Novas da lingua

Rexistros3571 a 3600 de 5280
18/07/2012. OUTRAS

Manual de estilo para as publicacións institucionais da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia presenta o Manual de estilo para o Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, co obxectivo de unificar formas lingüísticas, aspectos formais de edición e criterios de redacción, contribuíndo así a facer das publicacións institucionais un produto de calidade.

A partir de agora, estas serán as normas de referencia para as publicacións institucionais en formato papel ou electrónico, os contidos das páxinas web dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, os gabinetes de comunicación do goberno galego e os manuais formativos.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
18/07/2012. OUTRAS

A CTNL presenta unha proposta para a mellora do sistema Celga

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acaba de facer público o documento “Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga”, onde se recollen diferentes reflexións sobre o actual sistema de certificación da lingua galega e se achegan propostas para a súa mellora.
09/07/2012. DINAMIZACIóN

Constitúese a Irmandade Galega de Adegueiros

O pasado sábado, 7 de xullo de 2012, tivo lugar en Ribadavia a presentación pública da Irmandade Galega de Adegueiros, entidade que ten como obxectivo fomentar a etiquetaxe en galego dos produtos agroalimentarios.
A Irmandade, promovida polo Foro Enrique Peinador, está integrada por 34 adegas e 8 empresas de distribución.
09/07/2012. AXUDAS E PREMIOS

VI Certame de Investigación Condado de Pallares

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, a Deputación de Lugo, a Obra Social de Novacaixagalicia e os concellos de Guntín e Taboada, presenta a sexta edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o ámbito rural.
05/07/2012. CURSOS E CONGRESOS

X Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos está a organizar a décima edición do seu congreso internacional, que nesta ocasión leva por título “Galiza alén do Arco Atlántico: unha visión multidisciplinar dos estudos galegos". As sesións terán lugar entre os días 12 e 14 de setembro de 2012 na Universidade de Cardiff/Caerdydd (Gales).
Ao longo destes días, xuntaranse máis de cen relatores para reflexionar sobre Galicia desde diferentes perspectivas (lingüística, cultural, histórica, social…).
No sitio web do congreso atopará máis información sobre o programa e os trámites de inscrición.
05/07/2012. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital do mes de xuño

Xa podes consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
Entre os contidos deste número salientamos a nova sobre os cursos de iniciación á lingua que organiza a USC para os estudantes Erasmus que chegan a Galicia, a presentación dos datos de uso do éuscaro e o valenciano no sistema universitario do País Vasco e Valencia ou a información sobre a incorporación do galego na base de datos do Grand dictionnaire terminologique (GDT).
29/06/2012. OUTRAS

ProLingua rende homenaxe a Agustín Fernández Paz


Mañá, 30 de xuño, ás 12.30 h, terá lugar no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Vigo a “Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz, un acto que promove a plataforma cidadá ProLingua e que será conducido pola escritora Rosa Aneiros.
Con este acto, os promotores da iniciativa queren facer un recoñecemento público tanto á traxectoria profesional deste pedagogo e prolífico escritor, como á súa traxectoria vital, símbolo de compromiso co idioma galego.
29/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

III Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan o III Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega, destinado ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2011-2012 así como en xeral aos licenciados/as en Dereito. O premio concederase en dúas modalidades, 600 euros na modalidade de estudantes e 900 euros na modalidade de licenciados/as. O prazo de presentación dos traballos remata o 19 de outubro de 2012.
28/06/2012. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de escrita creativa “Express-Até”

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza un obradoiro de creación de guións e escrita creativa que ten como obxectivos achegarse á escrita dun xeito alternativo, mellorar as habilidades comunicativas e fomentar a creación de espazos de uso para a lingua galega.
O obradoiro, destinado a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos, desenvolverase durante o mes de xullo no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado). O prazo de inscrición remata o 30 de xuño.
Se desexa máis información, prema aquí.
27/06/2012. DINAMIZACIóN

Chapela falará galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Chapela presenta o Lipdub “Eu falarei”, un traballo colectivo desenvolvido entre a comunidade educativa e a veciñanza de Chapela no que participaron máis de 400 persoas.
Coa letra do propio EDLG de Chapela e a música do "I will survive" de Gloria Gaynor, “Eu Falarei” transmite unha mensaxe esperanzada sobre o futuro da lingua galega e o compromiso da mocidade redondelá de promovela e usala para que non esmoreza.
26/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de dinamización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica as resolucións das axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados de Galicia.
Os/as interesados/as teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño para presentar nos gabinetes provinciais de normalización lingüística as correspondentes xustificación de gastos.
Se desexa consultar as resolucións, prema aquí.
25/06/2012. DINAMIZACIóN

Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2013

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 22 de xuño de 2012, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2013 a Roberto Vidal Bolaño. Vidal Bolaño é, como autor teatral, unha peza clave e referente imprescindible do noso sistema literario, converténdose coa súa ampla obra en principal dinamizador e transformador do Teatro Galego. Tamén é salientable o seu labor como actor, director e guionista audiovisual. Na súa obra destacan, entre outros, títulos como Laudamuco, Señor de Ningures (1976), Saxo tenor (1993) ou Rastros (1998).
20/06/2012. DINAMIZACIóN

LEGA, plataforma de lecer en galego

Mañá, 21 de xuño de 2012, ás 11.30 h terá lugar na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) a presentación pública de LEGA (Lecer Galego), unha plataforma dixital que integrará diferentes recursos lúdicos en lingua galega.
20/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica as resolucións das axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos. Os/as interesados/as teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño para presentar nos gabinetes provinciais de normalización lingüística as correspondentes xustificación de gastos.
Se desexa consultar as resolucións, prema aquí.
11/06/2012. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de análise e avaliación dos Celga

