Novas da lingua

Rexistros3871 a 3900 de 5153
01/09/2011. DINAMIZACIóN

Vencello, un novo espazo web para a lingua galega

Vencello é a primeira rede de blogs temáticos escritos en lingua galega, que nace co obxectivo de promover o uso do galego nos futuros blogs de temática especializada que se creen e, ao mesmo tempo, agrupar os xa existentes.

Trátase dun proxecto aberto ao que poden adscribirse todos os blogs que cumpran os principios de autorregulación estipulados.

Na actualidade forman xa parte de Vencello, entre outros, blogs como Memoria Pixelada (sobre videoxogos), Galiloxía (sobre tecnoloxía) ou O Esparavel de Mallando (sobre construción).

01/09/2011. EMPREGO

A Secretaría Xeral de Política Lingüística resolve a convocatoria de lectorados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a listaxe coa adxudicación das prazas de lectores de lingua, literatura e cultura galegas, con destino en universidades españolas e estranxeiras.

Para consultar o texto da resolución, prema aquí.

15/07/2011. AXUDAS E PREMIOS

Medalla de Ouro Galicia para o Instituto da Lingua Galega

A Xunta de Galicia publica, no DOG do 15 de xullo de 2011, o decreto polo que se lle outorga ao Instituto da Lingua Galega a Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta distinción que concede o Goberno galego.

O ILG, creado en 1971 no seo da Universidade de Santiago de Compostela como centro de investigación dedicado ao estudo e promoción da lingua galega, celebrou o pasado mes de maio de 2011 os actos de conmemoración do seu 40 aniversario.

13/07/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

No caso dos cursos de nivel Celga 1, a convocatoria recolle a posibilidade de cursalos en liña.

O prazo de presentación de solicitudes para as modalidades de cursos presenciais estará aberto ata o 31 de marzo de 2012. Os prazos para inscribirse nos cursos en liña sinalaranse nas convocatorias específicas de cada curso.

Se desexa consultar a convocatoria completa, prema aquí.
04/07/2011. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de xuño

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Este número inclúe, entre outros contidos, a entrevista a Francisco Díaz-Fierros, catedrático en Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG; a nova sobre o 15 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e a presentación dos dous cursos de verán con contidos lingüísticos que está a organizar a USC.

04/07/2011. AXUDAS E PREMIOS

VIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a oitava edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario.

O premio está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “campaña normalizadora”.

O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 10 de novembro de 2011.
04/07/2011. DINAMIZACIóN

A AGAL festexa o seu 30 aniversario

Co gallo da conmemoración do seu 30 aniversario, a Associaçom Galega da Língua (Agal) organiza o festival éMundial, que se celebrará en Santiago de Compostela do 4 ao 9 de xullo e co que a AGAL quere festexar, xunto cos seus 30 anos de actividade, que o galego é unha lingua mundial.

O programa inclúe, entre outros actos, exposicións de fotografía, presentacións de libros, mesas redondas e concertos musicais.

Se desexa máis información, prema aquí.

29/06/2011. DINAMIZACIóN

O galego campa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado presentan o programa de dinamización lingüística “O galego campa!”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego nos campamentos de verán da Xunta de Galicia e ofrecerlles recursos aos monitores/as para desenvolver a súas actividades.

No sitio web da campaña os monitores/as poden descargar unha selección de cancións, fichas de actividades e outros recursos de utilidade para a preparación dos campamentos.

28/06/2011. OUTRAS

Pecha o diario en lingua galega Galicia Hoxe

O 28 de xuño de 2011, aniversario da aprobación en referendo do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, foi a data elixida polo Grupo Correo Gallego para sacar á rúa o derradeiro número do diario
Galicia Hoxe
.

A cabeceira Galicia Hoxe naceu o 17 de maio de 2003, substituíndo o xornal O Correo Galego, primeiro diario en lingua galega da historia fundado en 1994 tamén polo Grupo Correo Gallego.

Despois de 2943 números, pecha o único diario no noso idioma, segundo os seus responsables, debido á crise económica e ao recorte de axudas institucionais.
24/06/2011. OUTRAS

Manual de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua edita baixo licenza Creative Commons o manual do “Curso de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística (SNL) de administracións públicas locais”, do que a CTNL organizou tres edicións nos anos 2010 e 2011.

O manual, accesible en formato .pdf no web da CTNL, foi elaborado por Alicia Paula Otero González, técnica de administración xeral do Concello de Pontevedra.
24/06/2011. LEXISLACIóN

Regulación dos cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 24 de xuño de 2011, a orde que regula os cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e os cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior).

