Novas da lingua

Rexistros3811 a 3840 de 5363
16/12/2011. LEXISLACIóN

Información sobre dereitos laborais para técnicos/as de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza un encontro informativo sobre dereitos laborais, dirixido aos técnicos/as de normalización lingüística das administracións públicas asociados á CTNL.

No encontro participará Héctor López de Castro, avogado do gabinete xurídico da CIG, que asesorará e resolverá as dúbidas dos asistentes.

A sesión terá lugar o vindeiro 22 de decembro, ás 18:00 h, na sede da CIG (rúa de Manuel Ferro Caaveiro, 10. San Lázaro. Santiago de Compostela).

19/04/2010. DINAMIZACIóN

Os servizos de normalización lingüística colaboran cos Reis Magos no reparto de cartas

Os Reis Magos de Oriente contarán un ano máis coa colaboración dos servizos de normalización lingüística de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, que se encargarán de repartir uns 3000 modelos de cartas entre os centros educativos dos devantidos concellos.

O modelo inclúe tamén un recadro explicativo sobre o Apalpador, personaxe tradicional do Nadal galego.
15/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Exposición Letras Galegas 2012”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. A exposición gañadora en cada unha destas categorías será distribuída en máis de 1600 puntos de Galicia e do exterior e os equipos de traballo que elaboren estas exposicións recibirán cadanseu premio en metálico de 3000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o 16 de febreiro de 2011.

14/12/2011. DINAMIZACIóN

Vinte anos de dinamización lingüística no ensino a través das revistas escolares

A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere conmemorar o 20º aniversario da creación dos actuais equipos de dinamización da lingua galega, existentes en todos centros educativos de primaria e secundaria, cunha exposición de revistas escolares que permita coñecer a traxectoria do traballo desenvolvido polos equipos desde 1991 ata a actualidade.

O acto de inauguración da exposición terá lugar o xoves 15 de decembro de 2011, ás 12:00 h, no Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro, 107. Santiago de Compostela).
14/12/2011. DINAMIZACIóN

O Concello de Narón convida a felicitar o Nadal en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta unha nova edición da campaña “Felicita o Nadal en galego!”, a través da que pon á disposición da cidadanía diferentes modelos de postais (modelo papel 1, modelo papel 2, formato electrónico) e mais textos de felicitación para enviar por sms.

A maiores, o SNL ofrece asesoramento lingüístico a todas as persoas que o precisen para escribir en galego as comunicacións típicas destas datas.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/12/2011. INVESTIGACIóN

Preséntase o Dicionario Xurídico Galego

Onte, 12 de decembro de 2011, tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación pública do Dicionario Xurídico Galego, unha obra lexicográfica promovida pola Revista Xurídica Galega e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e coeditada pola Xunta de Galicia e Xerais.

Trátase dunha obra colectiva, coordinada por Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro, que compila arredor de 2 000 entradas nas que se presentan en galego conceptos esenciais do Dereito; termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia e información crítica sobre a lexislación vixente en España.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

A Gentalha do Pichel premia o uso do galego no comercio compostelán

A Gentalha do Pichel presenta o “Projeto Pontos: pontos em galego, o galego em pontos", que ten como obxectivo publicitar e darlles visibilidade a aqueles establecementos comerciais composteláns que empregan o galego na súa actividade económica.

Cada negocio recibirá unha cantidade determinada de puntos dependendo do seu grao de compromiso coa normalización do galego e todos eles serán publicitados na páxina de Facebook “Projeto Pontos”.



13/12/2011. EMPREGO

Bolsa de formación na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica, no BOP de Lugo do 3 de decembro de 2011, unha bolsa de formación en materia de xestión cultural, normalización lingüística e comunicación audiovisual. As tarefas do/a bolseiro/a consistirán en prestar apoio ao deseño e xestión do Programa Cultural da Área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico para o período 2011–2012.

