Novas da lingua

Rexistros3211 a 3240 de 5280
27/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) publica no seu sitio web as resolucións das dúas liñas de axudas dirixidas ao sector do audiovisual en lingua galega, unha delas destinada a apoiar as producións ou coproducións audiovisuais no noso idioma e outra dirixida ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

I Certame de Canción de Autor en Galego

O Concello de Teo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis convocan, coa colaboración de Músicos ao Vivo, o I Certame de Canción de Autor en Galego, que se celebrará no Concello de Teo. Poderán participar todos/as os/as cantautores/as que non posúan ningún disco editado en solitario. As composicións, de calquera estilo musical, deberán ser orixinais e de creación propia, e as letras terán que estar escritas en galego. O prazo de inscrición remata o 10 de marzo de 2014. Para obter máis información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

En Santiago, ti tamén es Ser Libris

As concellerías de Normalización Lingüística e de Mobilidade do Concello de Santiago, en colaboración coa Asociación Galega de Editores (AGE), están a desenvolver a campaña Ser Libris, co obxectivo de promover o libro galego e a lectura entre os usuarios do transporte urbano. Durante os vindeiros dous meses, os/as viaxeiros/as terán ao seu dispor nos autobuses urbanos diferentes vinilos con textos literarios ou divulgativos publicados por autores/as da AGE. Para ampliar esta información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

Ciclo de cinema infantil no Concello de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coincidindo con estas datas festivas do Nadal, organiza un ciclo de cinema infantil deseñado para difundir a creatividade audiovisual en lingua galega e fomentar o uso do noso idioma no tempo de lecer. Os filmes que se proxectarán son “O bosque animado” e “O soño dunha noite de San Xoán”. As proxeccións terán lugar no Multiusos do Piñeiral do Crego (Chapela) e no Multiusos da Xunqueira (Redondela). A entrada é de balde. Para obter máis información sobre as datas e horarios, preme aquí.
20/12/2013. DINAMIZACIóN

No comercio grovense, o galego vende

A Concellería de Comercio do Concello do Grove, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística municipal, adscrito á Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, presenta a campaña de dinamización lingüística “No comercio local, o galego vende”, deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito das relacións comerciais. Ademais do cartel co lema da campaña, o concello distribuíu entre os comercios da localidade etiquetas para decorar os paquetes cos lemas “parabéns” ou “con todo o meu cariño”, e globos para agasallar os máis pequenos/as.
20/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria de axudas para publicacións periódicas

A Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia publican, no DOG do 20 de decembro de 2013, a resolución da convocatoria de axudas concedidas ás empresas que editan publicacións periódicas escritas integramente en galego.
Se desexas consultar esta resolución, preme aquí.
19/12/2013. DINAMIZACIóN

Xove promove o comercio local en lingua galega

O Concello de Xove está a desenvolver unha campaña de dinamización lingüística no ámbito do comercio local que ten como obxectivo reforzar o uso do galego nas comunicacións comerciais e, ao tempo, promover o pequeno comercio de ámbito local. No marco desta iniciativa deseñáronse dúas accións: un curso de paquetería para os traballadores/as do sector comercial e un servizo de asesoramento ás empresas para galeguizar a súa documentación. O resultado é que todos os comercios do municipio están a empregar nos paquetes da campaña de Nadal un único papel de embalaxe, fornecido polo Concello, con mensaxes como “Xove”, “comercio local”, “agasallos” e “en galego enténdote”.
Para ampliar esta nova, preme aquí.
16/12/2013. DINAMIZACIóN

Abertos ao Galego presenta o seu catálogo de Nadal

A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde a terceira edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
Para ampliar esta nova, preme aquí.
13/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premio Nacional de Educación 2013 para o CEIP Frian-Teis polo seu plan de fomento da lectura

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle o Premio Nacional de Educación para centros non universitarios, no apartado de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais, ao proxecto A lingua sabe a pan. Trátase dun Proxecto Documental Integrado promovido pola Biblioteca Escolar do CEIP Frian-Teis (Vigo), desenvolvido durante o curso escolar 2012-2013 co obxectivo de fomentar a lectura e a tradición oral.
Neste curso 2013-2014, o CEIP Frian-Teis está a reeditar a experiencia co proxecto A lingua sabe a mar, destinado a difundir a tradición oral e a cultura mariñeiras.
13/12/2013. CURSOS E CONGRESOS

Simposio Roberto Vidal Bolaño

A Real Academia Galega, en colaboración coa Universidade da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza o Simposio Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013.
As sesións terán lugar o vindeiro 17 de decembro de 2013 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e na Real Academia Galega. A asistencia é libre.
12/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixeron público os galardoados da décimo cuarta edición dos Premios Manuel Beiras.
Os premiados deste ano foron a empresa de comercio en liña Buydeal, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, a empresa de servizos Pedra Salgada, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego, e o escritor e profesor Manuel Portas, que recibirá unha mención especial polo seu traballo no ámbito da dinamización lingüística, nomeadamente como impulsor dos propios Premios Manuel Beiras.
Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
12/12/2013. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para festexar o Nadal nas aulas

