Novas da lingua

Rexistros3271 a 3300 de 5280
15/10/2013. DINAMIZACIóN

Ríos que falan para festexar a ciencia en galego

Co gallo da conmemoración do Día da Ciencia en Galego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o obradoiro de creación plástica Ríos que falan, destinado a nenos/as de entre 8 a 12 anos. O obxectivo será a recreación plástica dun río, aprendendo ao tempo o patrimonio cultural que o conforma (muíños, presas, contos, lendas…) e o léxico da flora e fauna que o habita. A actividade desenvolverase os días 18 de outubro (CRAC de Coruxo), 15 de novembro (CVC Valadares) e 29 de novembro (AV Teis).
Para ampliar esta información, preme aquí.
15/10/2013. EMPREGO

Bolsa de formación no Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria dunha bolsa, de doce meses de duración, que ten por obxecto a formación práctica de licenciados/as universitarios/as, desenvolvendo as tarefas que encomende o Servizo de Publicacións desta institución.
15/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

X Xornadas sobre lingua e usos: lingua e teatro

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a décima edición destas xornadas, que este ano terán como eixo temático a relación entre lingua e teatro. As xornadas terán lugar os días 27, 28 e 29 de novembro de 2013 na Facultade de Filoloxía da UDC. A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o 22 de novembro. Para consultar o programa, preme aquí.
15/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da Lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da Lingua, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse ao longo do vindeiro día 16 de novembro de 2013 no IES As Fontiñas. O prazo de matrícula remata o vindeiro 14 de novembro.
11/10/2013.

Logros para o ensino en galego grazas á cooperación social

En setembro de 2011 creábase en Compostela a primeira Escola de Ensino Galego Semente, un proxecto educativo integramente en galego dirixido a nenas e nenos de entre 2 a 6 anos. En xullo deste mesmo ano 2013, nacía unha nova escola Semente en Vigo. Pola súa parte, a Cooperativa de Ensino Popular Avoasescola anunciou estes días a creación da Escola Infantil Avoescola Ferrolterra, o seu primeiro proxecto educativo infantil en galego destinado a nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.
En ambos os dous casos, o obxectivo é que as familias poidan exercer o seu dereito de ofrecer aos seus fillos/as unha educación infantil en lingua galega.
10/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

Seminario de formación sobre o galego xurídico

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza o seminario "Superación de interferencias gramaticais e léxicas no galego xurídico", que terá lugar entre os días 4 e 7 de novembro de 2013 na aula de formación do Colexio de Avogados de Santiago. O seminario está dirixido a profesionais do Dereito e a matrícula é de balde. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.

10/10/2013. DINAMIZACIóN

IV Día da Ciencia en Galego

A Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) e mais a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA) convidan á comunidade educativa a festexar o vindeiro 4 de novembro o IV Día da Ciencia en Galego, para reivindicar o dereito a gozar da ciencia e da arte no noso idioma. Nesta edición os homenaxeados son o arquitecto Richard Buckminster, a científica Florence Nightingale e o intelectual e artista galego Isaac Díaz Pardo.
10/10/2013. DINAMIZACIóN

Institucionalízase o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover, un ano máis, o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades. Co obxecto de implicar ás forzas políticas galegas e aos rexedores municipais nesta tarefa, o vindeiro 23 de outubro de 2013 celebrarase en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) un acto de sinatura pública da declaración de institucionalización do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia.
09/10/2013. DINAMIZACIóN

Ponte en galego!, iniciativa de radio escolar en Pontedeume

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Breamo (Pontedeume) retoma este curso a emisión do seu programa de radio escolar Ponte en galego!. O programa, que se emite por Radio Filispim (93.9 FM) os xoves de 20:30 h a 21:30 h, inclúe entrevistas, música, lingua, gastronomía e deportes. A iniciativa botou a andar en decembro de 2012 e o pasado 26 de setembro comezaron o novo curso coa emisión do programa 17, no que, entre outros contidos, contaron coa colaboración de Katerina Hornikova, estudante checa e galegofalante.
07/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada “Os recursos educativos en galego: educación social”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza as VI Xornadas "Os recursos educativos en galego: educación social", que terán lugar os días 8 e 9 de novembro de 2013 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur). A xornada está destinada aos membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado e PAS) desta facultade interesados en coñecer novas estratexias e recursos didácticos en galego. O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de novembro de 2013. Para obter máis información, preme aquí.
04/10/2013. OUTRAS

