Novas da lingua

Rexistros3571 a 3600 de 4427
16/11/2012. DINAMIZACIóN

Homenaxe colectiva da comunidade educativa a Celso Emilio Ferreiro

Co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) convida a todos os centros educativos de Galicia a participar na homenaxe colectiva RecitandoCelsoemiliO.

A iniciativa inclúe dúas accións, un acto colectivo de recitado público do poema Deitado fronte ao mar e o envío masivo a través das redes sociais do lema “recitandocelsoemilio”, acompañado do texto deste mesmo poema.

Estas accións celebraranse simultaneamente, e de xeito colectivo en toda en Galicia, o vindeiro 12 de decembro de 2012, ás 12:00 horas.
16/11/2012. INVESTIGACIóN

Dispoñible na rede o segundo volume da publicación Papés d´emprenta condenada

O Consello da Cultura Galega e mais o Instituto da Lingua Galega presentan Papés d’emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea. A obra recolle diferentes análises (desenvolvidas desde a perspectiva da historia, as ciencias da comunicación e a filoloxía) sobre a produción escrita en lingua galega durante as primeiras décadas do século XIX, textos que xa se reproduciron con anterioridade nun primeiro volume desta serie.
15/11/2012. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada Xustiza e Lingua

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, a sexta edición da xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza.
A xornada terá lugar o vindeiro 27 de novembro de 2012, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán.
A matrícula é de balde. Se desexas máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
15/11/2012. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo promove o uso dunha linguaxe non sexista

A Universidade de Vigo presenta o Manual de linguaxe inclusiva no ámbito universitario, unha iniciativa promovida pola súa Área de Igualdade e dirixida a toda a comunidade universitaria. A guía ofrece pautas e recomendacións para o emprego dunha linguaxe non sexista nas comunicacións académicas, tanto orais como escritas.

Se desexas máis información, preme aquí.
07/11/2012. DINAMIZACIóN

XIII Premio Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a décimo terceira edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.
05/11/2012. DINAMIZACIóN

Obradoiro de nanas no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza a segunda edición deste Obradoiro de nanas, que ten como obxectivo principal fomentar a transmisión interxeracional en lingua galega.

O obradoiro, impartido nesta ocasión polos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández, está destinado principalmente a nais e pais, mais tamén a familiares e formadores que desexen descubrir os beneficios emocionais que ofrece a transmisión dos cantos de berce. A actividade desenvolverase os mércores 21 e 28 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo.
Para obter máis información, preme aquí.
05/11/2012. EMPREGO

Contrato de investigación na Universidade da Coruña

A Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña fai pública a convocatoria dun contrato de investigación para licenciados/as en Filoloxía Galega ou afíns. O obxecto do contrato é colaborar no proxecto “Produción e mercado editorial en Galiza durante a etapa franquista: a súa incidencia na industria editorial actual”.

As persoas interesadas deben enviar a documentación requirida (fotocopia do DNI, fotocopia do título académico e currículo) ao enderezo carme@udc.es antes do vindeiro 8 de novembro, ás 14:00 h.
05/11/2012. OUTRAS

O buscador de Google para IOS recoñece o galego falado

Google acaba de actualizar a súa aplicación de busca por voz para IOS, que agora recoñece tamén o galego falado. Esta ferramenta, deseñada para o iPhone, o iPod Touch e o iPad, permite facer as buscas en Google a través da voz e os/as usuarios/as poderán a partir de agora empregar tamén o galego, algo que xa acontecía coa aplicación de busca para Android.

Se desexas máis información, preme aquí.
05/11/2012. DINAMIZACIóN

A Secretaría Xeral de Política Lingüística súmase á celebración do Día da Ciencia en Galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) únese á conmemoración do Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, que desde hai tres anos se celebra no mes de novembro e que nesta edición xira arredor das figuras de Leonardo da Vinci e mais do inventor galego Ramón Verea.

