Novas da lingua

Rexistros3151 a 3180 de 4427
23/05/2014. CURSOS E CONGRESOS

X Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o X Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta edición xirará arredor da transmisión interxeracional do galego.
As sesións desenvolveranse os días 9, 10 e 11 de xullo de 2014 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o vindeiro 4 de xullo.
23/05/2014. EMPREGO

Contrato de técnico en Tradución e Interpretación na Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra anuncia unha convocatoria pública de selección de persoal que integrará a bolsa de emprego para contratacións laborais temporais. Entre os postos de traballo ofertados está o de técnico en Tradución e Interpretación (grupo A1). O proceso selectivo será o de concurso-oposición. O prazo para presentar as solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
22/05/2014. DINAMIZACIóN

A Irmandade Xurídica Galega homenaxea a Amadeo Varela na súa sétima asemblea

A Irmandade Xurídica Galega convoca a súa sétima asemblea, que se celebrará no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense o vindeiro sábado, 24 de maio, ás 12:00 horas. Trátase dun acto público no que ingresarán na Irmandade Xurídica 25 novos profesionais, sumándose así á nómina de máis de 200 funcionarios/as xudiciais e avogados/as comprometidos coa normalización do galego no ámbito xurídico. No transcurso do acto renderase homenaxe ao avogado Amadeo Varela Rodríguez, que desenvolveu a súa actividade profesional en Ourense.

22/05/2014. EMPREGO

Bolsas e prazas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca seis bolsas e catro prazas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de varias universidades españolas e do estranxeiro. En concreto, convócanse 6 bolsas en universidades de Barcelona, Madrid, Granada, Algarve, Padua e Roma e 4 prazas en universidades de Estremadura, Deusto, Cork e Braga. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas ordes (convocatoria de 6 bolsas e convocatoria de 4 prazas) no Diario Oficial de Galicia.
22/05/2014. DINAMIZACIóN

A AGAL lémbranos que este verán o mundial falará galego

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) promove a campaña “O mundial fala galego”, que ten como obxectivo prestixiar o idioma galego incidindo no seu carácter internacional. Trátase de difundir entre a sociedade que a nosa lingua propia serve para desenvolverse nas actividades cotiás mais tamén para organizar un evento deportivo de repercusión internacional como é a copa do mundo. O sitio web da iniciativa irase completando con opinións de persoeiros, vídeos e ligazóns a blogs con información de interese sobre este evento deportivo.
20/05/2014. DINAMIZACIóN

Escolares galegos cantan a Curros en Celanova

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Celanova e Vegalsa-Eroski, organizan a segunda edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. Nesta edición as nenas e nenos cantarán os poemas de Manuel Curros Enríquez: “A Rosalía”, “Nouturnio”, “Os teus ollos” e “Unha noite na eira do trigo”. O acto terá lugar o vindeiro 6 de xuño, ás 17:30 h, en Celanova.
15/05/2014. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXI Premios da Publicidade en Galego

O Consello Asesor de RTVE en Galicia e da CRTVG entregou os XXI Premios de Publicidade en Galego 2013, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.
Nesta edición os traballos premiados foron “Faite amigo da Catedral” (presentado por Arraianos para a Fundación Catedral de Santiago de Compostela), na modalidade de internet; “O son da nosa fala” (desenvolvido por Radio Lugo), na modalidade de radio; e “Maxia Verde” (desenvolvido por Imaxe para Aceites Abril), na modalidade de televisión.
14/05/2014. OUTRAS

Preséntase a Biblioteca Internacional CampUSCulturae

Os coordinadores do proxecto CampUSCulturae, adscrito á Universidade de Santiago, presentan a Biblioteca Internacional CampUSCulturae, un espazo bibliográfico e documental especializado na diversidade cultural e lingüística que conta con preto de 5.000 volumes de literatura de creación e científica, relacionados con 60 contextos culturais e linguas do mundo. A sede física sitúase nas instalacións da Biblioteca Xeral da USC no colexio de Fonseca. Os/as usuarios/as poden realizar as buscas bibliográficas e hemerográficas no sitio web do proxecto.
14/05/2014. INVESTIGACIóN

Novo glosario de termos esenciais de dereito administrativo

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC presentan o glosario Termos esenciais de dereito administrativo, no que se compilan 1.081 termos en galego, xunto coas súas correspondencias en castelán. A obra súmase á serie de glosarios sobre o vacabulario básico do dereito elaborados ata o momento no seo desta Comisión (dereito constitucional, penal, internacional e civil). No futuro, a serie completarase cos glosarios de dereito fiscal, mercantil e laboral.

