Novas da lingua

Rexistros3331 a 3360 de 5153
30/10/2013. DINAMIZACIóN

Acto de sinatura de declaracións testamentarias en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un acto público de sinatura da declaración Galeg@ para sempre, no que as persoas asinantes expresan publicamente a súa vontade de que, chegado o momento do seu pasamento, todo o relativo aos posibles actos fúnebres e enterro sexan realizados en lingua galega. O acto terá lugar hoxe, 30 de outubro de 2013, ás 20:00 h, no Salón de Plenos do Concello. No mesmo acto, farase oficial a adhesión do Concello á declaración para restaurar a memoria lingüística, promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
Para ampliar esta información, preme aquí.
29/10/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega 2013 para a Asociación PuntoGal

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2013 fixo públicos os/as oito galardoados/as que serán recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, modalidade que se incorporou este ano por primeira vez, a premiada é a Asociación PuntoGal.
Nas outras categorías, os galardoados/as son Luz Pozo Garza (Letras), a Fundación Granell (Artes Plásticas), a Asociación Cultural Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (Artes Escénicas), o Castro de Viladonga (Patrimonio Cultural), o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires (Proxección Exterior), Juan Durán (Música) e Bambú Producciones (Creación Cultural). Para ampliar esta información, preme aquí.
29/10/2013. DINAMIZACIóN

A USC súmase á conmemoración do Día da Ciencia en Galego

A Universidade de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades co que conmemorará o vindeiro 4 de novembro, por terceiro ano consecutivo, o Día da Ciencia en Galego. Nesta edición, na que se homenaxea ao arquitecto Richard Buckminster, á científica Florence Nightingale e ao intelectual e artista galego Isaac Díaz Pardo, a USC organiza diferentes actividades nos campus de Lugo e Santiago, como visitas guiadas a laboratorios, conferencias divulgativas, xornadas terminolóxicas ou xincanas bibliográficas.
28/10/2013. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os Premios Bacelos de Prata

A Asociación Álvaro das Casas entregou, o pasado 26 de outubro de 2013, os IX Premios Bacelos de Prata, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo das adegas que etiquetan os seus viños en galego como marca de calidade. As galardoadas desta edición foron a Adega de colleiteiro Pousadoiro (Barral, Castrelo de Miño), da denominación de orixe Ribeiro, e a Adega Cachín (Abeleda, A Teixeira), da denominación de orixe Ribeira Sacra.
25/10/2013. OUTRAS

Nova versión do corrector ortográfico Hunspell

O Proxecto Trasno anuncia o lanzamento da versión 13.10 “Padre Sobreira” do corrector Hunspell, a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego. O corrector Hunspell pode empregarse con LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird e Google Chrome. Así mesmo, funciona con software privativo, como Mac OSX, InDesign, memoQ, Opera e SDL Trados.
Para obter máis información, preme aquí.
24/10/2013. INVESTIGACIóN

Nova versión do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega presenta unha nova versión ampliada do Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega, publicado en papel en 2010 e accesible na rede desde 2011. Esta nova versión incorpora as voces máis recentes do dicionario da RAG, os 1000 nomes propios de persoa máis frecuentes, 1500 apelidos galegos e os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia, así como algúns nomes de ríos, montes e accidentes costeiros. O dicionario, que ten como obxectivo ofrecer un modelo de pronuncia na variedade estándar da lingua, contén arredor de 68000 formas, coas súas respectivas locucións e transcricións fonéticas.
Para ampliar esta información, preme aquí.
23/10/2013. DINAMIZACIóN

O Celta, de primeira tamén na lingua

O Real Club Celta, a Fundación Celta de Vigo, a Universidade de Vigo e mais o Concello de Vigo presentan a campaña “Gústame o galego de primeira”, unha iniciativa de promoción do idioma galego protagonizada polos xogadores, técnicos e afeccionados deste equipo galego, que se desenvolverá o vindeiro 9 de novembro, antes do partido contra o Rayo Vallecano.
Na páxina de facebook do SNL do Concello de Vigo poderás acceder a toda a información sobre a campaña.
23/10/2013. DINAMIZACIóN

