Novas da lingua

Rexistros3121 a 3150 de 4427
17/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

VIII Certame de Investigación Condado de Pallares

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza a oitava edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares (concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo). Os traballos debe ser orixinais e inéditos, estar redactados en galego e ter unha extensión mínima de 100 folios. A temática debe cinguirse aos ámbitos lingüístico, histórico, artístico, arqueolóxico, antropolóxico, etnográfico e folclórico. O gañador/a recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo de presentación remata o 1 de novembro de 2014. Para consultar as bases preme aquí.
16/07/2014. EMPREGO

Contrato para colaborar nun proxecto de investigación sobre o cambio lingüístico

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública dun contrato a tempo parcial para colaborar no proxecto de investigación “Cambio lingüístico no galego actual”, que está a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega. Os/as candidatos/as deben posuír a Licenciatura ou o Grao en Filoloxía Galega ou Lingua e Literaturas Galegas e, a maiores, estar matriculados/as nun Programa de Doutoramento na USC. O prazo para presentar as solicitudes remata o 22 de xullo de 2014. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
16/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premios á calidade lingüística na USC

A Universidade de Santiago de Compostela, a partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, convoca anualmente os Premios á calidade lingüística, co obxectivo de vincular calidade e uso do galego no ámbito académico. A USC premia os mellores traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, proxectos de fin de carreira e traballos de fin de mestrado escritos en galego. Para consultar as diferentes bases deste concurso no curso 2013-2014, preme aquí.

16/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución pode consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación dun servizo de normalización lingüística, para o seu mantemento ou para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.
15/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, convoca o VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos co obxectivo de contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega no ámbito científico. O certame está dirixido a todo o estudantado da UDC e conta con diferentes modalidades segundo a combinación da tradución (tradución directa do francés/inglés ao galego ou tradución inversa do galego ao francés/inglés). O prazo para entregar os traballos remata o 30 de setembro de 2014.

09/07/2014. DINAMIZACIóN

I Día das Galegas nas Letras

A plataforma de crítica literaria A Sega convoca o I Día das Galegas nas Letras, que se celebrará o 15 de agosto de 2014 co obxectivo de homenaxear a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura galega en particular. Nesta primeira edición a muller homenaxeada será Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego, obra de referencia da lírica popular galega que se publicou por primeira vez en papel en 1978 e desde 2013 tamén está accesible en internet.
09/07/2014. CURSOS E CONGRESOS

Foro sobre a tradución de software libre a linguas minorizadas

O Proxecto Trasno está a organizar o Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas, que terá lugar os vindeiros días 4 e 5 de outubro de 2014 na sede do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela). O obxectivo do encontro é reflexionar sobre a problemática específica dos grupos de tradución do software libre a linguas minorizadas, así como fomentar o traballo colaborativo neste ámbito. Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o 7 de setembro para enviar as súas propostas de participación nas diferentes mesas ou grupos de traballo. A asistencia ás xornadas é libre e de balde.
08/07/2014. OUTRAS

Dispoñible en galego o xestor de correo Gmail

O equipo de Mallando no android anuncia que xa está dispoñible en galego a interface do xestor de correo electrónico Gmail, creado por Google. Para configurar esta opción, só é preciso acceder a “Configuración” e elixir o galego entre os 71 idiomas nos que pode empregarse este xestor de correo. Este novo logro para o noso idioma é froito da campaña #AndroidEnGalego, promovida polo equipo de Mallando no android, a partir da cal Google se comprometeu a aumentar o número de servizos que oferta en galego.
07/07/2014. DINAMIZACIóN

Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 5 de xullo de 2014, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2015 ao historiador e escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). No que respecta á súa obra, salientan as súas achegas á nosa historia e etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval. No ámbito cultural, a RAG destaca o seu papel como membro fundador do Seminario de Estudos Galegos, director do Museo de Pontevedra e conselleiro de Cultura. Para ampliar esta nova, preme aquí.
03/07/2014. DINAMIZACIóN

Trinta empresas agroalimentarias comprométense co galego

O vindeiro 12 de xullo terá lugar na antiga reitoral de Santo André (Ribadavia) o encontro da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), un acto no que se formalizará o ingreso dunha nova trintena de empresas do sector agroalimentario comprometidas co uso do galego na etiquetaxe das súas marcas. A IRGADE, entidade promovida polo Foro Enrique Peinador, creouse en xullo de 2012 co obxectivo de fomentar a etiquetaxe en galego e o consumo responsable por parte dos consumidores. Entre as actividades desenvolvidas estes anos destaca a campaña ConsumoGustos, no marco da cal se elaborou a “Carta de consumo responsable e solidario”.
03/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

