Novas da lingua

Rexistros3421 a 3450 de 5280
12/03/2013. DINAMIZACIóN

Café de idiomas en Porto do Son

A Concellaría de Servizos Sociais de Porto do Son presenta a iniciativa Café de idiomas, un programa de aprendizaxe de linguas baseado na conversa en contextos informais. Os idiomas que se propoñen son inglés, francés, castelán e galego para estranxeiros. Os participantes poderán propoñer outros idiomas sempre e cando haxa un mínimo de dúas persoas interesadas.
O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de marzo de 2013.
11/03/2013. DINAMIZACIóN

Para enredar no ensino

A Coordinadora Galega de ENDL está a difundir o proxecto Enredamos, un blog que compila información (fichas descritivas, vídeos…) sobre xogos populares e o seu aproveitamento didáctico nos diferentes niveis educativos.

O proxecto está impulsado e coordinado por Nito Ferrer e mais os membros da Coordinadora de ENDL de Pontevedra.
11/03/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) para o persoal da Administración autonómica de Galicia, tanto na modalidade presencial como de teleformación. A matrícula debe tramitarse a través do formulario de matrícula telemática accesible na páxina web da EGAP. O prazo de presentación de solicitudes remata o 22 de marzo de 2013, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o texto íntegro da convocatoria, preme aquí.
08/03/2013. DINAMIZACIóN

Volve o rock en galego a Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración coa sala Karma, unha nova edición do programa de dinamización lingüística Galegote Rock, deseñado para introducir a lingua galega nas actividades de lecer da xuventude.

Galegote Rock é un programa de concertos que se celebrará ao longo do vindeiro mes de abril na sala Karma (Pontevedra) e que inclúe as actuacións de diferentes bandas galegas, como Terbutalina, Martelo ou Ataque Escampe. Para ampliar esta información, preme aquí.
07/03/2013. DINAMIZACIóN

Ben veñas, maio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, dirixido ao alumnado de ensino medio do concello.
07/03/2013. DINAMIZACIóN

As institucións galegas conmemoran o 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos

A Consellería de Cultura e Educación, a Secretaría Xeral de Medios, a Fundación Rosalía de Castro, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Compañía da Radiotelevisión de Galicia presentaron de xeito conxunto o programa de actividades que se van desenvolver neste ano 2013 para conmemorar o 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O programa inclúe, entre outras actividades, exposicións, espectáculos escénicos, producións audiovisuais, concertos musicais e edicións conmemorativas. Se desexa máis información, prema aquí.
06/03/2013. OUTRAS

En liña o noso Boletín de Sumarios 2012

Xa pode consultar o noso Boletín de Sumarios 2012, produto documental que inclúe os sumarios de 693 números de publicacións periódicas, correspondentes a 116 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o ano 2012.

Se desexa consultar a nosa colección completa de seriadas, prema aquí.
06/03/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición de cursos en liña preparatorios para a acreditación do nivel
Celga 1, dirixidos principalmente a persoas estranxeiras, non galegofalantes ou que carezan de formación en lingua galega. Os cursos desenvolveranse entre o 1 de abril e o 7 de xuño de 2013 e o prazo de matrícula remata o vindeiro 14 de marzo.

Con posterioridade, o 9 de xuño, terán lugar en Santiago de Compostela, Ponferrada, Madrid e Barcelona as probas para obter a acreditación do Celga 1.
05/03/2013. CURSOS E CONGRESOS

VI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Persoas Estranxeiras na UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o VI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse entre os días 1 e 24 de xullo de 2013 na Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 3 de maio de 2013.
05/03/2013. INVESTIGACIóN

Novos datos sobre usos lingüísticos na docencia da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta os datos sobre usos lingüísticos na docencia na USC neste curso 2012-2013. En termos xerais, impártense en castelán o 73,74% das horas docentes, en galego o 23,34% e en inglés o 1,72%. O restante 1,2% do horario impártese en francés, portugués, italiano ou alemán.
05/03/2013. EMPREGO

Bolsa de formación en xestión cultural, normalización lingüística e comunicación audiovisual

A Deputación de Lugo convoca unha bolsa de formación en xestión cultural, normalización lingüística e comunicación audiovisual dirixida a licendiados/as en Filoloxía Galega (ou Grao en Filoloxía Galega) con estudos en Comunicación Audiovisual.

A duración da bolsa é de 12 meses e a persoa beneficiaria desenvolverá a súa actividade na Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de marzo de 2013.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
04/03/2013. AXUDAS E PREMIOS

Agasallo de luz a Roberto Vidal Bolaño

Con motivo da conmemoración do vindeiro Día das Letras Galegas, a Fundación Barrié, a través da súa canle educativa educaBarrié, convoca o concurso Agasallo de luz, un proxecto educativo deseñado para render homenaxe á obra de Roberto Vidal Bolaño e conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
28/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura 2013

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña convoca o IV Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer a aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do idioma galego.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril de 2013.
26/02/2013. EMPREGO

Bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca catro bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, que participará nas actividades de dinamización lingüística e formación que se desenvolven na ANL.
26/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Imaxina Cantares!

Co gallo da conmemoración do Día de Rosalía e da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan o certame Imaxina Cantares!, dirixido aos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de titularidade pública.
25/02/2013. CURSOS E CONGRESOS

V Xeiras sobre a Lingua Galega na Universidade de Vigo

Os Comités da Universidade de Vigo organizan as V Xeiras sobre a Lingua Galega, co obxectivo de reflexionar sobre a situación social do noso idioma e promover o seu uso nos diferentes ámbitos sociais.

