Novas da lingua

Rexistros331 a 360 de 5153
31/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

II Xeira CLARIAH-GAL

O vindeiro 9 de maio de 2025 terá lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a II Xeira CLARIAH-GAL, un espazo que quere servir de punto de encontro para integrantes de proxectos e grupos de investigación galegos que traballen no ámbito das Humanidades Dixitais e das tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.

O prazo de inscrición remata o 30 de abril.

Na páxina web do Instituto da Lingua Galega tes toda a información sobre o evento.
31/03/2025. DINAMIZACIóN

Os/as nenos/as de Carnota reciben a primavera con apego á lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do agrupamento dos concellos de Carnota e Mazaricos presenta o programa de actividades Tardes con Apego, deseñadas para favorecer a socialización en galego na primeira infancia e dirixidas a familias con nenos/as a partir de 1 ano. A programación, que se desenvolverá no Salón de Actos do Concello de Carnota, inclúe teatro, contos, música e maxia.

Para consultar o programa completo e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.

28/03/2025. DINAMIZACIóN

Queremos Galego reivindicará o 17 de maio “unha lingua vital xa!”

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a plataforma cidadá Queremos Galego convoca a toda a cidadanía a manifestarse o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela para demandar “unha lingua vital xa!”. Así mesmo, os organizadores animan a todas as agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a participar na foliada a prol do galego que se celebrará na Praza do Obradoiro ese mesmo día ao rematar a manifestación.

Na páxina web de Queremos Galego podes ampliar información.
28/03/2025. DINAMIZACIóN

XXII Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a vixésimo segunda edición do Certame Literario Concello de Ames, que ten como obxectivo principal promover a creatividade en lingua galega. O concurso conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas establece tres categorías, segundo a idade das persoas participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.

O prazo de presentación de orixinais remata o 30 de abril de 2025.

Para ampliar información preme aquí.
28/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Aulas de galego para a poboación inmigrante do concello de Silleda

O Concello de Silleda organiza unha nova edición do Programa Anduriña, unha iniciativa de alfabetización e inserción sociocultural da poboación inmigrante empadroada no concello. O programa inclúe aulas de aprendizaxe de lingua castelá e mais de lingua galega, tanto para poboación adulta como infantil. As sesións comezarán o vindeiro mes de abril, despois da Semana Santa. As aulas de galego para poboación adulta terán lugar na Casa da Xuventude, os xoves de 10:00 h a 12:00 h. As aulas para poboación infantil organizaranse en dúas quendas: un grupo asistirá os xoves de 19:15 h a 20:15 h e o outro, os venres de 19:30 h a 20:30 horas.

Para formalizar a inscrición debes poñerte en contacto co Departamento de Benestar do Concello de Silleda (986 59 20 37).

No xornal Ecos da Comarca tes máis información sobre esta iniciativa.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

O alumnado de Carballo coñece a microtoponimia urbana do seu concello

No marco do proxecto “Carballo na memoria”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo está a organizar unha serie de rutas pola microtoponimia urbana do concello, guiadas polo profesor, escritor e experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles. Nesta iniciativa participan máis de 150 estudantes de 4º da ESO e 1º de bacharelato matriculados en diferentes centros de ensino do municipio, que teñen a oportunidade de coñecer a historia dos nomes dos lugares da súa contorna.

Se o precisas, na páxina web do Concello de Carballo tes máis información.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

O ILG convoca o alumnado de Filoloxía a participar no Validatón 2025

O Instituto da Lingua Galega (USC) organiza o Validatón 2025, unha competición deseñada para contribuír á creación de recursos para o galego na plataforma Common Voice. A iniciativa está dirixida ao alumnado das titulacións de Filoloxía e desenvolverase en dúas fases: unha fase en liña (do 31 de marzo ao 10 de abril ás 12.00 h) e unha fase presencial (o 10 de abril na sede do Instituto da Lingua Galega). Así mesmo, os participantes poderán competir en tres categorías: gravación de fragmentos (en liña); validación de audios (en liña); e xeración de frases (presencial).

Haberá agasallos para todas as persoas participantes. A maiores, outorgaráselle un premio de 50 euros ao campión ou campioa de cada categoría. O campión ou campioa global (quen máis contribucións realice no total das tres categorías) recibirá un premio de 75 euros.

