Novas da lingua

Rexistros3691 a 3720 de 5363
12/06/2012. EMPREGO

Resólvese a convocatoria de bolsas no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución coa adxudicación das oito bolsas de formación en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se desexa consultar o documento prema aquí.
10/05/2012. DINAMIZACIóN

Guía teórica e metodolóxica para a dinamización lingüística

A CTNL presenta Traballarmos en dinamización lingüística. Unha introdución, segundo volume da colección Documentos CTNL, deseñada co obxectivo de elaborar, compilar e difundir materiais de referencia para o apoio, análise e proposta sobre o traballo en normalización lingüística.
Este segundo documento está elaborado por Isabel Vaquero Quintela, responsable técnica da Área de Dinamización Lingüística do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Para ampliar esta información, prema aquí.
10/05/2012. DINAMIZACIóN

Compostela tamén se une á celebración das Letras Galegas

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o
programa
para festexar o vindeiro Día das Letras Galegas, destinado ao público infantil.
O programa inclúe diferentes actividades lúdicas, como sesións de contacontos participativos, obradoiros de debuxo e de creación literaria, a celebración do xogo colectivo “Atopando Compostela”, Galego de Cine e Títerehop, estas dúas últimas promovidas pola Rede de Dinamización Lingüística.

No web do Departamento de Lingua pode consultar a ficha descritiva de cada actividade.
10/05/2012. DINAMIZACIóN

Redondela homenaxea a Valentín Paz Andrade

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta o programa de divulgación da figura e da obra de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras 2012.
No marco deste programa o xornalista Xan Carballa dará unha conferencia o vindeiro 11 de maio, no Auditorio Xosé Figueroa, sobre a vida e a obra deste autor e o 17 de maio terá lugar o acto institucional de celebración das Letras Galegas nos Xardíns da Alameda.
09/05/2012. DINAMIZACIóN

Vitaminas para o galego en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza o concerto Vitaminas para o galego, unha iniciativa deseñada para promover o uso do galego nos medios de comunicación que terá lugar o vindeiro 16 de maio, ás 21:00 h, no Pazo da Cultura de Carballo.
A actuación musical correrá a cargo de Sés (María Xosé Silvar e Tito Calviño) e no transcurso do acto, que será presentado por Paula Carballeira, farase entrega do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo.
A entrada é libre e gratuíta.
12/06/2012. DINAMIZACIóN

Vigo tamén celebra o mes de maio en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo desenvolverá ao longo deste mes de maio “Vigo, en galego”, un programa de dinamización lingüística que inclúe actividades adaptadas ás diferentes tipoloxías de público: infantil e familiar; adulto e asociacións.
O programa, que conta coa colaboración especial de Uxía Blanco e Benigno Campos, inclúe xincanas e ludotecas lingüísticas, proxeccións de cine en galego, charlas sobre toponimia ou cursos de escrita creativa, entre outras actividades.
Se desexa ampliar esta información, prema aquí.

04/05/2012. DINAMIZACIóN

Redondela festexa o Día da Nai na “lingua nai”

A Asociación de Empresarios de Redondela, o Servizo de Normalización
Lingüística municipal e Radio Redondela promoven unha campaña de uso do galego no comercio redondelán con motivo da celebración do Día da Nai.
No marco desta iniciativa, incluída no programa de dinamización lingüística do comercio local “O noso vende”, desenvolveranse diferentes accións, como a emisión de cuñas publicitarias de carácter divulgativo en Radio Redondela ou a difusión de tarxetas e adhesivos de agasallo co lema “Con todo o meu agarimo”.
03/05/2012. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución ao galego de obras publicadas noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


03/05/2012. INVESTIGACIóN

Xosé Luís Regueira incorpórase á RAG reflexionando sobre a lingua oral

O vindeiro 2 de xuño de 2012, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria pública con motivo da recepción como académico de número de Xosé Luís Regueira.
Xosé Luís Regueira, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, lerá o discurso “Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI”, ao que responderá o tamén académico Manuel González.
O acto terá lugar na sede da RAG (rúa Tabernas, 11. A Coruña).
02/05/2012. DINAMIZACIóN

Monográfico didáctico sobre Valentín Paz Andrade

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa un monográfico sobre Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. O monográfico compila recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula.
02/05/2012. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) presentan a oitava edición do seu programa de actividades Maio, Mes da Lingua 2012, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.

O programa inclúe, entre outras actividades, exposicións didácticas, conferencias, concertos musicais, programas de radio, xincanas lingüísticas, unha festa da lingua e proxeccións de cine en galego.
30/04/2012. DINAMIZACIóN

Preséntase a programación conmemorativa do 50 aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta o programa de actividades que desenvolverá este ano 2012, xunto con outras institucións e entidades colaboradoras, para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas.

30/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Carlos Callón, autor do artigo “Fai teu o galego”, foi o gañador da oitava edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1 000 euros e o artigo gañador será publicado nos once medios de comunicación colaboradores.

30/04/2012. DINAMIZACIóN

Webquest sobre Valentín Paz Andrade e o Xornal Galicia

A Fundación Barrié pon ao dispor da comunidade educativa a webquest “Medrando co xornal Galicia e Valentín Paz Andrade”, unha unidade didáctica multimedia coa que se quere conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas e render homenaxe a Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado este ano.

A webquest, deseñada para o alumnado de 3º e 4º da ESO da materia de Lingua e Literatura Galegas, ten como obxectivos principais familiarizar o estudantado co funcionamento dun medio de comunicación como é un xornal, así como achegalo, a través da praxe comunicativa, á figura de Valentín Paz Andrade.
27/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

IV Certame de Cinema OUFF Escola

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o IV Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XVII Festival de Cine Internacional de Ourense.