O I Premio á Normalización Lingüística xa ten gañador en Silleda

O Concello de Silleda, o IES Pintor Colmeiro e a Secretaría Xeral de Política Lingüística celebraron onte o acto público de entrega do
I Premio Concello de Silleda á normalización lingüística nas empresas e comercios. A empresa gañadora desta primeira edición foi Emse Deseño Gráfico. Así mesmo, os restaurantes Carballeira do Chousiño e Restaurante González recibiron as dúas primeiras cartas de menús en tres idiomas (galego, castelán e inglés). Para ampliar esta nova, preme aquí.
03/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros privados

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios. Podes consultar aquí as listaxes de centros subvencionados (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).
25/06/2014. CURSOS E CONGRESOS

XVI Encontros para a Normalización Lingüística

Xa podes consultar en liña o programa dos XVI Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 24 e 25 de setembro de 2014 no Consello da Cultura Galega. Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención á reflexión sobre a (non?) política lingüística do Estado español e de Europa e á análise contrastada das evolucións sociolingüísticas das tres linguas cooficiais das respectivas nacionalidades (catalán, vasco e galego) e do asturiano, lingua sen recoñecemento oficial. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto. O prazo de inscrición remata o 14 de setembro de 2014. O 15 de setembro farase pública a listaxe de admitidos/as.
25/06/2014. INVESTIGACIóN

Preséntase o Vocabulario panlantino das redes sociais

O Termcat presenta o Vocabulario panlatino das redes sociais, unha obra que compila 114 termos relacionados coas diferentes redes sociais, especialmente Facebook e Twitter, en diferentes linguas (catalán, castelán -variantes de Europa e de México-, francés, galego, italiano e portugués -variantes de Europa e do Brasil). A obra, coordinada polo Termcat, elaborouse no marco da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter), que ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento léxico das linguas románicas.

25/06/2014. AXUDAS E PREMIOS

XI Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a undécima edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”. O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 7 de novembro de 2014.
25/06/2014. DINAMIZACIóN

O Trivial da Terra busca colaboradores

O coordinador do proxecto Trivial da Terra, Xesús Freire, presentou publicamente o sitio web da iniciativa, deseñado para difundir o proxecto e promover a colaboración de particulares e colectivos que queiran participar na elaboración do seu contido (o conxunto de preguntas e respostas). O Trivial da Terra é unha aplicación para teléfonos móbiles e tabletas co sistema operativo Android baseado no Trivial Pursuit e adaptado á realidade das diferentes comarcas galegas, co obxectivo de fomentar o uso do galego no eido da tecnoloxía. Para visualizar a súa potencialidade didáctica, unha vez finalizada a aplicación, organizarase un campionato de Trivial entre o alumnado de primaria e secundaria das comarcas galegas. Para obter máis información, preme aquí.

20/06/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premio Leixaprén 2014 para Sés

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) fixo público o nome da gañadora do Premio Leixaprén, que ten como obxectivo recoñecer o labor de persoas e entidades que traballan a prol do idioma galego. O Premio Leixaprén 2014 foille outorgado á música e cantautora María Xosé Silvar Sés, polo uso cotián e a promoción que fai da lingua galega. O acto de entrega do galardón terá lugar este venres 20 de xuño de 2014, ás 13:00 h, no IES Félix Muriel de Rianxo.
18/06/2014. INVESTIGACIóN

A Mesa presenta novos datos sobre usos lingüísticos no ensino infantil

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou publicamente os datos do estudo que esta entidade elabora periodicamente sobre os usos lingüísticos nos centros de educación infantil das sete cidades galegas. Segundo os datos recollidos no estudo, só un 2,42% dos centros consultados declarou impartir a docencia maioritariamente en galego neste curso 2013/2014 e só un 6,57% declarou impartir “algo en galego”. O estudo tamén destaca que só 11 dos 289 centros de infantil consultados dispoñen de material didáctico en galego.
Diante destes datos, a Mesa pola Normalización Lingüística alerta da aceleración do proceso de desgaleguización que está a sufrir o ensino infantil en Galicia.

18/06/2014. INVESTIGACIóN

Accesibles na rede as actas das
X Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das X Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Teatro, que tiveron lugar na Coruña en novembro de 2013. Neste mesmo sitio web pode acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
12/06/2014. DINAMIZACIóN

Un “Verán Máis Alá” para explorar Fene e divertirse en galego

O Concello de Fene organiza unha nova edición do seu “Verán Máis Alá!”, un espazo lúdico-educativo que ten como obxectivo facilitar unha alternativa de lecer educativo en galego e, ao mesmo tempo, promover a conciliación da vida familiar e laboral. Nas actividades, que se desenvolverán no CEIP de Centieiras (Perlío) entre o 1 e o 31 de xullo de 2014, poderá participar o alumnado de educación infantil e primaria nado entre os anos 2002 e 2010. Os prazos de matrícula son os días 16 e 17 de xuño, para a veciñanza de Fene, e os días 18 e 19 de xuño, para a veciñanza doutros concellos.
11/06/2014. DINAMIZACIóN