13/05/2014. DINAMIZACIóN

A Real Academia Galega homenaxea a Díaz Castro en Guitiriz

Mañá, 14 de maio, ás 12:00 h, a Real Academia Galega acollerá no seu salón de actos a presentación do libro Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz, editado por Galaxia e a Xunta de Galicia e coordinado por Alfonso Blanco Torrado, Luís G. Tosar e Armando Requeixo. O acto central do Día das Letras Galegas 2014 terá lugar o vindeiro sábado 17 de maio, ás 12:45 h, nunha sesión plenaria extraordinaria da Academia que terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz. No transcurso do acto intervirán o presidente, Xesús Alonso Montero, e os membros numerarios Xosé Luís Regueira Fernández, Darío Xohán Cabana Yanes e Xosé Luís Franco Grande.
13/05/2014. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de ferramentas en galego para o lecer

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza un Obradoiro de ferramentas en galego para o lecer e o tempo libre, destinado a profesionais do sector que preferentemente traballen no concello de Pontevedra. O obxectivo é fomentar o emprego de ferramentas en galego nas actividades musicais, lúdicas e formativas que planifican os profesionais do lecer e o tempo libre. O obradoiro desenvolverase o sábado 24 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra (seminario 8). O prazo de inscrición remata o 19 de maio de 2014.
12/05/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Os exemplos, autoría do xornalista José Casás García, foi o artigo gañador da décima edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca anualmente o Concello de Carballo. O autor recibirá un premio en metálico de 1.000 euros e, ademais, o artigo será publicado nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. A entrega de premios terá lugar o venres 16 de maio, ás 21.00 h, no Pazo da Cultura de Carballo coa actuación de Os Tres Trebóns e García Mc. A entrada é de balde. Para obter máis información, preme aquí.
12/05/2014. DINAMIZACIóN

Alumnado de sete centros educativos investiga a súa toponimia lendaria

Os equipos de dinamización lingüística de sete centros educativos de secundaria están a desenvolver, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia e multidisciplinar que ten como obxectivo promover a lectura, a creación e a investigación en galego. No marco deste proxecto, baseado na triloxía homónima de Elena Gallego Abad, o alumnado desenvolveu diferentes actividades relacionadas coa lectura, a recreación literaria e a investigación histórica. Neste terceiro trimestre traballará sobre a toponimia lendaria do seu contorno máis próximo, motivo polo que ao longo deste mes de maio se organizarán conferencias sobre toponimia maior e lendaria en cada un dos centros educativos participantes. Para ampliar información, preme aquí.

09/05/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso de curtametraxes e blogs en Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza o Curso básico de curtametraxes e blogs, dirixido a maiores de 18 anos, co obxectivo de achegar formación sobre creación audiovisual, dándolle valor á riqueza do imaxinario popular como fonte de creatividade. Con este obxectivo, durante o curso, o alumnado empregará para a creación das curtametraxes o material previamente recollido no proxecto “O nobelo do tempo”, unha iniciativa de recolla de tradición oral organizada o ano pasado polo SNL municipal.
O curso desenvolverase entre os días 28 de maio e 27 de xuño de 2014. As persoas interesadas poden formalizar a matrícula a partir do 12 de maio. Para ampliar esta información, preme aquí.

08/05/2014. AXUDAS E PREMIOS

Silleda premia o uso do galego no comercio

O Concello de Silleda, en colaboración co IES Pintor Colmeiro, a asociación Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta a primeira edición do Premio Concello de Silleda á normalización lingüística nas empresas e comercios, co obxectivo de estimular o uso do galego no sector comercial e recoñecer o labor tanto das empresas cunha tradición recoñecida na normalización, como daquelas que se incorporaron recentemente ás prácticas normalizadoras. O prazo para presentar as candidaturas remata o próximo 17 de maio.
08/05/2014. DINAMIZACIóN

