Novas da lingua

Rexistros3361 a 3390 de 4427
24/09/2013. DINAMIZACIóN

Nova edición dos Axóuxeres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición dos Axóuxeres, un programa de dinamización lingüística deseñado para fomentar a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa, dirixido a nenos/as menores de 6 anos, percorrerá durante o último trimestre do ano 24 localidades galegas pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.
24/09/2013. EMPREGO

Adxudicación de trece prazas de lector/a en universidades do exterior

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 24 de setembro de 2013, dúas resolucións a través das que se adxudican trece prazas de lector/a de lingua, literatura e cultura galegas, que desenvolverán a súa actividade en centros de estudos galegos do exterior.
No web da SXPL podes ampliar esta información.
23/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Programa de formación lingüística na Mariña Lucense

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense continúa nestes meses de setembro e outubro o programa de formación lingüística que iniciou o pasado verán. Os novos cursos que se desenvolverán no outono están dirixidos a dous colectivos concretos, as persoas maiores e o colectivo de inmigrantes.
20/09/2013. LEXISLACIóN

O TSXG demanda que se execute a sentenza sobre o decreto do plurilingüismo

O TSXG acaba de emitir un auto no que lle demanda á Xunta de Galicia a execución forzosa da sentenza firme 1286/2012, do 21 de novembro, xa que non lle consta que esta fose executada na súa totalidade. Pola súa parte, a Consellería de Educación xa presentou un recurso de reposición contra este auto, ao considerar que a Xunta de Galicia cumpriu co estipulado na sentenza.
A sentenza 1286/2012, ditada en novembro do pasado ano 2012, anulou os artigos 5.2 e 12.3 do Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, por consideralos contrarios a dereito.
20/09/2013. DINAMIZACIóN

Co galego até a fin do mundo

A plataforma Queremos Galego! organiza un roteiro simbólico de 4 quilómetros en defensa da lingua que se desenvolverá baixo o lema “Co galego até a fin do mundo”. A marcha terá lugar mañá sábado, 21 de setembro de 2013, e a saída será ás 11:00 h desde a Cruz de Baixar (Fisterra). Ao remate, no Faro de Fisterra, haberá actuacións musicais e intervencións de diferentes persoas do ámbito cultural.
19/09/2013. DINAMIZACIóN

Lingua Viva, proposta de intervención no ámbito educativo

A Coordinadora Galega de ENDL presenta, na súa renovada páxina web, o proxecto Lingua Viva, unha proposta de normalización lingüística interdisciplinar que implica a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e persoal non docente). A proposta ten como modelo o traballo desenvolvido no IES Perdouro de Burela no ámbito da compilación e difusión do patrimonio documental popular. A Coordinadora de ENDL convida a comunidade educativa a desenvolver o modelo, na súa totalidade ou nalgunha das fases, nos diferentes centros de ensino.
18/09/2013. OUTRAS

Resolución do Parlamento Europeo sobre a diversidade lingüística

O Parlamento Europeo aprobou, na súa sesión plenaria do pasado 11 de setembro de 2013, a
Resolución do Parlamento Europeo, de 11 de setembro de 2013, sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea (2013/2007(INI)) [versión en galego difundida por ProLingua]. A través deste documento pídeselles á Unión Europea e aos estados membros que presten maior atención á situación das linguas en perigo de desaparición e se comprometan coa preservación da diversidade lingüística implementando políticas de revitalización dos idiomas ameazados.
A presente resolución baséase nun informe previo, elaborado no seo da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo e aprobado por unanimidade o pasado 18 de xuño de 2013.
18/09/2013. INVESTIGACIóN

Preséntase a obra Estudos de toponimia galega

Hoxe, 18 de setembro de 2013, ás 13:00 h, terá lugar no Salón de Actos da Real Academia Galega a presentación da obra Estudos de toponimia galega (volumes I e II), unha colectánea de artigos de Nicandro Ares Vázquez sobre o tema. No acto intervirán Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, Antón Santamarina Fernández, editor da obra e académico numerario, e Ramón Lorenzo Vázquez, coordinador do Seminario de Onomástica da RAG.
17/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premio para o labor normalizador da Mesa