A duración da bolsa será de doce meses. O prazo para presentar as solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das bases.
12/12/2011. DINAMIZACIóN

Concursos de escaparates en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Asociación de Empresarios de Redondela convocan dous concursos de escaparates, un dirixido á hostalaría e outro aos comercios redondeláns, co ánimo de fomentar o uso do galego nas actividades típicas que este tipo de establecementos organizan no Nadal.

Os participantes deberán preparar unha decoración especial nos seus escaparates que sirva de promoción de produtos típicos galegos, onde se recoñeza e identifique a lingua e cultura galegas.

En ambas as dúas modalidades, o prazo de inscrición remata o 16 de decembro de 2011 e o período no que a decoración debe estar instalada é do 19 de decembro de 2011 ao 5 de xaneiro de 2012.

Se desexa máis información, prema aquí.

09/12/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Alberto Castro Ponte, profesor na Escola Politécnica Superior de Lugo no grao de Enxeñaría Civil; a presentación do concurso “Explícoche Matemáticas 2.0” ou a crónica das III Xornadas "Educación e linguas en Galicia”, que tiveron lugar os pasados días 25 e 26 de novembro en Compostela.
05/12/2011. EMPREGO

Bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca tres bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística.

Os solicitantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2011/2012 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 14 de decembro de 2011, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
05/12/2011. CURSOS E CONGRESOS

I Seminario de Formación Permanente da Rede de Dinamización Lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), organiza o I Seminario de Formación Permanente dirixido aos representantes técnicos das entidades adheridas á Rede.

O obxectivo do seminario é reflexionar sobre os conceptos, as ferramentas e as estratexias necesarias para a dinamización lingüística no ámbito local.

As sesións terán lugar o vindeiro 16 de decembro de 2011, de 9:30 h a 14:30 h, na Escola Galega de Administración Pública.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/12/2011. DINAMIZACIóN

XVIII Ponte… nas ondas! 2012 – Ponte… a contar!

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! organiza unha nova edición desta experiencia educativa de comunicación interescolar que nesta ocasión, baixo o lema “Ponte… a contar!”, se centrará na transmisión dos contos populares ás novas xeracións.

Os organizadores convidan a comunidade educativa a participar na XVIII Xornada multimedia e mais no VI Certame de recollida do patrimonio oral galego-portugués.

O prazo para inscribirse en calquera das dúas convocatorias remata o 15 de decembro de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.

01/12/2011. DINAMIZACIóN

En galego, de película

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra presentan o ciclo de cine “En galego, de película 2011”, destinado ao alumnado dos centros de ensino non universitario.

As películas que se proxectarán son “A tropa de trapo” (recomendada para educación infantil e 1º e 2º ciclo de educación primaria); “Pradolongo” (ESO) e “Crebinsky” (4ª da ESO, bacharelato e ciclos formativos).

As proxeccións terán lugar no Cine Duplex os días, 15, 16, 19 e 20 de decembro de 2011. O prazo de inscrición remata este venres, 2 de decembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/12/2011. DINAMIZACIóN

Razóns para que as nenas e os nenos aprendan o galego


O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra está a difundir o tríptico “Por que é bo que os nenos e as nenas aprendan ben o galego?”, onde se enumeran diferentes razóns de carácter pedagóxico, sociolingüístico e cultural sobre a conveniencia de que os nenos e as nenas aprendan ben a lingua propia de Galicia.

O folleto está accesible na rede a través das plataformas Scribd e Slideshare.
30/11/2011. DINAMIZACIóN

III Club de Debate do Concello de Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración cos EDL dos centros de ensino secundario do concello, o III Club de Debate, actividade dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato que ten como obxectivo promover o uso oral do galego entre a mocidade traballando a oratoria e a fluidez comunicativa.

Logo da sesión formativa que tivo lugar o pasado 26 de novembro, o alumnado participante terá ocasión de demostrar a súa competencia comunicativa en galego nos debates que terán lugar no Café Moderno o 28 de xaneiro de 2012 (fase eliminatoria) e o 4 de febreiro (fase final).

