Novas da lingua

Rexistros391 a 420 de 5273
15/01/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 22 de xaneiro de 2025 ata o día 21 de febreiro de 2025, ambos incluídos.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
14/01/2025. OUTRAS

Convócanse as probas de avaliación en competencia clave

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convoca probas de avaliación en competencias clave, que dan acceso ás accións formativas dos certificados profesionais dos niveis 2 e 3 de cualificación. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
14/01/2025. OUTRAS

O Misal Romano xa conta cunha versión actualizada en lingua galega

A finais de decembro do pasado 2024 tivo lugar no Museo das Peregrinacións, en Santiago de Compostela, a presentación pública da nova edición revisada e actualizada do Misal Romano en lingua galega. Esta nova edición está coordinada polo monseñor Leonardo Lemos Montanet, bispo de Ourense, e foi elaborada a través dun convenio de colaboración entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. No marco deste acordo, a Conferencia Episcopal Española editou 1.500 exemplares deste misal, que serán distribuídos a través das dioceses galegas. No Portal da Lingua Galega tamén está accesible en formato dixital.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
14/01/2025. OUTRAS

A Xunta de Galicia presenta o equipo encargado da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega

A Xunta de Galicia presentou o equipo de expertos que dirixirán as diferentes comisións encargadas de actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega (documento aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004), co obxectivo de adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística actual. As persoas responsables das diferentes comisións de traballo son Diana Santiago, doutora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela; Edita de Lorenzo, profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo; Manuel Núñez Singala, director do SNL da USC e experto en formación de adultos; Xoaquín Monteagudo, avogado e presidente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística; Armando Requeixo, catedrático de Lingua e Literatura Galega e profesor da USC; Concha Losada, profesora da Facultade de Medicina da USC e presidenta do Museo do Pobo Galego; Patricia Hermida, produtora musical e avogada experta en dereitos de autor; Xosé González, dinamizador lingüístico e presidente do Foro Enrique Peinador; Rosalía Morlán, escritora e enfermeira; Celia Pereira, avogada e presidenta da Fundación Vicente Risco; e Xosé Lago, subdirector da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Todas as comisións traballarán baixo a coordinación do membro da RAG e catedrático de Filoloxía Románica Manuel González Gonzaléz.

A renovación do PXNLG é unha das medidas recollidas no documento Pacto pola lingua, presentado polo goberno autonómico galego ás forzas políticas con representación parlamentaria e mais ás principais institucións galegas a finais do 2024.

Na páxina web da Xunta de Galicia podes obter máis información sobre o proxecto de actualización do PXNLG.

O documento Pacto pola lingua podes consultalo no xornal Praza Pública.
13/01/2025. DINAMIZACIóN

Cantareiras, a palabra que define o ano 2024 e anticipa o 2025

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público que “cantareira” foi o termo escollido por votación popular como Palabra do Ano 2024.

Con esta escolla constátase a expectación e ilusión con que foi acollida pola sociedade galega a decisión da RAG, tomada o pasado xullo de 2024, de dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral e ás cantareiras galegas. En representación de todas elas, homenaxearanse as figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda); Eva Castiñeira (Muxía); e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). No sitio web da RAG xa podes consultar o espazo dedicado a esta conmemoración.



13/01/2025. DINAMIZACIóN

O IES Basanta Silva e o proxecto Regueifesta organizan o I Campus de Regueifa

Durante os días 17, 18 e 19 de xaneiro de 2025 terá lugar en Vilalba o I Campus de Regueifa, unha iniciativa didáctica organizada polo IES Basanta Silva e mais o proxecto Regueifesta que reunirá a mozos/as regueifeiros/as de entre 12 e 16 anos de Vilalba, Vila de Cruces, O Courel, Porto do Son, Compostela, Monforte, Vigo e Carballo, co ánimo de fortalecer e poñer en valor o traballo realizado pola rede de centros educativos que empregan a improvisación oral en verso como ferramenta de normalización lingüística.

Na páxina de Facebook do proxecto Regueifesta podes consultar toda a información sobre esta iniciativa.
13/01/2025. CURSOS E CONGRESOS

As IV Xornadas de Normalización Lingüística analizan a emerxencia lingüística do galego

A Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG, CIG-Ensino e o Concello de Santiago organizan a cuarta edición das Xornadas de Normalización Lingüística, que terán lugar o 25 de xaneiro de 2025 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). Na sesión da mañá as intervencións centraranse na análise da situación de emerxencia lingüística constatada polos recentes datos demolingüísticos ofrecidos polo IGE, e pola tarde presentaranse dúas experiencias de intervención sociolingüística (unha de elaboración dun telexornal con alumando de educación infantil e outra de recuperación do uso do éuscaro) e mais o libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, autoría de Elsa Quintas e Marcos Maceira.

