Novas da lingua

Rexistros3121 a 3150 de 5280
15/04/2014. DINAMIZACIóN

Santiago volve vivir a paixón en galego

A Confraría de Estudantes, o Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia presentan a segunda edición da campaña Vive a Paixón, unha iniciativa dirixida á poboación máis nova co obxectivo de que participen en galego nos ritos propios da Semana Santa e compartan as súas experiencias nas redes sociais. No marco desta campaña organízanse os concursosPaixón curta”, que consisten en gravar unha curta sobre a Semana Santa co móbil e difundila nas redes sociais coa sinopse en galego, e “Imaxes de paixón”, que consiste en fotografar e difundir as imaxes da Semana Santa nas redes sociais. O prazo para subir os traballos á rede remata ás 14:00 h do 21 de abril de 2014.
14/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística en municipios que carezan de servizo. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
14/04/2014. OUTRAS

O dominio galego .gal xa é real

A Asociación PuntoGAL comunica que xa existe o primeiro dominio .gal activado pola ICANN. Trátase de Nic.gal, unha páxina de carácter técnico e para probas, que simboliza os sete anos de traballo desta asociación e mais o apoio de 12.000 cidadáns e 110 entidades. Nos vindeiros días faranse públicas as normas para o rexistro no dominio galego, que se xestionará en diferentes fases, dándolles prioridade ás administración públicas; ás entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; ás marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistradas, nomes ou intereses protexidos; e ás páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Para ampliar esta información, preme aquí.
11/04/2014. DINAMIZACIóN

As fabas máxicas, nova actividade do programa FalaRedes

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta As fabas máxicas, unha nova actividade de dinamización lingüística que se desenvolverá no marco do programa FalaRedes. Trátase dun espectáculo da compañía Caramuxo Teatro, dirixido ao público familiar, que achega unha nova versión do conto infantil Xan e as fabas máxicas.
O espectáculo percorrerá 22 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística entre os meses de abril e xuño de 2014.
10/04/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición do Galegote Rock en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza unha nova edición do programa de dinamización lingüística Galegote Rock, deseñado para promover os grupos musicais que cantan en galego e fomentar o uso deste idioma nas actividades de lecer da xuventude. Galegote Rock é un programa de concertos que se celebrará os vindeiros días 24, 25 e 26 de abril nas salas Karma e Pequeno Karma, en Pontevedra. O programa inclúe as actuacións dos grupos A Banda do Terror, Machina, Transilvanians, Frenaso no Calsonsillo e Familia Caamagno, e dos DJ O Xabarín de Bora, Fillo do Fiusa e Nano Vinilo. Para ampliar esta información, preme aquí.
10/04/2014. DINAMIZACIóN

I Concurso de Monólogos en Lingua Galega na UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da UDC convoca o I Concurso de Monólogos en Lingua Galega, co obxectivo de promover o uso do galego entre a comunidade universitaria e premiar a súa creatividade e calidade lingüística. Pode participar no certame todo o alumnado da UDC matriculado no curso 2013-2014. Os participantes deben gravar un monólogo en galego, en formato DVD, dunha duración de entre catro e dez minutos sobre o tema “A miña experiencia universitaria”. O xurado outorgará un primeiro premio de 500 euros e un segundo de 250 euros.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de abril de 2014.
08/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.
As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

08/04/2014. INVESTIGACIóN

Usos lingüísticos na investigación da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta os datos sobre usos lingüísticos nos traballos de investigación (teses, traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado) relativos ao pasado ano 2013. Das 293 teses lidas en 2013, realizáronse en castelán o 64%, en inglés o 20%, en portugués o 8%, en galego o 7% e noutros idiomas o 1%. No que respecta aos traballos de fin de grao, presentáronse 1.288 traballos en 2013. A lingua máis empregada foi o castelán (68%), seguida polo galego (29%), o inglés (1%) e o catalán (1%). Por último, en 2013 defendéronse 1.101 traballos de fin de mestrado e tamén neste caso foi o castelán o idioma máis empregado (71%). En galego elaborouse o 24%, en inglés o 4% e en portugués o 1%.
Podes ampliar esta información no Cartafol Dixital de marzo de 2014.
07/04/2014. DINAMIZACIóN

