Novas da lingua

Rexistros3241 a 3270 de 4427
19/02/2014. LEXISLACIóN

Regúlase a exención da materia de lingua galega no ensino non universitario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, con relación á exención da materia de lingua galega. O obxecto desta orde é definir os distintos supostos excepcionais e taxados en que o alumnado pode solicitar a exención da materia de lingua galega nos diferentes niveis e etapas do ensino non universitario e regular o procedemento e os prazos para a solicitude da exención.
19/02/2014. LEXISLACIóN

Modifícase a orde que regula os Celga para adaptar as validacións

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 19 de febreiro de 2014, unha nova orde pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga). O obxectivo desta modificación é adaptar as validacións aos novos currículos e titulacións, así como recoñecer os estudos de lingua galega realizados en centros de ensino no exterior (Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres e o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires), recoñecer as certificacións oficiais que expiden as escolas oficiais de idiomas e establecer exencións dalgunhas probas a persoas cunha determinada porcentaxe na súa discapacidade física ou psíquica.

17/02/2014. DINAMIZACIóN

Programa de actividades para festexar as Letras Galegas 2014

A Consellería de Educación e Cultura presentou o pasado venres, 14 de febreiro de 2014, o programa oficial de actividades deseñado para difundir a obra poética de Xosé María Díaz Castro, autor ao que a Real Academia Galega acordou dedicar este ano o Día das Letras Galegas. O programa, que se inaugurará o vindeiro 19 de febreiro, coincidindo co centenario do nacemento do autor, inclúe un amplo abano de actividades, como exposicións, edicións conmemorativas, roteiros, documentais, actos conmemorativos nos concellos, actividades escolares ou iniciativas de difusión exterior.
Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon ao dispor da comunidade educativa unha selección de recursos educativos de utilidade para difundir a obra de Díaz Castro no ámbito escolar.
17/02/2014. OUTRAS

Eurocatering, proxecto de aprendizaxe do léxico da cociña, a hostalaría e a recepción

O IES As Fontiñas (Santiago de Compostela) está a desenvolver, en colaboración con outros centros educativos e organismos europeos, o proxecto Eurocatering, un sitio web de aprendizaxe de idiomas dirixido ao estudantado e aos profesionais do ámbito da cociña, a hostalaría e a recepción. O proxecto inclúe léxico profesional e actividades didácticas en alemán, esloveno, español, finés, francés, galego, holandés, inglés, irlandés, italiano, noruegués e polaco, así como información sociocultural de utilidade para traballar nos diferentes países de Europa.
Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
14/02/2014. DINAMIZACIóN

Dinamizando o galego a través do xadrez

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración coa Escola de Xadrez de Pontevedra e a Asociación de Veciños Ponte Muíños, organiza un curso de iniciación ao xadrez, no marco do programa de actividades de dinamización lingüística no ámbito do lecer.
O curso está dirixido a persoas de todas as idades e desenvolverase todos os venres, do 21 de febreiro ao 30 de maio de 2014, no local social de Ponte Muíños. O prazo de inscrición remata o 19 de febreiro.
13/02/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/02/2014. DINAMIZACIóN

Explícoche matemáticas 2.0

A Facultade de Matemáticas da USC e a súa Comisión de Normalización Lingüística organizan o concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático. O certame está dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. Cada participante (ou grupo) debe presentar unha curtametraxe de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. O premio para os/as gañadores/as será unha tableta bq Edison 2. O prazo para enviar os proxectos remata o 31 de marzo de 2014. Para consultar as bases completas, preme aquí.
11/02/2014. AXUDAS E PREMIOS

En Entroido, o galego sabe mellor

O Concello de Oroso convoca unha nova edición do concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”. As receitas deben ser típicas do Entroido e estar redactadas en lingua galega. O prazo de entrega remata o 24 de febreiro de 2014. Ao día seguinte, o 25 de febreiro, os participantes deberán presentar tamén o prato cociñado.
Os premios consistirán nunha cea para dúas persoas (para o/a gañador/a) e un libro de cociña (para o/a finalista).
11/02/2014. DINAMIZACIóN

X Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a décima edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 11 de abril de 2014. Se desexa consultar as bases, prema aquí.
11/02/2014. CURSOS E CONGRESOS

Anuncio para as entidades locais da próxima convocatoria de cursos de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística diríxese ás entidades locais (deputacións, concellos, mancomunidades, consorcios e agrupamentos de concellos) para anunciarlles a próxima realización de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. As entidades locais que teñan un mínimo de 20 persoas preinscritas teñen de prazo para comunicarllo ao Gabinete de Normalización Lingüística da súa provincia ata o 24 de febreiro de 2014. Posteriorme, a SXPL plafinicará a programación dos cursos, que publicará na súa páxina web.
Para ampliar esta información, preme aquí.
06/02/2014. OUTRAS

