Novas da lingua

Rexistros3271 a 3300 de 5153
03/02/2014. DINAMIZACIóN

Exposición sobre o 50 aniversario do Día das Letras Galegas

O Parlamento de Galicia, coa colaboración da Real Academia Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a exposición itinerante 51 páxinas das nosas letras, con motivo da conmemoración do 50 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas. As mostra inclúe as 51 medallas conmemorativas dos homenaxeados/as, paneis cos perfís biográficos de cada autor/a e un vídeo divulgativo sobre a historia e o significado desta celebración. A exposición poderá visitarse entre os días 4 e 20 de febreiro de 2014 no Centro Ágora da Coruña. Para ampliar esta información, preme aquí.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

II Concurso de cartas de amor en galego

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal convoca o II Concurso de cartas de amor en galego, co obxectivo de fomentar a creatividade e a creación literaria no noso idioma. O certame está dirixido a persoas maiores de 14 anos. O xurado outorgará tres premios e os/as gañadores/as recibirán cadanseu lote de libros. O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de febreiro de 2014.
Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
03/02/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premio Eganet para o Portal das Palabras

Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) concedeulle o Premio ao Mellor Proxecto Colaborativo Empresarial TIC ao Portal das Palabras, un espazo web deseñado para a difusión do léxico galego que promoven en colaboración a Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
Os premios Eganet recoñecen anualmente o labor de profesionais e empresas galegas que traballan no desenvolvemento do sector TIC en Galicia. Para obter máis información, preme aquí.
29/01/2014. DINAMIZACIóN

Monicreques en galego para Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura de Redondela desenvolven durante esta semana encontros didácticos arredor dos monicreques e a actividade teatral en xeral, cos obxectivos de apoiar e motivar o teatro que se fai nos centros escolares.
A fin de semana, a iniciativa será aberta ao público.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Nace Radio Colmeiro, unha nova iniciativa de radio escolar

O IES Pintor Colmeiro de Silleda inaugurou o pasado 18 de decembro de 2013 Radio Colmeiro, unha iniciativa de radio escolar desenvolvida polo seu alumnado e promovida polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro. O ENDL xa está a traballar na elaboración de vindeiros programas. Mentres, podes consultar este vídeo para descubrir como se xestou o proxecto.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Nova ponte virtual entre Pontevedra e Londres

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o proxecto Ponte a Londres, que está a desenvolver en colaboración con varios centros de ensino pontevedreses (CEIP San Benito Lérez, CEIP Santo André de Xeve e CEIP de Parada-Campañó) e o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres. Trátase dun proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural no que o alumnado pontevedrés e londinense poderá intercambiar, a través da rede, as súas experiencias persoais arredor da lingua galega.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Campaña para galeguizar a hostalaría na comarca de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes presenta a campaña de dinamización lingüística “En galego, o mellor sabor”, que desenvolverá en colaboración cos concellos de Ordes, Frades, Oroso, Cerceda, Tordoia e Trazo. O obxectivo é promover o sector da hostalaría nesta comarca e fomentar o uso do galego neste ámbito. A principal acción consistirá na corrección ou tradución ao galego das cartas ou menús, un servizo que lles ofrecerá o SNL da Mancomunidade a todos os establecementos que se adhiran á iniciativa.
17/01/2014. INVESTIGACIóN

Preséntanse novos textos poéticos manuscritos de Rosalía de Castro

Onte, 17 de xaneiro de 2014, tivo lugar na sede da Real Academia Galega a presentación pública de varios textos manuscritos, ata o de agora inéditos, de Rosalía de Castro. A publicación destes manuscritos, a cargo dos profesores Henrique Monteagudo e María Xesús Lama, inclúe un poema en lingua galega, que se inscribiría nos inicios da súa carreira poética en galego, e varias pezas en castelán dos seus últimos anos. Para ampliar esta nova, preme aquí.
17/01/2014. DINAMIZACIóN

Bota a andar a terceira edición do Club de Debate

Os representantes dos concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo asinaron publicamente a addenda ao protocolo de colaboración para a organización da terceira edición do Club de Debate. O proxecto, organizado polos seus respectivos servizos de normalización lingüística, ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Podes manterte ao día do desenvolvemento desta iniciativa, a través da súa páxina de Facebook.
15/01/2014. CURSOS E CONGRESOS