As sesións desenvolveranse entre os días 5 e 8 de marzo de 2013 en Vigo.
A matrícula é gratuíta e todas as persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario web habilitado para a ocasión.
25/02/2013. INVESTIGACIóN

Dicionario xurídico en liña para o persoal da Administración pública

Edicións Xerais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a Consellería de Cultura e Educación presentan a versión en liña do Dicionario xurídico galego, unha obra que xa foi editada en papel a finais de 2011 e que compila arredor de 2 000 entradas nas que se presentan en galego conceptos esenciais do Dereito; termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia e información crítica sobre a lexislación vixente en España. Esta versión en liña, de acceso restrinxido para o público xeral, está accesible para todos os empregados públicos da Administración xeral, de Xustiza, do Servizo Galego de Saúde e dos concellos galegos.

Se desexas máis información, preme aquí.
22/02/2013. INVESTIGACIóN

Consulta o facsímile da primeira edición de “Cantares Gallegos”

Neste ano 2013 no que se conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta o facsímile da primeira edición desta obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas. O propio CCG acaba de inaugurar un novo espazo web no que se irán compilando diferentes documentos dixitais relacionados coa vida e obra da autora.
21/02/2013. OUTRAS

Twitter xa está en galego

A rede social Twitter anuncia que xa se pode navegar en galego en twitter.com, plataforma que agora está accesible en máis de 35 linguas.

A incorporación do galego a esta rede social foi posible grazas a unha intensa campaña reivindicativa e á comunidade de usuarios/as que colaborou na tradución da interface. Para ampliar esta información preme aquí.
21/02/2013. OUTRAS

21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna

En novembro de 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna. Dende entón, cada ano conmemórase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar esta diversidade e a promover o plurilingüismo.

Como é costume, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, fixo pública a mensaxe institucional de 2013 con motivo desta celebración.

No ámbito de Galicia, a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia tamén difundiu unha declaración pública para conmemorar esta data.
19/02/2013. DINAMIZACIóN

24 de febreiro, Día de Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) anima a toda a cidadanía a festexar o vindeiro 24 de febreiro o Día de Rosalía, escritora determinante na historia do noso idioma que restaurou, coa súa obra Cantares Gallegos (1863), o uso escrito do galego despois de séculos de ocultación.

Ao abeiro desta iniciativa, diferentes institucións, concellos e centros de ensino están a organizar actividades para homenaxear a escritora cando se cumpren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. No web da AELG pode consultar as actividades e actos programados.
19/02/2013. DINAMIZACIóN

21 días co galego na Pobra do Caramiñal

O IES da Pobra do Caramiñal organiza a campaña de dinamización lingüística 21 días co galego, que ten como obxectivos perfeccionar a competencia lingüística do alumnado e promover a reflexión individual sobre os propios usos lingüísticos.

No marco desta iniciativa está a desenvolverse un programa de actividades lúdicas e didácticas que inaugurou o escritor Agustín Fernández Paz cun vídeo de saúdo.
18/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos de fomento do galego no ensino privado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para proxectos de fomento do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade privada, para desenvolver no curso 2012-2013.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
14/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións ás producións audiovisuais

A Axencia Galega das Industrias Culturais publica a resolución das axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de subvencións para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, co ánimo de contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais galegas.
12/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a novena edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 11 de abril de 2013. Se desexa consultar as bases, prema aquí.
08/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística en municipios que carezan de servizo. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
(corrección de erros)
07/02/2013. DINAMIZACIóN

Recursos para traballar o Entroido nas aulas

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición de toda a comunidade educativa unha nova compilación de recursos didácticos deseñados para traballar o Entroido nas aulas.

Neste monográfico poderá atopar, entre outros recursos, unidades didácticas, xogos, manualidades, información bibliográfica, literatura ou audiovisual relacionado con esta celebración tradicional.
06/02/2013. INVESTIGACIóN

Preséntase un dicionario trilingüe de alimentación e restauración

Onte, 5 de febreiro de 2013, tivo lugar na sede da asociación Hostelería Compostela a presentación pública do Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, elaborado polo Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica Galega (TERMIGAL).

A obra, deseñada para contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica e promover o uso do galego entre os profesionais do sector, recolle arredor de 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.

Para ampliar esta información, preme aquí.
05/02/2013. DINAMIZACIóN

Redondela aposta polo cinema en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza Versión Orixinal, un ciclo de cinema que ten como finalidade difundir obras audiovisuais en galego e promover o uso do noso idioma no ámbito do lecer.

O ciclo desenvolverase entre os días 17 de febreiro e 9 de marzo de 2013. Nesta edición exhibiranse as obras Vilamor, dirixida por Ignacio Vilar; Engurras, dirixida por Ignacio Ferreras; e O Apóstolo, dirixida por Fernando Cortizo. Para obter máis información, preme aquí.
05/02/2013. DINAMIZACIóN

Nós tamén creamos!

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca a segunda edición do programa Nós tamén creamos!, dirixido a centros públicos de educación infantil e primaria co ánimo de estimular o uso da lingua e a creatividade dos máis pequenos/as.