Novas da lingua

Rexistros4021 a 4050 de 5153
18/11/2010. DINAMIZACIóN

Redondela presenta a lingua máis saborosa

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e mais a Asociación de Empresarios de Redondela presentaron a campaña “A lingua máis saborosa”, deseñada para promover o uso do galego no ámbito da hostalaría.

A campaña difundirase a través de diferentes soportes (menús do día, cartas, panos de mesa, carteis e dípticos). Coa súa adhesión á iniciativa os locais comprométense a promover a progresiva galeguización dos seus establecementos. Neste proceso contarán co asesoramento do SNL municipal.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de tradución ao galego de aplicacións informáticas libres

O Proxecto Trasno organiza un curso gratuíto de tradución ao galego de aplicacións informáticas libres.

O curso, de 33 horas de duración, desenvolverase entre os días 16 e 25 de novembro de 2010 no Edificio de Servizos Centrais da Universidade da Coruña.

A matrícula é de balde e as persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 15 de novembro (incluído).

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
12/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

XI Premio Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a undécima edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo e compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizado un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego.

As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 30 de novembro de 2010.
Se desexa consultar as bases completas da convocatoria, prema aquí.
12/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premio Altofalante para a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural Altofalante, de Ribeira, acordou concederlle o Premio Altofalante 2010 á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística (CGENDL), co ánimo de recoñecer publicamente o seu labor de promoción do idioma galego no ámbito educativo.

Así mesmo, por acordo da súa Asemblea Xeral, a CGENDL foi nomeada “socia de honra” da A. C. Altofalante.

O premio entregarase o vindeiro 20 de novembro, ás 20:00 h, no Conservatorio Municipal de Ribeira.

Para obter máis información, prema aquí.
12/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

XX Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado entregou onte, 11 de novembro de 2010, os Premios San Martiño de Normalización Lingüística.
Os galardoados desta edición foron a cooperativa Monte Cabalar SCG, na modalidade de “Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”, a empresa R, na modalidade “Galicia enteira”, e o historiador estradense Olimpio Arca Caldas, na modalidade “Toda unha vida”.

Se desexa mais información, prema aquí.

09/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación

A Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da UDC, a AS-PG e mais o Concello da Coruña organizan as Xornadas Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación, que terán lugar entre os días 24 e 27 de novembro na Sala de Xuntas da Reitoría (Maestranza. UDC).

As persoas interesadas deben formalizar a súa matrícula a través do formulario accesible no web da AS-PG.
O prazo de inscrición remata o 21 de novembro de 2010.
08/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornadas “Xustiza e lingua, reflexións para a normalización”

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a cuarta edición da xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, que nesta ocasión xirará arredor das claves e os desafíos para a posta en valor do galego na xustiza.

A xornada terá lugar o vindeiro 24 de novembro, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán.

08/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de dinamización lingüística dos centros públicos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica as resolucións provisionais das axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos.

Os centros interesados teñen de prazo ata o vindeiro 13 de novembro para presentar as alegacións que consideren oportunas.

Se desexa consultar as listaxes, prema aquí.
04/11/2010. DINAMIZACIóN

Novo ciclo de cinema en galego en Redondela

Despois da exitosa experiencia cos tres ciclos de cine desenvolvidos ao longo deste ano (ciclo de cinema de mulleres; ciclo de curtas e Semana do Audiovisual Galego), o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela volve organizar un novo ciclo de longametraxes dirixido a maiores de 16 anos.

As proxeccións terán lugar os domingos 7, 14 e 21 de novembro no Auditorio da Xunqueira. O programa inclúe unha sesión final de cinema infantil, na que se proxectarán curtas de animación e que terá lugar o sábado 4 de decembro.

Se desexa máis información, prema aquí.

03/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas “Educación e linguas en Galicia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e mais o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan a segunda edición destas xornadas, que teñen como obxectivo reflexionar sobre a planificación lingüística como ferramenta para a normalización do galego nos centros escolares.

As sesións terán lugar os días 26 e 27 de novembro de 2010. O prazo para formalizar a matrícula remata o 23 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
03/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega: Achégate ao galego!

No marco do programa “En galego tamén noutros mundos”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza cursos básicos de lingua galega destinados á poboación estranxeira.

