Novas da lingua

Rexistros3841 a 3870 de 5280
11/05/2011. DINAMIZACIóN

Os meus favoritos, guía de sitios web en galego

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas presentan a guía Os meus favoritos, que compila 200 enderezos de sitios web en galego sobre diferentes temáticas (deporte, audiovisual, cultura, mocidade…).

O obxectivo desta iniciativa é celebrar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día de Internet, e ao mesmo tempo, fomentar o uso do galego no ámbito da tecnoloxía.
11/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

VII Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Concello de Carballo e mais a CTNL organizan a sétima edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", no que se reflexionará sobre a incidencia dos discursos lingüísticos na situación actual do galego.

As sesións desenvolveranse os días 20, 21 e 22 de xullo de 2011 no Pazo da Cultura de Carballo.

A matrícula abrirase a partir do 1 de xuño.

11/05/2011. DINAMIZACIóN

A EGAP súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas

A Escola Galega de Administración Pública presenta o seu programa de actividades para homenaxear a Lois Pereiro, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O programa inclúe un acto literario, que terá lugar o 12 de maio, ás 19:00 h, na sede da EGAP e mais unha viaxe cultural polos escenarios nos que desenvolveu a súa vida Lois Pereiro, que se realizará o 17 de maio.

Se desexa máis información, prema aquí.
11/05/2011. DINAMIZACIóN

O galego medra contigo na cidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña está a desenvolver unha nova edición da campaña “O galego medra contigo!”, dirixida este ano a nenos/as de entre 5 e 10 anos e mais ás súas familias.

Nesta edición o fío condutor das actividades é o mariñeiro Ith, nome que fai referencia ao fillo de Breogán, personaxe lendario relacionado coa fundación da cidade da Coruña.

A programación inclúe concertos musicais infantís, obradoiros lúdico-musicais e mais o Concerto das Letras.

Para ampliar a información, prema aquí.

11/05/2011. DINAMIZACIóN

Xeiras da Lingua en Redondela

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Redondela súmase á celebración das Letras Galegas, ao igual que outros moitos concellos do país, coa programación Xeiras da Lingua, que se está a desenvolver ao longo dos meses de abril e maio de 2011.

Nos vindeiros días terán lugar, entre outras actividades, dúas representacións teatrais, un concerto de Manu Clavijo e mais un relatorio de Marcos Calveiro sobre o poeta Lois Pereiro.
10/05/2011. INVESTIGACIóN

O Instituto da Lingua Galega celebra o seu 40 aniversario

O 14 de maio de 1971 nacía o Instituto da Lingua Galega no seo da Universidade de Santiago de Compostela. Co gallo do seu 40 aniversario, o ILG convida a todas as persoas interesadas e nomeadamente, aos axentes sociais que traballan a prol da normalización do galego, a participar no acto de celebración que terá lugar o vindeiro 20 de maio de 2011.

Ás 18.30 h o Reitor da USC descubrirá unha placa na fachada da sede do ILG dando conta de que no segundo andar da casa viviron Rosalía e Murguía nos anos 1863-1865. Posteriormente, ás 19:00 h, terá lugar no paraninfo da USC un acto académico, tamén presidido polo Reitor.

O ILG continuará a conmemorar esta efeméride ao longo do ano 2011 coa presentación de proxectos e estudos que se están a desenvolver nesta institución.
09/05/2011. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega convoca 6 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Área de Publicacións (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas), Área Técnica (2 bolsas).

A duración das bolsas será ata o 31 de decembro de 2011. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
09/05/2011. DINAMIZACIóN

Agasallo sincronizado para o mundo

O colectivo GalegoLab promove o proxecto Agasallo sincronizado para o mundo, que ten como obxectivo conseguir que o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o galego se escoite de xeito sincronizado nos cinco continentes.

Trátase de que a partir dunha mesma partitura, todos/as os/as artistas que o desexen fagan a súa propia versión e a poñan á disposición do público en YouTube. Deste xeito, o vindeiro 17 de maio todos poderemos compartir cos nosos coñecidos a versión que máis nos guste, provocando unha distribución en rede que permita que o galego se escoite ese día nos cinco continentes.
09/05/2011. DINAMIZACIóN

A Coordinadora Galega de ENDL conmemora os 20 anos de traxectoria dos equipos

A Coordinadora Galega de ENDL está a organizar o acto "1991-2011: vinte anos dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística", co ánimo de recoñecer publicamente o traballo desenvolvido polos ENDL ao longo destes vinte anos. No transcurso do acto renderáselle tamén unha homenaxe a Agustín Fernández Paz, polo seu intenso labor a prol da normalización lingüística no ensino.