A Coordinadora Galega de ENDL presenta, un ano máis, un espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos relacionados co Nadal. Entre outros materiais, facilítanse modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades, recursos didácticos e novas de interese relacionadas con estas datas festivas.
12/12/2013. DINAMIZACIóN

Os Reis Magos premian a creatividade dos máis pequenos/as

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames e Santiago organizan cadanseu concurso de cartas aos Reis Magos, para fomentar a creatividade dos máis pequenos/as da casa e promover o uso do galego nas actividades do lecer.
As nenas e nenos de Ames teñen de prazo para participar no VII Concurso de Cartas de Nadal ata o vindeiro 16 de decembro. Os/as nenos/as composteláns/ás que queiran participar no II Concurso de Cartas de Reis teñen que enviar a súa carta antes do 31 de decembro. Serán os propios Reis os que fagan a entrega dos premios o vindeiro 5 de xaneiro no transcurso da cabalgata.
09/12/2013. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre os estudos galegos en América do Norte

O Grupo de Investigación de Estudos Galegos da Universidade de Wisconsin–Milwaukee está a organizar o congreso “Mapa dos estudos galegos en América do Norte”, que terá lugar os días 2 e 3 de maio de 2014. O obxectivo é crear un foro para o intercambio de ideas e propostas arredor do presente e futuro dos estudos galegos nas institucións de América do Norte. O comité organizador convida a estudosos/as dos ámbitos das Humanidades e as Ciencias Sociais a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 3 de febreiro de 2014. Para ampliar esta información, preme aquí.
04/12/2013. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística na Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña convoca unha praza de técnico/a de normalización lingüística (A1), adscrita á Área de Secretaría Xeral. O procedemento de selección será o concurso-oposición. As persoas que desexen participar no proceso deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Hispánica, na especialidade de Galego, ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio de convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
03/12/2013. LEXISLACIóN

O Parlamento de Galicia insta á Xunta a promover a etiquetaxe en lingua galega

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que insta á Xunta de Galicia a impulsar o consumo de produtos galegos e a refrendar a Carta do Consumo Responsable e Solidario que o pasado día 6 de xullo asinaron os grupos políticos a instancias da Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios. Así mesmo, a través desta proposición pídeselle ao Goberno galego que promova a etiquetaxe e distribución de produtos agroalimentarios en lingua galega e promocione os produtos etiquetados no noso idioma.
Para ampliar esta información, preme aquí.
03/12/2013. DINAMIZACIóN

Propostas para festexar o Nadal en rede

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a segunda edición do programa “Nadal en Rede”, que percorrerá 24 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística co obxectivo de fomentar a galeguización das festas típicas do Nadal. A principal acción do programa é o espectáculo para monicreques ‘O Crebanoces’, unha proposta dirixida ao público familiar, inspirada no conto de Hoffmann con música de Tchaikowsky. Así mesmo, reeditaranse as iniciativas “Lingua de Reis” (visita dos Magos de Oriente a centros de infantil e primaria) e “Cantámosche os reis” (obradoiros de cantos de Nadal). Os concellos terán tamén ao seu dispor diferentes materiais dixitais, como postais, modelos de carta aos Reis Magos ou unha guía de agasallos en galego.

Para obter máis información, preme aquí.
29/11/2013. DINAMIZACIóN

Preséntase no Culturgal a iniciativa Agasallo.eu

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta mañá, 30 de novembro, ás 12:30 h, no Culturgal a súa iniciativa Agasallo.eu, unha plataforma en liña deseñada para compilar, difundir e recomendar agasallos en galego para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano. Todas aquelas empresas que comercialicen produtos en galego e estean interesadas en participar nesta plataforma, poden obter información de como facelo premendo aquí.
28/11/2013. OUTRAS

As cifras da edición do libro en Galicia

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Observatorio da Cultura Galega, acaba de facer público o informe “O libro en cifras”, no que se ofrecen datos estatísticos sobre a evolución e a situación actual da edición de libros en Galicia. Así mesmo, tamén se analizan outras cuestións relacionadas co ámbito editorial, como son os hábitos de lectura dos galegos/as, a actividade empresarial vinculada ao sector editorial ou o mercado laboral propio deste ámbito. No que respecta á lingua das publicacións, segundo os datos presentados, apréciase unha diminución de títulos en galego desde o ano 2009, que acada os seus niveis máis baixos en 2012, con 1322 títulos publicados.
26/11/2013. DINAMIZACIóN

Música en galego para seguir camiñando a prol do ensino público

Nova Escola Galega está a organizar a gala “Para seguirmos camiñando”, co obxectivo de reivindicar, a través da música e da palabra, a importancia da educación pública en galego e de recadar apoio económico para o seu proxecto asociativo. Na gala, que será presentada por Alberto Mancebo, intervirán Mariló Candedo e Agustín Fernández Paz, e actuarán Os D’Abaixo, Odaiko, Cis Frambá e A miña primeira Rosalía (Mª Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra). O acto terá lugar o vindeiro sábado, 30 de novembro, ás 19 h, no Auditorio de Galicia (Sala Mozart), en Santiago de Compostela. Para ampliar esta información, preme aquí.
25/11/2013. DINAMIZACIóN