Os equipos de dinamización lingüística de Rianxo homenaxean os creadores da vila

Os equipos de dinamización da lingua galega do IES Félix Muriel, do CEP Xosé María Brea Segade e do CRA de Rianxo presentan a publicación “Creadores de Rianxo”, unha obra que recompila textos, obras plásticas e partituras musicais de 31 creadores vinculados á vila de Rianxo. A obra enmárcase no proxecto plurianual de innovación lingüística Rianxo Fala, deseñado co obxectivo de mellorar os usos e actitudes de toda a comunidade educativa.
10/06/2014. DINAMIZACIóN

Os Bolechas e o Sabichón visitan diferentes vilas galegas co seu novo concurso

A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a desenvolver, no marco do programa FalaRedes 2014, a actividade Os Bolechas e o Sabichón, unha iniciativa lúdica e didáctica para promover o uso do galego entre os máis pequenos/as. A iniciativa, deseñada para nenas e nenos de 3 a 9 anos, consiste nun concurso cun miniteatro que abre e pecha cada sesión. Os Bolechas percorrerán diferentes municipios adscritos á Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de xuño e xullo.
05/06/2014. AXUDAS E PREMIOS

V Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan a quinta edición do Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega, dirixido ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2013-2014, así como en xeral aos licenciados/as ou gradudados/as en Dereito en calquera universidade galega. Os traballos deberán ser inéditos, estar redactados en lingua galega e versar sobre calquera obxecto susceptible de ser analizado baixo metodoloxía xurídica. O prazo de presentación remata o 17 de outubro de 2014.
04/06/2014. DINAMIZACIóN

O bravú cumpre vinte anos comprometido co idioma

Os Diplomáticos de Monte Alto presentan o vídeo “Deitado frente ao mar”, elaborado para celebrar o XX aniversario do bravú, un movemento musical que naceu en Galicia hai vinte anos cun claro compromiso co galego en clave de creatividade. No vídeo, os Diplomáticos de Monte Alto póñenlle música aos coñecidos versos de Celso Emilio Ferreiro, amosando A Coruña e Vigo como unha única cidade unida polo idioma.
04/06/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XX Premios Lois Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da XX edición dos Premios Lois Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Os galardóns desta edición recaeron no catedrático e divulgador científico, Jorge Mira, no Colexio Oficial de Traballadores e Traballadoras Sociais de Galicia, e na maxistrada no Xulgado do Social número 3 de Lugo, Dalila Dopazo Blanco. A entrega dos premios celebrarase o 26 de xuño, ás 20:00 h, no Castelo de Soutomaior. Para obter máis información, preme aquí.
03/06/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino público

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 3 de xuño de 2014, a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de ensino público non universitario de Galicia para o curso escolar 2013/2014. Para consultar a listaxe de centros aos que se lle concedeu esta axuda, preme aquí.
02/06/2014. DINAMIZACIóN

A mocidade de Moaña promove o consumo de produtos frescos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña e o IES As Barxas están a desenvolver a campaña “En galego, con toda a frescura”, deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico. No marco desta iniciativa, o alumnado da ESO do IES As Barxas compilou, clasificou e traballou lingüisticamente o léxico dos produtos frescos que ofertan as tendas e supermercados do concello. Posteriormente, o Servizo de Normalización editou listas da compra con este léxico, que se distribuirán entre os establecementos que colaboran na iniciativa. Para obter máis información, preme aquí.
30/05/2014. OUTRAS

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas aproba a Declaración de València

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) aprobou a Declaración de València, no marco do encontro que o pasado 24 de maio de 2014 mantiveron en Valencia as organizacións que integran esta Rede, entre as que se atopa a Mesa pola Normalización Lingüística. Na declaración apélase á construción dunha Unión Europea respectuosa co multilingüismo onde os diferentes pobos poidan exercer o dereito de vivir nos seus idiomas e culturas propios. ELEN, rede que representa 42 comunidades lingüísticas de 23 estados europeos, traballa na protección das linguas e comunidades lingüísticas minorizadas de Europa e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Para ampliar esta nova, preme aquí.
30/05/2014. DINAMIZACIóN

No verán... un conto

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, que se desenvolverá entre o 21 de xuño e o 13 de setembro de 2014 co obxectivo de difundir o patrimonio oral da comunidade a través de actividades lúdicas. O programa, organizado en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, inclúe, entre outras activades, contadas, monicreques, música, charlas sobre talasonimia e toponimia, camiñadas e xogos nas Illas Cies. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/05/2014. DINAMIZACIóN

Salceda de Caselas comprométese co galego, agora e sempre

O Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística organizan a iniciativa “En galego, agora e sempre”, que terá lugar o próximo sábado 31 de maio, ás 12:30 h, no adro da igrexa de Sta. María de Salceda de Caselas. Os asistentes que o desexen poderán asinar unha acta de derradeiras vontades na que expresan o seu desexo de que os actos fúnebres relacionados co seu pasamento se realicen en galego. No transcurso do acto colocarase unha placa á entrada do cemiterio coa lenda “Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”. Para ampliar esta información, preme aquí.