Na páxina web do ILG tes toda a información sobre esta actividade.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

O programa “Ben veñas, maio” premiará o talento artístico da mocidade pontevedresa

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra presentan unha nova edición do programa multidisciplinar de certames "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello, co obxectivo de fomentar a creatividade artística e cultural en galego entre a mocidade.

Ao abeiro deste programa organizaranse certames nas seguintes modalidades: vídeos de Tik Tok e reels de Instagram; música; curtametraxes; fotografía; banda deseñada; narración curta; e poesía. O prazo de presentación dos traballos remata o 20 de abril de 2025.

Para obter máis información e consultar as bases completas, preme aquí.
27/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de pitching en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago organiza o Obradoiro de pitching en galego, no que os asistentes recibirán formación práctica sobre habilidades comunicativas e oratoria orientada á realización de pitchings, como ferramenta clave para a procura de financiamento e a venda de proxectos audivisuais e xornalísticos.

O obradoiro será impartido por Silvia Fuentes, produtora en Sétima; e Rosa Moledo, tradutora e asesora lingüística. As sesións terán lugar os días 8 e 9 de abril de 2025 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A matrícula é de balde pero cómpre inscrición previa.

Podes ampliar información premendo aquí.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

Volve o Tándem Lingüístico da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría de Internacionalización da Universidade de Vigo, en colaboración co Centro de Linguas, presentan unha nova edición do programa Tándem lingüístico, dirixido a toda a súa comunidade universitaria: PDI, PTXAS e alumnado. O obxectivo é poñer en contacto a persoas que falan diferentes linguas (alemán, árabe, chinés, italiano, francés….) con membros da comunidade universitaria que queiran practicar algún destes idiomas e ao tempo compartir con elas os seus coñecementos de galego e castelán.

Todas as persoas interesadas poden rexistrarse neste formulario en liña.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
26/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia convoca as bases reguladoras de dúas liñas de axudas para o libro galego, unha delas dirixida á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e outra dirixida á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

En ambos os dous casos, o prazo de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación das respectivas convocatorias.
25/03/2025. DINAMIZACIóN

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! celebra o seu 30 aniversario

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! celebrará mañá, 26 de marzo de 2025, o seu 30 aniversario cunha festa na que participarán 70 centros educativos galegos e portugueses de ensino primario, secundario e universitario. O evento consistirá nunha retransmisión “radiovisual” de catro horas de duración, que contará con nove puntos de emisión en directo. Ademais do alumnado, participarán artistas galegos/as e portugueses/as e tamén portadores/as do patrimonio cultural inmaterial (redeiras, alfareiros, contadores, regueifeiros…).

A retransmisión poderá seguirse en directo desde a páxina web de Ponte... nas Ondas! e o portal Escolas nas ondas.

Se precisas máis información, preme aquí.
25/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

O curso de autoaprendizaxe Celga 2 xa ten os contidos adaptados á lectura fácil

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia que o curso de autoaprendizaxe Celga 2, ao que se poderá acceder a través da Plataforma de Teleformación da Lingua Galega, xa ten os seus contidos adaptados á lectura fácil, co obxectivo de facelos accesibles a persoas adultas con dificultades lectoras e/ou discapacidades cognitivas. Neste proceso a Secretaría Xeral da Lingua contou co apoio formativo e de asesoramento de FADEMGA (Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento de Galicia).

Podes ampliar información premendo aquí.
21/03/2025. DINAMIZACIóN

A USC premia a divulgación científica en galego entre o alumnado de ensino medio

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a cuarta edición do certame Petiscos de ciencia, co obxectivo de atraer o interese do estudantado de ensinanza secundaria e formación profesional cara á actividade científica e formentar a creación de recursos de divulgación científica en galego. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de outubro de 2025.

Pola súa parte, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC convoca a XIII Edición do Concurso Explícoche Matemáticas 2.0, dirixido tamén a alumnado de ensino medio, para promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes breves nas que se explique en galego un concepto matemático. Neste caso, o prazo de presentación de traballos remata o 30 de abril de 2025.

