Novas da lingua

Rexistros3961 a 3990 de 5153
07/03/2011. OUTRAS

Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra

Co ánimo de sensibilizar ao persoal da Administración pública sobre o uso dunha linguaxe non sexista, a Deputación da Coruña elaborou o Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra, dirixido ao persoal desta deputación e mais dos concellos da provincia.

No documento achéganse diferentes recomendacións para mellorar as comunicacións orais e escritas que se xeran na Administración pública, eliminando expresións sexistas e contribuíndo deste xeito a acadar a igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade.

07/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
04/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

II Premio “Rosalía de Castro” de lingua

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña convoca o II Premio “Rosalía de Castro” de lingua, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer a aquelas persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do idioma galego.

O premio entregarase o vindeiro 7 de maio de 2011, no transcurso da IV Festa da Lingua, que organiza a Deputación da Coruña.

O prazo para a presentación de propostas remata o 31 de marzo.

04/03/2011. DINAMIZACIóN

Novas iniciativas para promover o galego no deporte

O pasado mércores, 2 de marzo de 2011, presentouse en Lugo a tradución ao galego
das regras oficiais FIFA de fútbol sala vixentes para a tempada 2010/2011, unha iniciativa do club Azkar Lugo FS e da Fundación Azkar que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e mais da Real Academia Galega.

Na propio acto de presentación deste documento anunciouse tamén a futura creación dun observatorio da lingua galega no ámbito do deporte, entidade que, baixo a coordinación do Goberno galego, se encargará de difundir a situación da lingua e de promover o seu uso no ámbito deportivo.

Máis información no web da SXPL.
04/03/2011. DINAMIZACIóN

Atopando Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o proxecto de toponimia lúcida “Atopando Compostela”, xogo educativo sobre toponimia municipal dirixido ao alumnado de secundaria.

O xogo foi creado pola empresa Etnoga Patrimonio Cultural, coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica.

En datas vindeiras, o Concello de Santiago organizará diferentes coloquios para presentarlles a iniciativa aos principais colectivos destinatarios (profesorado e membros de EDL de secundaria, animadores socioculturais, técnicos de normalización lingüística, etc.).

Se desexa máis información, prema aquí.
03/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza este seminario de formación dirixido aos membros e coordinadores/as dos equipos de dinamización lingüística, que se celebrará entre o 28 de marzo e o 8 de abril nas sete cidades galegas.

O prazo de inscrición remata o 14 de marzo de 2011.

Para obter máis información, prema aquí.
03/03/2011. DINAMIZACIóN

En liña un novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Anik Nandi, estudante de doutoramento procedente da India; a presentación dos Premios á calidade e á excelencia lingüística 2010-2011 ou a información sobre a terceira edición do Fiadeiro de localización de software libre.
03/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un curso en liña destinado a preparar a proba de Celga 1. O curso está dirixido a persoas maiores de 16 anos con coñecementos informáticos a nivel usuario.

As sesións desenvolveranse entre o 4 de abril e o 15 de xuño e o prazo de matrícula remata o 20 de marzo.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a sétima edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 8 de abril de 2011.

Se desexa consultar as bases, prema aquí.
01/03/2011. EMPREGO

Oferta de traballo para docentes de galego

O Grupo Clave Consultores, con sede na cidade da Coruña, fai pública unha oferta laboral dirixida a docentes de galego para impartir cursos de consolidación e perfeccionamento de galego.

Os/as solicitantes deberán ser licenciados/as e ter unha experiencia mínima de 3 anos como docentes en cursos similares.

Se desexa máis información, prema aquí.

22/02/2011. AXUDAS E PREMIOS

Ames desata a lingua

Os departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación do Concello de Ames, en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do IES de Ames, organizan o concurso de teatro radiofónico lido Desata a lingua!!.

O certame, dirixido ao alumnado do IES de Ames que estea a cursar o 2º ciclo da ESO ou Bacharelato, ten como obxectivo fomentar o gusto polo teatro e promover o uso do galego entre a mocidade.

Os textos presentados, que deben estar escritos en galego e tratar sobre a situación social do idioma, serán gravados e emitidos na Radio Municipal de Ames.

Establécense dous premios (un outorgado polo público e outro por un xurado) de 300 euros cada un.

