Novas da lingua

Rexistros3331 a 3360 de 5280
02/07/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) na modalidade de teleformación, destinados ao persoal da Administración local galega.

A matrícula debe tramitarse a través do web da EGAP.
O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a escrita e produción de proxectos audiovisuais

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca subvencións para a escrita e produción de proxectos audiovisuais en versión orixinal galega (entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega), co obxectivo de estimular a creatividade dos novos profesionais e fomentar a normalización lingüística no sector audiovisual.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
25/06/2013. OUTRAS

Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 22 de xuño de 2013, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2014 a Xosé María Díaz Castro (1914-1990), autor do célebre poemario Nimbos, publicado en 1961 pola editorial Galaxia.

No ámbito cultural, destaca o seu labor como docente, tradutor, crítico literario e poeta. Como creador literario, inscríbese na Xeración de 1936, xunto a poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesias Alvariño.
20/06/2013. INVESTIGACIóN

A mocidade de Silleda avalía a súa paisaxe lingüística

O Equipo de Normalización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, presenta os resultados do seu estudo "A paisaxe lingüística de Silleda. Bases para a normalización do entorno". O traballo, elaborado por alumnado de cuarto curso da ESO e coordinado polo profesor Cibrán Arxibai, analiza a lingua dos sinais e carteis que poden verse nos espazos públicos do municipio, clasificándoos en tres grupos: os que son responsabilidade das administracións; os pertencentes a comercios e particulares; e as pintadas e graffitis. Á vista dos resultados que ofrece a súa paisaxe lingüística, os autores do traballo conclúen que o estado social do galego non é bo no Concello de Silleda.
Para ampliar esta información, preme aquí.
20/06/2013. OUTRAS

O bUSCatermos, agora tamén para Android

Xa está accesible a aplicación móbil do bUSCatermos para Android, elaborada pola empresa Taptil.
O bUSCatermos é unha base terminolóxica multilingüe con máis de 150.000 rexistros que o SNL da USC puxo ao dispor de toda a cidadanía en outubro de 2012. A ferramenta, que agora pode consultarse tamén nos móbiles con sistema operativo Android, estaba xa dispoñible para iPhone e iPad desde o pasado mes de abril.
20/06/2013. EMPREGO

Praza de tradutor/a no Concello de Lugo

O Concello de Lugo publica as bases específicas para a convocatoria pública dunha praza de tradutor/a (grupo A, subgrupo A2). Os participantes deberán estar en posesión do título de grao en estudos de galego e español ou do grao en tradución e interpretación, ou ter superados tres anos das licenciaturas de tradución e interpretación ou de filoloxía galega. O proceso selectivo será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOE.
20/06/2013. OUTRAS

Google Drive incorpora o galego como lingua de traballo

Google anuncia que xa se poden empregar 18 novos idiomas, entre eles o galego, no Google Drive, o seu servizo de edición e almacenamento de documentos. Así pois, a partir de agora non só poderás navegar en galego polo sistema de menús, senón que tamén poderás empregar o corrector ortográfico e mais o tradutor de Google cando edites documentos no seu sistema ofimático web.
Para ampliar esta información, preme aquí.
20/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a edición de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución da convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Para consultar a listaxe de proxectos subvencionados, preme aquí.
19/06/2013. OUTRAS

O Parlamento Europeo pide un maior compromiso coas linguas minorizadas

A Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo aprobou onte, 18 de xuño de 2013, por unanimidade o Informe sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea. Trátase dunha proposta de resolución, que será votada polo Pleno do Parlamento o vindeiro mes de setembro, na que se insta a todos os gobernos membros da UE a que implementen políticas de preservación da diversidade lingüística da Unión e de revitalización dos idiomas ameazados en todos os ámbitos sociais (nomeadamente nos medios de comunicación, a cultura e o ensino). Así mesmo, ínstase tamén á Comisión Europea e ao Consello a aprobar programas de apoio financeiro para proxectos de promoción das linguas minorizadas.
18/06/2013. DINAMIZACIóN

No verán... un conto!

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta o programa de dinamización do uso do galego “No verán… un conto!”, deseñado co obxectivo de difundir o patrimonio oral da comunidade a través de actividades lúdicas.

