Novas da lingua

Rexistros3631 a 3660 de 5280
23/04/2012. EMPREGO

Bolsas para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia

A Universidade de Vigo, en colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística, convoca 7 bolsas de formación para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia.

A actividade dos/as bolseiros/as consistirá en recoller a microtoponimia das parroquias dos concellos de Allariz, Castrelo de Miño, A Bola, Poio, Redondela, Salceda e Tomiño.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 4 de maio de 2012. Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
20/04/2012. DINAMIZACIóN

Música e poesía para darlle vitaminas ao galego

A plataforma Vitaminas para o galego organiza un festival destinado a recadar fondos para os medios de comunicación en galego que conforman a plataforma. O festival terá lugar o vindeiro 27 de abril, ás 22:00 h, na Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela) .
20/04/2012. DINAMIZACIóN

Segunda edición do agasallo sincronizado para o mundo

O colectivo GalegoLab promove a segunda edición do proxecto Agasallo sincronizado para o mundo, que ten como obxectivo conseguir que o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o galego se escoite de xeito sincronizado nos cinco continentes.

19/04/2012. DINAMIZACIóN

A CTNL promove un viveiro de propostas normalizadoras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta o seu viveiro de propostas normalizadoras, un espazo de traballo e intercambio de coñecementos que ten como obxectivo estimular o nacemento de novos proxectos de normalización lingüística.

Para botar a andar a iniciativa, a CTNL convoca unha xuntanza inicial que terá lugar o vindeiro 30 de maio de 2012, ás 17:30 h, na Facultade de Filoloxía da USC (Aula 12).
19/04/2012. EMPREGO

Bolsas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de 5 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Área de Publicacións (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas) e Área Técnica (1 bolsa).

A duración das bolsas será de 7 será ata o 31 de decembro de 2012. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

19/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a producións e coproducións audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, co ánimo de contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais galegas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/04/2012. DINAMIZACIóN

Redondela festexa o Día do Libro cunha semana cultural

Co gallo da conmemoración do Día do Libro o vindeiro 23 de abril, A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan a IV Semana do libro. A festa das palabras, que terá lugar entre os días 17 e 29 de abril de 2012.

17/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 17 de abril de 2012, a resolución das axudas para a edición en galego de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.


13/04/2012. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade Paul-Valéry convida a reflexionar sobre a xestión das minorías lingüísticas en Europa

O Laboratorio DIPRALANG, proxecto adscrito á Université Paul-Valéry (Montpellier III), está a organizar o congreso internacional “Xestión das minorías lingüísticas na Europa do século XXI”, que terá lugar os días 10 e 11 de xaneiro do vindeiro ano 2013.

Os principais obxectivos do congreso son reflexionar sobre a relación entre linguas, identidades, estados, e nacións no marco da actual Europa; analizar o lugar que as minorías lingüísticas deben ocupar na construción europea e valorar a eficacia dos actuais instrumentos legais para a súa protección.

O comité organizador convida a especialistas e estudosos/as do tema a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 15 de agosto de 2012.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
13/04/2012. OUTRAS

Xa se pode integrar o dicionario da RAG no navegador Firefox

O Proxecto Trasno presenta un novo complemento que permite integrar o dicionario da Real Academia Galega na listaxe de buscadores do navegador Firefox.

Despois dun sinxelo proceso de instalación, os/as usuarios/as de firefox poderán facer calquera busca no dicionario da RAG directamente desde a caixa superior dereita do navegador, onde se atopa a listaxe de buscadores.

Para obter máis información, prema aquí.

11/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

IX Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a novena edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario.

O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”.

O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 9 de novembro de 2012.
04/04/2012. INVESTIGACIóN

Alba Nogueira e Francisco Cerviño, novos académicos correspondentes da RAG

A Real Academia Galega aprobou a incorporación de Alba Nogueira e Francisco Cerviño como académicos correspondentes, que colaborarán a partir de agora nas tarefas científicas que desenvolva esta institución.

Francisco Cerviño, médico de profesión, é na actualidade deputado e portavoz de Lingua do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia.