Nova edición do programa Parellaes

O Departamento de Filoloxía Galega e mais a Área de Catalán da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición de Parellaes, un programa académico de intercambio lingüístico e cultural galego-catalán. O programa está destinado ao alumnado da USC que fale galego ou catalán e desexe aprender, practicar ou mellorar a outra lingua. As persoas interesadas deben enviar a ficha de inscrición a estudiscatalans.usc@gmail.com. A organización porase en contacto cos solicitantes para achegarlle a información necesaria para poder tramitar a matrícula.
25/11/2013. DINAMIZACIóN

A hostalaría compostelá convida a xantar en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostelería Compostela organizan unha nova edición da campaña de dinamización lingüística “Xantar Compostela”, deseñada co obxectivo de promover a presenza da lingua galega no ámbito da hostalaría compostelá. Este ano distribuiranse 100 000 manteis individuais entre os máis de 1 500 establecementos de restauración e hospedaxe adscritos á Asociación Hostelería Compostela. A clientela destes establecementos poderá gozar durante os tempos de espera cos diferentes pasatempos e xogos de palabras que conteñen os manteis, deseñados en catro modelos diferentes (dous para público infantil e outros dous para adultos).
Para ampliar esta nova, preme aquí.
22/11/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a tradución do libro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
21/11/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a cadea San Luís pola súa aposta polo galego

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou que a cadea de electrodomésticos San Luís foi a empresa gañadora do II Premio Abertos ao Galego. O xurado valorou a importancia simbólica da aposta lingüística de San Luís, que emprega o galego tanto na publicidade como na rotulación das súas tendas. O acto de entrega do galardón, que será presentado pola actriz Isabel Risco e contará coa actuación da cantante Najla Shami, terá lugar mañá, 22 de novembro de 2013, ás 20:30 h, no Pazo da Cultura de Carballo. Para ampliar esta información, preme aquí.
21/11/2013. INVESTIGACIóN

Xerais presenta un estudo sobre as falas galegas do Val do Ellas

Edicións Xerais acaba de sacar do prelo a obra O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas, autoría de Xosé-Henrique Costas González. O estudo presenta unha caracterización fonética, morfosintáctica e léxica das falas propias dos concellos estremeños que conforman o Val do Ellas (Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trebello), defendendo a súa orixe galega. Así mesmo, o autor achega unha análise da situación sociolingüística actual destas falas e reflexiona sobre a necesidade da súa codificación.
O vindeiro 28 de novembro de 2013, ás 19:30 h, terá lugar a presentación deste libro na Biblioteca Ánxel Casal, en Santiago de Compostela.
19/11/2013. CURSOS E CONGRESOS

O Concello do Grove convida aos inmigrantes a achegarse ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove organiza a terceira edición do curso Achégate ao galego, destinado principalmente á poboación inmigrante e aos emigrantes retornados que residen no municipio, aínda que tamén poderá participar a veciñanza local que o desexe. No curso, de 75 horas de duración, ofreceranse nocións básicas de galego, así como información de utilidade para facilitar a integración sociocultural e lingüística destes colectivos.
Podes ampliar esta información premendo aquí.
19/11/2013. OUTRAS

A Xunta de Galicia presenta o tradutor automático Gaio

O secretario xeral de Política Lingüística, a directora da Amtega e o director xeral de Administración Local presentaron hoxe o tradutor automático Gaio, unha ferramenta desenvolvida pola empresa Imaxin Software no marco do programa eConcellos, que estará á disposición dos traballadores/as da Administración pública de Galicia. O tradutor Gaio permite a tradución bidireccional de texto, documentos e URL nos pares galego-castelán e galego-portugués. Tamén permite a tradución de correos electrónicos da Administración autonómica e local.
15/11/2013. DINAMIZACIóN

Obradoiro de nanas en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza a terceira edición deste Obradoiro de nanas, que ten como obxectivo principal fomentar a transmisión interxeracional en lingua galega. O obradoiro, impartido polos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández, está destinado principalmente a nais e pais, mais tamén a familiares e formadores que desexen descubrir os beneficios emocionais que ofrece a transmisión dos cantos de berce. A actividade desenvolverase os mércores 20 e 27 de novembro de 2013, de 17:00 a 19:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. Para obter máis información, preme aquí.
14/11/2013. CURSOS E CONGRESOS

VII xornada Xustiza e Lingua

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a sétima edición da xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza.
A xornada terá lugar o vindeiro 28 de novembro de 2013, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán. A matrícula é de balde. Podes inscribirte cubrindo este formulario web.
14/11/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os servizos de normalización lingüística municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica a convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación ou mantemento de seus servizos de normalización lingüística durante o ano 2014.
Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes. Os concellos con menos de 7 000 habitantes só poderán participar en mancomunidades ou agrupacións de concellos. Aqueles cunha poboación de entre 7 000 e 50 000 poden presentarse individualmente ou agrupados.
O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 h do 20 de decembro de 2013. [Resolución de modificación do prazo]