O CPI dos Dices emitirá en directo o Telexornal Díaz Castro

Co gallo da conmemoración do vindeiro Día das Letras Galegas, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI dos Dices (Rois) emitirá este xoves, 10 de abril de 2014, ás 12:30 h, o “Telexornal Díaz Castro”. O telexornal poderá seguirse en directo desde a Aula Virtual do CPI dos Dices. Ao remate, emitirase o vídeo “7 poemas de Díaz Castro”. A iniciativa será difundida tamén na rede social Twitter a través da conta @TelexornalRois.
07/04/2014. CURSOS E CONGRESOS

Debate sobre lingua e empresa na Galicia de hoxe

A Real Academia Galega, en colaboración co Foro Enrique Peinador, organiza o encontro Lingua e empresa na Galicia de hoxe, que terá lugar os vindeiros días 11 e 12 de abril de 2014 en Mondariz Balneario co obxectivo de analizar os usos lingüísticos dos nosos principais axentes económicos. No acto intervirán o presidente da RAG, Alonso Montero; os membros numerarios Víctor F. Freixanes e Manuel González; o presidente da Fundación Mondariz Balneario, Javier Solano; o presidente da Fundación Enrique Peinador, Xosé González; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela e diferentes representantes empresariais como Antonio Fernández (R Telecomunicacións), Pablo Buján (Adegas Martín Codax) ou Xosé Turnes (Progando).
07/04/2014. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre represión lingüística na USC

A Asemblea de Filoloxía da Liga Estudantil Galega organiza as Xornadas sobre represión lingüística, que terán lugar os vindeiros días 8, 9 e 10 de abril de 2014 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. Ao longo das sesións debaterase sobre a represión lingüística en Galicia, a situación do galego nos medios de comunicación, a evolución sociolingüística do noso idioma desde o franquismo ata a actualidade e os usos lingüísticos no eido das artes. Para consultar o programa, preme aquí.
07/04/2014. DINAMIZACIóN

Concurso de cuñas de radio
“O galego na onda”

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2014, a Rede de Dinamización Lingüística convoca o concurso de cuñas de radio “O galego na onda”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre a lingua galega e a súa valoración positiva entre a mocidade. O certame, que están a organizar diferentes concellos adscritos á Rede, está dirixido ao alumnado da ESO e desenvolverase en dúas fases, unha a nivel local e outra a nivel autonómico. Os gañadores/as da fase autonómica recibirán como premio a realización dun programa radiofónico na Radio Galega coa colaboración de profesionais deste medio e un lote de libros.
03/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

O Concello de Ferrol convoca o
XX Premio Ricardo Carvalho Calero

O Concello de Ferrol publica as bases da vixésima edición deste certame de carácter bianual que ten como obxectivo promover a creación literaria e a investigación lingüística. O certame ten dúas modalidades: o “Premio de investigación lingüística ou ensaio” e o “Premio de creación literaria (narración curta)”. O xurado outorgará un premio de 3.700 euros para o/a gañador/a de cada unha das modalidades.
O prazo para entregar os orixinais é do 16 de abril ao 16 de xuño de 2014.
02/04/2014. DINAMIZACIóN

VI Semana do libro en Redondela

Co gallo da conmemoración o vindeiro 23 de abril do Día Mundial do Libro, O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as bibliotecas públicas do municipio organizan a sexta edición da Semana do libro: a festa das palabras. Trátase dunha campaña de animación á lectura e de difusión das diferentes linguas que se falan na Península Ibérica, que se desenvolverá ao longo deste mes de abril en diferentes espazos públicos do concello. O programa inclúe unha exposición multilingüe de libros, relatorios, presentacións de publicacións e actividades de promoción da oralidade.
Para ampliar esta información, preme aquí.
01/04/2014. DINAMIZACIóN