Alba Nogueira é profesora de Dereito Administrativo na USC e especialista en dereitos lingüísticos. Tamén forma parte da Sección de Lingua, Cultura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, institución coa colabora no desenvolvemento de congresos e relatorios relacionados coa lexislación lingüística.
04/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades locais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.

No texto da resolución pode consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación dun SNL, para o seu mantemento ou para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.

03/04/2012. CURSOS E CONGRESOS

XXII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino.

As sesións terán lugar os vindeiros días 20 e 21 de abril de 2012 na Facultade de Ciencias da Educación (Avda. Xoán XXIII, s/n), en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 18 de abril.


03/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Premio Pedrón de Ouro 2012 para Nova Escola Galega

O padroado da Fundación Pedrón de Ouro acordou conceder os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra 2012 ao colectivo pedagóxico Nova Escola Galega e ao artista Henrique Ortiz, respectivamente.

Co galardón “Pedrón de Ouro 2012” recoñéceselle a Nova Escola Galega o seu labor desde hai máis de tres décadas a prol dunha educación democrática, inclusiva, laica e en lingua galega.

Os premios entregaranse o vindeiro 20 de maio de 2012 nun acto literario na Casa Museo de Rosalía (Padrón). A mantedora do acto será a escritora Fina Casalderrey.

03/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

XII Concurso de relato oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza este concurso, dirixido ao alumnado e ao profesorado, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias.

Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 17 de abril de 2012. A fase final do concurso celebrarase o 26 de abril en Santiago, no IES Rosalía de Castro.

Se desexa consultar as bases completas do certame, prema aquí.
30/03/2012. INVESTIGACIóN

Accesible na rede o novo dicionario da Real Academia Galega

A Real Academia Galega presenta a nova edición en liña do Dicionario da Real Academia Galega, que establece a norma do galego no referente ao léxico.

Esta nova versión actualizada está adaptada aos cambios da normativa aprobados en 2003 e incrementa de xeito considerable o seu número de entradas, chegando agora aos cincuenta mil artigos lexicográficos. Na maioría das entradas, ofrécese tamén a posibilidade de escoitar a pronunciación das palabras.

Coincidindo coa nova edición do seu dicionario, a RAG presenta tamén a versión actualizada do seu sitio web.
28/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros en Santiago de Compostela

A Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega (USC) e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan unha nova edición destes cursos estivais que se desenvolverán entre os días 2 e 27 de xullo de 2012.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de Filoloxía Galega) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

As persoas interesadas en asistir deben presentar a súa documentación na Secretaría dos Cursos antes do 1 de maio de 2012. Se desexa máis información, prema aquí.




28/03/2012. DINAMIZACIóN

Galegote Rock en Pontevedra

A Concellaría de Normalización Lingüística e Xuventude do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración coa sala Karma, o programa de dinamización lingüística Galegote Rock, deseñado para introducir a lingua galega nas actividades de lecer da xuventude.

Galegote Rock é un programa de concertos que se celebrará nos meses de abril, maio e xuño na sala Karma (Pontevedra) e que inclúe as actuacións das bandas galegas Roger de Flor e o marqués das Vinhas, Ruxe Ruxe, Zënzar, Nao e Terbutalina.

Para obter máis información sobre as datas e os horarios dos concertos, prema aquí.

27/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

A debate no CCG a proxección internacional das linguas e culturas peninsulares

O Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Movimento Festlatino, o seminario “As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional”, que terá lugar o vindeiro 3 de abril de 2012 na sede do CCG (Pazo de Raxoi. Santiago de Compostela).

No encontro participarán representantes de diferentes institucións galegas e peninsulares, como o Institut Ramon Llull, o Instituto Camões, o Instituto Cervantes e o propio movimento Festlatino.

As persoas interesadas en asistir deben enviar a súa solicitude ao correo difusion@consellodacultura.org.
27/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica galega

A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior), tanto na modalidade de teleformación como presencial. Os cursos están destinados ao persoal ao servizo da Administración de xustiza e mais aos colectivos relacionados co ámbito xurídico que presten servizos en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de abril de 2012, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
27/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

IV Fiadeiro de localización de software libre

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e mais o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan a cuarta edición do Fiadeiro de localización de software libre, que ten como obxectivo promover o uso do software libre en lingua galega na USC.

