Novas da lingua

Rexistros3661 a 3690 de 5280
16/03/2012. AXUDAS E PREMIOS

III Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura 2012

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña convoca o III Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer a aquelas persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do idioma galego.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o 20 de abril.


16/03/2012. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia anuncia, no DOG do 16 de marzo de 2012, a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

15/03/2012. AXUDAS E PREMIOS

III Concurso de monólogos en lingua galega “Que me dis!!”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza a terceira edición deste concurso de monólogos que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías.

As persoas participantes deben gravar o seu monólogo en vídeo ou audio e envialo como arquivo adxunto a través do formulario accesible no propio web do concello, onde se poderán consultar e apoiar.

O prazo para enviar as gravacións remata o 4 de maio de 2012 (ás 14:30 h).

Os tres monólogos gañadores serán galardoados cunha tablet (1º premio), cun netbook (2º premio) e cun smartphone (3º premio).

13/03/2012. OUTRAS

Terras de Santiago presenta a súa nova cabeceira

O semanario compostelán Terras de Santiago galeguiza a súa cabeceira e comprométese a incrementar o uso do galego nos seus contidos, medidas que se desenvolverán no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Compostela.

Terras de Santiago (antes Tierras de Santiago) naceu en setembro de 2006, da man da Editorial Compostela, e conta cunha tiraxe semanal de 30 000 exemplares, que se distribúen de balde en 25 municipios da área de Compostela.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/03/2012. INVESTIGACIóN

Consultorio de apelidos na Gentalha do Pichel

A Gentalha do Pichel organiza a actividade “Por que temos os apelidos que temos?”, un consultorio de apelidos galegos dirixido por Gonzalo Navaza.

O acto terá lugar este sábado, 17 de marzo de 2012, ás 20:00 h, na sede da asociación (Santa Clara, 21. Santiago de Compostela).
12/03/2012. AXUDAS E PREMIOS

Premios á edición en lingua galega 2011

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados/as da sétima edición destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.

Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais); Obra Gráfica de Conde Corbal (Nova Galicia Edicións); Poesía completa de Lois Pereiro (Xerais); Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra (Galaxia); Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo (Xerais); Contos por teléfono, ilustrado por Pablo Otero (Kalandraka); As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros (Ir Indo); as transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e Caracois (OQO); o XXV aniversario de Andavira Editora; Xesús Couceiro e Xavier Queipo foron os autores, obras e iniciativas galardoadas nas diferentes categorías.

Se desexa máis información, prema aquí.
12/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

Seminario “Lingua e Emprego”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da UDC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organiza o seminario Lingua e Emprego, que terá lugar os días 20, 21 e 22 de marzo de 2012 na Coruña.

No transcurso das sesións reflexionarase sobre formación e emprego, así como sobre as ferramentas de traballo para os campos editorial e da tradución.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do Facebook da CNL, ou ben enviando un correo electrónico a cnlfilo.udc@gmail.com.

Para ampliar esta información, prema aquí.
06/03/2012. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o Cartafol Dixital do mes de febreiro, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre outros contidos, neste número achéganse os datos sobre usos lingüísticos das teses, traballos de fin de grao e traballos de fin de máster presentados na USC en 2011. Así mesmo, ofrécese información sobre os incentivos (programas de axudas e premios) cos que conta a comunidade universitaria para elaborar os seus traballos de investigación en galego.

08/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

Consulte en liña os resumos das intervencións dos
XIV Encontros

Xa pode consultar na rede os currículos dos participantes e mais os resumos das intervencións dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística.

Os XIV Encontros terán lugar os vindeiros días 8 e 9 de marzo de 2012 no Auditorio da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura de Galicia) e nesta edición prestarán especial atención á relación entre lingua e mocidade.
02/03/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición de cursos en liña do nivel Celga 1, que se desenvolverán desde o 26 de marzo ao 1 de xuño de 2012.

