Novas da lingua

Rexistros3691 a 3720 de 5280
13/02/2012. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles na rede os audios das VIII Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as gravacións dos relatorios das VIII Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Ecoloxía, que tiveron lugar os pasados días 30 de novembro e 1 de decembro de 2011 na Coruña.

Neste mesmo sitio web pode consultar tamén as actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
09/02/2012. DINAMIZACIóN

Os SNL de trece concellos coordínanse para organizar conxuntamente o Club de Debate

Os concellos de Ames, Betanzos, Carballo, Carral, A Coruña, Ferrol, As Pontes, Pontevedra, Oleiros, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo asinan, por iniciativa dos seus servizos de normalización lingüística, un protocolo de colaboración para a organización conxunta do Club de Debate, actividade que xa levaban anos desenvolvendo de xeito autónomo os concellos de Pontevedra e da Coruña.

Trátase dun programa de dinamización lingüística no ámbito educativo, no sector da mocidade, dirixido a alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, destinado a fomentar a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións.

O torneo consta de diferentes fases comarcais, con bases de participación específicas (bases das zonas da Coruña, Compostela, Ferrolterra, Pontevedra e Vigo).

Os equipos gañadores nas fases comarcais participarán nunha fase final, que terá lugar o 28 de abril en Pontevedra.
09/02/2012. DINAMIZACIóN

A Asociación de Escritores/as en Lingua galega premia o labor normalizador nos concellos e nos centros de ensino

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) acordou, na súa asemblea xeral do pasado 4 de febreiro, conceder o Premio AELG para institucións aos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino e mais aos servizos de normalización lingüística dos concellos, como recoñecemento ao seu labor a prol do idioma.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 5 de maio, no transcurso da Cea das Letras.

Se desexa máis información, prema aquí.
07/02/2012. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de xaneiro

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación dos datos de uso dos idiomas na docencia da USC, tanto no que respecta a este curso 2011-2012 como á súa evolución nos últimos anos; a información sobre a formación específica que a USC oferta aos estudantes estranxeiros que queren aprender galego ou a presentación do “Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego”, dirixido ao alumnado de dereito.
07/02/2012. AXUDAS E PREMIOS

VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a oitava edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 9 de abril de 2012.
Se desexa consultar as bases, prema aquí.
07/02/2012. DINAMIZACIóN

Ben veñas, maio!

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio!, dirixido ao alumnado de ensino medio do concello.

A iniciativa, que inclúe diferentes certames (fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música), está deseñada para fomentar o uso do galego nas actividades propias da mocidade, así como incentivar a reflexión sobre a situación actual do idioma.

Se desexa máis información, prema aquí.


06/02/2012. DINAMIZACIóN

Normalizar a empresa para homenaxear a Valentín Paz Andrade

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Valentín Paz Andrade, a Coordinadora Galega de ENDL presenta a campaña Empresa en galego, a través da que convida a todos os equipos de dinamización dos centros de ensino a desenvolver, de xeito coordinado, iniciativas de normalización lingüística no ámbito da empresa.

Para isto, a CGENDL pon ao dispor dos membros dos equipos diferentes propostas de accións concretas, acompañadas de exemplos de actividades de promoción do galego no ámbito socioeconómico desenvolvidas pola comunidade educativa.

03/02/2011. CURSOS E CONGRESOS

XIV Encontros para a Normalización Lingüística

Xa pode consultar en liña o programa provisional dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 8 e 9 de marzo de 2012 no Auditorio da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura de Galicia).

Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención ás claves para conectar coa mocidade, así como ás estratexias para implicar a xente nova no proceso de normalización do idioma galego, sen esquecer a liña habitual de seguimento de iniciativas actuais e de reflexión sobre accións xa realizadas.

A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do CCG. O prazo de inscrición remata o 16 de febreiro. O 17 de febreiro farase pública a listaxe de admitidos/as e partir dese momento abrirase un novo prazo para formalizar o pago da matrícula.

01/02/2012. DINAMIZACIóN

Nace Praza Pública, un novo xornal dixital en lingua galega

Hoxe, 1 de febreiro de 2012, bota a andar Praza Pública, un novo medio de comunicación en galego pensado para Internet. O xornal está impulsado pola Fundación Praza Pública, que ten como fin prioritario o “fomento da información e o debate públicos como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ben como a promoción da cultura e da lingua galegas”.

Desde o punto de vista tecnolóxico, trátase dun xornal deseñado integramente para o estándar de HTML5, que aproveita todos os recursos dispoñíbeis na rede, empregando software libre.
01/02/2012. OUTRAS

MeteoSix Mobile, a información meteorolóxica en galego

MeteoGalicia presenta MeteoSix Mobile, unha aplicación para móbiles con sistema operativo Android que permite consultar en galego a predición meteorolóxica e oceanográfica para calquera punto de Galicia e arredores.