O programa, que se desenvolverá entre os meses de xuño e xullo, inclúe actividades destinadas aos diferentes tipos de público (infantil, xuvenil ou adulto).
18/06/2013. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de nove bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/06/2013. DINAMIZACIóN

A lingua galega xa ten o seu dominio propio en Internet

A Asociación PuntoGal fixo público que o ICANN, organismo internacional que xestiona Internet, autorizou o dominio .gal, un paso de xigante para a lingua e a cultura galegas, xa que grazas a este dominio propio contarán cunha maior visibilidade no ámbito internacional. Dado que o dominio está pensado para estimular o uso do galego nas novas tecnoloxías, as entidades culturais e aquelas que traballen a prol do idioma terán prioridade á hora de rexistrar os seus nomes. Os beneficios que xere o .gal destinaranse a incrementar a presenza do galego no eido tecnolóxico.
17/06/2013. OUTRAS

Reportaxe da TVG sobre os 30 anos da Lei de normalización lingüística

A Televisión de Galicia emitiu o pasado sábado, 15 de xuño, unha reportaxe (min. 17 en diante) sobre os 30 anos da Lei de normalización lingüística, aprobada polo Parlamento de Galicia o 15 de xuño de 1983. O equipo do programa Reporteiros entrevista ás persoas que tiveron un papel destacado no proceso de aprobación da lei e fai un percorrido por estes últimos 30 anos, poñendo de relevo os principais logros acadados, a través da opinión de persoas que teñen actualmente un papel significado no ámbito da normalización lingüística.
17/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino público

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 17 de xuño de 2013, a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de ensino público non universitario de Galicia.

Para consultar a listaxe de centros que recibiron esta axuda, prema aquí.
13/06/2013. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística nos concellos de Carballedo e Cea

O Concello de Carballedo fai públicas as bases para a contratación laboral temporal, a tempo parcial, dunha praza para desenvolver tarefas de normalización lingüística nos concellos de Carballedo e Cea. A duración do contrato será de tres meses e quince días e o proceso de selección será o concurso-oposición. Os aspirantes deben posuír a licenciatura de Filoloxía Galega ou similar. O prazo de presentación de solicitudes será de cinco días naturais, contados a partir da publicación do anuncio no boletín oficial da provincia.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
13/06/2013. OUTRAS

Novo espazo web para a difusión do léxico galego

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentan o Portal das Palabras, un novo espazo web deseñado para difundir o léxico galego. O web ofrece diferentes recursos lúdicos e didácticos (vídeos, xogos, actividades educativas...) relacionados co ámbito da lexicografía galega. Así mesmo, incorpora unha versión actualizada do Dicionario da RAG, que agora inclúe un buscador de sinónimos con exemplos de uso, unha listaxe de termos relacionados coa palabra buscada, e a posibilidade de facer procuras avanzadas por lema e contido. Este novo Dicionario conta tamén con versión para móbiles que empreguen os sistemas “IOS” e “Android”.
13/06/2013. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades españolas e do estranxeiro. En concreto, ofértanse prazas de lector/a nas seguintes universidades: Autónoma de Barcelona, Estremadura, Salamanca, Cristiana Albertina de Kiel, Heidelberg, Leipzig, Gales e Varsovia.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/06/2013. DINAMIZACIóN

Nove propostas para promover o galego de xeito colaborativo

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua difunde as fichas descritivas das nove propostas presentadas na xuntanza do “Viveiro de propostas normalizadoras 2013”. As persoas interesadas en participar no desenvolvemento dalgún destes proxectos poden enviar un correo cos seus datos básicos de contacto (nome e apelidos, enderezo electrónico e teléfono) a viveiro@ctnl.org até o vindeiro 14 de xuño.
10/06/2013. DINAMIZACIóN

Peter Punk achégase á mocidade este verán

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o espectáculo “Peter Punk”, unha nova iniciativa de promoción do idioma galego que se desenvolverá no marco da Rede de Dinamización Lingüística. Trátase dun espectáculo circense, dirixido á mocidade, no que se tratan con humor temas relacionados coa realidade sociolingüística galega. “Peter Punk” percorrerá 36 concellos adscritos á Rede nos meses de xuño a setembro.
Para ampliar esta información, preme aquí.
07/06/2013. DINAMIZACIóN

Catrocentos nenos e nenas cantan a Rosalía

No marco dos actos de conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia organizaron a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía”. Trátase dun recital no que catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos de diferentes centros de ensino musical cantarán os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”. Estarán acompañados polo grupo de metais “Hércules Brass” e dirixidos por Maximino Zumalave.