Se desexa máis información, prema aquí.
30/11/2011. INVESTIGACIóN

Coloquio en Vigo sobre a toponimia de Lavadores

No marco do programa “Meu! Coñecéndonos. Descubríndonos”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza, coa colaboración da Biblioteca Xosé Neira Vilas e a Asociación Veciñal de Lavadores, unha charla coloquio sobre a toponimia de Lavadores.

A sesión terá lugar o vindeiro venres, 2 de decembro, ás
19:30 h, na Biblioteca Xosé Neira Vilas (Emilio Martínez Garrido, 21) e nela participará Iván Sestai, autor do libro Toponimia do Val do Fragoso, volume II. Lavadores.

28/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ao audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica, no DOG do 28 de novembro de 2011, as resolucións das convocatorias de subvencións para a produción de curtametraxes e videoclips; para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, para a produción de contidos interactivos e para as producións e coproducións audiovisuais en lingua galega.
24/11/2011. OUTRAS

Nace AnfiteatroGZradio

AnfiteatroGZradio é un proxecto de radio en liña que ten como obxectivo ofrecer 24 horas de radio cunha programación variada en idioma galego.

A programación da emisora incluirá contidos relacionados co ámbito cultural (musicais, literarios, etc.), tratando sempre de promover os/as autores/as e creadores/as galegos/as.

Os promotores do proxecto piden a colaboración dos/as oíntes nesta primeira fase para poder acadar unha media diaria de 130 horas de audiencia (entre todos/as os/as oíntes), que é o mínimo esixido para poder manter o dominio.
24/11/2011. DINAMIZACIóN

Nova edición da campaña Xantar Compostela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostalería Compostela decidiron darlle continuidade á campaña Xantar Compostela, unha iniciativa que se puxo en marcha en decembro de 2010 para promover a presenza da lingua galega no ámbito da hostalaría compostelá.

Nesta segunda edición distribuiranse entre os establecementos hostaleiros de Santiago
150 000 novos exemplares de manteis, en catro modelos diferentes (dous para nenos, un para adultos e outro para estranxeiros), con xogos de palabras para se entreter nos tempos de espera.

Se desexa máis información, prema aquí.



17/11/2011. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas “Xustiza e lingua, reflexións para a normalización”

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, a quinta edición da xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza.

A xornada terá lugar o vindeiro 28 de novembro de 2011, ás 18:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán.

17/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de presentacións electrónicas de Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza un
concurso de presentacións de Nadal en formato dixital, co ánimo de fomentar o uso da lingua galega nas comunicacións propias destas festas.

As presentacións (formato .odp, .ppt ou .pptx) deben ter unha extensión máxima de 10 diapositivas, incorporar texto en galego e estar tematicamente relacionadas coas felicitacións propias do Nadal.

Os autores/as das tres presentacións gañadoras recibirán un lote de produtos de lecer en galego.

O prazo para enviar as propostas remata o 9 de decembro de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
24/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

O xurado do VIII Premio Luísa Villalta fixo pública a resolución na que se recollen os traballos premiados na oitava edición deste certame.

O traballo premiado na modalidade de “Deseño dunha campaña de promoción da lingua galega” foi “O galego constrúe. Constrúe o galego”, autoría de Luís Suárez López, alumno de Enxeñaría Naval e Oceánica na Escola Politécnica Superior de Ferrol. Na modalidade “Premio a unha idea para a promoción do galego” resultaron gañadores ex aequo os traballos “O poder das palabras” e “Proxéctate en galego”, autoría, respectivamente, de Alejandro Gradaílle Montero, estudante de Comunicación Audiovisual no campus da Coruña, e María Marta López Alonso, que presentou o traballo en nome das comisións de normalización lingüística dos centros universitarios do campus de Lugo.