As sesións, destinadas a toda a comunidade universitaria, desenvolveranse os días 19, 26 e 28 de abril de 2012. O prazo de inscrición remata o 15 de abril.
27/03/2012. OUTRAS

Exposición itinerante sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza unha exposición multimedia sobre a vida e obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, co gallo da celebración este 2012 do centenario do seu nacemento.

A mostra inaugurouse onte, 26 de marzo, na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela e nos vindeiros meses percorrerá diferentes bibliotecas nodais galegas e centros escolares.

Se desexa máis información, prema aquí.
23/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

Curso de dinamización lingüística para monitores de tempo libre

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude organizan o curso O galego campa: ferramentas e propostas para a dinamización da lingua galega na mocidade, iniciativa que se enmarca no programa de dinamización lingüística O galego campa!, dirixido a galeguizar o tempo de lecer nos campamentos xuvenís de verán.

O curso está dirixido ao monitorado que traballa nos campamentos e terá lugar os días 31 de marzo e 1 de abril de 2012 no albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo).

Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, prema aquí.

22/03/2012. AXUDAS E PREMIOS

V Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros na UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o V Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse entre os días 2 e 27 de xullo de 2012 na Facultade de Filoloxía da UDC.

O prazo de inscrición remata o 4 de maio de 2012.


21/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles na rede os audios dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística

Xa están accesibles na mediateca do Consello da Cultura Galega as gravacións de todas as intervencións dos
XIV Encontros para a Normalización Lingüística, que tiveron lugar os pasados días 8 e 9 de marzo de 2012 en Santiago de Compostela.

Neste mesmo sitio web pode consultar tamén o programa completo dos Encontros, os currículos dos interventores, os resumos das intervencións e unha selección de fotografías das xornadas.
20/03/2012. DINAMIZACIóN

Mil festas máis para a lingua galega

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta unha nova edición da campaña “Mil festas máis para lingua galega”, deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito das festas populares en Galicia.

Con este motivo, as entidades promotoras da iniciativa propóñenlles a todos os concellos e comisións de festas un decálogo de medidas para conseguir unhas festas innovadoras, participativas e galeguizadas.

A campaña presentarase publicamente o vindeiro 22 de marzo, ás 18:00 h, na Cidade da Cultura de Galicia.

Se desexa máis información, prema aquí.

20/03/2012. AXUDAS E PREMIOS

IX Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a novena edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en galego.

O prazo de presentación de orixinais remata o 12 de abril de 2012.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
20/03/2012. AXUDAS E PREMIOS

VIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas convoca a oitava edición deste proxecto didáctico, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa de investigación sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno inmediato dos centros escolares de Galicia.

Os proxectos gañadores deberán realizarse no curso académico 2012-2013 en colaboración co Museo do Pobo Galego, onde serán expostos posteriormente.

Establécense dúas modalidades, ensino primario e secundario, e outorgaranse dous premios de 7 000 euros para cada proxecto gañador (un por modalidade).

O prazo para enviar as candidaturas remata o 25 de maio de 2012.

Para consultar as bases completas da convocatoria, prema aquí.
16/03/2012. DINAMIZACIóN

FalaRedes, programa de dinamización lingüística para a Administración local

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta FalaRedes, un programa de dinamización lingüística dirixido ás máis de 90 entidades locais que están adscritas á Rede de Dinamización Lingüística.

O programa integra tres proxectos: Galego de cine, dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos, achegaralle ao público infantil as mellores curtas de animación en galego; Títerehop, dirixido a mozos/as de 13 a 17 anos, estimulará as dotes artísticas dos adolescentes a través de obradoiros de títeres e hip-hop; e
O señor das dunas, dirixido a todos os públicos, ofrecerá unha selección de contos tradicionais ilustrados sobre a area.

As actividades desenvolveranse entre marzo e decembro de 2012. No web da SXPL pode consultar as datas e lugares concretos onde terán lugar.