En liña o novo Boletín de Sumarios do CDSG

Xa podes consultar o noso Boletín de Sumarios 2013, produto documental que inclúe os sumarios de 216 números de publicacións periódicas, correspondentes a 27 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o ano 2013.
Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
06/02/2014. DINAMIZACIóN

Coa lingua na camiseta, para fomentar a creatividade en galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Mondariz organiza o concurso “Co galego na túa camiseta”, que ten como obxectivo premiar o/a autor/a da camiseta co lema máis creativo, de entre todas as elaboradas no obradoiro de camisetas con lemas ou ditos en galego que se desenvolveu o pasado mes de xaneiro neste centro educativo. No blog do EDL atoparás máis información sobre a iniciativa, así como as indicacións que precisas para participar no concurso.
05/02/2014. CURSOS E CONGRESOS

Repensando o currículo educativo en Lingua e Literatura Galegas

O Instituto da Lingua Galega, o Departamento de Filoloxía Galega e o Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago organizan as xornadas Repensando o currículo educativo en Lingua e Literatura Galegas nun contexto social en mudanza. As sesións terán lugar os días 21 e 22 de febreiro de 2014 na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de matrícula remata o 18 de febreiro. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/02/2014. DINAMIZACIóN

Versión Orixinal, ciclo de cinema en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza a segunda edición do ciclo de cinema en galego “Versión Orixinal”. As proxeccións realizaranse entre o 7 de febreiro e o 4 de abril de 2014, en venres alternos, no Auditorio da Xunqueira. Os filmes que se proxectarán nesta edición son Doentes, dirixido por Gustavo Balza; 18 comidas, dirixido por Jorge Coira; Arraianos, dirixido por Eloy Enciso; Costa da Morte, dirixido por Lois Patiño; e Tralas Luces, dirixido por Sandra Sánchez.
04/02/2014. DINAMIZACIóN

Ben veñas, maio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais os equipos de normalización lingüística dos IES de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, dirixido ao alumnado de ensino medio do concello. A iniciativa, que inclúe diferentes certames (fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, teatro e música), está deseñada para fomentar o uso do galego nas actividades propias da mocidade, así como incentivar a reflexión sobre a situación actual do idioma. O prazo de presentación dos traballos remata o 31 de marzo de 2014.
Para obter máis información, preme aquí.
04/02/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición de Lingua de Namorar

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea. O prazo para enviar as mensaxes remata o 23 de febreiro.
04/02/2014. DINAMIZACIóN

Outros 21 días co galego na Pobra do Caramiñal

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais o Departamento de Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal organizan a segunda edición da campaña de dinamización lingüística 21 días co galego, que ten como obxectivos perfeccionar a competencia lingüística do alumnado e promover a reflexión individual sobre os propios usos lingüísticos. No marco desta iniciativa está a desenvolverse un programa de actividades lúdicas e didácticas que inaugurou, como xa fixera na pasada edición, o escritor Agustín Fernández Paz.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

GraffitiRosalía, para levar a poesía rosaliana ás rúas

A Asociación de Escritores en Lingua Galega está a organizar o programa de actos graffitiRosalía co que, en colaboración con diferentes concellos e asociacións culturais, celebrará o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro. Nesta edición o obxectivo é visibilizar os versos da escritora en espazos públicos e comunitarios, polo que convida aos centros educativos de Galicia a que graffiteen versos de Rosalía en muros ou paredes habilitadas para a actividade. Así mesmo, a AELG anima á cidadanía en xeral a festexar este día agasallando un libro en galego e unha flor.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para o Entroido

A Coordinadora Galega de ENDL publica un novo monográfico didáctico sobre o Entroido. O especial inclúe, entre outros recursos, unidades didácticas, vocabulario, xogos, receitas, manualidades ou obras literarias. Trátase dunha compilación de materiais desenvolvidos en diferentes centros de ensino que agora a CGENDL pon ao dispor de toda a comunidade educativa.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

Exposición sobre o 50 aniversario do Día das Letras Galegas

O Parlamento de Galicia, coa colaboración da Real Academia Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a exposición itinerante 51 páxinas das nosas letras, con motivo da conmemoración do 50 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas. As mostra inclúe as 51 medallas conmemorativas dos homenaxeados/as, paneis cos perfís biográficos de cada autor/a e un vídeo divulgativo sobre a historia e o significado desta celebración. A exposición poderá visitarse entre os días 4 e 20 de febreiro de 2014 no Centro Ágora da Coruña. Para ampliar esta información, preme aquí.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