O evento terá lugar o vindeiro 4 de xuño, ás 11:30 h, no Museo do Pobo Galego.
09/05/2011. DINAMIZACIóN

Para gozar do Mes das Letras en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta o seu programa de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se desenvolverán entre os días 10 e 28 de maio.

A programación inclúe contacontos, cinema, regueifa, concertos musicais e a presentación do libro Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores, segundo volume da colección sobre toponimia das parroquias de Vigo.
06/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Escribir de ciencia en galego

O Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, organiza a xornada Escribir de ciencia en galego, na que se reflexionará sobre as posibilidades e capacidades do galego como idioma de comunicación científica.

A sesión terá lugar o vindeiro 20 de maio na sede do CCG (Santiago de Compostela). A inscrición é gratuíta e o número de prazas está limitado a 100 persoas.

Para obter máis información, prema aquí.

05/05/2011. INVESTIGACIóN

Presentación no CCG da edición facsímile da revista Loia

Co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas o Consello da Cultura Galega elaborou a edición facsimilar dos catro números da revista Loia, editada en Madrid entre 1975 e 1978, e na que Lois Pereiro, autor homenaxeado este ano, publicou as súas primeiras composicións poéticas.

O acto de presentación terá lugar mañá, 6 de maio, ás 12:00 h, na sede do CCG, e nel intervirán Ramón Villares, presidente da institución, e Xosé Manuel Pereiro, coordinador da edición.

05/05/2011. DINAMIZACIóN

O Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas

O vindeiro 17 de maio, ás 20:00 h, terá lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval o Concerto das Letras Galegas.

No acto, organizado polo Consello da Cultura Galega, actuarán a Real Filharmonía de Galicia, acompañada pola soprano Carmen Durán e o coro “Collegium Compostellanum”, que interpretarán obras de Pascual Veiga, Antón García Abril, Antonio Iglesias, José Castro “Chané” e Rogelio Groba. As partituras están compostas sobre textos de Rosalía de Castro, Álvaro de las Casas, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez e Xosé Filgueira Valverde.
05/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego no Concello de Vigo

O Concello de Vigo convoca subvencións para asociacións e organizacións sen ánimo de lucro que teñen por obxecto fomentar a realización de actividades de dinamización e promoción do uso do galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/05/2011. DINAMIZACIóN

Pontevedra festexa o mes da lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades Maio, mes da lingua 2011, co que se une aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que terán lugar ao longo deste mes en todo o país.

O programa inclúe, entre outras actividades, obradoiros, música, teatro, cinema, conferencias e roteiros.
05/05/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Este número inclúe, entre outros contidos, a entrevista a María Crespo, estudante na Escola de Formación de Profesorado de Lugo e gañadora dos premios ás Calidade e á Excelencia Lingüística; a nova sobre o Videomatón pola lingua na USC e a presentación do servizo de asesoramento de presentacións dixitais.

05/05/2011. DINAMIZACIóN

Rois volve andar o camiño das Letras Galegas

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Rois organizan o programa de actividades Rois no Camiño das Letras Galegas 2011, destinado a festexar as Letras Galegas e a homenaxear a figura de Lois Pereiro.

Ao longo do vindeiro mes de maio desenvolveranse, entre outras actividades, conferencias, exposicións, representacións teatrais, espectáculos musicais, un certame artístico-literario e un serán da lingua.

05/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Marcos Abalde Covelo, autor do artigo Empoderármonos, foi o gañador da sétima edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1000 euros e o artigo gañador será publicado nos medios de comunicación colaboradores.

O xurado outorgou tamén un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, autoría de Diego Giráldez.

Se desexa máis información, prema aquí.
02/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

A lingua do cine. A lingua e o cine

O Consello da Cultura Galega organiza o encontro A lingua do cine. A lingua e o cine, no que se reflexionará sobre o uso das linguas no sector audiovisual.

O acto, dirixido especialmente aos profesionais deste sector, terá lugar o 3 de maio na sede do CCG.
Hai 30 prazas dispoñibles para o público xeral. As persoas interesadas deben confirmar a súa asistencia no correo difusion@consellodacultura.org
02/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán de lingua e cultura galegas da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a quinta edición do curso de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros, que se desenvolverá entre os días 4 e 26 de xullo de 2011.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

O prazo de preinscrición remata o 31 de maio.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

02/05/2011. DINAMIZACIóN

Monográfico didáctico sobre Lois Pereiro

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa un monográfico dedicado á figura e á obra de Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011.

