que Cilenis desenvolve desde hai anos no campo do Procesamento da Linguaxe Natural. Actualmente está xa á disposición dos/as usuarios/as un paquete de ferramentas para catro idiomas (galego, castelán, portugués e inglés), no que se inclúe un resumidor, un corrector, un tradutor, un conxugador verbal e unha ferramenta de análise completa.
03/11/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os X Premios Bacelos de Prata

A plataforma Galeguizar Galicia anuncia a resolución dos X Premios Bacelos de Prata, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo das adegas que etiquetan os seus viños en galego como marca de calidade. As galardoadas desta edición foron a Adega Arco da Vella (Beade), da denominación de orixe Ribeiro, e a Adega Terra de Asorei (Cambados), da denominación de orixe Rías Baixas. O acto público de entrega dos galardóns terá lugar o 15 de novembro, ás 12:00 h, no Pazo dos Ulloa (Esposende - Ribadavia).
31/10/2014. DINAMIZACIóN

Os concellos implícanse na restauración da memoria lingüística de Galicia

Co gallo da celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover, un ano máis, o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios. O obxectivo é que os concellos asinantes se comprometan a desenvolver as seguintes iniciativas: substitución simbólica dunha lápida en castelán por outra en galego e colocación dunha placa nas portas dos cemiterios co texto “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. O pasado 23 de outubro máis de 30 rexedores da provincia de Ourense celebraron o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Os promotores da iniciativa agardan que nesta fin de semana se sumen a esta celebración outros concellos e agrupacións culturais do país.
30/10/2014. AXUDAS E PREMIOS

XV Premio Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan o XV Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. O prazo para presentar as candidaturas remata o 30 de novembro de 2014. Podes obter máis información no Facebook do Departamento de Lingua do Concello de Santiago.
29/10/2014. DINAMIZACIóN

A USC súmase á conmemoración do Día da Ciencia en Galego

A Universidade de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades co que conmemorará os vindeiros 4 e 8 de novembro, por cuarto ano consecutivo, o Día da Ciencia en Galego. Nesta edición, na que se reivindica o dereito a gozar da Física en galego, a USC quere darlle visibilidade ao traballo que se está a desenvolver no Campus de Lugo. O programa do 4 de novembro inclúe unha visita guiada á exposición “Sensores”, dous relatorios sobre robots e navegación espacial impartidos polos docentes Roberto Iglesias e Manuel Andrade, e unha observación astronómica. O 8 de novembro terá lugar o primeiro editatón galego, organizado pola Biblioteca Intercentros, a Galipedia e Proxéctate en Galego.
29/10/2014. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de creación de vídeos para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza a segunda edición do Obradoiro de creación de vídeos básicos para a normalización lingüística, no que se explorarán as potencialidades da comunicación audiovisual para as campañas de promoción do idioma. Os asistentes terán ocasión de aprender as técnicas de gravado de vídeo con aparellos básicos (cámara de fotos, cámara de vídeo ou teléfono móbil) e familiarizarse cos programas básicos de edición de vídeo dixital. O obradoiro combinará dúas sesións presenciais (11 e 20 de novembro de 2014 en Santiago de Compostela) e catro sesións en liña. O prazo de inscrición remata o vindeiro 2 de novembro.
24/10/2014. DINAMIZACIóN

A Coordinadora Galega de ENDL conmemora o Día da Ciencia en Galego

A Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL) súmase á celebración do V Día da Ciencia en Galego organizando unha videoconferencia que leva por título “A ciencia da programación de ordenadores (tamén en galego)”, dirixida ao alumnado de 2º ciclo da ESO e Bacharelato. O relator será Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría de Telecomunicación e profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade de Vigo. A iniciativa terá lugar o mércores 5 de novembro, entre as 12:00 h e as 13:00 h. Para obter máis información sobre os requisitos técnicos dos centros e os trámites de inscrición, preme aquí.
23/10/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso de auga doce, para aprender lingua interactuando co medio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o Curso de auga doce, que ten como obxectivo achegarse á lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia…) empregando como fío condutor o curso dun río. As sesións desenvolverase os días 10, 12, 17, 20, 24 e 26 de novembro; e 1 e 3 de decembro de 2014 no Centro Municipal de Distrito de Casco Vello. A inscrición é de balde e todas as persoas interesadas poden facela enviando os seus datos (nome, apelidos, DNI e teléfono) ao enderezo: actividades.snl@vigo.org.
22/10/2014. DINAMIZACIóN