Con este motivo, a SXPL presenta a sección web Outono de ciencia, na que recompila recursos de utilidade para traballar contidos científicos na aula. Así mesmo, o vindeiro mércores, 7 de novembro, ás 12.45 h, terá lugar no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela unha conferencia sobre a figura de Ramón Verea, impartida polo seu biógrafo Olimpio Arca Caldas.
31/10/2012. DINAMIZACIóN

En galego, agora e sempre

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover a iniciativa En galego, agora e sempre, para promover o uso do galego no ámbito das funerarias e das derradeiras vontades.
31/10/2012. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Exposición Letras Galegas 2013”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso Exposición Letras Galegas, destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2013, Roberto Vidal Bolaño.
25/10/2012. LEXISLACIóN

O Consello de Europa valora o cumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no Estado español

O Comité de Ministros do Consello de Europa, en virtude do artigo 16 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, recoméndalle ao Estado español ter en conta as valoracións e aplicar as recomendacións expostas no terceiro informe sobre o grao de cumprimento da Carta en España, elaborado polo Comité de Expertos do Consello de Europa.
30/10/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XXII Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXII Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego, tanto no ámbito autonómico como no da comarca Tabeirós-Terra de Montes.
29/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Acollendo en galego nos centros educativos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza as xornadas Acollendo en GALego. Integración lingüística e cultural do alumnado de procedencia estranxeira, destinadas principalmente aos coordinadores/as e membros dos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino, e en xeral a todos os docentes interesados.

O programa inclúe relatorios, presentación de recursos e exposición de boas prácticas que poidan resultar de utilidade para xestionar a diversidade lingüística nas aulas e para facilitar a integración escolar do alumnado estranxeiro.

O seminario terá lugar os días 16 e 17 de novembro de 2012 no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela.

29/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de integración lingüística e cultural no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un obradoiro de integración lingüística e cultural destinado ás persoas nacidas fóra de Galicia. No obradoiro desenvolveranse diferentes actividades para que estas persoas poidan integrarse doadamente no contexto lingüístico e cultural galego, ao tempo que se lles facilitará información de utilidade para acceder ao mundo laboral.

As sesións desenvolveranse entre o 15 de novembro e o 20 de decembro de 2012. O prazo de inscrición remata o 12 de novembro.

Se desexa máis información prema aquí.


24/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

IX Xornadas sobre lingua e usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a novena edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán arredor do tema Lingua e tradución. As xornadas terán lugar os días 28, 29 e 30 de novembro de 2012 no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 21 de novembro.

Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da matrícula, prema aquí.
23/10/2012. OUTRAS

Parellaes, programa de intercambio lingüístico galego-catalán

O Departamento de Filoloxía Galega e mais a Área de Catalán da Universidade de Santiago de Compostela organizan Parellaes, un programa académico de intercambio lingüístico galego-catalán/catalán-galego.
22/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Material didáctico en liña sobre as linguaxes administrativa e xurídica

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) publica dous cursos en liña, destinados ao persoal da Administración, para a autoaprendizaxe das linguaxes administrativa e xurídica. Trátase do Curso medio de linguaxe administrativa e do Curso medio de linguaxe xurídica. Estes materiais están deseñados para a autoformación e son complementarios aos cursos oficiais de linguaxes específicas que imparte periodicamente a Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa SXPL.
Para ampliar esta información, prema aquí.
22/10/2012. DINAMIZACIóN

III Día da Ciencia en Galego

A comunidade educativa galega celebrará o vindeiro 6 de novembro o III Día da Ciencia en Galego, que nesta terceira edición se centrará na Tecnoloxía. A Coordinadora Galega de ENDL súmase un ano máis a esta celebración organizando para ese mesmo día, 6 de novembro, unha videoconferencia que leva por título Facendo Física de Partículas polo mundo, na que participarán investigadores galegos do CERN de Xenebra, que forman parte do equipo que descubriu o bosón de Higgs. A actividade está destinada ao alumnado do 2º ciclo de ESO e Bacharelato.

Se desexa máis información, prema aquí.
18/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Curso de comunicación en blogs e redes sociais para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza esta actividade formativa co obxectivo de mellorar a comunicación a través das redes sociais e dos blogs para as accións de normalización lingüística.
As sesións terán lugar os días 9, 10 e 16 de novembro de 2012 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O prazo de inscrición estará aberto do 19 ao 26 de outubro.
Se desexa máis información, prema aquí.