O prazo de inscrición dos grupos remata o 4 de marzo de 2011.
22/02/2011. DINAMIZACIóN

Vive en galego a tecnoloxía

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a empresa Microsoft presentarán o vindeiro xoves, 24 de febreiro, a campaña Vive en galego, a través da cal a cidadanía poderá acceder de balde ás versións en galego das últimas aplicacións de Microsoft (Windows7, Office 2010, Dynamics CRM e Sharepoint).

O acto de presentación terá lugar ás 19:00 horas no auditorio
do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e nel intervirán o actor Rubén Riós e a gaiteira Susana Seivane.
22/02/2011. DINAMIZACIóN

Recursos para traballar o Entroido nas aulas

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición de toda a comunidade educativa unha compilación de recursos didácticos deseñados para traballar o Entroido nas aulas.

Neste monográfico poderá atopar, entre outros recursos, unidades didácticas, xogos, manualidades, información bibliográfica ou literatura relacionada con esta celebración tradicional.
21/02/2011. CURSOS E CONGRESOS

A dinamización lingüística no ámbito da sanidade

O Servizo de Normalización Lingüística da UDC organiza a xornada “A dinamización lingüística no ámbito da sanidade”, onde se presentarán diferentes proxectos que se están a desenvolver no ámbito da sanidade para promover a presenza do idioma galego.

O acto terá lugar o 22 de febreiro, ás 16:30 horas, no Salón de Actos do Edificio Universitario do Campus de Oza (UDC).

Para obter máis información, prema aquí.

21/02/2011. OUTRAS

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

En novembro de 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro
Día Internacional da Lingua Materna. Dende entón, cada ano conmemórase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinados a preservar esta diversidade e a promover o plurilingüismo.

Co gallo desta celebración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística difunde a presentación “Convida o galego”, autoría de Manuel Bermúdez Blanco, accesible en liña en diferentes formatos.
18/02/2011. CURSOS E CONGRESOS

Encontro de equipos e de docentes pola normalización

A Coordinadora Galega de ENDL convoca aos coordinadores/as e membros de equipos de dinamización da lingua galega, e demais docentes interesados/as na normalización lingüística, a participar no Encontro de equipos e de docentes pola normalización.

As sesións terán lugar o vindeiro 12 de marzo de 2011 no
IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).

As persoas interesadas en asistir deben remitir a súa solicitude a correo@coordinadoraendl.org.
18/02/2011. DINAMIZACIóN

II Club de Debate do Concello de Pontevedra

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración cos EDL dos centros de ensino secundario do concello, o II Club de Debate, actividade dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato que ten como obxectivo promover o uso oral do galego entre a mocidade.

O debate constará de dúas fases (unha fase preliminar o sábado 19 de febreiro e unha final o sábado 26 de febreiro).

Os premios son unha viaxe dunha fin de semana e un vale de 300 € para o equipo gañador e un vale de 300 € para o equipo finalista.

A entrada aos debates está aberta ao público.

18/02/2010. DINAMIZACIóN

Cartafol, o semanario do ensino galego

Neste mes de febreiro botou a andar Cartafol, un semanario do ensino galego que reflexionará sobre os principais temas educativos de actualidade, prestándolle especial atención aos relacionados coa normalización lingüística.

Neste primeiro número trátanse, entre outros temas, a Lei de convivencia, o funcionamento do espazo Abalar ou o novo plan de I+D+i.

Aínda que este número promocional se está a difundir de balde, no futuro a revista distribuirase só previa subscrición.
15/02/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia anuncia, no DOG do 15 de febreiro de 2011, a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/02/2011. DINAMIZACIóN

O Concello de Narón difunde as palabras do galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta a iniciativa “As palabras do galego”, coa que convida a todas as persoas que o desexen a enviar ao correo electrónico a.pita@naron.es a palabra da lingua galega (dialectal ou normativa) que máis lles guste.

As palabras máis recorrentes difundiranse no web do concello e os usuarios/as poderán comentalas.

11/02/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración pública de Galicia.

A matrícula deberá tramitarse a través do web da EGAP.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 22 de febreiro de 2011.

Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
10/02/2011. OUTRAS

Probas para obtención dos certificados de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas para a obtención dos Celga 1, 2, 3 e 4 que se desenvolverán neste ano 2011. Realizaranse dúas convocatorias, unha para Galicia, resto do Estado español e Europa (xuño de 2011) e outra para América (outubro de 2011).