O prazo de inscrición remata o 14 de marzo de 2012. As persoas que desexen matricularse deben enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es na fagan constar o seu nome e apelidos, o DNI, o enderezo electrónico, o teléfono de contacto, o lugar de residencia e mais o nivel de estudos.

Se desexa máis información, prema aquí.

28/02/2012. DINAMIZACIóN

Preséntase o sitio web oficial de Valentín Paz Andrade

A Consellería de Cultura e Educación, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e mais Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade, presentaron publicamente o sitio web oficial do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

O web, desenvolvido por Industrias Pesqueras (revista fundada en 1927 por Valentín Paz Andrade) achega información cumprida sobre a biografía, bibliografía e axenda de actos programados para homenaxear o autor, así como unha selección de fotografías e textos inéditos dixitalizados polo Consello da Cultura Galega.

Se desexa máis información, prema aquí.

28/02/2012. OUTRAS

Dioivo, un novo proxecto de xornalismo dixital en galego

Mañá, 29 de febreiro de 2012, bota a andar Dioivo, unha revista dixital en lingua galega que nace coa finalidade de “contar e contrariar”.

A iniciativa está impulsada pola Asociación Cultural Dioivo, que servirá de sustento económico do proxecto.

A modo de presentación, distribuirase tamén un primeiro número en papel, de tiraxe limitada, con ilustracións de Gonzalo Vilas, Suso Sanmartín e Roi Fernández. Ademais, están previstas diferentes presentacións públicas, unha delas o 9 de marzo no marco dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística.
28/02/2012. DINAMIZACIóN

XIII certame musical “A mocidade coa lingua”

O IES Manuel Murguía de Arteixo organiza o XIII certame musical “A mocidade coa lingua”, unha iniciativa dirixida aos centros de ensino que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito do lecer.

O certame consta de dúas fases, unha primeira fase interna de clasificación, que organizará cada centro participante, e unha segunda fase final intercentros, que terá lugar o 16 de maio de 2012 no Centro Cívico de Arteixo.

Os tres primeiros clasificados recibirán un premio de 300, 200 e 150 euros respectivamente.
27/02/2012. INVESTIGACIóN

Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística

O pasado sábado, 25 de febreiro de 2012, tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela o acto de ingreso do profesor Henrique Monteagudo como académico numerario da Real Academia Galega.


O discurso que o profesor Monteagudo elaborou para o seu acto de incorporación á RAG leva por título “Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística”, no que argumentou con rigor que a normalización lingüística do galego non só non é incompatible coa liberdade lingüística dos falantes, senón que é condición imprescindible para o pleno exercicio desta. En xeral, a idea que estivo latente ao longo de todo o discurso foi a de que a actual crise do proceso (e tamén do concepto) de normalización lingüística está directamente relacionada coa crise do autogoberno, que é realmente o que hoxe está en cuestión.

Ademais da versión resumida lida no acto, texto que lle achegamos nesta nova,
poden consultar a versión íntegra do discurso nos fondos do CDSG, a través do servizo de préstamo.
27/02/2012. AXUDAS E PREMIOS

Premio Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca o Premio Abertos ao Galego, un galardón con periodicidade anual que se outorgará a empresas que destaquen polo uso normal do idioma galego.

Calquera empresa ou particular pode facerlle chegar á Mesa a súa proposta, incluíndo o nome e datos de contacto da empresa candidata, xunto cunha argumentación que incida nos seus usos lingüísticos. As persoas que remitan candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas que forman parte do proxecto Abertos ao Galego.

O prazo de presentación de candidaturas remata o 2 de maio de 2012.
24/02/2012. OUTRAS

Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía

Diferentes concellos, centros de ensino e institucións culturais do país celebraran hoxe, por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), o Día de Rosalía, escritora determinante na historia do noso idioma que restaurou, coa súa obra Cantares gallegos (1863), o uso escrito do galego despois de séculos de ocultación.

Ao abeiro desta iniciativa, moitos centros de ensino están a organizar actividades didácticas relacionadas coa escritora e diferentes concellos declararon oficialmente o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, incluíndo esta celebración nas súas programacións culturais.

