Novas da lingua

Rexistros3331 a 3360 de 4427
21/10/2013. DINAMIZACIóN

A EOI da Coruña presenta o seu programa de dinamización lingüística

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas da Coruña presenta a programación de actividades para este curso 2013-2014. Entre as novas actividades que terán lugar proximamente está o taller de iniciación á curtametraxe en galego, a visita guiada ao cemiterio de San Amaro ou o relatorio do profesor Craig Patterson, tradutor para o inglés d'A Esmorga (On a Bender). Ademais, reeditarán actividades desenvolvidas en anos anteriores coma o Club de lectura ou o festival de curtas en galego CinEOI Coruña.
Para consultar a programación completa, preme aquí.
21/10/2013. DINAMIZACIóN

Unha lección de cine para os escolares vigueses

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do seu programa escolar Unha lección de cine, unha iniciativa pedagóxica que busca a reflexión lingüística a través do cine. Como novidade, nesta nova edición proxectaranse filmes baseados en novelas escritas por autores e autoras galegas, con quen o alumnado terá tamén ocasión de dialogar. O programa comeza este mércores coa proxección da película "O Club da calceta", baseada na novela homónima de María Reimóndez. Podes ampliar esta información premendo aquí.
21/10/2013. DINAMIZACIóN

O CEIP López Ferreiro convida aos escolares a falar da nosa historia

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) convoca unha nova edición do concurso de redacción Falemos da nosa Historia, dirixido aos escolares da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2013- 2014 cursen estudos de 3º ciclo de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO.
O obxectivo é reflexionar sobre a nosa historia a partir de ditos, refráns, modismos ou lendas. Nesta edición, os participantes deberán descubrir a orixe e a explicación histórica do dito “Pedro Madruga”. O prazo de presentación dos traballos é do 1 ao 28 de febreiro de 2014.
18/10/2013. DINAMIZACIóN

III Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza, coa colaboración dos equipos de dinamización lingüística dos IES do municipio, o III Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!!, co obxectivo de dinamizar o uso oral e escrito do galego entre a mocidade de xeito lúdico e creativo. O certame está dirixido ao alumnado de 2º ciclo da ESO e do Bacharelato. O prazo de inscrición remata o 25 de outubro de 2013.
Para consultar as bases completas, preme aquí.
18/10/2013. DINAMIZACIóN

O alumnado de Vila de Cruces comprométese co seu patrimonio cultural e lingüístico

O Clube de Lingua-Equipo de Normalización Lingüística do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) presentou publicamente a obra Mámoas de Oirós. Lendas possíveis, de Ramón Taboada Montoto, no que se recollen oito lendas relacionadas co conxunto megalítico de Oirós. A publicación enmárcase no proxecto plurianual Mámoas-Palabras de Pedra, que está a desenvolver o Clube de Lingua co obxectivo de implicar a comunidade educativa e local na protección do patrimonio cultural e lingüístico do concello.
18/10/2013. DINAMIZACIóN

Campaña de sensibilización lingüística no Concello de Carral

A Concellería de Cultura e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carral están a desenvolver a campaña En galego entendémonos, unha iniciativa de sensibilización e promoción do uso do galego dirixida ao conxunto da poboación.
A principal acción consiste na difusión de carteis e dípticos divulgativos con información sobre os servizos de asesoramento que ofrece o concello a través do seu SNL.
17/10/2013. DINAMIZACIóN

Xogos e música en Moaña para fomentar a transmisión da lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña organiza, no marco do programa de dinamización lingüística Canto Xogo!, un novo obradoiro de xogos e música tradicional, destinado a nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, co obxectivo de fomentar a transmisión oral da lingua galega no ámbito da familia. A actividade terá lugar mañá, 18 de outubro de 2013, ás 18:00 h, na Praza de Abastos de Moaña. A entrada é de balde.
15/10/2013. DINAMIZACIóN

Ríos que falan para festexar a ciencia en galego

Co gallo da conmemoración do Día da Ciencia en Galego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o obradoiro de creación plástica Ríos que falan, destinado a nenos/as de entre 8 a 12 anos. O obxectivo será a recreación plástica dun río, aprendendo ao tempo o patrimonio cultural que o conforma (muíños, presas, contos, lendas…) e o léxico da flora e fauna que o habita. A actividade desenvolverase os días 18 de outubro (CRAC de Coruxo), 15 de novembro (CVC Valadares) e 29 de novembro (AV Teis).
Para ampliar esta información, preme aquí.
15/10/2013. EMPREGO