Concurso de tatuaxes para poñer o galego a flor de pel

O Equipo de Normalización do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) organiza o concurso “Tatuaxes en galego. Palabras a flor de pel”, co obxectivo de darlles visibilidade ao idioma e identidade galega dentro da cultura da tatuaxe, unha expresión artística vinculada á creatividade e á modernidade. O certame, dirixido a todos os equipos de normalización dos centros de ensino medio de Galicia, ten dúas categorías: “Palabras tatuadas” (para tatuaxes escritas en galego) e “Galiza, a flor de pel” (para tatuaxes con simboloxía ou iconografía de temática galega). O prazo para enviar as fotografías remata o 7 de novembro de 2014.
22/10/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Os premiados nesta edición son a Asociación A Xesteira de Couso, na categoría “A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”; o humorista Luis Davila, na categoría “Galicia enteira”; e o teólogo Andrés Torres Queiruga, na categoría “Toda unha vida”.
Os galardóns serán entregados nun acto público que terá lugar o vindeiro 13 de novembro no Teatro Principal da Estrada.
21/10/2014. OUTRAS

GaliciaLe, plataforma de préstamo do libro electrónico en galego

A Xunta de Galicia presenta GaliciaLe, unha plataforma de préstamo de libros electrónicos que ofrece dous catálogos, un de obras en galego e outro de obras en castelán, de temática diversa (ficción, informática, historia…). Para acceder ao servizo de préstamo a través de GaliciaLe só é preciso ser usuario/a con carné dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A lectura (en streaming ou mediante descarga) pode facerse nos diferentes dispositivos compatibles: teléfono móbil, tableta, ordenador persoal ou lector de libro electrónico. Cada usuario/a pode ter en préstamo un máximo de dous libros por catálogo, que estarán á súa disposición durante 21 días.
21/10/2014. OUTRAS

Descende a edición de libros en galego

A Federación de Gremios de Editores de España acaba de facer público o informe “Comercio interior do libro en España 2013”, que anualmente ofrece unha radiografía do sistema editorial privado, tanto no que respecta a cifras de edición como de facturación. En 2013 os editores privados editaron en galego 1.747 títulos (1.346 publicados en Galicia), o que supón unha redución do 5,46 % con respecto aos datos de 2012. No referente ás vendas, a facturación das editoras privadas galegas foi de 24,66 millóns de euros, dos que 20,49 millóns pertencen ao libro editado en galego. Desta facturación, o 89,8% corresponde a tres materias: Texto non universitario (56,2%); Literatura Infantil e Xuvenil (21,0%) e Literatura (12,2%). Para ampliar esta información, preme aquí.
20/10/2014. OUTRAS

Nova campaña para que a UNESCO recoñeza o patrimonio cultural galego-portugués

O pasado venres, 17 de outubro de 2014, tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o acto conmemorativo dos 10 anos da presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. No transcurso do acto, o presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, Santiago Veloso, anunciou a posta en marcha dunha nova campaña para inscribir o patrimonio cultural e lingüístico galego-portugués na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO. Para ampliar esta información, preme aquí.
20/10/2014. CURSOS E CONGRESOS

Simposio sobre o uso do galego ao final do Medievo

O Instituto da Lingua Galega (USC) organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o simposio “A lingua galega no solpor da Idade Media”, no que se analizará o ocaso do cultivo escrito do noso idioma ao final do Medievo.
As sesións terán lugar na Facultade de Filoloxía da USC e mais no Consello da Cultura Galega os días 13, 14, 20, 21 e 22 de novembro de 2014. O prazo de matrícula remata o 12 de novembro. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
20/10/2014. DINAMIZACIóN

Día da Galeguidade Empresarial

O Foro Enrique Peinador convoca un ano máis o Día da Galeguidade Empresarial, que este ano se celebrará no Parlamento de Galicia coincidindo coa conmemoración do décimo aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Ao acto, que terá lugar o vindeiro 22 de outubro, acudirán numerosos empresarios que terán a oportunidade de asinar publicamente unha declaración de compromiso co idioma. Así mesmo, inaugurarase un monumento a Isidro Parga Pondal no Campus da Universidade de Santiago e presentarase a edición da súa primeira biografía, autoría do historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez.