Novas da lingua

Rexistros3091 a 3120 de 5280
14/05/2014. INVESTIGACIóN

Novo glosario de termos esenciais de dereito administrativo

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC presentan o glosario Termos esenciais de dereito administrativo, no que se compilan 1.081 termos en galego, xunto coas súas correspondencias en castelán. A obra súmase á serie de glosarios sobre o vacabulario básico do dereito elaborados ata o momento no seo desta Comisión (dereito constitucional, penal, internacional e civil). No futuro, a serie completarase cos glosarios de dereito fiscal, mercantil e laboral.

13/05/2014. DINAMIZACIóN

A Real Academia Galega homenaxea a Díaz Castro en Guitiriz

Mañá, 14 de maio, ás 12:00 h, a Real Academia Galega acollerá no seu salón de actos a presentación do libro Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz, editado por Galaxia e a Xunta de Galicia e coordinado por Alfonso Blanco Torrado, Luís G. Tosar e Armando Requeixo. O acto central do Día das Letras Galegas 2014 terá lugar o vindeiro sábado 17 de maio, ás 12:45 h, nunha sesión plenaria extraordinaria da Academia que terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz. No transcurso do acto intervirán o presidente, Xesús Alonso Montero, e os membros numerarios Xosé Luís Regueira Fernández, Darío Xohán Cabana Yanes e Xosé Luís Franco Grande.
13/05/2014. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de ferramentas en galego para o lecer

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza un Obradoiro de ferramentas en galego para o lecer e o tempo libre, destinado a profesionais do sector que preferentemente traballen no concello de Pontevedra. O obxectivo é fomentar o emprego de ferramentas en galego nas actividades musicais, lúdicas e formativas que planifican os profesionais do lecer e o tempo libre. O obradoiro desenvolverase o sábado 24 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra (seminario 8). O prazo de inscrición remata o 19 de maio de 2014.
12/05/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Os exemplos, autoría do xornalista José Casás García, foi o artigo gañador da décima edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca anualmente o Concello de Carballo. O autor recibirá un premio en metálico de 1.000 euros e, ademais, o artigo será publicado nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. A entrega de premios terá lugar o venres 16 de maio, ás 21.00 h, no Pazo da Cultura de Carballo coa actuación de Os Tres Trebóns e García Mc. A entrada é de balde. Para obter máis información, preme aquí.
12/05/2014. DINAMIZACIóN

Alumnado de sete centros educativos investiga a súa toponimia lendaria

Os equipos de dinamización lingüística de sete centros educativos de secundaria están a desenvolver, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia e multidisciplinar que ten como obxectivo promover a lectura, a creación e a investigación en galego. No marco deste proxecto, baseado na triloxía homónima de Elena Gallego Abad, o alumnado desenvolveu diferentes actividades relacionadas coa lectura, a recreación literaria e a investigación histórica. Neste terceiro trimestre traballará sobre a toponimia lendaria do seu contorno máis próximo, motivo polo que ao longo deste mes de maio se organizarán conferencias sobre toponimia maior e lendaria en cada un dos centros educativos participantes. Para ampliar información, preme aquí.

09/05/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso de curtametraxes e blogs en Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza o Curso básico de curtametraxes e blogs, dirixido a maiores de 18 anos, co obxectivo de achegar formación sobre creación audiovisual, dándolle valor á riqueza do imaxinario popular como fonte de creatividade. Con este obxectivo, durante o curso, o alumnado empregará para a creación das curtametraxes o material previamente recollido no proxecto “O nobelo do tempo”, unha iniciativa de recolla de tradición oral organizada o ano pasado polo SNL municipal.
O curso desenvolverase entre os días 28 de maio e 27 de xuño de 2014. As persoas interesadas poden formalizar a matrícula a partir do 12 de maio. Para ampliar esta información, preme aquí.

08/05/2014. AXUDAS E PREMIOS

Silleda premia o uso do galego no comercio

O Concello de Silleda, en colaboración co IES Pintor Colmeiro, a asociación Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta a primeira edición do Premio Concello de Silleda á normalización lingüística nas empresas e comercios, co obxectivo de estimular o uso do galego no sector comercial e recoñecer o labor tanto das empresas cunha tradición recoñecida na normalización, como daquelas que se incorporaron recentemente ás prácticas normalizadoras. O prazo para presentar as candidaturas remata o próximo 17 de maio.
08/05/2014. DINAMIZACIóN

Idioma e ilustración únense en Marín para festexar as Letras Galegas

A asociación Queremos Galego Marín presenta o seu programa de actividades para conmemorar este ano o Día das Letras Galegas, que inclúe tres actividades vinculadas á lingua e ao mundo da ilustración. Trátase en concreto dunha exposición das Letras Galegas, que poderá visitarse entre os días 16 e 23 de maio no Museo Manuel Torres, e dúas presentacións de libros: Coa lingua na terra (Toxosoutos), de Héitor Picallo; e O Bichero. Menú do día, de Luis Davila.
08/05/2014. DINAMIZACIóN

Festa das Letras na Coruña

A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña, organiza unha nova edición da Festa das Letras Galegas, dirixida este ano ao público familiar. O programa inclúe o espectáculo “A nena e o grilo nun barquiño”, con Magín Blanco; e a ludoteca xiramundos “A casa dos xogos”. As actividades terán lugar o 17 de maio nos xardíns de Méndez Núñez (ou no Forum Metropolitano, no caso de chuvia).

06/05/2014. DINAMIZACIóN

Allariz únese á conmemoración das Letras Galegas

A Fundación Vicente Risco, no marco do programa Cultura con Risco, presenta a programación de actividades que se desenvolverán ao longo deste mes de maio en Allariz para conmemorar as Letras Galegas. O programa inclúe presentación de libros, concertos didácticos, actuacións musicais, proxección de cine infantil, exposicións, unha festa do libro galego e mesmo un concurso de quebracabezas en galego por parellas. As actividades desenvolveranse entre os días 3 e 18 de maio de 2014. Para ampliar esta nova, preme aquí.
05/05/2014. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta unha nova edición do seu programa de actividades Maio, Mes da Lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país. O programa, organizado en colaboración con diferentes centros de ensino e entidades asociativas do concello, desenvolverase entre os días 1 de maio e 6 de xuño de 2014. Inclúe, entre outras actividades, festivais musicais, representacións teatrais, obradoiros didácticos, conferencias, exposicións e presentacións de libros.
05/05/2014. DINAMIZACIóN

Concerto das Letras Galegas, homenaxe musical a Díaz Castro

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega organiza unha nova edición do Concerto das Letras Galegas, que este ano terá lugar en Lugo. No acto participarán a orquestra Real Filharmonía de Galicia, o grupo vocal Sólo Voces e o Collegium Compostellanum, baixo a dirección de Maximino Zumalave, interpretando obras de Pascual Veiga, Xoán Montes, Xesús Bal y Gay, Octavio Vázquez e Rogelio Groba, sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde. O concerto terá lugar o 16 de maio, ás 20:30 h, no Círculo das Artes de Lugo. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/05/2014. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os Premios AELG 2014

A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou o pasado sábado, 3 de maio, en Pontevedra os Premios AELG 2014, galardóns que premian as mellores obras editadas en galego en 2013. As obras gañadoras nas principais categorías son: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, na categoría de Blog Literiario; A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo, na categoría de Ensaio; A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, na categoría de Literatura Infanto-xuvenil; Carme Vidal, na categoría de Xornalismo Cultural; A lúa da colleita, de Anxos Sumai, na categoría de Narrativa; Raíz da fenda, de Berta Dávila, na categoría de Poesía; Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño, na categoría de Teatro; e Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo, na categoría de Tradución. Para ampliar esta nova, preme aquí.
05/05/2014. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para festexar as Letras Galegas na aula

A Coordinadora Galega de ENDL pon ao dispor de toda a comunidade educativa o monográfico Letras Galegas 2014, unha compilación de materiais didácticos, recursos bibliográficos e documentación audiovisual sobre o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
02/05/2014. DINAMIZACIóN

O alumnado de Mondariz e Salvaterra de Miño avalía a situación do galego no sector servizos

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Mondariz, en colaboración cos departamentos de Matemáticas e de Lingua Galega e Literatura, promove a elaboración dun estudo sobre o uso das linguas no sector servizos de Mondariz. Trátase dunha xornada de intercambio sociolingüístico entre o alumnado de 3º da ESO do IES de Salvaterra de Miño e o do CPI de Mondariz que ten como obxectivo que o alumnado reflexione sobre a situación sociolingüística do galego levando á practica os seus coñecementos de estatística. O traballo de campo desenvolverase o vindeiro 5 de maio e consistirá na distribución dunha enquisa e recollida de datos no centro urbano de Mondariz. A xornada de convivencia rematará ese mesmo día cun taller impartido por Sechu Sende que leva por título “Mellora de actitudes cara á lingua galega”. Podes ampliar esta nova premendo aquí.

02/05/2014. DINAMIZACIóN

Santiago homenaxea a Díaz Castro en galego e con todas as letras

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o programa En galego con todas as letras, deseñado para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao poeta Xosé María Díaz Castro. O programa inclúe un musical sobre Rosalía de Castro, obradoiros de animación e audiovisual, un concerto de música tradicional infantil e un recital dramatizado e concerto en torno ao escritor Díaz Castro. As actividades, deseñadas para o público infantil e xuvenil, desenvolveranse entre os días 9 e 28 de maio de 2014. Para obter máis información, preme aquí.
02/05/2014. INVESTIGACIóN

Nova análise do galego desde a perspectiva ecolóxica

A editorial Xerais tira do prelo Contra a morte das linguas. O caso do galego, unha nova achega á investigación sociolingüística desde a perspectiva da ecoloxía. Trátase dun ensaio, autoría de Miguel Moreira Barbeito, no que se analizan como realidades interdependentes a diminución da diversidade lingüística do planeta e a situación actual do galego. Para ampliar esta nova, preme aquí.

30/04/2014. DINAMIZACIóN

ProLingua anima a comprometerse con mil primaveras máis para o galego

Empregando como fío condutor as coñecidas palabras de Cunqueiro nas que desexaba mil primaveras máis para a lingua galega, ProLingua está a organizar unha campaña de dinamización lingüística que ten como obxectivo darlle visibilidade ao compromiso individual co idioma galego. Os promotores da iniciativa convidan a todas as persoas que o desexen a gravar un vídeo dicindo “Por min o galego terá mil primaveras máis” (ou ben “Por nós o galego terá mil primaveras máis”, se o fan en grupo) e envialo a prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio. Con todos as gravacións recibidas comporase un novo vídeo, simbolizando deste xeito o paso do compromiso individual ao colectivo. Para ampliar este nova, preme aquí.
30/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

A CGENDL convoca unha nova edición do Premio Leixaprén

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) convoca unha nova edición do Premio Leixaprén, unha iniciativa que ten como obxectivo recoñecer a persoas, entidades e institucións que se caracterizan por unha defensa activa da lingua galega en diferentes ámbitos sociais. As candidaturas propostas este ano polo Consello directivo da CGENDL son: Fernando Vázquez Pena, María Xosé Silvar “Sés”, María Mera Constenla e Esther García del Barrio. O xurado está composto polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino adscritos á CGENDL, que teñen de prazo para emitir os seus votos ata o 30 de maio.
30/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

Agustín Fernández Paz, Premio Trasalba 2014

A Fundación Otero Pedrayo decidiu por unanimidade conceder o Premio Trasalba 2014 ao escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947). Os promotores do premio valoraron a relevancia de Agustín Fernández Paz no eido da literatura infantil e xuvenil, así como o seu compromiso coa lingua galega e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80. O acto de entrega do galardón terá lugar no transcurso da Festa Anual que a Fundación Otero Pedrayo celebrará na casa grande de Cimadevila (Amoeiro) o 29 de xuño. Para ampliar esta información, preme aquí.
29/04/2014. DINAMIZACIóN

O movemento asociativo do Couto presenta o programa do Festiletras

As entidades asociativas Monte Branco, Inllar, Colectivo Con V de Valarés, Coral A Oliveira de Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal, todas elas do Couto (Ponteceso), presentaron o programa Festiletras 2014, un amplo programa de actividades que se desenvolverá entre os días 16 e 18 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas 2014, dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro. O programa inclúe obradoiros literarios sobre autores da comarca, actuacións musicais e teatrais, unha mostra do libro galego, unha feira de artesanía e unha xornada dedicada á revitalización das aldeas. Podes ampliar esta información na páxina de Facebook do Festiletras.
29/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega para o ano 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2014 nas seguintes modalidades: Letras, Artes Plásticas; Artes Escénicas; Música; Audiovisual; Patrimonio Cultural; Promoción Exterior e Lingua. Poderán ser candidatas as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se distingan pola súa traxectoria vinculada co obxecto da modalidade correspondente. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio. O prazo de presentación será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
28/04/2014. DINAMIZACIóN

Bota a andar unha nova edición do Correlingua

As entidades organizadoras do Correlingua (a Asociación Socio-Pedagóxica Galega; CIG-Ensino; a Mesa pola Normalización Lingüística; os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense; e a Deputación de Lugo) presentaron a décimo cuarta edición desta iniciativa lúdico-didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego. A carreira, que este ano leva por lema “Galego, o paso adiante”, percorrerá doce localidades galegas entre os días 5 e 16 de maio.
Para ampliar esta información, preme aquí.
28/04/2014. DINAMIZACIóN

O IES Luís Seoane gaña a fase final do Club de Debate

O IES Luís Seoane, de Pontevedra, foi o gañador da fase final da terceira edición do Club de Debate, unha iniciativa promovida por diferentes servizos de normalización lingüística da Administración local co obxectivo de fomentar a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións entre o alumnado de ensino medio. Logo das diferentes fases locais, nas que participaron 21 equipos de 16 centros de ensino, a fase final galega tivo lugar o pasado sábado, 26 de abril, no Teatro Jofre de Ferrol, onde competiron oito equipos debatendo sobre o enunciado “Pódese vivir en galego”.
28/04/2014. OUTRAS

Marcos Maceira, novo presidente da Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística aprobou por unanimidade, na asemblea que tivo lugar o pasado 26 de abril de 2014, a única candidatura que se presentou para dirixir esta entidade os vindeiros anos, encabezada polo historiador e xestor cultural Marcos Maceira Eiras. O novo presidente asume así o relevo de Carlos Callón, despois de doce anos como presidente.

25/04/2014. DINAMIZACIóN

I Carreira Camiño das Letras

Xurdir, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, organiza a I Carreira Camiño das Letras, que terá lugar o domingo 18 de maio de 2014 co obxectivo de unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago. A carreira constará dunha proba absoluta dende A Lavacolla ata o Monte do Gozo, e dun circuíto para as categorías de menores no Monte do Gozo. Todos os participantes que rematen a proba recibirán un libro e un diploma. A maiores, a organización outorgará diferentes premios aos/ás gañadores/as. O prazo de inscrición remata o 14 de maio, ás 14:00 h.
24/04/2014. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de nove bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Etiquetador/lematizador do galego actual (1 bolsa), Cantigas de Santa María (1 bolsa), Prosa literaria medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Síntese de voz en galego (1 bolsa), Base de datos do ALIR (1 bolsa). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. (Corrección de erros).
22/04/2014. DINAMIZACIóN

Premio para a publicidade comercial en galego

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o II Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, co obxectivo de fomentar o uso do galego na comunicación comercial, asociar a lingua galega a proxectos de modernización e promover as empresas de ámbito local. Para participar cómpre presentar un proxecto orixinal dirixido a publicitar un establecemento comercial, hostaleiro ou empresarial, un grupo formal ou informal de establecementos ou unha asociación do sector que forme parte do tecido socioeconómico compostelán. O prazo de inscrición remata o 15 de xuño de 2014 e o/a gañador/a recibirá un premio en metálico de 5 000 euros.
22/04/2014. CURSOS E CONGRESOS

VII Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o VII Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras. O curso conta con dous niveis, elemental (A1-A2) e intermedio (B1-B2), e as sesións desenvolveranse entre os días 7 e 24 de xullo de 2014 na Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 9 de maio de 2014.
16/04/2014. DINAMIZACIóN

Campaña de visibilización da literatura en galego na rede

Co gallo da celebración o vindeiro día 23 de abril do Día do Libro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Compañía de Radio Televisión de Galicia e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil presentan a iniciativa #engalegoleo, co ánimo de fomentar a lectura en galego e promover a literatura galega a través das redes sociais. As entidades organizadoras convidan a toda a cidadanía a festexar este día compartindo nas redes sociais as súas recomendacións literarias, co hashtag #engalegoleo.