A matrícula é de balde e podes tramitala a través deste formulario.
13/01/2025. OUTRAS

En liña o calendario científico escolar 2025

O CSIC publica un ano máis o Calendario científico escolar 2025, unha iniciativa didáctica pensada para achegar a cultura científica á xente nova e crear referentes inspiradores, que nesta sexta edición fai un esforzo por darlle visibilidade á ciencia africana, unha eiva detectada nas anteriores entregas.

Tanto o calendario coma os recursos didácticos que o completan están dispoñibles en 11 idiomas (entre os que se atopa o galego) e mais en braille. A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña colaboran co CSIC na preparación da edición en galego.

Todos estes materiais están dispoñibles para a súa descarga de balde na páxina web do proxecto.
13/01/2025. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2025 dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/01/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2024/2025; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada.

En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de febreiro de 2025.
20/12/2024. DINAMIZACIóN

O IES As Telleiras e o Concello de Narón presentan a campaña “Coida a túa lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón e o IES As Telleiras presentan a campaña Coida a túa lingua, baseada nun proxecto de normalización lingüística desenvolvido polo alumnado de 1º de ESO durante o curso académico 2023-2024.

O alumnado deseñou un xogo de cartas con léxico galego do ámbito sanitario para que as nenas e nenos que asistan ao servizo de pediatría aprendan dunha forma divertida o nome dalgunhas especialidades médicas e doenzas. O propio alumnado foi o encargado tamén de entregar exemplares deste xogo ao persoal de pediatría do Centro de Saúde de Narón para que os repartan entre as familias. Tamén podes descargalo e imprimilo no web do SNL.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
20/12/2024. EMPREGO

Contratos para o desenvolvemento de modelos de lingua no Proxecto Nós

O Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela ofertan 4 prazas de investigador/a colaborador/a para perfís de enxeñaría (informática, telecomunicacións...) e outras áreas STEM, que traballarán no desenvolvemento de modelos de lingua de voz e texto no marco do Proxecto Nós. A duración prevista dos contratos é de 1 ano, cun salario bruto anual de 24.093,30 €.

As persoas interesadas deben enviar o seu currículo ao enderezo maria.baqueiro.vidal@usc.gal, indicando o perfil ou perfís aos que opta e poñendo no asunto da mensaxe "Contratos para desenvolvemento de modelos de lingua".

Para obter máis información, preme aquí.
19/12/2024. DINAMIZACIóN

A cativada compostelá despedirá o ano cunha Festa do Apego

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza unha Festa do Apego dirixida ao público infantil e ás súas familias, que terá lugar o 21 de decembro de 2024 no Auditorio de Galicia.

O evento está deseñado para crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer infantil. O programa inclúe xogos, contos, espectáculos musicais e teatrais, obradoiros de baile e música tradicional, malabares e unha visita guiada á exposición “Humor líquido”, do humorista gráfico Xaquín Marín. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade en cada actividade.

Para consultar o programa completo, preme aquí.
17/12/2024. DINAMIZACIóN

Luis Davila ilustra nun calendario da UVigo como se fala “galego de tranquis”

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo presenta o seu tradicional calendario, que nesta edición do ano 2025 contén 13 láminas, autoría do ilustrador e humorista gráfico Luis Davila, que recollen o ideario da campaña Galego de Tranquis, promovida pola ANL para animar o alumnado que non é galegofalante a falar e escribir en galego, sen afogos nin presión. Unha tiraxe de 2.000 exemplares en formato físico deste almanaque estará dispoñible nas conserxerías das facultades, escolas e centros dos tres campus da UVigo. A maiores, o calendario tamén está accesible en formato PDF na páxina web da ANL.

No Diario da Universidade de Vigo podes obter máis información sobre esta iniciativa.
17/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

En liña os vídeos gañadores e finalistas de #traduceTED 2024

O xurado do IX Concurso de subtitulación ao galego de vídeos TED de divulgación científica (#traduceTED 2024) fixo pública a resolución na que dá a coñecer os finalistas e gañadores desta edición. O certame está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de estimular a presenza do galego na comunicación e a divulgación científica e de fomentar a existencia de recursos divulgativos audiovisuais neste idioma.

Na páxina web do SNL da USC podes ver todos os traballos finalistas e gañadores nas diferentes edicións.
17/12/2024. CURSOS E CONGRESOS

A UNED de Pontevedra organiza un curso de iniciación á lingua galega

A UNED de Pontevedra, en colaboración co Concello de Ribadumia, organiza un curso de iniciación á lingua galega, dirixido a público xeral sen coñecementos previos de galego que desexe aprender o noso idioma ou mellorar as súas competencias lingüística básicas. As sesións serán presenciais e terán lugar entre o 14 de xaneiro e o 13 de maio de 2025, todos os martes de 19:30 h a 21:30 h, na Casa de Cultura de Ribadumia.

