Novas da lingua

Rexistros3931 a 3960 de 5363
06/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Escribir de ciencia en galego

O Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, organiza a xornada Escribir de ciencia en galego, na que se reflexionará sobre as posibilidades e capacidades do galego como idioma de comunicación científica.

A sesión terá lugar o vindeiro 20 de maio na sede do CCG (Santiago de Compostela). A inscrición é gratuíta e o número de prazas está limitado a 100 persoas.

Para obter máis información, prema aquí.

05/05/2011. INVESTIGACIóN

Presentación no CCG da edición facsímile da revista Loia

Co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas o Consello da Cultura Galega elaborou a edición facsimilar dos catro números da revista Loia, editada en Madrid entre 1975 e 1978, e na que Lois Pereiro, autor homenaxeado este ano, publicou as súas primeiras composicións poéticas.

O acto de presentación terá lugar mañá, 6 de maio, ás 12:00 h, na sede do CCG, e nel intervirán Ramón Villares, presidente da institución, e Xosé Manuel Pereiro, coordinador da edición.

05/05/2011. DINAMIZACIóN

O Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas

O vindeiro 17 de maio, ás 20:00 h, terá lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval o Concerto das Letras Galegas.

No acto, organizado polo Consello da Cultura Galega, actuarán a Real Filharmonía de Galicia, acompañada pola soprano Carmen Durán e o coro “Collegium Compostellanum”, que interpretarán obras de Pascual Veiga, Antón García Abril, Antonio Iglesias, José Castro “Chané” e Rogelio Groba. As partituras están compostas sobre textos de Rosalía de Castro, Álvaro de las Casas, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez e Xosé Filgueira Valverde.
05/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego no Concello de Vigo

O Concello de Vigo convoca subvencións para asociacións e organizacións sen ánimo de lucro que teñen por obxecto fomentar a realización de actividades de dinamización e promoción do uso do galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/05/2011. DINAMIZACIóN

Pontevedra festexa o mes da lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades Maio, mes da lingua 2011, co que se une aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que terán lugar ao longo deste mes en todo o país.

O programa inclúe, entre outras actividades, obradoiros, música, teatro, cinema, conferencias e roteiros.
05/05/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Este número inclúe, entre outros contidos, a entrevista a María Crespo, estudante na Escola de Formación de Profesorado de Lugo e gañadora dos premios ás Calidade e á Excelencia Lingüística; a nova sobre o Videomatón pola lingua na USC e a presentación do servizo de asesoramento de presentacións dixitais.

05/05/2011. DINAMIZACIóN

Rois volve andar o camiño das Letras Galegas

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Rois organizan o programa de actividades Rois no Camiño das Letras Galegas 2011, destinado a festexar as Letras Galegas e a homenaxear a figura de Lois Pereiro.

Ao longo do vindeiro mes de maio desenvolveranse, entre outras actividades, conferencias, exposicións, representacións teatrais, espectáculos musicais, un certame artístico-literario e un serán da lingua.

05/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Marcos Abalde Covelo, autor do artigo Empoderármonos, foi o gañador da sétima edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1000 euros e o artigo gañador será publicado nos medios de comunicación colaboradores.

O xurado outorgou tamén un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, autoría de Diego Giráldez.

Se desexa máis información, prema aquí.
02/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

A lingua do cine. A lingua e o cine

O Consello da Cultura Galega organiza o encontro A lingua do cine. A lingua e o cine, no que se reflexionará sobre o uso das linguas no sector audiovisual.

O acto, dirixido especialmente aos profesionais deste sector, terá lugar o 3 de maio na sede do CCG.
Hai 30 prazas dispoñibles para o público xeral. As persoas interesadas deben confirmar a súa asistencia no correo difusion@consellodacultura.org
02/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán de lingua e cultura galegas da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a quinta edición do curso de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros, que se desenvolverá entre os días 4 e 26 de xullo de 2011.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

O prazo de preinscrición remata o 31 de maio.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

02/05/2011. DINAMIZACIóN

Monográfico didáctico sobre Lois Pereiro

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa un monográfico dedicado á figura e á obra de Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011.