A orde establece os destinatarios, as equivalencias, as validacións, o programa e mais os criterios de avaliación e certificación dos cursos.
24/06/2011. DINAMIZACIóN

Exposición itinerante sobre a vida e obra de Castelao

Co gallo do 125 aniversario do nacemento de Castelao, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos organizan unha exposición itinerante sobre a vida e obra dunha das figuras máis sobranceiras da historia da lingua e cultura galegas.

A mostra inaugurouse o pasado 22 de xuño na Biblioteca Nodal de Pontevedra e nos vindeiros meses percorrerá diferentes bibliotecas nodais galegas e centros escolares.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/06/2011. CURSOS E CONGRESOS

Primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, as direccións xerais de Administración Pública e de Xustiza, e a EGAP presentan os primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas destinados ao persoal das administracións públicas galegas.

A docencia impartirase a través da Aula de Teleformación da EGAP, na que o alumnado terá á súa disposición todos os recursos lingüísticos e didácticos necesarios.

O comezo desta liña de teleformación terá lugar o vindeiro mes de setembro de 2011 e cada curso, de 75 horas de duración, prolongarase un total de oito semanas.

Se desexa máis información, prema aquí.
24/06/2011. DINAMIZACIóN

Os 20 anos dos ENDL en imaxes

A Coordinadora Galega de ENDL difunde no seu web os vídeos que se presentaron no transcurso do acto conmemorativo do XX aniversario dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL), que tivo lugar o pasado 4 de xuño no Auditorio do Museo do Pobo Galego.

Trátase de cinco presentacións nas que se fai un percorrido histórico polos principais fitos e actividades desenvolvidas polos ENDL nestes últimos vinte anos. Na mesma sección web pódese acceder ás intervencións de diferentes representantes do colectivo educativo que interviñeron neste acto, no que os ENDL renderon tamén un recoñecemento público ao labor normalizador de Agustín Fernández Paz.
22/06/2011. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES A Paralaia implícase na galeguización da hostalaría moañesa

No marco da campaña “Galiméntate”, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Paralaia e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña presentan a iniciativa Receitas para a lingua, que consiste na tradución ao galego de 32 receitas de 13 establecementos hostaleiros do municipio.

A primeira fase da campaña desenvolveuse durante o curso 2007-2008 e consistiu na tradución das cartas de diferentes bares e restaurantes do concello. Esta segunda fase tamén inclúe a distribución de mandís e bolsas de tela co logo da campaña entre os establecementos colaboradores.
22/06/2011. DINAMIZACIóN

Verán de 4 a 4 en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta o programa de actividades lúdico-didácticas Verán de 4 a 4, que se desenvolverá entre o 4 de xullo e o 4 de setembro de 2011.

O programa inclúe, entre outras actividades, ludotecas lingüísticas, obradoiros de monicreques, camiños da lingua e rodas de xogos.

No web do SNL poderá obter máis información sobre a localización e o desenvolvemento do programa.
21/06/2011. DINAMIZACIóN

Camiño das culturas e das linguas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Asociación “Estudio de Filología Aragonesa”, a Euroccat-Eurocongrès 2000 des Pays Occitans et Catalans, a Ofis ar Brezhoneg, a Christian-Albrechts_Universität Zu Kiel e mais o Euskarabidea/Instituto Navarro del Vascuence están a desenvolver o proxecto Camiño das culturas e das linguas, que ten como obxectivo promover a divulgación do patrimonio cultural e lingüístico vinculado ao Camiño de Santiago.

No marco deste proxecto de colaboración, desenvolveranse nos vindeiros meses diferentes actuacións, entre elas, a exposición itinerante “Europa nos camiños a Santiago” e o congreso “As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: Presente e Futuro”.
21/06/2011. EMPREGO

Postos de coordinadores/as de área dos equipos de dinamización da lingua galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia publica, no DOG do 17 de xuño de 2011, a convocatoria do concurso público para a provisión de prazas de coordinadoras/es de área dos equipos de dinamización da lingua galega.

Poderán participar neste concurso as funcionarias e funcionarios de carreira dos corpos de mestres, de profesores de ensino secundario e de profesores das escolas oficiais de idiomas, sempre que estean en posesión do Celga 5 e teñan destino en centros dependentes desta consellería.

O prazo de presentación de instancias é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/06/2011. DINAMIZACIóN

Un verán de lecer

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas, en colaboración cos SNL dos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, presenta a segunda edición da guía Un verán de lecer. Propostas de creacións culturais.

Trátase dunha selección de produtos literarios, musicais e audiovisuais en lingua galega, clasificados por idades, que ten como obxectivo difundir a oferta de produtos culturais existentes en galego entre os potenciais consumidores.

10/06/2011. INVESTIGACIóN

Galegobook, bibliografía lingüística en liña

O Galegobook é un proxecto bibliográfico que ten como obxectivo compilar, clasificar e difundir a bibliografía sobre lingüística galega que está accesible en Internet.