O CEIP da Espiñeira-Aldán presenta o seu terceiro cancioneiro

O Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP da Espiñeira-Aldán (Cangas) publica o seu terceiro cancioneiro, que se enmarca dentro do proxecto “Ao galego cantando (e danzando) con alegría e bo humor”. O obxectivo é fomentar o uso oral do galego entre o alumnado a través da aprendizaxe de coplas, cantigas, recitados ou xogos orais.
No web deste centro educativo podes consultar tamén os dous cancioneiros anteriores.
22/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de creación de vídeos para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un Obradoiro de creación de vídeos básicos para a normalización lingüística, no que se explorarán as potencialidades da comunicación audiovisual para as campañas de promoción do idioma. Os asistentes terán ocasión de aprender as técnicas de gravado de vídeo con aparellos básicos (cámara de fotos, cámara de vídeo ou teléfono móbil) e familiarizarse cos programas básicos de edición de vídeo dixital. O obradoiro combinará dúas sesións presenciais (12 e 21 de novembro en Santiago de Compostela) e catro sesións en liña. O prazo de inscrición será do 23 ao 29 de outubro de 2013.
22/10/2013. INVESTIGACIóN

Homenaxe a Rosalía de Castro en Madrid

Co gallo da conmemoración dos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, o Instituto Cervantes, o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia organizan unha homenaxe en Madrid a Rosalía de Castro. Os días 22, 23 e 24 de outubro de 2013 desenvolverase na sede do Instituto Cervantes o ciclo de conferencias “Rosalía de Castro: Tradición e modernidade”, no que participarán os poetas Luis García Montero, Luis Alberto de Cuenca e Arcadio López Casanova, e os escritores Carlos Reigosa e Marina Mayoral. O programa inclúe un concerto de Amancio Prado sobre a obra rosaliana. Para ampliar esta información, preme aquí.
21/10/2013. DINAMIZACIóN

A EOI da Coruña presenta o seu programa de dinamización lingüística

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas da Coruña presenta a programación de actividades para este curso 2013-2014. Entre as novas actividades que terán lugar proximamente está o taller de iniciación á curtametraxe en galego, a visita guiada ao cemiterio de San Amaro ou o relatorio do profesor Craig Patterson, tradutor para o inglés d'A Esmorga (On a Bender). Ademais, reeditarán actividades desenvolvidas en anos anteriores coma o Club de lectura ou o festival de curtas en galego CinEOI Coruña.
Para consultar a programación completa, preme aquí.
21/10/2013. DINAMIZACIóN

Unha lección de cine para os escolares vigueses

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do seu programa escolar Unha lección de cine, unha iniciativa pedagóxica que busca a reflexión lingüística a través do cine. Como novidade, nesta nova edición proxectaranse filmes baseados en novelas escritas por autores e autoras galegas, con quen o alumnado terá tamén ocasión de dialogar. O programa comeza este mércores coa proxección da película "O Club da calceta", baseada na novela homónima de María Reimóndez. Podes ampliar esta información premendo aquí.
21/10/2013. DINAMIZACIóN

O CEIP López Ferreiro convida aos escolares a falar da nosa historia

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) convoca unha nova edición do concurso de redacción Falemos da nosa Historia, dirixido aos escolares da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2013- 2014 cursen estudos de 3º ciclo de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO.
O obxectivo é reflexionar sobre a nosa historia a partir de ditos, refráns, modismos ou lendas. Nesta edición, os participantes deberán descubrir a orixe e a explicación histórica do dito “Pedro Madruga”. O prazo de presentación dos traballos é do 1 ao 28 de febreiro de 2014.
18/10/2013. DINAMIZACIóN

III Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza, coa colaboración dos equipos de dinamización lingüística dos IES do municipio, o III Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!!, co obxectivo de dinamizar o uso oral e escrito do galego entre a mocidade de xeito lúdico e creativo. O certame está dirixido ao alumnado de 2º ciclo da ESO e do Bacharelato. O prazo de inscrición remata o 25 de outubro de 2013.
Para consultar as bases completas, preme aquí.
18/10/2013. DINAMIZACIóN

O alumnado de Vila de Cruces comprométese co seu patrimonio cultural e lingüístico

O Clube de Lingua-Equipo de Normalización Lingüística do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) presentou publicamente a obra Mámoas de Oirós. Lendas possíveis, de Ramón Taboada Montoto, no que se recollen oito lendas relacionadas co conxunto megalítico de Oirós. A publicación enmárcase no proxecto plurianual Mámoas-Palabras de Pedra, que está a desenvolver o Clube de Lingua co obxectivo de implicar a comunidade educativa e local na protección do patrimonio cultural e lingüístico do concello.
18/10/2013. DINAMIZACIóN

Campaña de sensibilización lingüística no Concello de Carral

A Concellería de Cultura e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carral están a desenvolver a campaña En galego entendémonos, unha iniciativa de sensibilización e promoción do uso do galego dirixida ao conxunto da poboación.
A principal acción consiste na difusión de carteis e dípticos divulgativos con información sobre os servizos de asesoramento que ofrece o concello a través do seu SNL.
17/10/2013. DINAMIZACIóN

Xogos e música en Moaña para fomentar a transmisión da lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña organiza, no marco do programa de dinamización lingüística Canto Xogo!, un novo obradoiro de xogos e música tradicional, destinado a nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, co obxectivo de fomentar a transmisión oral da lingua galega no ámbito da familia. A actividade terá lugar mañá, 18 de outubro de 2013, ás 18:00 h, na Praza de Abastos de Moaña. A entrada é de balde.
15/10/2013. DINAMIZACIóN

Ríos que falan para festexar a ciencia en galego

Co gallo da conmemoración do Día da Ciencia en Galego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o obradoiro de creación plástica Ríos que falan, destinado a nenos/as de entre 8 a 12 anos. O obxectivo será a recreación plástica dun río, aprendendo ao tempo o patrimonio cultural que o conforma (muíños, presas, contos, lendas…) e o léxico da flora e fauna que o habita. A actividade desenvolverase os días 18 de outubro (CRAC de Coruxo), 15 de novembro (CVC Valadares) e 29 de novembro (AV Teis).
Para ampliar esta información, preme aquí.
15/10/2013. EMPREGO

Bolsa de formación no Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria dunha bolsa, de doce meses de duración, que ten por obxecto a formación práctica de licenciados/as universitarios/as, desenvolvendo as tarefas que encomende o Servizo de Publicacións desta institución.
15/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

X Xornadas sobre lingua e usos: lingua e teatro

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a décima edición destas xornadas, que este ano terán como eixo temático a relación entre lingua e teatro. As xornadas terán lugar os días 27, 28 e 29 de novembro de 2013 na Facultade de Filoloxía da UDC. A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o 22 de novembro. Para consultar o programa, preme aquí.
15/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da Lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da Lingua, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse ao longo do vindeiro día 16 de novembro de 2013 no IES As Fontiñas. O prazo de matrícula remata o vindeiro 14 de novembro.
11/10/2013.

Logros para o ensino en galego grazas á cooperación social

En setembro de 2011 creábase en Compostela a primeira Escola de Ensino Galego Semente, un proxecto educativo integramente en galego dirixido a nenas e nenos de entre 2 a 6 anos. En xullo deste mesmo ano 2013, nacía unha nova escola Semente en Vigo. Pola súa parte, a Cooperativa de Ensino Popular Avoasescola anunciou estes días a creación da Escola Infantil Avoescola Ferrolterra, o seu primeiro proxecto educativo infantil en galego destinado a nenas e nenos de entre 0 e 3 anos.
En ambos os dous casos, o obxectivo é que as familias poidan exercer o seu dereito de ofrecer aos seus fillos/as unha educación infantil en lingua galega.
10/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

Seminario de formación sobre o galego xurídico

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza o seminario "Superación de interferencias gramaticais e léxicas no galego xurídico", que terá lugar entre os días 4 e 7 de novembro de 2013 na aula de formación do Colexio de Avogados de Santiago. O seminario está dirixido a profesionais do Dereito e a matrícula é de balde. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.