Idioma e ilustración únense en Marín para festexar as Letras Galegas

A asociación Queremos Galego Marín presenta o seu programa de actividades para conmemorar este ano o Día das Letras Galegas, que inclúe tres actividades vinculadas á lingua e ao mundo da ilustración. Trátase en concreto dunha exposición das Letras Galegas, que poderá visitarse entre os días 16 e 23 de maio no Museo Manuel Torres, e dúas presentacións de libros: Coa lingua na terra (Toxosoutos), de Héitor Picallo; e O Bichero. Menú do día, de Luis Davila.
08/05/2014. DINAMIZACIóN

Festa das Letras na Coruña

A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña, organiza unha nova edición da Festa das Letras Galegas, dirixida este ano ao público familiar. O programa inclúe o espectáculo “A nena e o grilo nun barquiño”, con Magín Blanco; e a ludoteca xiramundos “A casa dos xogos”. As actividades terán lugar o 17 de maio nos xardíns de Méndez Núñez (ou no Forum Metropolitano, no caso de chuvia).

06/05/2014. DINAMIZACIóN

Allariz únese á conmemoración das Letras Galegas

A Fundación Vicente Risco, no marco do programa Cultura con Risco, presenta a programación de actividades que se desenvolverán ao longo deste mes de maio en Allariz para conmemorar as Letras Galegas. O programa inclúe presentación de libros, concertos didácticos, actuacións musicais, proxección de cine infantil, exposicións, unha festa do libro galego e mesmo un concurso de quebracabezas en galego por parellas. As actividades desenvolveranse entre os días 3 e 18 de maio de 2014. Para ampliar esta nova, preme aquí.
05/05/2014. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta unha nova edición do seu programa de actividades Maio, Mes da Lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país. O programa, organizado en colaboración con diferentes centros de ensino e entidades asociativas do concello, desenvolverase entre os días 1 de maio e 6 de xuño de 2014. Inclúe, entre outras actividades, festivais musicais, representacións teatrais, obradoiros didácticos, conferencias, exposicións e presentacións de libros.
05/05/2014. DINAMIZACIóN

Concerto das Letras Galegas, homenaxe musical a Díaz Castro

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega organiza unha nova edición do Concerto das Letras Galegas, que este ano terá lugar en Lugo. No acto participarán a orquestra Real Filharmonía de Galicia, o grupo vocal Sólo Voces e o Collegium Compostellanum, baixo a dirección de Maximino Zumalave, interpretando obras de Pascual Veiga, Xoán Montes, Xesús Bal y Gay, Octavio Vázquez e Rogelio Groba, sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde. O concerto terá lugar o 16 de maio, ás 20:30 h, no Círculo das Artes de Lugo. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/05/2014. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os Premios AELG 2014

A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou o pasado sábado, 3 de maio, en Pontevedra os Premios AELG 2014, galardóns que premian as mellores obras editadas en galego en 2013. As obras gañadoras nas principais categorías son: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, na categoría de Blog Literiario; A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo, na categoría de Ensaio; A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, na categoría de Literatura Infanto-xuvenil; Carme Vidal, na categoría de Xornalismo Cultural; A lúa da colleita, de Anxos Sumai, na categoría de Narrativa; Raíz da fenda, de Berta Dávila, na categoría de Poesía; Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño, na categoría de Teatro; e Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo, na categoría de Tradución. Para ampliar esta nova, preme aquí.
05/05/2014. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para festexar as Letras Galegas na aula

A Coordinadora Galega de ENDL pon ao dispor de toda a comunidade educativa o monográfico Letras Galegas 2014, unha compilación de materiais didácticos, recursos bibliográficos e documentación audiovisual sobre o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
02/05/2014. DINAMIZACIóN

O alumnado de Mondariz e Salvaterra de Miño avalía a situación do galego no sector servizos

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Mondariz, en colaboración cos departamentos de Matemáticas e de Lingua Galega e Literatura, promove a elaboración dun estudo sobre o uso das linguas no sector servizos de Mondariz. Trátase dunha xornada de intercambio sociolingüístico entre o alumnado de 3º da ESO do IES de Salvaterra de Miño e o do CPI de Mondariz que ten como obxectivo que o alumnado reflexione sobre a situación sociolingüística do galego levando á practica os seus coñecementos de estatística. O traballo de campo desenvolverase o vindeiro 5 de maio e consistirá na distribución dunha enquisa e recollida de datos no centro urbano de Mondariz. A xornada de convivencia rematará ese mesmo día cun taller impartido por Sechu Sende que leva por título “Mellora de actitudes cara á lingua galega”. Podes ampliar esta nova premendo aquí.

