Novas da lingua

Rexistros3601 a 3630 de 4427
08/10/2012. DINAMIZACIóN

Deportistas profesionais de elite serán “espello deportivo” no uso do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverá, no marco da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e en colaboración coa Deputación da Coruña, a campaña Espello deportivo, que ten como obxectivo promover o uso e o prestixio do galego no ámbito deportivo.
04/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza esta actividade formativa co obxectivo de dotar as persoas participantes dunha metodoloxía para o deseño, xestión, implementación e avaliación de accións de dinamización lingüística.
As sesións terán lugar os días 24 de outubro e 7, 14 e 21 de novembro de 2012 na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 15 de outubro.

Se desexa máis información, prema aquí.
04/10/2012. DINAMIZACIóN

O galego, chave para os teus negocios no mundo

A Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo“, que ten como obxectivo promover o galego como lingua dos negocios, tanto dentro de Galicia como no ámbito internacional.
04/10/2012. DINAMIZACIóN

Nace Ollos de Aula

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta o primeiro número de Ollos de Aula, unha publicación mensual dirixida ás familias do alumnado.

O obxectivo é que os docentes poidan compartir coas nais e pais os principais temas que afectan á educación dos seus fillos/as, sen esquecer todo o relacionado coa aprendizaxe da lingua galega.
04/10/2012. EMPREGO

Bolsa de formación en publicacións no Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria dunha bolsa, de doce meses de duración, que ten por obxecto a formación práctica de licenciados/as universitarios/as, desenvolvendo as tarefas que encomende o Servizo de Publicacións desta institución.
03/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

A lingua galega: orgullo e supervivencia

Con este título, “Galician Language: Pride and Survival” (A lingua galega: orgullo e supervivencia), Molly Carr está a difundir un vídeo en inglés duns dez minutos de duración no que conta a situación de desigualdade na que se atopa o galego en Galicia, en relación co castelán.
O vídeo recolle diferentes entrevistas a falantes de galego nas que narran as dificultades que lles ocasionou a súa condición de galegofalantes e remata cunha mensaxe de optimismo, dicindo que mentres os seus falantes queiran, o galego terá futuro.
02/10/2012. OUTRAS

O alumnado de Leipzig explícanos as súas razóns para estudar galego

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig (Alemaña) presenta un vídeo onde o alumnado do pasado curso 2011-2012 explica as súas razóns para estudar a nosa lingua, reflexiona sobre o seu achegamento á cultura galega e valora a súa experiencia como estudantes de galego en Alemaña.
01/10/2012. OUTRAS

O bUSCatermos será de libre acceso en Internet a partir de hoxe

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta unha nova versión do seu bUSCtermos, unha base de datos que ofrece un corpus terminolóxico multilingüe de máis de 150 000 rexistros, froito de máis dunha década de traballo na Área de Terminoloxía deste SNL. A ferramenta, que xa estaba accesible desde 2005 para a comunidade universitaria da USC, será agora de libre acceso para toda a cidadanía grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
26/09/2012. DINAMIZACIóN

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

O Consello de Europa instaurou en 2001 o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns.

Un ano máis, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
26/09/2012. DINAMIZACIóN

Unha campaña para cada estación

O Servizo de Normalización Lingüística da Confederación de Empresarios de Galicia habilita unha nova sección no seu sitio web onde pon ao dispor das empresas diferentes soportes publicitarios en galego para empregar nas campañas estacionais dirixidas á clientela.

Para este outono, o SNL da CEG ofrécelles aos/ás empresarios/as un cartel comercial para a campaña “Volta ao cole”, así como un pequeno vocabulario galego de material escolar.
26/09/2012. EMPREGO

Probas de avaliación na competencia clave “comunicación en lingua galega”

A Consellería de Traballo e Benestar convoca probas de avaliación en diferentes competencias clave, entre as que se atopa a comunicación en lingua galega, para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2.