A Asociación Cultural Val de Láncara, coordinadora do Premio Ramón Piñeiro: Facer País, fixo público o pasado 13 de setembro, nun acto en Santiago de Compostela, que a galardoada da duodécima edición deste premio é A Mesa pola Normalización Lingüística, polo seu compromiso desde 1986 coa normalización do idioma galego en todos os ámbitos sociais.
O galardón, que outorgan quince asociacións culturais das comarcas de Sarria, Láncara e o Corgo, será entregado nun acto público a finais do vindeiro mes de outubro.
16/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica, no DOG do 16 de setembro de 2013, dúas liñas de axudas dirixidas ao ámbito do audiovisual galego, unha delas destinada a apoiar as producións ou coproducións audiovisuais no noso idioma e outra para subvencionar o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación destas convocatorias.
12/09/2013. DINAMIZACIóN

Materiais para organizar o novo curso en galego

o Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellería de Ensino do Concello de Redondela presentan a Axenda Escolar Redondelá 2013/2014, un recurso elaborado en colaboración coa Coordinadora de ENDL de Redondela e destinado ao alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria e de 1º e 2º da ESO, que inclúe información sobre o patrimonio lingüístico e cultural do concello.
Pola súa parte, a Coordinadora Galega de ENDL pon ao dispor da comunidade educativa o Calendario Escolar 2013-2014 en diferentes formatos: anual e mensual.
12/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premios para o uso do galego nos eidos de socioloxía e comunicación

As comisións de normalización lingüística das facultades de Socioloxía e CC. da Comunicación da UDC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, comezan o curso presentando novas accións para dinamizar o uso do galego entre o seu alumnado. Trátase do Premio ao mellor proxecto de fin de carreira/traballo de fin de grao curso 2012-2013, dirixido ao alumnado de CC. da Comunicación, do III Premio ao mellor traballo de investigación sociolóxica, dirixido ao alumnado de Socioloxía, e do II Concurso de curtametraxes sociolóxicas, dirixido ao alumnado de ambos os dous centros.

No web do SNL da UDC podes atopar toda a información relacionada coa actividade das comisións de normalización lingüística da universidade.
12/09/2013. OUTRAS

Linguazas actualiza os seus contidos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas actualizou os contidos do sitio web Linguazas, unha compilación de recursos lingüísticos accesible na rede desde 2010.

Nesta nova versión actualizáronse as seccións de ortografía, dicionarios, recursos e ligazóns. Ademais, a sección dedicada ao tecido asociativo, antes restrinxida, é agora de acceso público.
09/09/2013. AXUDAS E PREMIOS

R, premio ao compromiso co galego

A Fundación Curros Enríquez outorgoulle o XXIX Premio “Celanova, Casa dos Poetas” á empresa de telecomunicacións R polo seu compromiso coa lingua galega, idioma que usan con normalidade nas súas comunicacións empresariais e que se converteu nun sinal de identidade da empresa.
O encargado de recoller o premio foi Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, nun acto público que tivo lugar onte, 8 de setembro, no Auditorio Municipal de Celanova.
09/09/2013. DINAMIZACIóN

Programa de intercambio lingüístico en Santiago

A Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Santiago, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, organiza o programa de intercambio lingüístico Busco parella… lingüística. O programa, dirixido ao estudantado estranxeiro que se incorpora este curso á USC, está deseñado para perfeccionar as competencias lingüísticas a través da conversa en contextos informais.
Para ampliar esta información, preme aquí.
09/09/2013. INVESTIGACIóN

Estudo sociolingüístico de Foz

Este verán publicouse o blog Foz Linguaviva, unha análise sobre a presenza da lingua galega en Foz, froito do traballo desenvolvido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Foz (pechado na actualidade) durante o verán de 2012.
A partir dunha análise sociolingüística previa, o traballo analiza o uso do galego escrito na vila de Foz. O obxectivo da inciativa é concienciar a poboación do escaso uso escrito do galego na Mariña lucense e, ao mesmo tempo, darlles visibilidade aos axentes sociais normalizadores que están traballando por reverter esta situación.
09/09/2013. DINAMIZACIóN

Oink!, a revista do Xabarín Club

Xa está na rúa Oink!, unha revista en lingua galega dirixida ao público infantil e protagonizada polo Xabarín, o popular personaxe da programa da TVG Xabarín Club. A publicación, que terá unha periodicidade mensual, inclúe contidos en banda deseñada, concursos, reportaxes, artigos, entrevistas e novas de interese para os/as máis pequenos/as. Moitos destes contidos estarán tamén accesibles na rede, transcorrido un mes da súa chegada aos quioscos, na sección infantil do web da TVG.
Para ampliar esta información, preme aquí.
09/09/2013. DINAMIZACIóN

