Novas da lingua

Rexistros3931 a 3960 de 4427
01/04/2011. DINAMIZACIóN

Por que o preguntas?

A Coordinadora Galega de ENDL presenta a campaña Por que o preguntas?, que ten como principal obxectivo que a comunidade educativa reflexione sobre os prexuízos lingüísticos existentes na sociedade arredor do idioma galego.

A primeira fase da campaña consiste na difusión dun adhesivo do debuxante Fran Bueno sobre esta temática.

A Coordinadora habilitou tamén un espazo web no que se irán compilando materiais didácticos e experiencias que contribúan a mudar as imaxes negativas que existen sobre o galego e o seu proceso de normalización.
01/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de xestión administrativa para SNL de administracións locais

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca a terceira edición do Curso de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística (SNL) de administracións públicas locais, no que se ensinará o procedemento administrativo xeral que afecta ao traballo dos SNL.

As sesión terán lugar os días 26 de maio e 2 e 10 de xuño de 2011 na Facultade de Filoloxía da USC (aula 24).

O prazo de inscrición remata o 9 de maio.

31/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a proxectos audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais convoca axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. Con estas axudas preténdese fomentar unha das fases esenciais da produción audiovisual, como é a da selección da historia e a posta a punto dos aspectos orzamentarios e de guión.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
(corrección de erros).
30/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción de curtametraxes e videoclips en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega ou videoclips, producidos por empresas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. (corrección de erros)
30/03/2011. OUTRAS

Dispoñible en galego o Firefox 4

Xa está accesible para a súa descarga en liña unha nova versión do Firefox, o navegador de código aberto que desenvolve a Corporación Mozilla.

Grazas ao traballo do Grupo de tradución de Mozilla ao galego, da Oficina de Software Libre da USC e mais do Proxecto Trasno, o galego é unha das 80 linguas nas que está accesible o
Firefox 4.

Esta nova versión está dispoñible para os sistemas operativos Linux, Windows e Mac, e proximamente estará tamén para Android e Maemo.

Se desexa máis información, prema aquí.
25/03/2011. INVESTIGACIóN

Créase o Centro de Estudos da Lingua Galega na Liturxia Padre Isorna

O Concello de Valga inaugurou a comezos deste mes de marzo o Centro de Estudos da Lingua Galega na Liturxia Padre Isorna, composto por un fondo de máis de 15 000 exemplares legados polo propio padre Isorna, que se completará con material audiovisual das misas en galego emitidas na TVG e outros títulos que doará a Xunta de Galicia.

O centro, que está especialmente dirixido a lingüistas e a estudosos de teoloxía, ten a súa sede no auditorio de Cordeiro (Valga) e está aberto ao público de luns a venres no seguinte horario: de 9:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 20:00 h.
25/03/2011. DINAMIZACIóN

O Achegarte 2011 tamén se achega á lingua

A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña organiza unha nova edición da feira cultural Achegarte, que terá lugar os vindeiros días 2 e 3 de abril de 2011 no Palexco da Coruña.

O comité organizador do evento convida a cidadanía a participar no espazo web habilitado para reflexionar tanto sobre estado actual do idioma como sobre as posibles vías de acción. Estas reflexións servirán de base para unha mesa de traballo que se desenvolverá durante a feira.

Proximamente anunciarase a convocatoria para participar nas diferentes mesas de traballo do Achegarte.

25/03/2011. DINAMIZACIóN

Novos materiais para fomentar a transmisión familiar

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o cartafol “Xeración dos Axóuxeres”, unha iniciativa que dá continuidade á campaña “Xeración E Logo!”, desenvolvida en anos anteriores co ánimo de fomentar a transmisión da lingua galega no ámbito da familia.

O cartafol contén diferentes materiais divulgativos e recursos prácticos (disco de cancións infantís, repertorio de xogos de iniciación, escolma de nomes galegos…), que se distribuirán nos centros de saúde a todas as embarazadas que se atopen no terceiro trimestre de xestación.

Estes materiais están tamén accesibles en liña no propio web da SXPL.
25/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Novo Son, certame de músicas emerxentes

A Radio Galega convoca o I Certame de Músicas Emerxentes “Novo Son”, dirixido a grupos e solistas maiores de 16 anos con repertorio propio (en directo) dun mínimo de 30 minutos.