As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata o 10 de outubro de 2012.
Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

25/09/2012. OUTRAS

YouTube presenta un tradutor de subtítulos de vídeo para máis de 300 idiomas

A canle de vídeos YouTube, coñecedora da diversidade lingüística dos seus usuarios/as, ofrécelles aos creadores/as de vídeo unha nova ferramenta que permite traducir os subtítulos a máis de 300 idiomas, entre eles o galego.
O xestor de vídeos ofrécelles aos autores/as a posibilidade de traducir eles mesmos os subtítulos, a través da ferramenta Google Translator Toolkit, ou solicitar a axuda doutros usuarios/as que queiran colaborar nesta tarefa.

Se desexa máis información, prema aquí.
24/09/2012. DINAMIZACIóN

Actividades de promoción do idioma no Concello de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón presenta Xoga e medra coa lingua, unha nova sección lúdico-educativa do seu web Do berce á rúa. Medra coa lingua, inaugurado en 2010 co ánimo de fomentar a transmisión interxeracional achegándolles a educadores/as, nais e pais recursos educativos e información de utilidade.

Así mesmo, o SNL está a organizar dous cursos, un de lingua galega e outro de linguaxe administrativa, que se desenvolverán o vindeiro mes de novembro. Todas as persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 26 de outubro de 2012.
21/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego en Barcelona e en Madrid

A Secretaría Xeral de Política Lingüística coorganiza, xunto coa Escola Oficial de Idiomas de Barcelona e o Espazo das Linguas Ibéricas de Madrid, diferentes cursos de lingua galega que se desenvolverán neste curso académico 2012/2013.
20/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornadas “Educación e linguas en Galicia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan a cuarta edición destas xornadas, que nesta ocasión teñen como eixo temático “a lingua galega e o plurilingüismo”.
20/09/2012. OUTRAS

Twitter terá versión en galego

Logo dunha intensa campaña na rede reclamando a versión en galego para o Twitter, o Centro de Traducións de Twitter solicita a colaboración dos internautas para comezar os traballos de tradución, polo que en breve a coñecida rede social estará tamén no noso idioma.
20/09/2012. DINAMIZACIóN

Os Bolechas chegan á TVG

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Compañía de Radio Televisión de Galicia e a editora e produtora Bolanda, presentaron publicamente a nova serie de televisión baseada nas aventuras dunha familia moi coñecida entre o público infantil: os Bolechas.
20/09/2012. INVESTIGACIóN

En liña o cuarto volume de Estudos de Lingüística Galega

O Instituto da Lingua Galega presenta o cuarto volume de Estudos de Lingüística Galega, revista de periodicidade anual que quere ser un espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego.

A publicación inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analizan directa ou indirectamente o noso idioma.
20/09/2012. OUTRAS

A USC presenta novos recursos terminolóxicos e didácticos

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC presentan cinco novas unidades didácticas en galego, que completan a colección que edita periodicamente esta universidade froito do traballo do seu Obradoiro de elaboración de unidades didácticas.

No seo desta mesma CNL elaborouse a obra Termos esenciais de dereito internacional, que se suma tamén a outros títulos do repertorio terminográfico da USC como, por exemplo, o Vocabulario forestal (galego-español-inglés), presentado polo SNL a pasada semana.
19/09/2012. DINAMIZACIóN

O alumnado rianxeiro convídate a refrescar a palabra

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Félix Muriel e mais o Concello de Rianxo presentan a campaña de dinamización lingüística Refresca a palabra, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito da hostalaría.

A través desta iniciativa, distribuiranse entre os establecementos hostaleiros do concello pousavos (cara a, cara b) co lema da campaña deseñados polo alumnado do IES Felix Muriel.
19/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

Coloquio sobre as políticas lingüísticas en democracias multilingües

A Universidad Pablo de Olavide (Sevilla) está a organizar o coloquio Políticas lingüísticas en democracias multilingües: ¿es evitable el conflicto?, que terá lugar nesta universidade os días 12 e 13 de decembro do vindeiro ano 2013.
O obxectivo do coloquio será analizar como os diferentes territorios que compoñen o Estado xestionan a súa autonomía política en materia lingüística, así como os posibles conflitos derivados deste proceso.