27/04/2012. DINAMIZACIóN

Ponteceso conmemora o XXX aniversario das Festiletras cun amplo programa cultural

A Fundación Eduardo Pondal, o Colectivo Con V de Valarés e as asociacións culturais Monte Branco, Inllar e a A Oliveira de Monte Branco presentan a trixésima edición de Festiletras, un amplo programa de actividades que se desenvolverá en Ponteceso entre os días 16 e 20 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas 2012, dedicado a Valentín Paz Andrade.

26/04/2012. OUTRAS

Nace Sermos Galiza, novo xornal en galego

Hoxe, 26 de abril de 2012, bota a andar en internet Sermos Galiza, un novo proxecto xornalístico en lingua galega que, segundo informan os seus promotores, ten a “vocación de se transformar en referente informativo dos intereses da nación galega”.

Ademais do xornal dixital, o proxecto inclúe un semanario en papel, cuxo primeiro número sairá á rúa o vindeiro 17 de maio. Este grupo de comunicación está impulsado pola iniciativa social Sermos Galiza.
25/04/2012. DINAMIZACIóN

Conflitos de amor e idioma en Amores Prohibidos 2.0

O grupo de teatro Chévere presenta Amores Prohibidos 2.0, un proxecto teatral interactivo e participativo que versiona a historia de Romeo e Xulieta, agora Romero e Xiana, co conflito lingüístico como marco.

23/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia convida a festexar as Letras Galegas coa lingua de namorar

Con motivo da celebración o vindeiro día 17 de maio do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convocan Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor.

23/04/2012. DINAMIZACIóN

Novo proxecto para a introdución do galego no audiovisual internacional

Miguel Ángel Lago e Pablo Salgado, estudantes do 1º curso do Grao de Enxeñaría Informática da USC, presentan o seu web Subtítulosengalego.com, un proxecto que ten como principal obxectivo introducir o idioma galego no ámbito do audiovisual internacional.

23/04/2012. EMPREGO

Bolsas para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia

A Universidade de Vigo, en colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística, convoca 7 bolsas de formación para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia.

A actividade dos/as bolseiros/as consistirá en recoller a microtoponimia das parroquias dos concellos de Allariz, Castrelo de Miño, A Bola, Poio, Redondela, Salceda e Tomiño.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 4 de maio de 2012. Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
20/04/2012. DINAMIZACIóN

Música e poesía para darlle vitaminas ao galego

A plataforma Vitaminas para o galego organiza un festival destinado a recadar fondos para os medios de comunicación en galego que conforman a plataforma. O festival terá lugar o vindeiro 27 de abril, ás 22:00 h, na Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela) .
20/04/2012. DINAMIZACIóN

Segunda edición do agasallo sincronizado para o mundo

O colectivo GalegoLab promove a segunda edición do proxecto Agasallo sincronizado para o mundo, que ten como obxectivo conseguir que o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o galego se escoite de xeito sincronizado nos cinco continentes.

19/04/2012. DINAMIZACIóN

A CTNL promove un viveiro de propostas normalizadoras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta o seu viveiro de propostas normalizadoras, un espazo de traballo e intercambio de coñecementos que ten como obxectivo estimular o nacemento de novos proxectos de normalización lingüística.

Para botar a andar a iniciativa, a CTNL convoca unha xuntanza inicial que terá lugar o vindeiro 30 de maio de 2012, ás 17:30 h, na Facultade de Filoloxía da USC (Aula 12).
19/04/2012. EMPREGO

Bolsas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de 5 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Área de Publicacións (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas) e Área Técnica (1 bolsa).

A duración das bolsas será de 7 será ata o 31 de decembro de 2012. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

19/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a producións e coproducións audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, co ánimo de contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais galegas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/04/2012. DINAMIZACIóN

Redondela festexa o Día do Libro cunha semana cultural

Co gallo da conmemoración do Día do Libro o vindeiro 23 de abril, A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan a IV Semana do libro. A festa das palabras, que terá lugar entre os días 17 e 29 de abril de 2012.

17/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 17 de abril de 2012, a resolución das axudas para a edición en galego de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.


13/04/2012. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade Paul-Valéry convida a reflexionar sobre a xestión das minorías lingüísticas en Europa

O Laboratorio DIPRALANG, proxecto adscrito á Université Paul-Valéry (Montpellier III), está a organizar o congreso internacional “Xestión das minorías lingüísticas na Europa do século XXI”, que terá lugar os días 10 e 11 de xaneiro do vindeiro ano 2013.

Os principais obxectivos do congreso son reflexionar sobre a relación entre linguas, identidades, estados, e nacións no marco da actual Europa; analizar o lugar que as minorías lingüísticas deben ocupar na construción europea e valorar a eficacia dos actuais instrumentos legais para a súa protección.

O comité organizador convida a especialistas e estudosos/as do tema a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 15 de agosto de 2012.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
13/04/2012. OUTRAS

Xa se pode integrar o dicionario da RAG no navegador Firefox

O Proxecto Trasno presenta un novo complemento que permite integrar o dicionario da Real Academia Galega na listaxe de buscadores do navegador Firefox.

Despois dun sinxelo proceso de instalación, os/as usuarios/as de firefox poderán facer calquera busca no dicionario da RAG directamente desde a caixa superior dereita do navegador, onde se atopa a listaxe de buscadores.

Para obter máis información, prema aquí.