16/10/2012. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas

As comisións de normalización lingüística das Facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da UDC organizan, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, o I Concurso de Curtametraxes Sociolóxicas, destinado ao alumnado destas dúas facultades.
16/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de comunicación oral “Falar ao dereito”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan o obradoiro Falar ao dereito, que ten como obxectivo mellorar as habilidades comunicativas orais dos estudantes desta facultade.

As sesións terán lugar os luns e mércores do 12 de novembro ao 5 de decembro, na Facultade de Dereito (aula 14). O prazo de inscrición remata o 7 de novembro de 2012.

Se desexa máis información sobre o programa e os trámites de matrícula, prema aquí.
16/10/2012. DINAMIZACIóN

Ponteceso recolle a súa tradición oral

O Concello de Ponteceso presentou publicamente Ponte na fala, un proxecto de recolleita, conservación e difusión da literatura oral de Ponteceso. Trátase dun proxecto colaborativo, polo que os impulsores da iniciativa convidan as asociacións culturais e veciñais do municipio a participar nas tarefas de recolleita.

Os materiais obtidos (contos, lendas, coplas, arrolos, xogos…) difundirase a través do blog da iniciativa para que poidan ser empregados no ámbito educativo, turístico e do lecer.
11/10/2012. INVESTIGACIóN

Alerta polo escaso uso do galego na educación infantil

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou publicamente os datos dun estudo sobre usos lingüísticos nos centros de educación infantil das sete cidades galegas. Segundo A Mesa, un 3,19% dos centros consultados declarou que imparte ensino en galego, un 1,06% declarou que mantén dúas liñas diferenciadas (unha en galego e outra en castelán) e un 4,96% respondeu que o ensino se dá a partes iguais entre galego e castelán. Xa que logo, segundo os datos deste estudo, só o 9% dos centros de infantil das sete cidades galegas estaría a impartir parte do ensino en galego.

A Mesa alerta a sociedade desta situación, derivada da implantación do Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Se desexas máis información, prema aquí.
11/10/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VI Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! anuncia a resolución do VI Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa, que nesta edición tiña por obxectivo poñer en valor a transmisión dos contos populares ás novas xeracións.

O acto de entrega de premios, aberto ao público, terá lugar o vindeiro 19 de outubro de 2012 na Câmara Municipal de Caminha.
11/10/2012. INVESTIGACIóN

Accesibles na rede as actas das VIII Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das VIII Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Ecoloxía, que tiveron lugar na Coruña en novembro de 2011.

Neste mesmo sitio web podes acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
09/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

A USC anima o alumnado a proxectarse en galego

As comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo da USC organizan o foro Proxéctate en galego, no que diferentes representantes do ámbito académico e profesional reflexionarán sobre as oportunidades que o galego pode ofrecerlles aos emprendedores.
09/10/2012. DINAMIZACIóN

Volven os Axóuxeres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición dos Axóuxeres, un programa de dinamización lingüística deseñado para fomentar a transmisión do galego no ámbito da familia.
Nesta edición o programa actualízase con novos personaxes, cancións e xogos. Os bebés e as familias poderán gozar dos Axóuxeres nos espectáculos en directo, igual ca en pasadas edicións, e este ano, como novidade, tamén na televisión, no cine, en internet e nos móbiles.

09/10/2012. OUTRAS

O galego anota unha tripla

Chega ás canchas do país Zonapress, a primeira publicación sobre baloncesto en lingua galega. A publicación, de carácter mensual, está dirixida polo xornalista Óscar Losada e céntrase no baloncesto galego, incluíndo análises, entrevistas e reportaxes onde se mestura cultura e deporte.

Zonapress edítase en formato papel e pode adquirirse nos pavillóns dos principais equipos masculinos de elite (Obradoiro, COB Ourense, Breogán e Básquet Coruña).

Pode obter máis información no xornal Praza Pública.


09/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

III Simposio internacional sobre o multilingüismo no ciberespazo

Maaya, a Rede Mundial para a Diversidade Lingüística, organiza a terceira edición deste simposio internacional no que trinta expertos reflexionarán sobre diferentes iniciativas de promoción lingüística no ciberespazo, nomeadamente no ámbito do web 2.0. As sesións terán lugar os días 21, 22 e 23 de novembro de 2012 no Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS), en París.

Para obter máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, prema aquí.