Na páxina web do SNL da USC podes obter máis información sobre estas inciativas:
-Petiscos de ciencia 2025
-XIII Concurso Explícoche Matemáticas 2.0
21/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza as III Xornadas sobre bilingüismo: o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía, nas que se tratarán os beneficios e a necesidade de usar o galego con pacientes galegofalantes no ámbito profesional da psicoloxía. As sesións terán lugar o 24 de abril de 2025, a partir das 16:30 h, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 23 de abril.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
21/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

Premios de poesía, relato curto e tradución na UVigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca os Premios de poesía, relato curto e tradución 2025, dirixidos a todos os membros da comunidade da Universidade de Vigo en activo. Os orixinais deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). O certame está dotado con 700 € para o primeiro premio e dous accésits de 250 € en cada unha das tres categorías. O prazo de admisións de orixinais remata o día 21 de abril de 2025, ás 14:00 h.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
18/03/2025. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia presenta o programa de dinamización lingüística “Falamos+”

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presentou o novo programa de dinamización lingüística “Falamos+”, que se está a desenvolver en dez centros educativos das catro provincias galegas baixo a coordinación da profesora Pilar Ponte.

A duración do programa será de 15 días lectivos, entre o 10 e o 28 de marzo de 2025. O obxectivo é promover o uso activo do idioma galego entre o alumnado de educación infantil e primaria a través de propostas lúdicas que se desenvolven nos tempos de lecer da xornada lectiva.

Na páxina de Facebook da iniciativa podes coñecer as diferentes actividades que se están a realizar.
18/03/2025. EMPREGO

Convocatoria de bolsa de emprego para a contratación de normalizador/a lingüístico/a no Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos publica as bases e a convocatoria do proceso selectivo para a constitución dunha bolsa de emprego para a provisión, como persoal laboral temporal, do posto de técnico/a de normalización lingüística (grupo I). O sistema de selección é o concurso-oposición. As persoas aspirantes deben estar en posesión, ou en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes, do título académico de licenciatura, grao ou equivalente, na especialidade “Lingua e Literatura Galegas”.

O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles, contados dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña.
14/03/2025. INVESTIGACIóN

A USC presenta un glosario cos termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta o glosario en liña Termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias, elaborado a partir do HTA Glossary, da Rede Internacional de Axencias para a Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (INAHTA) e a rede de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias internacional (HTAi).

A avaliación de tecnoloxías sanitarias é unha disciplina dedicada a analizar sistematicamente a eficacia, seguridade, custo-efectividade e outros aspectos relevantes social e eticamente dunha tecnoloxía sanitaria para os pacientes, a cidadanía e o sistema sanitario. Polo carácter transversal da disciplina, neste glosario atoparás termos relacionados coas ciencias da saúde e tamén doutras disciplinas, como a estatística, a economía, a socioloxía ou o dereito.

No Xornal da USC podes ampliar información.
13/03/2025. DINAMIZACIóN

Musical en galego para conmemorar o Día Mundial da Auga en Noia

O domingo 23 de marzo de 2025, ás 20 horas, terá lugar no Coliseo Noela (Noia) o musical en galego “Odisea a través do tempo”. A obra, que trata a problemática da auga ao longo do tempo, foi deseñada no marco dos proxectos didácticos “eCO2Rivers“ e “Cinco Climas entre os Ríos e os Barrancos do Cambio Climático”, coordinados desde o IES Virxe do Mar, de Noia. A asistencia é gratuíta e aberta ao público xeral. As entradas ao espectáculo son de balde e pódelas conseguir a través deste formulario.

Ao día seguinte, o luns 24 de marzo, haberá unha segunda función para os centros educativos participantes nos proxectos, así como unha sesión de conferencias coloquio nas que participarán o catedrático de Medicina Legal da USC Ángel Carrecedo, co relatorio Xenes e cambio climático; e a cantante, filóloga e antropóloga María Xosé Silvar (Sés), co relatorio Unha visión do musical “Odisea a través do tempo” dende a antropoloxía social.

O evento está organizado polo IES Virxe do Mar, o Concello de Noia, o Conservatorio municipal de Noia e a Escola de Danza Oitos, co patrocinio da Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, para conmemorar o Día Mundial da Auga.
12/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). As sesións desenvolveranse entre o 26 de marzo e o 25 de xuño de 2025. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 24 de marzo, ás 12:00 h.