Bolsa de formación no Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria dunha bolsa, de doce meses de duración, que ten por obxecto a formación práctica de licenciados/as universitarios/as, desenvolvendo as tarefas que encomende o Servizo de Publicacións desta institución.
15/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

X Xornadas sobre lingua e usos: lingua e teatro

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a décima edición destas xornadas, que este ano terán como eixo temático a relación entre lingua e teatro. As xornadas terán lugar os días 27, 28 e 29 de novembro de 2013 na Facultade de Filoloxía da UDC. A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o 22 de novembro. Para consultar o programa, preme aquí.
15/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da Lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da Lingua, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse ao longo do vindeiro día 16 de novembro de 2013 no IES As Fontiñas. O prazo de matrícula remata o vindeiro 14 de novembro.
11/10/2013.

Logros para o ensino en galego grazas á cooperación social

En setembro de 2011 creábase en Compostela a primeira Escola de Ensino Galego Semente, un proxecto educativo integramente en galego dirixido a nenas e nenos de entre 2 a 6 anos. En xullo deste mesmo ano 2013, nacía unha nova escola Semente en Vigo. Pola súa parte, a Cooperativa de Ensino Popular Avoasescola anunciou estes días a creación da Escola Infantil Avoescola Ferrolterra, o seu primeiro proxecto educativo infantil en galego destinado a nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.
En ambos os dous casos, o obxectivo é que as familias poidan exercer o seu dereito de ofrecer aos seus fillos/as unha educación infantil en lingua galega.
10/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

Seminario de formación sobre o galego xurídico

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza o seminario "Superación de interferencias gramaticais e léxicas no galego xurídico", que terá lugar entre os días 4 e 7 de novembro de 2013 na aula de formación do Colexio de Avogados de Santiago. O seminario está dirixido a profesionais do Dereito e a matrícula é de balde. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.

10/10/2013. DINAMIZACIóN

IV Día da Ciencia en Galego

A Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) e mais a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA) convidan á comunidade educativa a festexar o vindeiro 4 de novembro o IV Día da Ciencia en Galego, para reivindicar o dereito a gozar da ciencia e da arte no noso idioma. Nesta edición os homenaxeados son o arquitecto Richard Buckminster, a científica Florence Nightingale e o intelectual e artista galego Isaac Díaz Pardo.
10/10/2013. DINAMIZACIóN

Institucionalízase o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover, un ano máis, o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades. Co obxecto de implicar ás forzas políticas galegas e aos rexedores municipais nesta tarefa, o vindeiro 23 de outubro de 2013 celebrarase en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) un acto de sinatura pública da declaración de institucionalización do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia.
09/10/2013. DINAMIZACIóN

Ponte en galego!, iniciativa de radio escolar en Pontedeume

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Breamo (Pontedeume) retoma este curso a emisión do seu programa de radio escolar Ponte en galego!. O programa, que se emite por Radio Filispim (93.9 FM) os xoves de 20:30 h a 21:30 h, inclúe entrevistas, música, lingua, gastronomía e deportes. A iniciativa botou a andar en decembro de 2012 e o pasado 26 de setembro comezaron o novo curso coa emisión do programa 17, no que, entre outros contidos, contaron coa colaboración de Katerina Hornikova, estudante checa e galegofalante.
07/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada “Os recursos educativos en galego: educación social”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza as VI Xornadas "Os recursos educativos en galego: educación social", que terán lugar os días 8 e 9 de novembro de 2013 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur). A xornada está destinada aos membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado e PAS) desta facultade interesados en coñecer novas estratexias e recursos didácticos en galego. O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de novembro de 2013. Para obter máis información, preme aquí.
04/10/2013. OUTRAS

Traducida ao galego a versión 3.10 de Gnome

O equipo galego de tradución de GNOME anuncian que xa está dispoñible en galego a nova versión 3.10 do contorno de escritorio GNOME. Entre as melloras desta versión saliéntanse a incorporación de Wayland, un único menú de estado do dispositivo, a incorporación de barras de cabeceira e novos aplicativos (música, fotos, notas, mapas….). Os/as usuarios/as especializados/as poden descargar xa o código fonte de Gnome 3.10. O resto dos usuarios/as deberán agardar á súa distribución GNU/Linux. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de lingua e cultura galegas para inmigrantes en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura galega En galego, co teu acento, dirixido á comunidade de inmigrantes que vive no municipio. No curso impartiranse nocións básicas para comunicarse en galego, así como coñecementos sobre a cultura e a historia de Galicia, promovendo sempre o intercambio cultural entre os asistentes. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de outubro. Para ampliar esta información preme aquí.
28/01/2013. DINAMIZACIóN