02/05/2014. DINAMIZACIóN

Santiago homenaxea a Díaz Castro en galego e con todas as letras

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o programa En galego con todas as letras, deseñado para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao poeta Xosé María Díaz Castro. O programa inclúe un musical sobre Rosalía de Castro, obradoiros de animación e audiovisual, un concerto de música tradicional infantil e un recital dramatizado e concerto en torno ao escritor Díaz Castro. As actividades, deseñadas para o público infantil e xuvenil, desenvolveranse entre os días 9 e 28 de maio de 2014. Para obter máis información, preme aquí.
02/05/2014. INVESTIGACIóN

Nova análise do galego desde a perspectiva ecolóxica

A editorial Xerais tira do prelo Contra a morte das linguas. O caso do galego, unha nova achega á investigación sociolingüística desde a perspectiva da ecoloxía. Trátase dun ensaio, autoría de Miguel Moreira Barbeito, no que se analizan como realidades interdependentes a diminución da diversidade lingüística do planeta e a situación actual do galego. Para ampliar esta nova, preme aquí.

30/04/2014. DINAMIZACIóN

ProLingua anima a comprometerse con mil primaveras máis para o galego

Empregando como fío condutor as coñecidas palabras de Cunqueiro nas que desexaba mil primaveras máis para a lingua galega, ProLingua está a organizar unha campaña de dinamización lingüística que ten como obxectivo darlle visibilidade ao compromiso individual co idioma galego. Os promotores da iniciativa convidan a todas as persoas que o desexen a gravar un vídeo dicindo “Por min o galego terá mil primaveras máis” (ou ben “Por nós o galego terá mil primaveras máis”, se o fan en grupo) e envialo a prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio. Con todos as gravacións recibidas comporase un novo vídeo, simbolizando deste xeito o paso do compromiso individual ao colectivo. Para ampliar este nova, preme aquí.
30/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

A CGENDL convoca unha nova edición do Premio Leixaprén

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) convoca unha nova edición do Premio Leixaprén, unha iniciativa que ten como obxectivo recoñecer a persoas, entidades e institucións que se caracterizan por unha defensa activa da lingua galega en diferentes ámbitos sociais. As candidaturas propostas este ano polo Consello directivo da CGENDL son: Fernando Vázquez Pena, María Xosé Silvar “Sés”, María Mera Constenla e Esther García del Barrio. O xurado está composto polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino adscritos á CGENDL, que teñen de prazo para emitir os seus votos ata o 30 de maio.
30/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

Agustín Fernández Paz, Premio Trasalba 2014

A Fundación Otero Pedrayo decidiu por unanimidade conceder o Premio Trasalba 2014 ao escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947). Os promotores do premio valoraron a relevancia de Agustín Fernández Paz no eido da literatura infantil e xuvenil, así como o seu compromiso coa lingua galega e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80. O acto de entrega do galardón terá lugar no transcurso da Festa Anual que a Fundación Otero Pedrayo celebrará na casa grande de Cimadevila (Amoeiro) o 29 de xuño. Para ampliar esta información, preme aquí.
29/04/2014. DINAMIZACIóN

O movemento asociativo do Couto presenta o programa do Festiletras

As entidades asociativas Monte Branco, Inllar, Colectivo Con V de Valarés, Coral A Oliveira de Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal, todas elas do Couto (Ponteceso), presentaron o programa Festiletras 2014, un amplo programa de actividades que se desenvolverá entre os días 16 e 18 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas 2014, dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro. O programa inclúe obradoiros literarios sobre autores da comarca, actuacións musicais e teatrais, unha mostra do libro galego, unha feira de artesanía e unha xornada dedicada á revitalización das aldeas. Podes ampliar esta información na páxina de Facebook do Festiletras.
29/04/2014. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega para o ano 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2014 nas seguintes modalidades: Letras, Artes Plásticas; Artes Escénicas; Música; Audiovisual; Patrimonio Cultural; Promoción Exterior e Lingua. Poderán ser candidatas as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se distingan pola súa traxectoria vinculada co obxecto da modalidade correspondente. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio. O prazo de presentación será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.