Para ampliar información preme aquí.
11/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Real Academia Galega presentou en Cerceda a Primavera das Letras 2025

A Real Academia Galega presentou en Cerceda a nova edición do seu proxecto didáctico Primavera das Letras, que este ano está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, protagonistas das Letras Galegas 2025. O acto de presentación tivo lugar no CEIP Celso Emilio Ferreiro, cuxo alumnado participou na representación da obra As Ferreñas (En vivo e en directo), autoría de Paula Carballeira.

No sitio web do proxecto atoparás diferentes materiais lúdicos e didácticos para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, entre os que destacamos precisamente este divertido texto de Paula Carballeira ilustrado por Nuria Díaz.

Para ampliar información, preme aquí.
11/03/2025. DINAMIZACIóN

O alumnado berciano conmemora o Día do Galego no Bierzo

O pasado domingo 9 de marzo, data na que se conmemora o Día do Galego no Bierzo, deron comezo as XVII Xornadas Martín Sarmiento, organizadas pola Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León, a Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo e diferentes concellos e entidades culturais da comarca. Nesta ocasión as xornadas inauguráronse cun acto de irmandade entre Antonio Fernández Morales e Rosalía de Castro, que consistiu na plantación dunha figueira da Casa de Rosalía de Castro en Cacabelos. Ese mesmo día tivo lugar unha charla sobre a recuperación da toponimia no Bierzo occidental.

Ao día seguinte, 10 de marzo, os protagonistas foron os intercambios didácticos e lúdicos entre os centros educativos bercianos que participan no programa de galego.

No transcurso destas xornadas tamén tivo lugar a entrega da IV edición dos Premios Antonio Fernández Morales e a convocatoria da V edición.
07/03/2025. OUTRAS

Volve a revista LongaLingua en formato dixital

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego retoman a edición de LongaLingua, unha publicación que estivo aberta en formato papel entre os anos 2006 e 2010 e que agora volve en formato dixital e podcast, dirixida pola xornalista Eva Fernández Prieto.

A revista contará con análises sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos realizadas por persoas expertas, e os artigos completaranse cunha serie de videopodcast que estarán dispoñíbeis en diferentes plataformas como Spotify e Youtube. A profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro será a encargada de inaugurar a serie de análises, cunha achega que se publicará este mesmo venres, 7 de marzo de 2025.
07/03/2025. DINAMIZACIóN

Segunda convocatoria do distintivo “Gal Ego” para facultades e escolas da UVigo

A Universidade de Vigo publica a segunda convocatoria do distinto de galeguización “Gal Ego”, co obxectivo de outorgar un recoñecemento público a aquelas facultades e escolas máis implicadas no uso do galego.

O distintivo de galeguización terá unha vixencia de catro anos (2025-2029), tras os que o centro deberá presentarse de novo a esta convocatoria se o quere renovar. A maiores, o distintivo vai acompañado dunha contía económica de 3.000 euros, que a dirección da facultade ou da escola debe empregar en actividades ou iniciativas que fomenten o uso do galego.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro 31 de marzo de 2025.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
07/03/2025. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid en maio de 2025. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/03/2025. DINAMIZACIóN

A primavera chega á Coruña con moito Apego á lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta o programa de actividades que van desenvolverse no vindeiro trimestre (marzo, abril e maio de 2025) no marco do proxecto Apego, deseñado para fomentar a socialización en galego dos nenos/as de 0 a 6 anos. A programación inclúe música, teatro, monicreques, narración oral, arrolos e obradoiros didácticos. As actividades terán lugar no Centro Ágora e cada neno/a terá que ir acompañado/a por unha persoa adulta.

Para ampliar información preme aquí.
06/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, para desenvolver iniciativas durante o ano 2025 que contribúan á promoción do uso da lingua galega, á mellora do seu prestixio e á súa dinamización social; así como para a realización de estudos sociolingüísticos, ou publicacións e xornadas sobre toponimia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
06/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos para persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca diferentes actividades formativas para o persoal da Administración local. Entre os cursos ofertados inclúese o Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, que se desenvolverá na modalidade de formación entre o 5 e o 19 de maio de 2025.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de marzo de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
05/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

XXXV Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo quinta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura. Os cursos desenvolveranse entre o 3 e o 24 de xullo de 2025, e están organizados en diferentes niveis: elemental, medio e superior.

O prazo para a recepción de solicitudes remata o 4 de abril de 2025.

Para ampliar información sobre o programa e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.