A aplicación pode descargarse de balde desde a tenda virtual de Android. Os usuarios máis avanzados que desexen desenvolver as súas propias aplicacións meteorolóxicas, tamén teñen accesible en liña a API do MeteoSix.
03/02/2012. DINAMIZACIóN

Proxecto Neo, para poñer en valor os neofalentes de Burela

O pasado mes de xaneiro naceu o Proxecto Neo, un novo programa semanal de Radio Burela desenvolvido en colaboración coa área de Innovación Educativa do IES Perdouro, no marco do Modelo Burela de Planificación Lingüística.

Neste caso, o obxectivo da iniciativa é darlle visibilidade a persoas neofalantes de galego, nomeadamente aquelas que residen actualmente no Concello de Burela.

O programa, conducido por Bernardo Penabade, emítese todos os mércores entre as 17:00 h e as 18:00 h e pode escoitarse en liña desde calquera lugar do mundo.

No web do IES Perdouro atopará as ligazóns dos programas emitidos ata o momento.

01/02/2012. DINAMIZACIóN

O vello Sinbad chega a Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela inaugura a nova tempada de cinema en lingua galega coa proxección do filme “Sinbad”, dirixido por Antón Dobao, cuxo guión está inspirado na novela Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro.

Faranse dúas proxeccións, unha o venres 3 de febreiro, ás 19:00 h, no Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela, e outra o sábado 11 de febreiro, ás 19:00 h, no Auditorio da Xunqueira de Redondela. A entrada é de balde.

Se desexa máis información, prema aquí.
31/01/2012. DINAMIZACIóN

Chega o Correlingua 2012

Bota a andar un ano máis o Correlingua 2012, iniciativa lúdico-didáctica que este ano levará por lema “Galego: todo o que buscas”.

O Correlingua comezará o vindeiro 2 de maio en Lugo e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país.

Durante estes meses previos, os centros educativos desenvolverán diferentes actividades lúdico-educativas na aula para introducir a actividade e o alumnado poderá participar en diferentes concursos (vídeo, música, banda deseñada, elaboración de manifesto e Galeoke).
27/01/2012. DINAMIZACIóN

Google Doodle para o Día das Letras Galegas 2012

O colectivo GalegoLab promove o proxecto Google Doodle para o Día das Letras Galegas 2012, que ten como finalidade darlle visibilidade internacional a esta celebración conseguindo que Google lle dedique un dos seus “doodles” (versión do logo), como acostuma a facer para homenaxear diferentes personalidades, feitos históricos, eventos culturais, etc.

Para poder demostrar o apoio social á iniciativa, GalegoLab está a recadar sinaturas a través da páxina actuable.

A maiores, tamén se pode colaborar enviando ao enderezo info@galegolab.org propostas gráficas para o “doodle”, así como informes ou cartas de apoio de institucións ou persoeiros do ámbito da cultura.
27/01/2011. CURSOS E CONGRESOS

IV Xeiras sobre a Lingua Galega na Universidade de Vigo

Os Comités da Universidade de Vigo organizan as IV Xeiras sobre a Lingua Galega, co obxectivo de reflexionar sobre a situación social do noso idioma e reivindicar o seu uso.

As sesións terán lugar os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2012 en Vigo (na sala I do edificio Miralles).

A matrícula é gratuíta. Todas as persoas interesadas deben inscribirse a través do formulario web habilitado para a ocasión.
27/01/2012. INVESTIGACIóN

En liñas as actas das II Xornadas “Educación e linguas en Galicia”

Xa está accesible en liña, no Repositorio Institucional da USC, o volume o A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios: actas das II Xornadas “Educación e linguas en Galicia”, editado pola Universidade de Santiago de Compostela baixo a coordinación de Bieito Silva, Xesús Rodríguez e Isabel Vaquero.

A publicación compila as intervencións presentadas nas
II Xornadas “Educación e linguas en Galicia”, que tiveron lugar os días 26 e 27 de novembro de 2010 en Santiago de Compostela.
27/01/2011. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso de “jingles” Radio-Música en Galego

Música en galego e a Liga Nacional da Billarda convocan o
I Concurso de “jingles” Radio-Música en Galego.
As persoas interesadas en participar deben enviar antes do 29 de febreiro de 2012 un arquivo mp3, de un minuto de duración como máximo, a musicaengalego@gmail.com.

O audio debe estar realizado integramente en galego e conter a frase “radio música en galego” . Todos os audios serán emitidos na canle Radio-Música en Galego. Entre os participantes sortearase unha lingua de xato salgada.

25/01/2012. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro de equipos e de docentes pola normalización

A Coordinadora Galega de ENDL organiza o II Encontro de equipos e docentes pola normalización, dirixido a coordinadores/as e membros de equipos de dinamización da lingua galega, e demais docentes interesados/as na normalización lingüística.
A xornada terá lugar o 11 de febreiro de 2012 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).

A asistencia é gratuíta, previa inscrición en correo@coordinadoraendl.org.
Os equipos que queira participar na mostra de materiais deben confirmalo antes do 8 de febreiro.
25/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos de fomento de galego no ensino non universitario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca dúas liñas de axudas para proxectos de fomento do galego no ámbito educativo durante o curso 2011-2012, unha destinada aos centro de titularidade pública e outra aos de titularidade privada.