Para consultar o programa completa e obter información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
16/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

Lago Louro Avogados e Tecidos Tolemia reciben o VII Premio Lingua e Empresa

O xurado da sétima edición do Premio Lingua e Empresa, promovido polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica do Concello de Ames, acordou que as empresas galardoadas neste 2024 son Lago Louro Avogados, na categoría de uso consolidado da lingua galega; e Tecidos Tolemia, na categoría de nova incorporación á lingua.

A gala de entrega dos premios, que tivo lugar o pasado xoves 12 de decembro no auditorio da Casa de Cultura do Milladorio, contou coa participación do grupo Os da Ría, encargados de conducir e amenizar o acto.

Para ampliar información, preme aquí.
16/12/2024. OUTRAS

A RAG publica un informe e unha declaración institucional sobre a situación actual do idioma galego

A Real Academia Galega fixo pública o pasado venres, 13 de decembro de 2024, unha declaración institucional fundamentada nun informe previo sobre a situación do idioma galego, elaborado no seo do Seminario de Sociolingüística da RAG, no que se analizan os datos da enquisa sobre coñecemento e uso do galego feita polo Instituto Galego de Estatística en 2023.

Tendo en conta que a análise realizada neste estudo constata unha situación de grave risco para a continuidade do idioma galego, cun incremento exponencial do monilingüismo en castelán en todos os grupos de idade e unha diminución tanto da competencia en galego como do seu uso, a RAG fai un chamamento a prol dun pacto pola lingua galega que implique o conxunto da sociedade. Na súa declaración fai responsable da situación actual, en primeira instancia, ao goberno galego (ao que vincula coas negativas consecuencias do “decreto do plurilingüismo” e co abandono de políticas públicas de protección do noso idioma) e, en última instancia, á sociedade galega no seu conxunto. Así mesmo, tras sinalar unha serie de frontes que considera de actuación urxente, a RAG propón que se revise e actualice o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e se deseñe un novo marco normativo coherente cos compromisos adquiridos polo Estado e a Xunta de Galicia a través da ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.

Podes ler o texto íntegro da declaración institucional premendo aquí.
11/12/2024. DINAMIZACIóN

Premio para os mellores proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, dirixido a centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional durante o curso 2024/2025. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán cada un deles unha dotación económica de 2.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de febreiro de 2025.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
11/12/2024. INVESTIGACIóN

LingüisticaMente IV. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística

O Instituto da Lingua Galega, o Instituto de Psicoloxía e o Grupo Procesos Cognitivos e Conduta (PCC) da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha nova edición da xornada LingüisticaMente. Diálogos entre a lingüística, a psicoloxía e a psicolingüística, que terá lugar o vindeiro 13 de decembro de 2024, a partir das 12 h, na sede do ILG.

Os relatores serán Marcos Díaz Lago, que falará sobre a relación entre a linguaxe e o pensamento para tratar de determinar se o tipo de lingua empregada (idioma materno ou estranxeiro) inflúe na toma de decisións; e Víctor Míguez, que reflexionará sobre o estudo da linguaxe desde unha perspectiva cognitivo-funcional.

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala.
11/12/2024. INVESTIGACIóN

A Amtega presenta un informe sobre o uso do galego nas TIC

O Observatorio da Sociedade de Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia presenta o informe O Galego nas TIC. Edición 2023, elaborado a partir dos resultados da Enquisa da Sociedade da Información nos Fogares Galegos 2023. Os principais obxectivos do estudo son analizar o uso do galego nas TIC en función das características sociodemográficas dos individuos e avaliar a oferta de recursos no noso idioma no ámbito tecnolóxico.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
11/12/2024. DINAMIZACIóN

Os Bolechas van de xira para ensinar os cantares de Reis

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, coa colaboración da CRTVG e Gadisa, organiza a nova xira de Nadal dos Bolechas, unha iniciativa de dinamización lingüística dirixida ao público infantil e familiar. O espectáculo, que ten como obxectivo ensinarlles aos nenos e nenas os tradicionais cantares de Reis, percorrerá entre o 26 de decembro de 2024 e o 4 de xaneiro de 2025, oito concellos galegos: Abadín, Burela, Celanova, A Estrada, Melide, Padrón, Redondela e Verín.

Para ampliar información, preme aquí.
10/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña convoca axudas para o audiovisual en lingua galega

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras do programa de subvencións a empresas audiovisuais para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2025. Esta convocatoria contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos (feitos fóra de Galicia).