Trátase dunha compilación de recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula. A maiores ofrécese unha fonoteca e unha videoteca con recursos sonoros e audiovisuais sobre este autor.
02/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o II Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña fixo pública a resolución do II Premio Rosalía de Castro de Lingua, deseñado para recoñecer a persoas, empresas, asociacións e entidades que, co seu traballo, axudan a impulsar a presenza do idioma galego.

Nesta segunda edición concedéuselle o galardón á Mesa pola Normalización Lingüística, polos seus 25 anos de traxectoria traballando a prol da normalización do uso do galego en todos os ámbitos sociais.

O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro 7 de maio, durante a celebración da IV Festa da Lingua.

Para ampliar esta información, prema aquí.
02/05/2011. OUTRAS

Novo servizo de asesoramento para elaborar presentacións eficientes

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago ofrece un novo servizo de asesoramento e formación en presentacións dixitais dirixido ao profesorado da USC, co ánimo de guiar o proceso de creación de diapositivas correctas tanto desde o punto de vista lingüístico como comunicativo.

Ademais do asesoramento individualizado que recibirá o profesorado que o solicite, o SNL habilitou unha nova sección no seu web onde poden consultarse os principios básicos para a elaboración destes documentos, así como descargar cinco modelos distintos de diapositivas en PowerPoint 2007 e 2010.
02/05/2011. DINAMIZACIóN

IV Festa da Lingua

A Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, organiza a IV Festa da Lingua, que se celebrará o 7 de maio, ás 21:00 h, no Pazo da Cultura de Carballo.

No acto, que será presentado por Yolanda Castaño, actuarán Marful e Berrobambán. A lectura do manifesto correrá a cargo de Xurxo Borrazás.
18/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

A Rede Mercator convida a reflexionar sobre o papel da lexislación na extensión da diversidade lingüística

A Rede Mercator e mais o CIEMEN están a organizar o congreso internacional “O papel da lexislación na extensión da diversidade lingüística: evolución e tendencias recentes”, que terá lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2011 en Barcelona.

Os organizadores convidan a todas as persoas que estean a traballar ou investigar no ámbito da lexislación lingüística a participar neste congreso. A data límite para enviar as propostas de presentacións é o 10 de maio de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
18/04/2011. DINAMIZACIóN

O galego é a chave coa que abrimos o mundo

A plataforma cidadá Queremos Galego organiza o acto lúdico-reivindicativo “O galego é a chave coa que abrimos o mundo”, que terá lugar o vindeiro 30 de abril, ás 19:30 h, na Sala Capitol (Santiago de Compostela).

No evento, que será conducido por Xosé Lois González “O Carrabouxo” , iranse alternando as intervencións de Ernesto Chao, Pilar García Negro, Teresa Moure, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias e Carlos Callón coas actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado.
14/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

XXI Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 29 e 30 de abril de 2011 na Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 29 de abril.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2011. DINAMIZACIóN

Ciclo de cine en galego no Concello de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un ciclo de cine en galego co ánimo de difundir o patrimonio audiovisual galego entre a cidadanía.

Este ciclo de cine terá lugar os sábados dos meses de abril e maio en diferentes asociación veciñais do municipio. A entrada é de balde.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2011. DINAMIZACIóN

Novas actividades de dinamización lingüística en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as bibliotecas públicas do municipio organizan a
III Semana do libro: a festa das palabras.

Trátase dunha exposición bibliográfica multilingüe que se desenvolverá ao longo deste mes de abril en diferentes espazos públicos do concello.

Así mesmo, os vindeiros días 18, 19 e 20 de abril terán lugar os obradoiros infantís Xogando coa lingua, deseñados polo Concello de Redondela co ánimo de favorecer a conciliación laboral das familias e, ao mesmo tempo, fomentar o uso do galego no tempo de lecer dos máis cativos/as.
07/04/2011. AXUDAS E PREMIOS

III Certame de Cinema OUFF Escola

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría
Xeral de Política Lingüística, convocan o III Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XVI Festival de Cine Internacional de Ourense.