Convócase o V Certame de Cinema OUFF Escola

O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convoca o V Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolverá no marco da décimo novena edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. O obxectivo de Ouff Escola é impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Pode participar no certame o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2013-2014, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. O prazo de inscrición remata o 27 de xuño de 2014.
31/03/2014. OUTRAS

Caída drástica da edición en galego

O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos sobre a produción editorial de libros en 2013. O número total de títulos (libros e folletos) editados en galego en 2013 é de 739, caendo case á metade con respecto ao 2012 (1.322 títulos). Así mesmo, traducíronse do galego para outras linguas 13 títulos. Malia que tamén neste caso se mantén a tendencia á baixa, o descenso non é tan acusado con respecto a anos anteriores.
En Galicia, en 2013 editáronse 1.869 títulos. Destes, 973 editáronse en castelán e 682 en galego. No resto dos casos, trátase de edicións bilingües ou noutros idiomas.
26/03/2014. DINAMIZACIóN

Apoio público ao uso do galego nos medios de comunicación

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta a súa nova campaña de normalización lingüística Como cho digo ;-), unha iniciativa deseñada para promover o uso do galego nos medios de comunicación.
O obxectivo da campaña é que persoas e entidades representativas dos diferentes ámbitos sociais manifesten publicamente o seu desexo de que os medios de comunicación reflictan en galego as declaracións que elas e eles fan neste idioma. Trátase de convencer aos medios, nun ton desenfadado e amigable, de que é de xustiza que a realidade que acontece en galego se lle transmita á sociedade tamén en galego.
26/03/2014. OUTRAS

O CCG e a Consellería de Cultura e Educación colaboran na promoción do galego

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, asinaron onte, 25 de marzo de 2014, un protocolo de colaboración en materia de normalización lingüística a partir do cal se desenvolverán durante este ano diferentes iniciativas de promoción e difusión do idioma galego.
24/03/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premios á edición en lingua galega no ano 2013

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer o pasado venres, 21 de marzo de 2014, no Liceo de Betanzos os galardoados/as dos IX Premios Ánxel Casal, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.
24/03/2014. CURSOS E CONGRESOS

Oferta de cursos preparatorios para as probas Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a listaxe de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 que se ofertarán en 2014. As persoas interesadas en asistir a algún dos cursos ofertados poden inscribirse enviando un correo electrónico ao Gabinete provincial de Normalización Lingüística que corresponda. O prazo de inscrición remata o 31 de marzo (incluído). Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
20/03/2014. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas

A Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega (USC) e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan unha nova edición destes cursos estivais, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 2 e 24 de xullo de 2014. Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de lingüística e de literatura galegas) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de se familiarizar coa lingua, a literatura e a realidade sociocultural galegas.
O prazo de inscrición remata o 1 de maio de 2014. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
20/03/2014. INVESTIGACIóN

Cartafol de traducións e outros poemas en homenaxe a Xosé Mª Díaz Castro

O Consello da Cultura Galega presentará mañá venres, 21 de marzo de 2014, ás 13:00 h, o libro Xosé Mª Díaz Castro. Cartafol de traducións e outros poemas. A obra reproduce poemas doutros autores traducidos por Díaz Castro ao galego e a outras linguas, así como os seus propios poemas en francés, alemán e latín. Trátase dunha edición de Armando Requeixo que o CCG publica no marco dos actos de homenaxe que se están a organizar arredor da figura de Xosé Mª Díaz Castro, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Para obter máis información, preme aquí.
20/03/2014. OUTRAS

Debate arredor da lingua no teatro

Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Teatro, a Asociación Queremos Galego Marín organiza o vindeiro 27 de marzo de 2014, ás 20:00 h, o coloquio “Teatro e lingua. A necesidade dun teatro propio”. O acto terá lugar na Biblioteca de Marín en nel intervirá o actor e director de teatro Zé Paredes.
18/03/2014. DINAMIZACIóN