Campaña para galeguizar o Android

O equipo que xestiona o blog Mallando no Android presenta a campaña Android en Galego, unha iniciativa que ten como obxectivo conseguir que Google inclúa o galego como opción de idioma na versión base do sistema operativo Android. A principal acción consiste en xuntar sinaturas, a través da plataforma change.org, para enviar esta demanda a Sundar Pichai, vicepresidente de Google e responsable de Android. A maiores, os impulsores da iniciativa animan a darlle visibilidade á campaña en sitios web e blogs (a tavés de banners) e a difundila nas redes sociais.
03/10/2013. AXUDAS E PREMIOS

XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia organizan o XIII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo. O prazo para enviar os orixinais remata o 31 de outubro de 2013.
02/10/2013. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Vigo

O Concello de Vigo publica as bases para a contratación laboral-temporal dun/dunha técnico/a superior de normalización lingüística (subgrupo A1). Os/as participantes deberán posuír unha das seguintes titulacións: licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (sección galego-portuguesa) ou grao en Estudos de Galego e Español (itinerario en Lingua e Literatura galegas). O sistema de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de outubro de 2013.
01/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

Foro 2013 Proxéctate en Galego

As comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo da USC organizan o Foro 2013 Proxéctate en Galego, un espazo de reflexión e debate sobre a normalización do idioma galego destinado á comunidade universitaria. Esta actividade desenvolverase entre os días 18 e 20 de outubro de 2013 na Casa do Saber-Vicerreitoría do Campus de Lugo. O prazo de matrícula remata o vindeiro 15 de outubro. Para saber máis deste proxecto, preme aquí.
01/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas “Educación e linguas en Galicia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan a quinta edición destas xornadas, que nesta ocasión teñen como eixo temático os trinta anos da Lei de normalización lingüística de Galicia. As sesións terán lugar os días 25 e 26 de outubro de 2013 no Salón de Actos da Facultade de CC. da Educación (Campus Sur). O prazo de inscrición remata o 18 de outubro.
Para obter máis información sobre o programa e os trámites da matrícula, preme aquí.
27/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premios ás boas prácticas de innovación educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso escolar 2012-2013 en centros públicos dependentes desta consellería. Unha das modalidades é a “Mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega”. Outorgaranse dous premios por cada modalidade (un primeiro de 3000 euros e un segundo de 2000 euros), que recibirán os centros nos que se desenvolveron as boas prácticas. O prazo de presentación de propostas remata o 15 de outubro de 2013.
Para ampliar esta información, preme aquí.
26/09/2013. DINAMIZACIóN

A mocidade coa lingua en Fene

A Concellaría de Cultura do Concello de Fene organiza unha nova edición do festival A mocidade coa lingua, co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade no ámbito do lecer. Nesta edición participarán os grupos locais DPYSS e Emanens Band e actuará, como grupo convidado, Balakandra. O festival celebrarase mañá venres 27 de setembro a partir das 21:00 horas na Praza Verde de Perlío (Fene).
Se desexas máis información, preme aquí.
26/09/2013. DINAMIZACIóN

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

O Consello de Europa festexa o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns.
Un ano máis, desde que se instaurou esta celebración en 2001, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
25/09/2013. DINAMIZACIóN

Vigo promove a improvisación oral

O Concello de Vigo crea o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV), un novo espazo que nace co obxectivo de promover e divulgar a improvisación oral en lingua galega. As actividades que se desenvolverán no CIOV a partir da vindeira semana serán, entre outras, cursos de formación en improvisación oral (narrativa e poesía), obradoiros, contadas, regueifadas e slams. Para ampliar esta información ou inscribirte nalgunha destas actividades, debes poñerte en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
25/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

II Premio Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a segunda edición do Premio Abertos ao Galego. O obxectivo desta iniciativa é premiar unha empresa que se distinga polo seu uso normalizado do galego, promovendo deste xeito a normalización lingüística no ámbito empresarial. O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro 31 de outubro de 2013.
25/09/2013. OUTRAS

Búscanse voluntarios para ensinar galego

A ONGD Equus Zebra, constituída no 2000 na Coruña por un grupo de inmigrantes africanos, busca voluntarios/as para impartir aulas de galego. As persoas que desexen colaborar deben ter unha competencia lingüística equivalente ao Celga 4, non sendo necesario que posúan a licenciatura de Filoloxía Galega. A data límite para inscribirse é o 31 de outubro de 2013.
Para ampliar esta información, preme aquí.