A iniciativa está destinada ao alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2010-2011, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega, e ten como obxectivo fomentar a creatividade audiovisual en galego.

O prazo para enviar as obras remata o 26 de xuño de 2011.


06/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) destinados ao persoal da Administración local galega.

A matrícula debe tramitarse a través do web da EGAP.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de abril.

Se desexa consultar o texto da convocatoria, prema aquí.
06/04/2011. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de seis bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Dimensións da identidade colectiva de Galicia (1 bolsa), Catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Informes de literatura (1 bolsa), Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos (1 bolsa) e Lírica profaga galego-portuguesa (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

06/04/2011. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para o desenvolvemento de contidos interactivos en galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/04/2011. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de abril

Xa está accesible na rede un novo número do Cartafol Dixital.

Neste número podemos consultar, entre outros contidos, a entrevista a Jaime Gómez Márquez, catedrático en Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; a nova sobre o uso dos idiomas nas teses e outros traballos de investigación ou a presentación dos recursos terminolóxicos e didácticos xerados no marco da campaña “Témoslle lei”, que se está a desenvolver na Facultade de Dereito da USC.
01/04/2011. DINAMIZACIóN

Por que o preguntas?

A Coordinadora Galega de ENDL presenta a campaña Por que o preguntas?, que ten como principal obxectivo que a comunidade educativa reflexione sobre os prexuízos lingüísticos existentes na sociedade arredor do idioma galego.

A primeira fase da campaña consiste na difusión dun adhesivo do debuxante Fran Bueno sobre esta temática.

A Coordinadora habilitou tamén un espazo web no que se irán compilando materiais didácticos e experiencias que contribúan a mudar as imaxes negativas que existen sobre o galego e o seu proceso de normalización.
01/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de xestión administrativa para SNL de administracións locais

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca a terceira edición do Curso de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística (SNL) de administracións públicas locais, no que se ensinará o procedemento administrativo xeral que afecta ao traballo dos SNL.

As sesión terán lugar os días 26 de maio e 2 e 10 de xuño de 2011 na Facultade de Filoloxía da USC (aula 24).

O prazo de inscrición remata o 9 de maio.

31/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a proxectos audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais convoca axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. Con estas axudas preténdese fomentar unha das fases esenciais da produción audiovisual, como é a da selección da historia e a posta a punto dos aspectos orzamentarios e de guión.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
(corrección de erros).
30/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción de curtametraxes e videoclips en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega ou videoclips, producidos por empresas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. (corrección de erros)
30/03/2011. OUTRAS

Dispoñible en galego o Firefox 4

Xa está accesible para a súa descarga en liña unha nova versión do Firefox, o navegador de código aberto que desenvolve a Corporación Mozilla.

Grazas ao traballo do Grupo de tradución de Mozilla ao galego, da Oficina de Software Libre da USC e mais do Proxecto Trasno, o galego é unha das 80 linguas nas que está accesible o
Firefox 4.

Esta nova versión está dispoñible para os sistemas operativos Linux, Windows e Mac, e proximamente estará tamén para Android e Maemo.

Se desexa máis información, prema aquí.
25/03/2011. INVESTIGACIóN

Créase o Centro de Estudos da Lingua Galega na Liturxia Padre Isorna

O Concello de Valga inaugurou a comezos deste mes de marzo o Centro de Estudos da Lingua Galega na Liturxia Padre Isorna, composto por un fondo de máis de 15 000 exemplares legados polo propio padre Isorna, que se completará con material audiovisual das misas en galego emitidas na TVG e outros títulos que doará a Xunta de Galicia.

O centro, que está especialmente dirixido a lingüistas e a estudosos de teoloxía, ten a súa sede no auditorio de Cordeiro (Valga) e está aberto ao público de luns a venres no seguinte horario: de 9:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 20:00 h.