Os grupos e intérpretes que desexen participar deberán enviar unha canción orixinal, de creación propia, que teña a letra en galego e nunca antes fose difundida a través doutro concurso nin editada comercialmente.

O prazo para enviar as cancións remata o 31 de marzo de 2011.

Para consultar as bases completas, prema aquí.

24/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Falemos dos medios de comunicación: hai alguén aí?

Tras o peche de diferentes medios de comunicación en lingua galega, o Colectivo Cultural A Nave das Ideas convoca a cidadanía para reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación galegos na sociedade actual.

O acto terá lugar mañá, 25 de marzo, ás 20:00 h na Casa Galega da Cultura (Praza da princesa, Vigo) e nel intervirán Marcos P. Pena, Comba Campoy e Carlos Barros.

Para ampliar esta información, prema aquí.

21/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de toponimia en Ourense

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense organiza, coa colaboración da Universidade de Vigo e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, unhas xornadas de toponimia que terán lugar os vindeiros días 7, 8 e 9 de abril de 2011 no salón de graos do Edificio de Facultades da UVigo (campus de Ourense).

A matrícula é de balde e debe tramitarse a través do
web da AS-PG. O prazo de inscrición remata o vindeiro 5 de abril de 2011.

21/03/2011. EMPREGO

Bolsas para colaborar coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas para colaborar coa Unidade de Igualdade desta universidade, baixo a supervisión da Área de Normalización Lingüística.

Poderá optar a estas bolsas o estudantado da UVigo matriculado no curso 2010-2011 que estea en posesión do certificado CELGA 4.

Os/as bolseiros/as seleccionados colaborarán na harmonización e revisión dos documentos emitidos pola UVigo, erradicando o uso dunha linguaxe discriminatoria e sexista.

Se desexa máis información, prema aquí.
21/03/2011. EMPREGO

Oferta de traballo para docentes de galego

A empresa GES Consultores fai pública unha oferta laboral dirixida a licenciados/as en Filoloxía Galega, Tradución e Interpretación ou similar, para impartir cursos de galego nunha das súa empresas cliente, con sede en Santiago de Compostela.

Os/as aspirantes deberán acreditar unha experiencia mínima de tres anos como docentes de galego.

Se desexa máis información, prema aquí.



14/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Premios á edición en lingua galega 2010

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados/as da sexta edición destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.

Todo é silencio, de Manuel Rivas (Xerais); Construtores, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández (Kalandraka); Estremas, de Ana Romaní (Galaxia); Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (Kalandraka); 30 gramos, traducido por Ramón Nicolás (Alvarellos); a colección Rodribico, ilustrada por Xosé Tomás (Baía); Gramática práctica da lingua galega, de Xoán López e outros (Baía); Xosé Neira Vilas e a asociación Culturgal foron as obras, autores e entidades galardoadas nas diferentes categorías.
Se desexa máis información, prema
aquí.
11/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do uso do galego na Administración local

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas a fomentar a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como o desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística naqueles concellos que carezan de servizo.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. (corrección de erros)
11/03/2011. DINAMIZACIóN

Pek, a pulga viaxeira

O IES San Clemente (Santiago de Compostela) participou xunto con outros centros de Nájera, Grecia, Francia, Turquía e Romanía na elaboración dun proxecto didáctico deseñado para fomentar o uso das TIC e difundir o coñecemento da realidade plurilingüe de Europa.

O traballo, elaborado dentro da rede eTwinning, consistiu na creación conxunta do cómic Pek, a pulga viaxeira, redactado en sete idiomas diferentes, entre eles o galego.

Actualmente están a preparar unha segunda edición, na que se incorporarán centros de Portugal, Italia, Polonia, Bélxica e, experimentalmente, tamén Nicaragua.
14/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre recursos web para o ensino-aprendizaxe do galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña organiza o seminario “Recursos web para o ensino-aprendizaxe do galego”, que será impartido por Luz Castro e terá lugar na Facultade de Filoloxía (Campus da Zapateira) o 23 de marzo, ás 12.30 h.

No mes de abril, esta mesma comisión ten previsto organizar outros dous seminarios didácticos, un sobre técnicas de expresión oral para a docencia (13 de abril) e outro sobre a elaboración de material didáctico para as aulas de lingua e literatura (27 de abril).