Se desexa máis información, prema aquí.
17/11/2011. CURSOS E CONGRESOS

XIII Congreso Internacional sobre Lingua e Psicoloxía Social

A Rede Mercator e mais a Asociación Internacional de Lingua e Psicoloxía Social organizan o XIII Congreso Internacional sobre Lingua e Psicoloxía Social, que terá lugar entre os días 20 e 23 de xuño de 2012 na cidade de Ljouwert/Leeuwarden (Frisia, Países Baixos).

Os organizadores convidan a todas as persoas que estean a investigar en temas relacionados cos usos sociais das linguas a participar enviando as súas propostas de comunicación antes do 14 de febreiro de 2012.


09/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Entrega dos XXI Premios San Martiño de Normalización Lingüística

Mañá, xoves 10 de novembro, ás 20:00 h, terá lugar no Teatro Principal da Estrada o acto de entrega dos XXI Premios San Martiño de Normalización Lingüística, que concede a Asociación Cultural O Brado.

Os galardoados desta edición son a asociación Fillos e Amigos da Estrada, na modalidade de “A Estrada e Comarca de Terra de Montes”, o colectivo Cantigas e Agarimos, na modalidade “Galicia enteira”, e o profesor de filosofía Carlos Amable Baliñas na modalidade “Toda unha vida”.

Se desexa mais información, prema aquí.
09/11/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Neste número inclúense, entre outros contidos, a presentación de dúas publicacións recentes da USC, como son o traballo lexicográfico Termos esenciais de dereito penal e mais a guía Criterios de linguaxe non sexista, ou o anuncio de vindeiras xornadas de formación, como a terceira edición de “Educación e linguas en Galicia”,

09/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o XII Premio Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a décimo segunda edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo e compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizado un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego.

As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 30 de novembro de 2011.
Se desexa máis información sobre as bases desta convocatoria, prema aquí.
03/11/2011. DINAMIZACIóN

A USC súmase á celebración do Día da Ciencia en Galego

A Universidade de Santiago de Compostela sumarase mañá,
4 de novembro de 2011, á celebración do Día da Ciencia en Galego, como tamén farán por segundo ano consecutivo os centros de primaria e secundaria.

Os actos terán lugar nas facultades de Bioloxía, ETSE, Física e Matemáticas (Campus de Santiago) e na Biblioteca Intercentros e facultades de Ciencias, EPS e Veterinaria (Campus de Lugo).

Se desexa consultar o programa completo de actividades, prema aquí.

03/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

III edición do Concurso Ângelo Casal

Galicola, proxecto comercial destinado a acadar recursos económicos para a normalización da lingua galega, convoca a terceira edición do Concurso Ângelo Casal, deseñado para premiar aqueles proxectos normalizadores que resulten máis votados polos consumidores de Galicola.

As candidaturas deben enviarse a info@galicola.org antes do 31 de decembro de 2011. O 31 de xaneiro de 2012 farase pública a listaxe dos proxectos seleccionados e os consumidores de Galicola terán de prazo ata o 1 de maio para enviar as etiquetas do refresco cos seus votos. O proxecto gañador darase a coñecer o 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Pode consultar as bases do concurso no propio web da Galicola.
28/10/2011. INVESTIGACIóN

Portal de ditados tópicos galegos

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago presenta o Portal de ditados tópicos galegos, un proxecto elaborado en colaboración coa Fundación Camilo José Cela que reproduce as 1212 fichas de ditados tópicos (xentilicios, alcumes, refráns e cantigas referidas a algunha localidade ou aos seus poboadores/as) recollidas en Galicia para a redacción do Diccionario geográfico popular de España de Camilo José Cela.

O web incorpora un formulario de busca que permite recuperar a información polo lugar de recollida, polo lugar ao que fai referencia o ditado ou a través dun campo de texto libre que busca na totalidade da ficha.

O proxecto ten vocación de continuidade, polo que en futuras versións ofreceranse outras formas recollidas de diversas fontes.