Na actualidade, Galegobook ten incorporados 128 títulos clasificados tematicamente, aos que tamén pode accederse a partir dos índices de autores e títulos.

Trátase dun proxecto en continua construción, no que se pode colaborar comentando as entradas bibliográficas existentes ou achegando suxestións de novas incorporacións.
08/06/2011. DINAMIZACIóN

Encontro da mocidade falante de linguas minorizadas

Entre os vindeiros días 19 e 22 de xullo de 2011 terá lugar o “Encontro da mocidade falante de linguas minorizadas”, desenvolvido no marco do Plan do Euskera e do Plan de Mocidade do Concello de Gasteiz.

O encontro, que terá lugar na Facultade de Letras da Universidade do País Vasco, está dirixido a mozos e mozas falantes de linguas minorizadas tanto do Estado español como do resto de Europa.

A inscrición, o aloxamento e mais a manutención será de balde para os mozos/as participantes.

Se desexa máis información, prema aquí.
08/06/2011. DINAMIZACIóN

En liña un novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Rosario Álvarez, directora do Instituto da Lingua Galega; a presentación do vindeiro curso de verán “Témoslle lei: o galego no dereito” ou a crónica da xornada “Letras Galegas e Internet”, organizada pola SXPL da Xunta de Galicia o pasado 19 de maio.
07/06/2011. DINAMIZACIóN

Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 4 de xuño de 2011, dedicar o Día das Letras Galegas 2012 a Valentín Paz Andrade.

Valentín Paz Andrade foi un polifacético autor, cuxa obra abrangue os eidos literario, xornalístico, histórico e económico; ademais dun recoñecido activista do movemento galeguista. Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e membro activo do Partido Galeguista.

Foi director do xornal Galicia e colaborou habitualmente nos xornais El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Noche.
Foi ademais un prolífico ensaísta e poeta, con títulos como, por exemplo, Galicia como tarea (1959) ou Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1985).

Se desexa máis información, prema aquí.
07/06/2011. CURSOS E CONGRESOS

Seminarios de formación para os técnicos/as da Rede de Dinamización Lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza dous seminarios formativos dirixidos aos técnicos/as que representan as entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística.

O vindeiro 10 de xuño terá lugar o Seminario de Iniciación á Dinamización da Lingua Galega desde as Entidades Locais, dirixido aos técnicos que se están a iniciar no labor normalizador.

Posteriormente, os días 30 de xuño e 1 de xullo desenvolverase o I Seminario de Formación Permanente da Rede de Dinamización Lingüística, dirixido ao conxunto da representación técnica da Rede.

Se desexa máis información, prema aquí.

30/05/2011. INVESTIGACIóN

O ILG presenta a versión en liña do seu Arquivo de Galego Oral

O Instituto da Lingua Galega (ILG) pon ao dispor da cidadanía o seu Arquivo de Galego Oral (AGO), un banco de textos orais, froito de varias décadas de traballo, co que se quere configurar o atlas da oralidade do idioma galego.

O AGO contén arredor de 2000 horas de gravacións, con voces duns 7000 informantes representativos da totalidade do territorio de fala galega, tanto no que respecta á Galicia administrativa como do que se coñece como “galego exterior”.

Actualmente están accesibles en liña 43 etnotextos agrupados tematicamente, selección que se irá completando progresivamente.

30/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual de contido artístico e cultural

A Axencia Galega das Industrias Culturais publica a convocatoria de subvencións para a produción audiovisual en lingua galega con contido artístico e cultural.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.



27/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán “Témoslle lei: o galego no Dereito”

No marco da campaña Témoslle lei, a Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso de verán “Témoslle lei: o galego no Dereito”, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 de setembro de 2011 na sede desta facultade.

O curso está especialmente dirixido aos estudantes de Dereito e de Ciencias Políticas e da Administración; así como aos profesionais e estudosos do ámbito da política lingüística.

O prazo de matrícula remata o 2 de setembro.
27/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Lois Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da XVII edición dos Premios Lois Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.

Os galardoados/as desta edición foron Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC; Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense e mais o Concello de Ames.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
25/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.

En concreto, ofértanse prazas de lectorados nas universidades de Madrid, Barcelona, Granada, Deusto, Heildelberg, Padua, Roma La Sapienza, Algarve e Miño.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

20/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

II Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan o II Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega.

O premio está destinado ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2010-2011 así como en xeral aos licenciados/as en Dereito.

O premio concederase en dúas modalidades, 600 euros na modalidade de estudantes e 900 euros na modalidade de licenciados/as. Os traballos premiados publicaranse no Anuario da Facultade de Dereito.

O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de setembro de 2011.