Pode obter máis información sobre o programa de actividades da comisión no seu perfil de Facebook.
11/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas de Normalización Lingüística Xoán Manuel Pintos

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración cos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino do concello, presentan as
I Xornadas de Normalización Lingüística Xoán Manuel Pintos, que terán lugar entre os días 14 e 18 de marzo de 2011.

A iniciativa, que se enmarca no programa Ano Xoán Manuel Pintos 2011, ten como principais obxectivos promover a reflexión sobre a normalización do galego e difundir entre a sociedade o labor que están a desenvolver os EDL no ámbito educativo.


11/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

VIII Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a oitava edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en galego.

O prazo de presentación de orixinais remata o 14 de abril de 2011.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
09/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

XIII Encontros para a Normalización Lingüística

Xa pode consultar en liña o programa dos
XIII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 28 e 29 de abril de 2011 na Facultade de Ciencias da Comunicación (USC).

Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención ao tema da lingua como elemento de cohesión social e á análise da acción política no ámbito municipal, sen esquecer a liña habitual de seguimento de iniciativas e de revisión de accións xa realizadas.

A inscrición realizarase exclusivamente a través dun formulario habilitado no web do CCG. O prazo de preinscrición remata o 28 de marzo.
07/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago organizan unha nova edición destes cursos estivais que terán lugar entre os días 4 e 29 de xullo de 2011.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de Filoloxía Galega) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
07/03/2011. OUTRAS

Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra

Co ánimo de sensibilizar ao persoal da Administración pública sobre o uso dunha linguaxe non sexista, a Deputación da Coruña elaborou o Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra, dirixido ao persoal desta deputación e mais dos concellos da provincia.

No documento achéganse diferentes recomendacións para mellorar as comunicacións orais e escritas que se xeran na Administración pública, eliminando expresións sexistas e contribuíndo deste xeito a acadar a igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade.

07/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
04/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

II Premio “Rosalía de Castro” de lingua

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña convoca o II Premio “Rosalía de Castro” de lingua, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer a aquelas persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do idioma galego.

O premio entregarase o vindeiro 7 de maio de 2011, no transcurso da IV Festa da Lingua, que organiza a Deputación da Coruña.

O prazo para a presentación de propostas remata o 31 de marzo.

04/03/2011. DINAMIZACIóN

Novas iniciativas para promover o galego no deporte

O pasado mércores, 2 de marzo de 2011, presentouse en Lugo a tradución ao galego
das regras oficiais FIFA de fútbol sala vixentes para a tempada 2010/2011, unha iniciativa do club Azkar Lugo FS e da Fundación Azkar que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e mais da Real Academia Galega.

Na propio acto de presentación deste documento anunciouse tamén a futura creación dun observatorio da lingua galega no ámbito do deporte, entidade que, baixo a coordinación do Goberno galego, se encargará de difundir a situación da lingua e de promover o seu uso no ámbito deportivo.

Máis información no web da SXPL.
04/03/2011. DINAMIZACIóN

Atopando Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o proxecto de toponimia lúcida “Atopando Compostela”, xogo educativo sobre toponimia municipal dirixido ao alumnado de secundaria.

O xogo foi creado pola empresa Etnoga Patrimonio Cultural, coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica.

En datas vindeiras, o Concello de Santiago organizará diferentes coloquios para presentarlles a iniciativa aos principais colectivos destinatarios (profesorado e membros de EDL de secundaria, animadores socioculturais, técnicos de normalización lingüística, etc.).

Se desexa máis información, prema aquí.
03/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza este seminario de formación dirixido aos membros e coordinadores/as dos equipos de dinamización lingüística, que se celebrará entre o 28 de marzo e o 8 de abril nas sete cidades galegas.

O prazo de inscrición remata o 14 de marzo de 2011.

Para obter máis información, prema aquí.
03/03/2011. DINAMIZACIóN

En liña un novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Anik Nandi, estudante de doutoramento procedente da India; a presentación dos Premios á calidade e á excelencia lingüística 2010-2011 ou a información sobre a terceira edición do Fiadeiro de localización de software libre.
03/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un curso en liña destinado a preparar a proba de Celga 1. O curso está dirixido a persoas maiores de 16 anos con coñecementos informáticos a nivel usuario.

As sesións desenvolveranse entre o 4 de abril e o 15 de xuño e o prazo de matrícula remata o 20 de marzo.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a sétima edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 8 de abril de 2011.

Se desexa consultar as bases, prema aquí.