Nos dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das convocatorias.
25/02/2012. DINAMIZACIóN

Tándem de conversa para aprender idiomas

A Universidade de Vigo e mais a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela organizan cadanseu programa de aprendizaxe de linguas na modalidade “tándem”.

O Tándem de conversa da Universidade de Vigo está dirixido a persoas voluntarias e alumnado interesado en aprender ou mellorar un idioma a través do intercambio mutuo de coñecementos. Os interesados/as deben remitir a solicitude á Oficina de Relacións Internacionais, que se encargará de poñer en contacto os membros de cada tándem.

Pola súa parte, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da EOI de Santiago organiza o Tándem en galego, un espazo de intercambio entre persoas que queren aprender galego, ou mellorar o seu nivel oral, e voluntarios/as que xa dominan o idioma.

A primeira xuntanza terá lugar o 15 de febreiro de 2012, das 17:00 h ás 19:00 h na EOI de Santiago. Os interesados/as deben remitir a solicitude ao enderezo: enl@eoisantiago.org
25/01/2012. INVESTIGACIóN

Catro estudosos da lingüística galega incorpóranse á RAG como académicos correspondentes

O Plenario da Real Academia Galega aprobou, o pasado 21 de xaneiro, o nomeamento de Ana Isabel Boullón, Xosé Henrique Costas, Gonzalo Navaza e Antón Palacio como académicos correspondentes desta institución.

Trátase de catro recoñecidos investigadores e profesores universitarios do ámbito da lingüística galega, que se incorporan á Sección de Lingua da RAG para colaborar nos diferentes proxectos de gramática, onomástica e sociolingüística que esta institución desenvolve.

Na mesma sesión plenaria foi nomeada académica de honra Giulia Lanciani, profesora da Universidade Roma Tre e destacada estudosa do corpus lírico medieval galego-portugués.
20/01/2012. INVESTIGACIóN

A UDC presenta “Unha outra guía para a intervención lingüística”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña presenta o volume Unha outra guía para a intervención lingüística, que recolle as intervencións do VII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que tivo lugar entre os días 20-22 de xullo de 2011 en Carballo, así como unha selección dos relatorios presentados nas Xornadas de Formación para as comisións de normalización lingüística da UDC.

No web do SNL da UDC están accesibles, en formato .pdf, tanto este volume como as actas doutras xornadas organizadas por este servizo.
17/01/2012. INVESTIGACIóN

En liña o noso Boletín de Sumarios 2010-2011

Xa pode consultar na nosa páxina web o Boletín de Sumarios 2010-2011, produto documental que inclúe os sumarios de 184 números de publicacións periódicas, correspondentes a 41 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o período 2010-2011.

Se desexa consultar a nosa colección completa de seriadas, prema aquí.
17/01/2011. OUTRAS

Probas para obtención dos certificados de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas para a obtención dos Celga 1, 2, 3 e 4 que se desenvolverán neste ano 2012. Poderán presentarse a estas probas todas as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do ano 2012, nacionais ou estranxeiras.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 3 de abril de 2012.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
17/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios a proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de premios a proxectos de innovación en dinamización lingüística deseñados para desenvolver nos centros de ensino públicos durante o curso 2011-2012.

Os proxectos premiados nesta edición foron os presentados polo CPI Dr. López Suárez do Saviñao e polos IES Félix Muriel de Rianxo, Rodeira de Cangas, Perdouro de Burela e As Bizocas do Grove.

Estas iniciativas, xunto cos materiais didácticos que xere a súa posta en práctica, serán difundidas no web da SXPL.

Se desexa máis información, prema aquí.

13/01/2012. OUTRAS

Valentín García Gómez é o novo secretario xeral de Política Lingüística

O Goberno galego aprobou no Consello do goberno da Xunta de Galicia de onte o decreto polo que se nomea secretario xeral de Política Lingüística a Valentín García Gómez.


Valentín García Gómez era ata a actualidade o técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada e foi presidente da CTNL, asociación que agrupa aos profesionais deste sector.


Desde 2001 colabora co Consello da Cultura Galega como membro da Comisión Técnica do CDSG, a través da cal participou en varios estudos e proxectos relacionados coa planificación lingüística do galego.
12/01/2012. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de oito bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (2 bolsas), Literatura galega medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Síntese de voz en galego (1 bolsa), Base de datos do ALIR (1 bolsa).



O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
11/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica hoxe as bases reguladoras do programa de cooperación cos concellos da provincia da Coruña para a creación ou mantemento dos seus servizos de normalización lingüística durante o ano 2012.

Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes e máis de 7 000, mancomunidades ou agrupacións de concellos que cumpran cada un deles o requisito do número de habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
09/01/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a adultos e colectivos de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xaneiro de 2012.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
04/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse as subvencións a entidades locais para a promoción da lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas a fomentar a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística naqueles concellos que carezan de servizo.
O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.