O prazo de presentación de solicitudes indicarase no anuncio do extracto da convocatoria que se publicará no BOP, a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
09/12/2024. CURSOS E CONGRESOS


A Universidade de Vigo organiza unha mesa de debate sobre a política lingüística en Galicia

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organiza a mesa redonda Análise da política lingüística aplicada en Galicia ante os últimos resultados do IGE, na que participarán Anik Nandi, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade Woxen e especialista en política lingüística familiar; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; e Xosé Henrique Costas, sociolingüista e catedrático da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da UVigo.

O acto terá lugar o 12 de decembro de 2024, ás 17:00h, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. A entrada é de balde e non é preciso inscrición previa.
09/12/2024. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia presenta o programa de voluntariado lingüístico “Queres falar?”

Coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, a Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presentaron o pasado 5 de decembro a iniciativa Queres falar?, un programa de voluntariado lingüístico dirixido a promover o uso do galego entre a mocidade. O obxectivo é poñer en contacto a través de grupos de conversa a galegofalantes habituais con outras persoas que desexen mellorar a súa competencia lingüística, ou incluso comezar a falar galego.

O programa botará a andar formalmente a comezos do vindeiro ano 2025 e organizarase nos diferentes “Espazos Xove” que a Xunta de Galicia ten repartidos por Galicia. Segundo informan os promotores da iniciativa, en breve anunciaranse as datas, lugares de inscrición e prazos.

Para ampliar información, preme aquí.
04/12/2024. OUTRAS

A RAG presenta a sección web “Nomes galegos das aves de Galicia e España”

Mañá, 5 de decembro de 2024, ás 12:00 horas, terá lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela) a presentación pública da nova sección da páxina web da RAG Nomes galegos das aves de Galicia e de España, un traballo elaborado por un equipo interdisciplinar de ornitólogos e lingüistas onde se divulgan as denominación en galego de máis de 600 especies.

No acto intervirán Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Manuel González González, coordinador do Seminario de Terminoloxía da RAG; Silverio Cerradelo Gómez, autor do web “A Chave. Galego, lingua de calidade”; e Cosme Damián Romay Cousido, membro do Grupo Naturalista Hábitat.
04/12/2024. DINAMIZACIóN

A CRTVG convoca a cuarta edición do certame #DígochoEu

A Compañía de Radio Televisión de Galicia convoca o IV concurso #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia (educación primaria e secundaria), ou de fóra de Galicia que impartan a materia de lingua galega. O profesorado interesado en participar debe enviar un bosquexo de guión para un capítulo do #DígochoEu dunha duración inferior a 1 minuto, usando a lingua galega e contando coa participación activa do alumnado. Tras seleccionar as 12 propostas máis orixinais, innovadoras e creativas, o equipo do #DígochoEu elaborará o guión definitivo e acudirá ao centro para gravar os episodios. Unha vez emitidos un xurado profesional independente outorgará tres premios (de 500, 300 e 200 euros) en cada unha das categorías (primaria e secundaria).

O prazo de presentación de candidaturas remata o 22 de decembro de 2024, ás 23:59 horas.

Para consultar as bases completas preme aquí.
04/12/2024. INVESTIGACIóN

Un novo estudo analiza a situación sociolingüística da mocidade baixolimega

A Universidade de Vigo acaba de sacar do prelo A Limia Baixa. Onde o mundo se chama en galego, unha obra na que a investigadora Reyes Rodríguez ofrece unha radiografía actual dos usos, actitudes e prexuízos lingüísticos da mocidade da Limia Baixa, unha área situada ao suroeste da provincia de Ourense que linda con Portugal polo sur e polo oeste.

Para consultar os datos bibliográficos desta monografía, preme aquí.
04/12/2024. DINAMIZACIóN

Chega o Nadal en Rede con música, teatro e maxia en galego

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presenta a nova edición do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, que ao longo deste mes de decembro percorrerá diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística con actividades de música, teatro, maxia e monicreques para que os nenos e nenas poidan gozar destas festas en galego.

A maiores, no Portal da Lingua Galega tamén se ofrece un repositorio de recursos con panxoliñas e nadais, modelos de cartas para escribirlles aos Reis Magos ou discursos para que estes poidan dirixirse aos nenos e nenas na nosa lingua.

Podes consultar o repositorio e mais o calendario de actividades premendo aquí.
03/12/2024. DINAMIZACIóN

O Proxecto Apego ofrece un modelo de carta para os seres máxicos do Nadal

Os seres máxicos do Nadal premian o apego pola lingua que demostran os nenos e nenas, así que non perdades a ocasión de escribirlles a vosa carta en galego empregando o modelo que facilita o Proxecto Apego na súa páxina web. E se queredes decorar a vosa misiva, tamén tendes ao voso dispor unha ficha con propostas de agasallos para decorar, recortar e pegar nas cartas.

Despois de enviardes a carta, na sección “Descargables” atoparedes máis recursos para seguir gozando en galego destas festas: fichas didácticas, tarxetas de Nadal, etiquetas para agasallos e grilandas do Apalpador para decorar.