Traducida ao galego a versión 3.10 de Gnome

O equipo galego de tradución de GNOME anuncian que xa está dispoñible en galego a nova versión 3.10 do contorno de escritorio GNOME. Entre as melloras desta versión saliéntanse a incorporación de Wayland, un único menú de estado do dispositivo, a incorporación de barras de cabeceira e novos aplicativos (música, fotos, notas, mapas….). Os/as usuarios/as especializados/as poden descargar xa o código fonte de Gnome 3.10. O resto dos usuarios/as deberán agardar á súa distribución GNU/Linux. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de lingua e cultura galegas para inmigrantes en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura galega En galego, co teu acento, dirixido á comunidade de inmigrantes que vive no municipio. No curso impartiranse nocións básicas para comunicarse en galego, así como coñecementos sobre a cultura e a historia de Galicia, promovendo sempre o intercambio cultural entre os asistentes. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de outubro. Para ampliar esta información preme aquí.
28/01/2013. DINAMIZACIóN

Campaña para galeguizar o Android

O equipo que xestiona o blog Mallando no Android presenta a campaña Android en Galego, unha iniciativa que ten como obxectivo conseguir que Google inclúa o galego como opción de idioma na versión base do sistema operativo Android. A principal acción consiste en xuntar sinaturas, a través da plataforma change.org, para enviar esta demanda a Sundar Pichai, vicepresidente de Google e responsable de Android. A maiores, os impulsores da iniciativa animan a darlle visibilidade á campaña en sitios web e blogs (a tavés de banners) e a difundila nas redes sociais.
03/10/2013. AXUDAS E PREMIOS

XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia organizan o XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo. O prazo para enviar os orixinais remata o 31 de outubro de 2013.
02/10/2013. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Vigo

O Concello de Vigo publica as bases para a contratación laboral-temporal dun/dunha técnico/a superior de normalización lingüística (subgrupo A1). Os/as participantes deberán posuír unha das seguintes titulacións: licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (sección galego-portuguesa) ou grao en Estudos de Galego e Español (itinerario en Lingua e Literatura galegas). O sistema de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de outubro de 2013.
01/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

Foro 2013 Proxéctate en Galego

As comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo da USC organizan o Foro 2013 Proxéctate en Galego, un espazo de reflexión e debate sobre a normalización do idioma galego destinado á comunidade universitaria. Esta actividade desenvolverase entre os días 18 e 20 de outubro de 2013 na Casa do Saber-Vicerreitoría do Campus de Lugo. O prazo de matrícula remata o vindeiro 15 de outubro. Para saber máis deste proxecto, preme aquí.
01/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas “Educación e linguas en Galicia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan a quinta edición destas xornadas, que nesta ocasión teñen como eixo temático os trinta anos da Lei de normalización lingüística de Galicia. As sesións terán lugar os días 25 e 26 de outubro de 2013 no Salón de Actos da Facultade de CC. da Educación (Campus Sur). O prazo de inscrición remata o 18 de outubro.
Para obter máis información sobre o programa e os trámites da matrícula, preme aquí.
27/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premios ás boas prácticas de innovación educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso escolar 2012-2013 en centros públicos dependentes desta consellería. Unha das modalidades é a “Mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega”. Outorgaranse dous premios por cada modalidade (un primeiro de 3000 euros e un segundo de 2000 euros), que recibirán os centros nos que se desenvolveron as boas prácticas. O prazo de presentación de propostas remata o 15 de outubro de 2013.
Para ampliar esta información, preme aquí.
26/09/2013. DINAMIZACIóN

A mocidade coa lingua en Fene

A Concellaría de Cultura do Concello de Fene organiza unha nova edición do festival A mocidade coa lingua, co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade no ámbito do lecer. Nesta edición participarán os grupos locais DPYSS e Emanens Band e actuará, como grupo convidado, Balakandra. O festival celebrarase mañá venres 27 de setembro a partir das 21:00 horas na Praza Verde de Perlío (Fene).
Se desexas máis información, preme aquí.
26/09/2013. DINAMIZACIóN

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

O Consello de Europa festexa o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns.
Un ano máis, desde que se instaurou esta celebración en 2001, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
25/09/2013. DINAMIZACIóN

Vigo promove a improvisación oral

O Concello de Vigo crea o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV), un novo espazo que nace co obxectivo de promover e divulgar a improvisación oral en lingua galega. As actividades que se desenvolverán no CIOV a partir da vindeira semana serán, entre outras, cursos de formación en improvisación oral (narrativa e poesía), obradoiros, contadas, regueifadas e slams. Para ampliar esta información ou inscribirte nalgunha destas actividades, debes poñerte en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
25/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