O acto terá lugar hoxe, 7 de xuño de 2013, ás 17:30 h, na Igrexa San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).
07/06/2013. DINAMIZACIóN

Os técnicos/as de normalización lingüística únense para botar a lingua de fóra

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha xornada de convivencia dirixida a traballadores/as de normalización lingüística, co ánimo de fortalecer os vínculos persoais e fomentar as estratexias de traballo en equipo. A iniciativa, que se desenvolverá o vindeiro sábado 22 de xuño, consistirá en subir xuntos ao Monte Pindo.
O prazo de inscrición para participar remata o 18 de xuño. Se desexas máis información, preme aquí.
07/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 6 de xuño de 2013, a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
06/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premios á promoción do idioma

Nesta última semana resolvéronse diferentes premios deseñados para recoñecer publicamente o compromiso de persoas e entidades coa promoción do idioma. A Coordinadora Galega de ENDL fixo público o gañador do Premio Leixaprén 2013, que nesta ocasión recaeu en Javier Gómez Noya. Así mesmo, unha campaña para o establecemento Faino Ti gañou o I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, que convoca o Concello de Santiago. Pola súa parte, o SNL da Terra de Melide entregaralle, mañá venres 6 de xuño, ao Museo da Terra de Melide o Premio Terra de Melide á defensa da lingua.
06/06/2013. INVESTIGACIóN

En liña a análise da política lingüística na Administración local

Xa está accesible na rede o informe “Análise da acción en política lingüística no ámbito municipal nos últimos anos”, elaborado pola Comisión Técnica do CDSG e publicado polo Consello da Cultura Galega en 2012. O traballo ofrece unha análise detallada do proceso de normalización lingüística na Administración local galega e achega algunhas propostas de futuro dirixidas ás autoridades con competencia na política lingüística municipal.
03/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XIX Premios Lois Peña Novo


A Fundación Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da XIX edición dos Premios Lois Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.
Os galardoados/as desta edición son o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, polo seu compromiso co galego no ámbito xurídico; o Concello de Valga, pola promoción do galego nos usos propios da Administración local; e Clodio González Pérez, pola súa traxectoria profesional no eido da historia e a etnografía galega.
24/05/2013. OUTRAS

Bababum, proposta lúdico-educativa para o verán

Carlos Pereiro (integrante do grupo musical Novedades Carminha) e as ilustradoras Cinta Arribas e María Ramos presentan o caderno de actividades “Bababum vacacións”, un proxecto músical, lúdico e educativo deseñado para estimular as aptitudes creativas de nenos/as de entre 3 a 10 anos no período das vacacións estivais.
O proxecto inclúe un caderno trilingüe de actividades (en galego, castelán e inglés) e mais un disco con oito cancións relacionadas coa temática do verán, que abranguen as principais tendencias musicais da actualidade (o pop, o rock, o punk, a música electrónica ou o folk).
22/05/2013. CURSOS E CONGRESOS

IX Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a CTNL e a SXPL, organiza o IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta edición xirará arredor do papel central da participación, a implicación e o traballo colaborativo nos procesos de cambio social e lingüístico.

As sesións desenvolveranse os días 17, 18 e 19 de xullo de 2013 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o vindeiro 11 de xullo.
21/05/2013. OUTRAS

Debate na praza sobre lingua e soberanía

O diario dixital Praza Pública organiza o debate “Lingua e soberanía. Ideas para o galego nun país con decisión”, que terá lugar hoxe, 21 de maio, ás 20:30 h, no espazo cultural A Nave de Vidan.
No acto intervirán Carme Hermida, profesora da USC e concelleira de Anova en Teo; Eduardo Maragoto, profesor de portugués na EOI de Santiago e membro do Consello da AGAL; Goretti Sanmartín, profesora da UdC e membro da Executiva Nacional do BNG; e Henrique Monteagudo, profesor da USC e membro da Executiva Nacional de CxG.
20/05/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica na modalidade de teleformación

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe xurídica (niveis medio e superior) para o persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados con este ámbito que presten servizos na Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos impartiranse na modalidade de teleformación. O prazo para presentar as solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.