O comité organizador convida especialistas e estudosos/as do tema a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 15 de xaneiro de 2013.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
18/09/2012. DINAMIZACIóN

Rianxo móllase polo galego

O Concello de Rianxo e a plataforma Vitaminas para o galego están a desenvolver a campaña Móllate polo galego, co ánimo de sensibilizar a mocidade co uso do idioma propio de Galicia.
O acto principal da campaña desenvolverase o vindeiro 22 de setembro de 2012 na praia de Tanxil (Rianxo), onde se celebrarán diferentes actividades lúdicas e se repartirán camisolas co lema “Móllate polo galego”.
18/09/2012. DINAMIZACIóN

ProLingua renova a súa cerna e o seu sitio web

O colectivo ProLingua aprobou na asemblea do pasado sábado, 15 de setembro de 2012, a listaxe de persoas que conformarán a Cerna de ProLingua, así como o programa de actividades para o período 2013-2015.

Coincidindo co proceso de conformación da cerna, o colectivo aproveitou para presentar tamén o seu renovado sitio web, a través do que se dará información tanto das accións que desenvolva o colectivo como doutras novas de actualidade relacionadas coa normalización do idioma galego.
13/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

Témoslle lei: dereitos lingüísticos en Galicia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan o ciclo de conferencias Dereitos lingüísticos en Galicia. O ciclo está destinado en xeral a todas as persoas interesadas no tema da protección e defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía, e nomeadamente ao estudantado de Dereito, de Ciencias Políticas e da Administración, de Relacións Laborais e de Filoloxía Galega.

As sesións terán lugar na Facultade de Dereito da USC, os días 28 de setembro; 5, 19 e 26 de outubro; e 9 e 16 de novembro de 2012. A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de setembro.


13/09/2012. DINAMIZACIóN

Organiza o novo curso en galego

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística pon ao dispor da comunidade educativa o Calendario Escolar 2012-2013 para primaria e secundaria en diferentes formatos: anual, mensual e de aula.

Pola súa parte, o Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellería de Ensino do Concello de Redondela presentan a Axenda Escolar Redondelá 2012/2013, unha ferramenta de traballo destinada ao alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria e de 1º e 2º da ESO, que inclúe tamén información sobre o patrimonio lingüístico e cultural do concello.
11/09/2012. OUTRAS

Preséntase o imaxin Galgo 2.0

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o imaxin Galgo 2.0, unha versión actualizada do coñecido corrector Galgo (cuxa primeira versión foi presentada en 1999), elaborado pola empresa compostelá imaxin/software.
10/09/2012. DINAMIZACIóN

Festival de monólogos en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para promover o uso oral do galego.
O festival, que terá lugar os sábados 1, 8, 15 e 29 de setembro , e o 6 de outubro de 2012, inclúe as actuacións de Avelino González, Isabel Risco, Rober Bodegas e Carlos Blanco (para o público adulto), e Carmen Conde Gaute, coa compañía Os Tres Contantes e Sonantes (para o público infantil).
Para ampliar a información, prema aquí.

10/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos de preparación dos CELGA (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.
10/09/2012. INVESTIGACIóN

Pontevedra recupera os seus topónimos

O Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra presenta Chamámonos así, un proxecto que ten como finalidade manter, recoller e difundir a toponimia de oito parroquias pontevedresas.

Para dar conta da evolución do proxecto, o Concello de Pontevedra creou un blog onde a cidadanía pode consultar os artigos que elaboran diariamente os técnicos/as de campo e colaborar, a través dun formulario, achegando a toponimia que coñeza.
10/09/2012. DINAMIZACIóN

Monólogos de serán

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa Monólogos de serán, que se desenvolverá no marco da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e que ten como obxectivo promover o galego no ámbito das actividades culturais e de lecer.
A través deste programa, nove localidades adscritas á RDL contarán coa actuación do actor Carlos Meixide. Os monólogos terán lugar durante os seráns das fins de semana.