Trátase dunha compilación de recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula. A maiores ofrécese unha fonoteca e unha videoteca con recursos sonoros e audiovisuais sobre este autor.
02/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o II Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña fixo pública a resolución do II Premio Rosalía de Castro de Lingua, deseñado para recoñecer a persoas, empresas, asociacións e entidades que, co seu traballo, axudan a impulsar a presenza do idioma galego.

Nesta segunda edición concedéuselle o galardón á Mesa pola Normalización Lingüística, polos seus 25 anos de traxectoria traballando a prol da normalización do uso do galego en todos os ámbitos sociais.

O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro 7 de maio, durante a celebración da IV Festa da Lingua.

Para ampliar esta información, prema aquí.
02/05/2011. OUTRAS

Novo servizo de asesoramento para elaborar presentacións eficientes

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago ofrece un novo servizo de asesoramento e formación en presentacións dixitais dirixido ao profesorado da USC, co ánimo de guiar o proceso de creación de diapositivas correctas tanto desde o punto de vista lingüístico como comunicativo.

Ademais do asesoramento individualizado que recibirá o profesorado que o solicite, o SNL habilitou unha nova sección no seu web onde poden consultarse os principios básicos para a elaboración destes documentos, así como descargar cinco modelos distintos de diapositivas en PowerPoint 2007 e 2010.
02/05/2011. DINAMIZACIóN

IV Festa da Lingua

A Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, organiza a IV Festa da Lingua, que se celebrará o 7 de maio, ás 21:00 h, no Pazo da Cultura de Carballo.

No acto, que será presentado por Yolanda Castaño, actuarán Marful e Berrobambán. A lectura do manifesto correrá a cargo de Xurxo Borrazás.
18/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

A Rede Mercator convida a reflexionar sobre o papel da lexislación na extensión da diversidade lingüística

A Rede Mercator e mais o CIEMEN están a organizar o congreso internacional “O papel da lexislación na extensión da diversidade lingüística: evolución e tendencias recentes”, que terá lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2011 en Barcelona.

Os organizadores convidan a todas as persoas que estean a traballar ou investigar no ámbito da lexislación lingüística a participar neste congreso. A data límite para enviar as propostas de presentacións é o 10 de maio de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
18/04/2011. DINAMIZACIóN

O galego é a chave coa que abrimos o mundo

A plataforma cidadá Queremos Galego organiza o acto lúdico-reivindicativo “O galego é a chave coa que abrimos o mundo”, que terá lugar o vindeiro 30 de abril, ás 19:30 h, na Sala Capitol (Santiago de Compostela).

No evento, que será conducido por Xosé Lois González “O Carrabouxo” , iranse alternando as intervencións de Ernesto Chao, Pilar García Negro, Teresa Moure, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias e Carlos Callón coas actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado.
14/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

XXI Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 29 e 30 de abril de 2011 na Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 29 de abril.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2011. DINAMIZACIóN

Ciclo de cine en galego no Concello de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un ciclo de cine en galego co ánimo de difundir o patrimonio audiovisual galego entre a cidadanía.

Este ciclo de cine terá lugar os sábados dos meses de abril e maio en diferentes asociación veciñais do municipio. A entrada é de balde.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2011. DINAMIZACIóN

Novas actividades de dinamización lingüística en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as bibliotecas públicas do municipio organizan a
III Semana do libro: a festa das palabras.

Trátase dunha exposición bibliográfica multilingüe que se desenvolverá ao longo deste mes de abril en diferentes espazos públicos do concello.

Así mesmo, os vindeiros días 18, 19 e 20 de abril terán lugar os obradoiros infantís Xogando coa lingua, deseñados polo Concello de Redondela co ánimo de favorecer a conciliación laboral das familias e, ao mesmo tempo, fomentar o uso do galego no tempo de lecer dos máis cativos/as.
07/04/2011. AXUDAS E PREMIOS

III Certame de Cinema OUFF Escola

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría
Xeral de Política Lingüística, convocan o III Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XVI Festival de Cine Internacional de Ourense.

A iniciativa está destinada ao alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2010-2011, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega, e ten como obxectivo fomentar a creatividade audiovisual en galego.

O prazo para enviar as obras remata o 26 de xuño de 2011.