Trivial da Terra de Melide

O pasado 24 de agosto presentouse publicamente o Trivial da Terra de Melide, unha aplicación gratuíta para teléfonos e tabletas co sistema operativo Android. Trátase dun xogo didáctico, desenvolvido polo Servizo de Normalización Lingüística da Terra de Melide, que compila 200 preguntas sobre o medio, a cultura e a sociedade, a arte, a historia e os personaxes célebres dos concellos de Melide, Toques e Santiso.
04/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Curso de auga salgada en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e mais a Asociación Veciñal Doutor Fleming organizan o Curso de auga salgada, que ten como obxectivo difundir a lingua e a literatura popular relacionadas co mar (nomes dos oficios, embarcacións tradicionais, lendas…). O curso impartirase os días 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de setembro e 2 e 7 de outubro de 2013. A matrícula é de balde e a inscrición pode facerse chamando ao teléfono 986484456.
04/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a consecución dos Celga (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.
Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións públicas galegas (excepto o persoal docente e sanitario). Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. Os cursos impartiranse entre setembro de 2013 e febreiro de 2014. Para obter máis información sobre os prazos de inscrición ou os trámites de matrícula, preme aquí (Corrección de erros).
02/08/2013. DINAMIZACIóN

Dinamización e formación lingüística nos concellos da Mariña

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa organiza diversas actividades de dinamización e formación lingüística co obxectivo de fomentar o uso do galego entre a poboación mariñá. As actividades desenvolveranse durantes os meses de agosto, setembro e outubro en diferentes concellos adscritos á Mancomunidade.
31/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega para o ano 2013

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2013. Nesta ocasión, con respecto a convocatorias anteriores, engádese a modalidade de “Lingua”, co obxectivo de incorporar o uso e fomento do galego aos méritos recoñecidos a prol da cultura de Galicia. As candidaturas poden ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio. O prazo de presentación será de dous meses, contados desde o día
seguinte ao da publicación da convocatoria.
31/07/2013. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización Lingüística no Concello da Estrada

O Concello da Estrada publica as bases para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística. A duración do contrato será ata o 30 de setembro de 2013. Os aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía hispánica (sección galego-portugués), ou outras titulacións superiores pertencentes á área de humanidades ou de ciencias xurídicas sociais, sempre que posúan o Celga 5. O proceso selectivo consistirá en dúas probas, un cuestionario teórico tipo test sobre o temario indicado na convocatoria e un suposto práctico sobre as tarefas a desenvolver.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de agosto de 2013.
30/07/2013. OUTRAS

En galego as novas versións de Apache OpenOffice e LibreOffice

O equipo de tradución ao galego de LibreOffice e OpenOffice anuncia que xa están dispoñibles na nosa lingua as suites ofimáticas Apache OpenOffice 4.0 e LibreOffice 4.1.

Desde o web do Proxecto Trasno, comunidade de voluntarios que se dedican a localizar software libre ao galego, podes acceder a toda a información técnica destas dúas novas versións das suites ofimáticas libres
23/07/2013. DINAMIZACIóN

Cultura e lingua na Semana Cultural de Zas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas está a difundir as actividades de dinamización lingüística que se desenvolverán, en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística, no marco da Semana Cultural do Concello de Zas, que terá lugar entre os días 28 de xullo e 4 de agosto de 2013.
22/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros privados da Coruña e Lugo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros privados que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios nas provincias de da Coruña e Lugo.
Podes consultar aquí as listaxes de centros subvencionados (centros da Coruña, centros de Lugo).
18/07/2013. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornadas de Materiais Didácticos

A Coordinadora Galega de ENDL e mais Nova Escola Galega organizan as VI Xornadas de Materiais Didácticos. Recursos e materiais didácticos para o ensino en galego, que terán lugar os días 29 e 30 de novembro de 2013 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida, USC). As xornadas están destinadas ao profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional.

O prazo de inscrición remata o 26 de novembro. Para obter máis información sobre os trámites da matrícula, preme aquí.
17/07/2013. INVESTIGACIóN

Accesibles na rede as actas das IX Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das IX Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Tradución, que tiveron lugar na Coruña en novembro de 2012.
Neste mesmo sitio web pode acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
16/07/2013. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades do estranxeiro. En concreto, ofértanse prazas de lector/a nas universidades de Berlín, Nova de Lisboa, Zádar, Río de Janeiro e São Paulo.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
16/07/2013. CURSOS E CONGRESOS

Curso básico de lingua galega na Mancomunidade de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un curso básico de lingua galega destinado principalmente a persoas de fóra de Galicia residentes nesta comarca que desexen adquirir unhas nocións básicas do noso idioma.