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha Xornada de análise e avaliación dos Celga, que terá lugar o vindeiro 28 de xuño na Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Os obxectivos da xornada son analizar os sistemas de acreditación e formación en lingua galega para persoas adultas, así como elaborar propostas de mellora.
O prazo de inscrición remata o 23 de xuño e a matrícula é de balde. Se desexa máis información, prema aquí.
08/06/2012. DINAMIZACIóN

LudoteGa, creando espazos de lecer en galego en Barcelona

A Asemblea Cultural Galega de Barcelona organiza a segunda edición da LudoteGa, un espazo de lecer para nenas e nenos galegofalantes en Barcelona. O encontro terá lugar o vindeiro domingo, 10 de xuño de 2012, no Parc de la Ciutadella (Barcelona) e o programa inclúe actuacións musicais, números de maxia e xogos tradicionais, entre outras actividades. A xornada pecharase cun xantar colectivo.
Pode obter máis información no blog ou na páxina de Facebook da actividade.
08/06/2012. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña un novo número do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.
Neste número atopará, entre outros contidos, a presentación do
II Concurso de curtas de comedia, unha valoración sobre os resultados do IV Fiadeiro de localización de software libre, a nova sobre a solicitude oficial á ICANN do dominio “.gal” ou a información sobre a oferta de cursos de verán intensivos de idiomas.
07/06/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega na modalidade de teleformación (niveis medio e superior) destinados ao persoal da Administración local galega.
A matrícula debe tramitarse a través do web da EGAP.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de xuño de 2012. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
07/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Lois Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da XVIII edición dos Premios Lois Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.

Os galardoados/as desta edición son o Dicionario xurídico galego, de Xerais; o maxistrado Luís Villares e o policía local Gonzalo Amoedo. O acto de entrega dos premios terá lugar o vindeiro 27 de xuño no Castelo de Soutomaior.


06/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

Somos a curta! II Premio de curtas de comedia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca a segunda edición do certame “Somos a curta!”, que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega entre os novos valores do audiovisual.
05/07/2012. CURSOS E CONGRESOS

VIII Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a CTNL e a SXPL, organiza o VIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta edición terá como eixo temático a dinamización lingüística e a xustiza social. As sesións desenvolveranse os días 18, 19 e 20 de xullo de 2012 no Fórum de Carballo. O prazo de matrícula remata o vindeiro 12 de xullo.
04/06/2012. DINAMIZACIóN

Cincuenta deseñadores e cincuenta escritores reinterpretan os cincuenta anos de Letras Galegas

Co gallo da celebración do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega presentou publicamente, o pasado 1 de xuño, o proxecto que reuniu a 50 escritores e a 50 deseñadores para reinterpretar, desde unha óptica actual, as 50 edicións do Día das Letras Galegas.
18/06/2012. INVESTIGACIóN

Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI

O pasado sábado, 2 de xuño de 2012, tivo lugar no Salón de Actos da Real Academia Galega o acto de ingreso do profesor Xosé Luís Regueira como académico numerario. No seu discurso, que xa está accesible na rede e leva por título Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI, o profesor Regueira defendeu o papel decisivo que xoga o idioma galego na configuración da nosa identidade, tanto social como individual, e solicitoulle á Academia que manteña o seu vínculo coa “oralidade primeira”, a que “nos constrúe como pobo e como nación con voz propia no mundo".
31/05/2012. CURSOS E CONGRESOS

Mestrado oficial en lingua e usos profesionais

A Universidade da Coruña organiza unha nova edición do Máster oficial en lingua e usos profesionais, con tres especialidades: galego, español e inglés. A súa duración é de un ano académico e combina contidos lingüísticos, tecnolóxicos e das ciencias sociais, incluíndo tamén prácticas en empresas e institucións públicas. O prazo de preinscrición remata o 23 de xullo de 2012. A matrícula formalizarase en setembro.
31/05/2012. DINAMIZACIóN

Un “Verán Máis Alá!” no Concello de Fene

A Área de Cultura, Educación, Deportes, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Fene organiza a décima edición do seu “Verán Máis Alá!”, un campamento lingüístico que ten como obxectivo facilitar unha alternativa de lecer educativo en galego e, ao mesmo tempo, promover a conciliación da vida familiar e laboral.
29/05/2012. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Foz

O Concello de Foz anuncia a convocatoria para a contratación temporal, a media xornada, dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello. O proceso de selección consistirá nun concurso-oposición.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de xuño de 2012. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria.
23/05/2012. AXUDAS E PREMIOS

Premio Leixaprén 2012 para Imaxín Software

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) fixo público o gañador do Premio Leixaprén, que ten como obxectivo recoñecer o labor de persoas e entidades que traballan a prol do idioma galego.
O Premio Leixaprén 2012, dirixido nesta edición ao ámbito socioeconómico, foille outorgado á empresa Imaxín Software, pola súa “coherencia, calidade, innovación e modernidade”, segundo fontes da propia CGENDL.
O acto de entrega do galardón terá lugar este sábado 26 de maio, no transcurso dun xantar que se celebrará no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela.
21/05/2012. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oroso

O Concello de Oroso anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello. O proceso de selección consistirá nun concurso de méritos.
O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/05/2012. OUTRAS

Kubus, para falar de fútbol en galego

Preséntase na rede o proxecto Kubus, unha revista sobre o fútbol e a súa historia en lingua galega. Seguindo o exemplo de So Foot en Francia, Un Caño en Arxentina ou 11 Freunde en Alemaña, o obxectivo é levar ao prelo cada mes arredor de cen páxinas con contido futbolístico no noso idioma.
16/05/2012. EMPREGO

Praza de normalizador/a lingüístico/a no Concello da Estrada

O Concello da Estrada anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.