Os prazos para a presentación de solicitudes rematan o 29 de abril (convocatoria de xuño) e o 30 de xuño (convocatoria de outubro).

Se desexa máis información, prema aquí.
09/02/2011. EMPREGO

Prazas de técnico de grao medio en normalización lingüística na Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca dúas prazas de técnico de grao medio en normalización lingüística (grupo II). Haberá dúas quendas de acceso, unha de promoción interna e outra de acceso libre. As persoas seleccionadas na quenda de promoción interna terán prioridade para a elección de vacantes.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

09/02/2011. DINAMIZACIóN

Ferrol con Carvalho Calero

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, en colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Ferrolterra, presenta o sito web Ferrol con Carbalho Calero, que quere converterse nun espazo vivo de información e reflexión sobre a vida e a obra do intelectual ferrolán.

Entre os contidos do web, especialmente orientados á comunidade educativa, iranse incluíndo todas as actividades que se desenvolvan nos centros de ensino para difundir e promover o legado de Carbalho Calero.

09/02/2011. OUTRAS

Bota a andar a primeira revista de crítica cinematográfica en lingua galega

O pasado venres, 4 de febreiro de 2011, presentouse na Coruña A Cuarta Parede, a primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica.

A publicación, dirixida por Eloy Domínguez e Víctor Paz, conta con seis seccións, nas que se irán clasificando
as diferentes novas e achegas sobre cinema non comercial, outorgándolle unha especial atención ao cinema portugués.
09/02/2011. AXUDAS E PREMIOS

En galego, sen filtro

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e mais a Coordenadora de Equipas de Normalización Ferrolterra organizan o XI Certame de creación artística, poesía e imaxe “En galego, sen filtro”, que ten como obxectivo fomentar a creatividade do alumnado e conciencialo sobre a realidade plurilingüe galega e mundial.

As persoas participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal inspirada nun dos 15 textos poéticos facilitados pola organización.

Coas obras seleccionadas o Concello de Ferrol organizará unha exposición pública en maio de 2011.

O prazo para entregar os orixinais remata o 23 de marzo.
09/02/2011. DINAMIZACIóN

Bicada polo galego en Compostela

Coincidindo co celebración o vindeiro 14 de febreiro do Día dos Namorados, A Mesa pola Normalización Lingüística está a organizar, baixo o lema “Goza coa túa lingua”, un acto lúdico-reinvicativo que consistirá nunha bicada colectiva en defensa do idioma galego.

A iniciativa está a ser difundida principalmente a través do Facebook da entidade.

O acto terá lugar o vindeiro luns, 14 de febreiro, ás 17 horas na Praza do Toural, en Santiago de Compostela.
03/02/2011. EMPREGO

A CRTVG convoca tres prazas de asesor lingüista

A Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) publica a convocatoria pública do proceso selectivo para a provisión de diferentes prazas de persoal laboral (3 de asesor lingüista) para traballar na CRTVG e nas súas sociedades, Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión Galicia, S.A.

Para optar ás prazas de asesor lingüista, os interesados/as deben ser licenciados/as en Filoloxía Hispánica (subsección galego-portugués) ou Filoloxía Galega.

O sistema de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
03/02/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa está accesible na rede un novo número do Cartafol Dixital, voceiro da USC en materia de normalización lingüística.

Neste número podemos consultar, entre outros contidos, a entrevista a Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na USC; a presentación dos datos sobre o uso dos idiomas na docencia da USC no curso 2010-2011 ou a nova sobre o programa de intercambio lingüístico galego-catalán “Parellaes”.

03/02/2011. DINAMIZACIóN

Galeguizargalicia.tv, nova canle de televisión en internet

Bota a andar a nova canle de televisión en internet Galeguizargalicia.tv, co ánimo de difundir as iniciativas desenvolvidas polas entidades agrupadas no colectivo Galeguizar Galicia.

A partir de agora, esta canle retransmitirá en directo tanto os seus actos públicos, como as mesas redondas, reportaxes e mensaxes publicitarias do colectivo.

Neste momento pode consultar xa os vídeos dalgunhas das actividades organizadas nos últimos anos.