A AELG anima á cidadanía en xeral a agasallar un libro en galego e un flor para festexar o 175 aniversario do nacemento da autora.

No web da AELG pode consultar as actividades e actos programados.

22/02/2012. INVESTIGACIóN

Henrique Monteagudo incorpórase á RAG reflexionando sobre o sentido da normalización lingüística

O vindeiro sábado, 25 de febreiro de 2012, ás 12:00 h, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria pública con motivo da recepción como académico de número de Henrique Monteagudo Romero.

Henrique Monteagudo, profesor de sociolingüística na Universidade de Santiago de Compostela e director do CDSG, lerá o discurso “Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística”.

O acto terá lugar no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia, praza da Universidade, 1).
21/02/2012. OUTRAS

21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna

En novembro de 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro

Día Internacional da Lingua Materna. Dende entón, cada ano conmemórase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinados a preservar esta diversidade e a promover o plurilingüismo.

Como é costume, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokava, fixo pública a mensaxe institucional de 2012 con motivo desta celebración.
20/02/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) para o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto na modalidade presencial como de teleformación.

A matrícula debe tramitarse a través do formulario de matrícula telemática accesible na páxina web da EGAP.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de febreiro de 2012.

Se desexa consultar o texto íntegro da convocatoria, prema aquí.

20/02/2012. OUTRAS

Preséntase a programación do Ano Celso Emilio Ferreiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Celso Emilio Ferreiro, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Casa dos Poetas e o Centro PEN de Galicia presentaron publicamente, o pasado 17 de febreiro na Cidade da Cultura, a programación do Ano Celso Emilio Ferreiro.

Co gallo da conmemoración do centenario do nacemento do escritor e do 50 aniversario da publicación do seu poemario Longa noite de pedra, as principais institucións culturais do país desenvolverán un amplo abano de actividades, como exposicións multimedia, espectáculos musicais, ciclos literarios, recitais bilingües no exterior, etc.

No mesmo acto presentouse a páxina web oficial do poeta, con información sobre a súa biografía e produción literaria.

Se desexa máis información, prema aquí.
17/02/2012. DINAMIZACIóN

II Mostra de Documentais en Galego

O Ateneo Ferrolán organiza a II Mostra de Documentais en Galego, unha plataforma para o impulso e difusión dos documentais no noso idioma.

O evento terá lugar o 21 de marzo de 2012, ás 19:30 h.

Todas as persoas interesadas en participar poden enviar os seus documentais, en formato DVD, xunto cunha ficha cos datos do traballo. A organización fará unha selección entre todas as propostas recibidas.

17/02/2012. DINAMIZACIóN

Dinamizando o uso do galego a través da creatividade

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, en colaboración co Verbum. Casa das Palabras, organiza dúas novas actividades, unha sesión de contacontos e mais un curso de sombras chinesas, para dinamizar o uso do galego no ámbito do lecer e da familia.

A sesión de contacontos, que leva por título “Pepiña Maruxiña quere voar”, terá lugar o 26 de febreiro ás 18:00 h, no Verbum. Está dirixida a público familiar e a entrada é de balde.

O curso de sombras chinesas terá lugar os días 3, 10, 17 e 24 de marzo, de 17:00 h a 18:00 h. Está dirixido a persoas maiores de 18 anos, que poden formalizar a súa inscrición a partir do 28 de febreiro.
16/02/2012. DINAMIZACIóN

O comercio pontevedrés proba en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades que se desenvolverán durante o meses de febreiro, marzo e abril de 2012 ao abeiro da campaña Proba en galego.

Trátase dunha iniciativa deseñada para promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa, coa que se lle dá continuidade ao labor de dinamización lingüística que o Concello de Pontevedra desenvolve no ámbito socioeconómico desde 2006.

O programa actual inclúe obradoiros sobre estratexias de xestión lingüística no ámbito do comercio local e charlas sobre experiencias prácticas reais.