II Premio Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a segunda edición do Premio Abertos ao Galego. O obxectivo desta iniciativa é premiar unha empresa que se distinga polo seu uso normalizado do galego, promovendo deste xeito a normalización lingüística no ámbito empresarial. O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro 31 de outubro de 2013.
25/09/2013. OUTRAS

Búscanse voluntarios para ensinar galego

A ONGD Equus Zebra, constituída no 2000 na Coruña por un grupo de inmigrantes africanos, busca voluntarios/as para impartir aulas de galego. As persoas que desexen colaborar deben ter unha competencia lingüística equivalente ao Celga 4, non sendo necesario que posúan a licenciatura de Filoloxía Galega. A data límite para inscribirse é o 31 de outubro de 2013.
Para ampliar esta información, preme aquí.
24/09/2013. DINAMIZACIóN

Nova edición dos Axóuxeres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición dos Axóuxeres, un programa de dinamización lingüística deseñado para fomentar a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa, dirixido a nenos/as menores de 6 anos, percorrerá durante o último trimestre do ano 24 localidades galegas pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.
24/09/2013. EMPREGO

Adxudicación de trece prazas de lector/a en universidades do exterior

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 24 de setembro de 2013, dúas resolucións a través das que se adxudican trece prazas de lector/a de lingua, literatura e cultura galegas, que desenvolverán a súa actividade en centros de estudos galegos do exterior.
No web da SXPL podes ampliar esta información.
23/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Programa de formación lingüística na Mariña Lucense

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense continúa nestes meses de setembro e outubro o programa de formación lingüística que iniciou o pasado verán. Os novos cursos que se desenvolverán no outono están dirixidos a dous colectivos concretos, as persoas maiores e o colectivo de inmigrantes.
20/09/2013. LEXISLACIóN

O TSXG demanda que se execute a sentenza sobre o decreto do plurilingüismo

O TSXG acaba de emitir un auto no que lle demanda á Xunta de Galicia a execución forzosa da sentenza firme 1286/2012, do 21 de novembro, xa que non lle consta que esta fose executada na súa totalidade. Pola súa parte, a Consellería de Educación xa presentou un recurso de reposición contra este auto, ao considerar que a Xunta de Galicia cumpriu co estipulado na sentenza.
A sentenza 1286/2012, ditada en novembro do pasado ano 2012, anulou os artigos 5.2 e 12.3 do Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, por consideralos contrarios a dereito.
20/09/2013. DINAMIZACIóN

Co galego até a fin do mundo

A plataforma Queremos Galego! organiza un roteiro simbólico de 4 quilómetros en defensa da lingua que se desenvolverá baixo o lema “Co galego até a fin do mundo”. A marcha terá lugar mañá sábado, 21 de setembro de 2013, e a saída será ás 11:00 h desde a Cruz de Baixar (Fisterra). Ao remate, no Faro de Fisterra, haberá actuacións musicais e intervencións de diferentes persoas do ámbito cultural.
19/09/2013. DINAMIZACIóN

Lingua Viva, proposta de intervención no ámbito educativo

A Coordinadora Galega de ENDL presenta, na súa renovada páxina web, o proxecto Lingua Viva, unha proposta de normalización lingüística interdisciplinar que implica a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e persoal non docente). A proposta ten como modelo o traballo desenvolvido no IES Perdouro de Burela no ámbito da compilación e difusión do patrimonio documental popular. A Coordinadora de ENDL convida a comunidade educativa a desenvolver o modelo, na súa totalidade ou nalgunha das fases, nos diferentes centros de ensino.
18/09/2013. OUTRAS

Resolución do Parlamento Europeo sobre a diversidade lingüística

O Parlamento Europeo aprobou, na súa sesión plenaria do pasado 11 de setembro de 2013, a
Resolución do Parlamento Europeo, de 11 de setembro de 2013, sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea (2013/2007(INI)) [versión en galego difundida por ProLingua]. A través deste documento pídeselles á Unión Europea e aos estados membros que presten maior atención á situación das linguas en perigo de desaparición e se comprometan coa preservación da diversidade lingüística implementando políticas de revitalización dos idiomas ameazados.
A presente resolución baséase nun informe previo, elaborado no seo da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo e aprobado por unanimidade o pasado 18 de xuño de 2013.