II Concurso de cartas de amor en galego

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal convoca o II Concurso de cartas de amor en galego, co obxectivo de fomentar a creatividade e a creación literaria no noso idioma. O certame está dirixido a persoas maiores de 14 anos. O xurado outorgará tres premios e os/as gañadores/as recibirán cadanseu lote de libros. O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de febreiro de 2014.
Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
03/02/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premio Eganet para o Portal das Palabras

Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) concedeulle o Premio ao Mellor Proxecto Colaborativo Empresarial TIC ao Portal das Palabras, un espazo web deseñado para a difusión do léxico galego que promoven en colaboración a Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
Os premios Eganet recoñecen anualmente o labor de profesionais e empresas galegas que traballan no desenvolvemento do sector TIC en Galicia. Para obter máis información, preme aquí.
29/01/2014. DINAMIZACIóN

Monicreques en galego para Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura de Redondela desenvolven durante esta semana encontros didácticos arredor dos monicreques e a actividade teatral en xeral, cos obxectivos de apoiar e motivar o teatro que se fai nos centros escolares.
A fin de semana, a iniciativa será aberta ao público.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Nace Radio Colmeiro, unha nova iniciativa de radio escolar

O IES Pintor Colmeiro de Silleda inaugurou o pasado 18 de decembro de 2013 Radio Colmeiro, unha iniciativa de radio escolar desenvolvida polo seu alumnado e promovida polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro. O ENDL xa está a traballar na elaboración de vindeiros programas. Mentres, podes consultar este vídeo para descubrir como se xestou o proxecto.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Nova ponte virtual entre Pontevedra e Londres

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o proxecto Ponte a Londres, que está a desenvolver en colaboración con varios centros de ensino pontevedreses (CEIP San Benito Lérez, CEIP Santo André de Xeve e CEIP de Parada-Campañó) e o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres. Trátase dun proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural no que o alumnado pontevedrés e londinense poderá intercambiar, a través da rede, as súas experiencias persoais arredor da lingua galega.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Campaña para galeguizar a hostalaría na comarca de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes presenta a campaña de dinamización lingüística “En galego, o mellor sabor”, que desenvolverá en colaboración cos concellos de Ordes, Frades, Oroso, Cerceda, Tordoia e Trazo. O obxectivo é promover o sector da hostalaría nesta comarca e fomentar o uso do galego neste ámbito. A principal acción consistirá na corrección ou tradución ao galego das cartas ou menús, un servizo que lles ofrecerá o SNL da Mancomunidade a todos os establecementos que se adhiran á iniciativa.
17/01/2014. INVESTIGACIóN

Preséntanse novos textos poéticos manuscritos de Rosalía de Castro

Onte, 17 de xaneiro de 2014, tivo lugar na sede da Real Academia Galega a presentación pública de varios textos manuscritos, ata o de agora inéditos, de Rosalía de Castro. A publicación destes manuscritos, a cargo dos profesores Henrique Monteagudo e María Xesús Lama, inclúe un poema en lingua galega, que se inscribiría nos inicios da súa carreira poética en galego, e varias pezas en castelán dos seus últimos anos. Para ampliar esta nova, preme aquí.
17/01/2014. DINAMIZACIóN

Bota a andar a terceira edición do Club de Debate

Os representantes dos concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo asinaron publicamente a addenda ao protocolo de colaboración para a organización da terceira edición do Club de Debate. O proxecto, organizado polos seus respectivos servizos de normalización lingüística, ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Podes manterte ao día do desenvolvemento desta iniciativa, a través da súa páxina de Facebook.
15/01/2014. CURSOS E CONGRESOS

Traballando a prol da integración lingüística en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza unha nova edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural, destinado ás persoas nacidas fóra de Galicia. No obradoiro desenvolveranse diferentes actividades para que estas persoas poidan integrarse doadamente no contexto lingüístico e cultural galego, ao tempo que se lles facilitará información de utilidade para acceder ao mundo laboral. As sesións terán lugar entre o 11 de febreiro e o 3 de abril de 2014 (martes e xoves). O prazo de inscrición remata o 4 de febreiro. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/01/2014. INVESTIGACIóN

Novo estudo sobre o contacto de linguas

O Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega presentan o volume
Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias, no que se estuda o contacto lingüístico e os fenómenos a el asociados (interinfluencias, hibridación, multilingüismo individual e social), nomeadamente no que se refire á historia e situación lingüística actual de Galicia. Esta obra recolle as contribucións presentadas no Simposio ILG 2010 e únese á serie de volumes que o CCG e o ILG veñen coeditando desde o ano 2002.