Traballando a prol da integración lingüística en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza unha nova edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural, destinado ás persoas nacidas fóra de Galicia. No obradoiro desenvolveranse diferentes actividades para que estas persoas poidan integrarse doadamente no contexto lingüístico e cultural galego, ao tempo que se lles facilitará información de utilidade para acceder ao mundo laboral. As sesións terán lugar entre o 11 de febreiro e o 3 de abril de 2014 (martes e xoves). O prazo de inscrición remata o 4 de febreiro. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/01/2014. INVESTIGACIóN

Novo estudo sobre o contacto de linguas

O Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega presentan o volume
Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias, no que se estuda o contacto lingüístico e os fenómenos a el asociados (interinfluencias, hibridación, multilingüismo individual e social), nomeadamente no que se refire á historia e situación lingüística actual de Galicia. Esta obra recolle as contribucións presentadas no Simposio ILG 2010 e únese á serie de volumes que o CCG e o ILG veñen coeditando desde o ano 2002.
14/01/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición de Lareta, o festival de monólogos de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza a terceira edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival terá lugar os sábados 18 e 25 de xaneiro e 1 e 8 de febreiro de 2014 no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela). O programa inclúe as actuacións de Víctor Fábregas, Celso Sanmartín, Quico Cadaval e Patricia Vázquez.
14/01/2014. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para o fomento do galego nos centros privados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2013-2014, proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de ensino non universitario de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir da publicación da convocatoria.
13/01/2014. EMPREGO

Convocatoria para a contratación de persoal investigador

O Instituto da Lingua Galega anuncia a convocatoria pública para a contratación, a tempo parcial, dun investigador/a, que estará adscrito ao proxecto “Edición e elaboración dos materiais galegos do ALPI”. A duración do contrato é de 10 meses. Os candidatos/as deben posuír o título da Licenciatura en Filoloxía Galega ou do Grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo para a presentación de solicitudes é de 10 días, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Para obter máis información, preme aquí.
13/01/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do uso do galego nos centros públicos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2013-2014, proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino non universitario de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir da publicación da convocatoria.
13/01/2014. DINAMIZACIóN

I Concurso escolar de blogs de aula en galego

O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña organiza o I Concurso escolar de blogs de aula en galego, destinado ao alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e en centros de educación especial da Coruña. Os traballos, de temática libre, poden presentarse ata o 17 de abril de 2014. O prazo de inscrición para os centros remata o 31 de xaneiro. O grupo gañador recibirá tres tabletas e un trofeo conmemorativo. O 2º e 3º clasificado recibirá tres libros electrónicos e trofeos conmemorativos. Para ampliar esta información, preme aquí.
10/01/2014. DINAMIZACIóN

Fototrabadas para denunciar o mal uso do galego

A Asociación Trabalingua organiza un concurso fotográfico que ten como obxectivo denunciar a ausencia do galego, ou o mal uso deste idioma, nas administracións públicas galegas. Os participantes deben fotografar os erros lingüísticos que detecten e compartilos no Facebook (Asociación Trabalingua), no Instagram (Trabalingua) ou no Twitter (@Trabalingua) coa etiqueta #fototrabada. A foto do álbum “FotoTrabadas” que consiga máis "gústame" ata o 31 de xaneiro de 2014 será a gañadora. O/a autor/a recibirá un marco de fotos electrónico e mais un lote de libros. Para ampliar esta información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

Nova edición do Cantalingua

As entidades organizadoras do Correlingua (a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense) organizan unha nova edición do concurso musical Cantalingua, co obxectivo de seleccionar os grupos que actuarán nas festas do Correlingua. Os temas, de temática libre, deberán ser orixinais e estar compostos en galego. Os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso participarán nos dez concertos que se organizarán durante o Correlingua 2014. O prazo para enviar as composicións remata o 1 de abril de 2014.
27/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) publica no seu sitio web as resolucións das dúas liñas de axudas dirixidas ao sector do audiovisual en lingua galega, unha delas destinada a apoiar as producións ou coproducións audiovisuais no noso idioma e outra dirixida ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

I Certame de Canción de Autor en Galego

O Concello de Teo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis convocan, coa colaboración de Músicos ao Vivo, o I Certame de Canción de Autor en Galego, que se celebrará no Concello de Teo. Poderán participar todos/as os/as cantautores/as que non posúan ningún disco editado en solitario. As composicións, de calquera estilo musical, deberán ser orixinais e de creación propia, e as letras terán que estar escritas en galego. O prazo de inscrición remata o 10 de marzo de 2014. Para obter máis información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