10/10/2013. DINAMIZACIóN

IV Día da Ciencia en Galego

A Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) e mais a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA) convidan á comunidade educativa a festexar o vindeiro 4 de novembro o IV Día da Ciencia en Galego, para reivindicar o dereito a gozar da ciencia e da arte no noso idioma. Nesta edición os homenaxeados son o arquitecto Richard Buckminster, a científica Florence Nightingale e o intelectual e artista galego Isaac Díaz Pardo.
10/10/2013. DINAMIZACIóN

Institucionalízase o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover, un ano máis, o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades. Co obxecto de implicar ás forzas políticas galegas e aos rexedores municipais nesta tarefa, o vindeiro 23 de outubro de 2013 celebrarase en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela) un acto de sinatura pública da declaración de institucionalización do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia.
09/10/2013. DINAMIZACIóN

Ponte en galego!, iniciativa de radio escolar en Pontedeume

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Breamo (Pontedeume) retoma este curso a emisión do seu programa de radio escolar Ponte en galego!. O programa, que se emite por Radio Filispim (93.9 FM) os xoves de 20:30 h a 21:30 h, inclúe entrevistas, música, lingua, gastronomía e deportes. A iniciativa botou a andar en decembro de 2012 e o pasado 26 de setembro comezaron o novo curso coa emisión do programa 17, no que, entre outros contidos, contaron coa colaboración de Katerina Hornikova, estudante checa e galegofalante.
07/10/2013. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada “Os recursos educativos en galego: educación social”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza as VI Xornadas "Os recursos educativos en galego: educación social", que terán lugar os días 8 e 9 de novembro de 2013 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur). A xornada está destinada aos membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado e PAS) desta facultade interesados en coñecer novas estratexias e recursos didácticos en galego. O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de novembro de 2013. Para obter máis información, preme aquí.
04/10/2013. OUTRAS

Traducida ao galego a versión 3.10 de Gnome

O equipo galego de tradución de GNOME anuncian que xa está dispoñible en galego a nova versión 3.10 do contorno de escritorio GNOME. Entre as melloras desta versión saliéntanse a incorporación de Wayland, un único menú de estado do dispositivo, a incorporación de barras de cabeceira e novos aplicativos (música, fotos, notas, mapas….). Os/as usuarios/as especializados/as poden descargar xa o código fonte de Gnome 3.10. O resto dos usuarios/as deberán agardar á súa distribución GNU/Linux. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de lingua e cultura galegas para inmigrantes en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura galega En galego, co teu acento, dirixido á comunidade de inmigrantes que vive no municipio. No curso impartiranse nocións básicas para comunicarse en galego, así como coñecementos sobre a cultura e a historia de Galicia, promovendo sempre o intercambio cultural entre os asistentes. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de outubro. Para ampliar esta información preme aquí.
28/01/2013. DINAMIZACIóN

Campaña para galeguizar o Android

O equipo que xestiona o blog Mallando no Android presenta a campaña Android en Galego, unha iniciativa que ten como obxectivo conseguir que Google inclúa o galego como opción de idioma na versión base do sistema operativo Android. A principal acción consiste en xuntar sinaturas, a través da plataforma change.org, para enviar esta demanda a Sundar Pichai, vicepresidente de Google e responsable de Android. A maiores, os impulsores da iniciativa animan a darlle visibilidade á campaña en sitios web e blogs (a tavés de banners) e a difundila nas redes sociais.