16/02/2012. LEXISLACIóN

A CGENDL aposta por un plurilingüismo inclusivo

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) presenta o folleto “Docentes por un plurilingüismo inclusivo”, no que se reflexiona sobre a actual lexislación vixente no sistema educativo e sobre a necesidade de novos enfoques para unha educación plurilingüe.

A CGENDL difunde tamén no seu web unha entrevista a José Manuel Vez, director do Observatorio Atrium Linguarum, que leva por título “Centros plurilingües: un modelo axeitado de educación lingüística para Galicia?”.
16/02/2012. DINAMIZACIóN

O IES As Barxas decláralle o seu amor á lingua

Co gallo da celebración, o pasado 14 de febreiro, do Día de San Valentín, o Audiovisual As Barxas e o Departamento de Normalización Lingüística do IES As Barxas (Moaña) elaboraron o vídeo Ámote.

Trátase dunha adaptación do texto de Víctor Freixanes “O que queda é o amor”, publicado no xornal La Voz de Galicia o 28 de novembro de 2010.

Se desexa máis información, prema aquí.


15/02/2012. CURSOS E CONGRESOS

Programa definitivo dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística

Xa está accesible na rede o programa definitivo dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 8 e 9 de marzo de 2012 no Auditorio da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura de Galicia).

Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención ás claves para conectar coa mocidade, así como ás estratexias para implicar a xente nova no proceso de normalización do idioma galego, sen esquecer a liña habitual de seguimento de iniciativas actuais e de reflexión sobre accións xa realizadas.
Amplíase o prazo de inscrición ata o 23 de febreiro.

14/02/2012. OUTRAS

GalApps, toda a lingua galega no teu peto

O idioma galego dispón xa da súa propia “suite” de aplicacións da lingua para móbiles, dispoñibles tanto para plataformas con sistema operativo Android como IOS (iPfone e iPad).

GalApps compila tres aplicacións lingüísticas: un dicionario, un conxugador verbal e un tradutor. As aplicacións, elaboradas por Sabela Barreiro, Xurxo Méndez e Juan Porta, poden descargarse de balde nas tendas virtuais de Apple e Adroid.
13/02/2012. CURSOS E CONGRESOS

Curso de formación de especialistas en recollida de toponimia

O Instituto de Estudos Miñoranos e mais os servizos de normalización lingüística dos concellos de Pontevedra, Ourense e Vigo organizan o Curso de formación de especialistas en recollida de toponimia, que terá lugar os días 2, 3, 9, 10, 16, 17, 23 e 24 de marzo en Vigo, Pontevedra e Gondomar.

Ao remate das sesións teóricas haberá posibilidade de realizar prácticas de recollida de campo remuneradas. Poderán optar a estas prazas aquelas persoas que asistisen a todas as sesións teóricas.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de febreiro. As persoas admitidas terán de prazo para formalizar a súa matrícula entre os días 27 e 29 de febreiro.

13/02/2012. DINAMIZACIóN

Nós tamén creamos!, programa para estimular o uso da lingua e a creatividade dos máis pequenos/as

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora, presentan o programa Nós tamén creamos!, dirixido a centros públicos de educación infantil e primaria.

O obxectivo do programa é favorecer o uso e aprendizaxe do galego en novos ámbitos, nomeadamente no do lecer. Para isto, convócase un premio a curtas de animación elaboradas coa técnica stop motion.

Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQOeditora e mais unha pantalla de plasma TFT de alta definición de 26″. As curtametraxes gañadoras serán difundidas en diferentes programas da TVG.
13/02/2012. DINAMIZACIóN

FainoTic, nova ferramenta para traballar en galego coas TIC

No marco dos II Encontros de equipos e docentes pola normalización, que tiveron lugar o pasado sábado, 11 de febreiro, en Santiago de Compostela, presentouse FainoTic, unha nova ferramenta de traballo colaborativo dirixida aos centros de ensino, especialmente aos equipos de dinamización da lingua galega.

O obxectivo é fomentar entre a comunidade educativa a edición colectiva de ferramentas lingüísticas, aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.