En Santiago, ti tamén es Ser Libris

As concellerías de Normalización Lingüística e de Mobilidade do Concello de Santiago, en colaboración coa Asociación Galega de Editores (AGE), están a desenvolver a campaña Ser Libris, co obxectivo de promover o libro galego e a lectura entre os usuarios do transporte urbano. Durante os vindeiros dous meses, os/as viaxeiros/as terán ao seu dispor nos autobuses urbanos diferentes vinilos con textos literarios ou divulgativos publicados por autores/as da AGE. Para ampliar esta información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

Ciclo de cinema infantil no Concello de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coincidindo con estas datas festivas do Nadal, organiza un ciclo de cinema infantil deseñado para difundir a creatividade audiovisual en lingua galega e fomentar o uso do noso idioma no tempo de lecer. Os filmes que se proxectarán son “O bosque animado” e “O soño dunha noite de San Xoán”. As proxeccións terán lugar no Multiusos do Piñeiral do Crego (Chapela) e no Multiusos da Xunqueira (Redondela). A entrada é de balde. Para obter máis información sobre as datas e horarios, preme aquí.
20/12/2013. DINAMIZACIóN

No comercio grovense, o galego vende

A Concellería de Comercio do Concello do Grove, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística municipal, adscrito á Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, presenta a campaña de dinamización lingüística “No comercio local, o galego vende”, deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito das relacións comerciais. Ademais do cartel co lema da campaña, o concello distribuíu entre os comercios da localidade etiquetas para decorar os paquetes cos lemas “parabéns” ou “con todo o meu cariño”, e globos para agasallar os máis pequenos/as.
20/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria de axudas para publicacións periódicas

A Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia publican, no DOG do 20 de decembro de 2013, a resolución da convocatoria de axudas concedidas ás empresas que editan publicacións periódicas escritas integramente en galego.
Se desexas consultar esta resolución, preme aquí.
19/12/2013. DINAMIZACIóN

Xove promove o comercio local en lingua galega

O Concello de Xove está a desenvolver unha campaña de dinamización lingüística no ámbito do comercio local que ten como obxectivo reforzar o uso do galego nas comunicacións comerciais e, ao tempo, promover o pequeno comercio de ámbito local. No marco desta iniciativa deseñáronse dúas accións: un curso de paquetería para os traballadores/as do sector comercial e un servizo de asesoramento ás empresas para galeguizar a súa documentación. O resultado é que todos os comercios do municipio están a empregar nos paquetes da campaña de Nadal un único papel de embalaxe, fornecido polo Concello, con mensaxes como “Xove”, “comercio local”, “agasallos” e “en galego enténdote”.
Para ampliar esta nova, preme aquí.
16/12/2013. DINAMIZACIóN

Abertos ao Galego presenta o seu catálogo de Nadal

A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde a terceira edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
Para ampliar esta nova, preme aquí.
13/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premio Nacional de Educación 2013 para o CEIP Frian-Teis polo seu plan de fomento da lectura

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle o Premio Nacional de Educación para centros non universitarios, no apartado de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais, ao proxecto A lingua sabe a pan. Trátase dun Proxecto Documental Integrado promovido pola Biblioteca Escolar do CEIP Frian-Teis (Vigo), desenvolvido durante o curso escolar 2012-2013 co obxectivo de fomentar a lectura e a tradición oral.
Neste curso 2013-2014, o CEIP Frian-Teis está a reeditar a experiencia co proxecto A lingua sabe a mar, destinado a difundir a tradición oral e a cultura mariñeiras.
13/12/2013. CURSOS E CONGRESOS

Simposio Roberto Vidal Bolaño

A Real Academia Galega, en colaboración coa Universidade da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza o Simposio Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013.
As sesións terán lugar o vindeiro 17 de decembro de 2013 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e na Real Academia Galega. A asistencia é libre.
12/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixeron público os galardoados da décimo cuarta edición dos Premios Manuel Beiras.
Os premiados deste ano foron a empresa de comercio en liña Buydeal, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, a empresa de servizos Pedra Salgada, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego, e o escritor e profesor Manuel Portas, que recibirá unha mención especial polo seu traballo no ámbito da dinamización lingüística, nomeadamente como impulsor dos propios Premios Manuel Beiras.
Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
12/12/2013. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para festexar o Nadal nas aulas

A Coordinadora Galega de ENDL presenta, un ano máis, un espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos relacionados co Nadal. Entre outros materiais, facilítanse modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades, recursos didácticos e novas de interese relacionadas con estas datas festivas.