I Concurso de vídeo-creación para centros de ensino

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o I Concurso de vídeo-creación para centros de ensino, un certame que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na comuniade educativa, así como valorar e promover a creatividade no eido audiovisual. Poderán participar todos os centros de ensino non universitario de Galicia. Outorgarase un premio de 400 euros para o/a gañador/a de cada unha das categorías (infantil, primaria, secundaria obrigatoria, secundaria postobrigatoria e premio do público). O prazo para a entrega dos traballos remata o 2 de maio de 2014. Para ampliar esta información, preme aquí.
18/03/2014. DINAMIZACIóN

Vinte pontes e vinte anos.... nas ondas!

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! organiza a vixésima edición desta experiencia educativa de comunicación interescolar, que nesta ocasión, baixo o lema “Vinte pontes, vinte anos… nas ondas!, festexará as dúas décadas de existencia desta inicativa. A organización convida á comunidade educativa a producir novos programas sobre o patrimonio galego-portugués e a inscribirse na XX Xornada Multimedia de Comunicación "Ponte...nas ondas!", para así poder participar nos diferentes premios cos que se recoñecerá o traballo creativo do alumnado.
18/03/2014. DINAMIZACIóN

Gústame o galego nos centros de ensino

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, en colaboración coa Universidade de Vigo, organiza o concurso Gústame o galego nos centros de ensino. O certame está dirixido ás escolas infantís, escolas e centros de educación infantil e centros de todos os niveis do ensino obrigatorio, de bacharelato e de formación profesional do ámbito territorial do concello de Vigo; así como á Universidade de Vigo (campus de Vigo, Pontevedra e Ourense).
18/03/2014. INVESTIGACIóN

Preséntase no CCG “Galicia en Cuba. Lingua, Rosalía, loitas”

Hoxe, martes 18 de marzo de 2014, terá lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, ás 12:30 horas, a presentación pública do volume Galicia en Cuba. Lingua, Rosalía, loitas, de Xosé Neira Vilas. Trátase da reedición nun mesmo volume de tres obras do autor publicadas con anterioridade: A lingua galega en Cuba (1995); Rosalía de Castro e Cuba (1992) e Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998).
No acto intervirán Ramón Villares, presidente do CCG; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xosé Antonio Solana, cónsul xeral da República de Cuba e o autor, Xosé Neira Vilas.
17/03/2014. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Oxford organiza o XVI Foro de Estudos Ibéricos

A Universidade de Oxford organiza o XVI Foro de Estudos Ibéricos: “Diversidade lingüística e cultural na Península Ibérica”, que terá lugar os vindeiros días 20 e 21 de marzo de 2014 en Oxford. Ao longo destas dúas xornadas reflexionarase sobre o mosaico de culturas e linguas que integra a Península Ibérica desde diferentes perspectivas: o ensino e aprendizaxe de linguas; a tradución; a literatura; a política lingüística ou o multilingüismo. O prazo de inscrición remata o 17 de marzo. Para consultar o programa completo, preme aquí.
14/03/2014. EMPREGO

Probas para obter a competencia clave de comunicación en lingua galega

A Consellería de Traballo e Benestar convoca probas de avaliación en diferentes competencias clave, entre as que se atopa a comunicación en lingua galega, para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata o 10 de abril de 2014. Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
12/03/2014.

Igualando a lingua no Concello de Cee

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cee organiza o III Certame de relato curto “Igualando a lingua”, co obxectivo de promover a reflexión arredor da normalización lingüística e a importancia da igualdade entre os idiomas. Poden participar neste certame todas as persoas maiores de 18 anos. O prazo para a presentación dos orixinais remata o 31 de marzo do 2014, ás 13:30 horas. Para consultar as bases, preme aquí.