Os cursos contan con dúas modalidades, unha destinada ao alumnado da ESO e o Bacharelato e outra dirixida ás persoas adultas.

As sesións terán lugar no Instituto Castelao (Aragón, 20. Calvario) e o prazo de inscrición remata o 8 de novembro de 2010.
03/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

XI Xornadas de Expresión Oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza a undécima edición das Xornadas de Expresión Oral “Tíralle da lingua”, dirixidas ao alumnado e ao profesorado de Galicia, que teñen como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito educativo así como proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula.

As sesións desenvolveranse os días 19 e 20 de novembro de 2010 e o prazo de matrícula remata o 16 de novembro.
11/03/2010. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa está accesible na rede un novo número do Cartafol Dixital, voceiro da USC en materia de normalización lingüística.

Neste número podemos consultar, entre outros contidos, a entrevista a Belén Trigo, profesora do Departamento de Dereito Común na USC; a presentación das xornadas “Educación e linguas en Galicia” ou a nova sobre as medidas que están a tomar as comisións de normalización lingüística de Psicoloxía e Ciencias da Educación para promover a galeguización da plataforma virtual da USC.

29/10/2010. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de deseño nos centros de ensino primario da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega organizan un concurso de deseño dunha campaña de promoción da lingua galega nos centros públicos de educación primaria do concello.

A participación será a través dos equipos de dinamización lingüística, que teñen de prazo para tramitar a súa inscrición ata o vindeiro 30 de novembro.

O prazo para enviar os traballos remata o 14 de xaneiro de 2011.

Se desexa consultar as bases do concurso, prema aquí.

29/10/2010. INVESTIGACIóN

Dicionario de pronuncia da lingua galega

O Instituto da Lingua Galega (ILG) e mais a Real Academia Galega (RAG) presentan o Dicionario de pronuncia da lingua galega, unha obra coordinada por Xosé Luís Regueira que pretende fornecer un modelo de pronuncia para as palabras galegas, contribuíndo así ao desenvolvemento do estándar oral do idioma.

O dicionario foi elaborado a partir dos resultados do proxecto Dicionario fonético galego, desenvolvido no seo do ILG, e recolle o modelo de pronuncia de 47 000 palabras.


29/10/2010. DINAMIZACIóN

A lingua latexa entre o SNL e os EDL de Pontevedra

No marco de programa de dinamización lingüística A lingua latexa, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra está a desenvolver diferentes actividades de promoción do galego en colaboración cos equipos de dinamización lingüística do municipio.

O programa de actividades para estes meses de outono inclúe a exposición En galego, tamén noutros mundos, organizada en colaboración cos EDL dos centros de ensino secundario e bacharelato do concello; a actividade Como lle chamas ás cousas?, dirixida ao profesorado e alumnado de infantil, primaria e primeiro ciclo de secundaria; e mais o obradoiro Natureza á Arte na Illa. Illarte na Natureza.
29/10/2010. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas sobre a normalización da lingua e a cultura no ámbito da educación

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e mais o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organizan a terceira edición destas xornadas, onde se reflexionará sobre a presenza do galego e a experiencia adquirida no terreo da súa promoción.

As sesións terán lugar os días 16, 17 e 18 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación da UDC.

Se desexa coñecer o programa completo, prema aquí.
28/10/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de blogs e iniciación a ferramentas multimedia

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca a terceira edición do Curso de blogs e iniciación a ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística.

As sesións terán lugar os días 10, 11 e 24 de novembro de 2010 na Aulanet da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de outubro.
28/10/2010. EMPREGO

Bolsa para traballar no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria dunha bolsa, de doce meses de duración, para a formación práctica de persoal técnico de publicacións, que ten por obxecto desenvolver as tarefas prácticas que encomende o Servizo de Publicacións desta institución.

Poderán optar a esta bolsa os/as licenciados/as en Tradución e Interpretación, rama de galego, ou en Filoloxía Galega que acadasen a súa titulación no ano académico 2004-2005 ou posteriores.

O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no DOG.

As bases poden consultarse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
22/10/2010. CURSOS E CONGRESOS

VII Xornadas de Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a sétima edición destas xornadas, que nesta ocasión analizarán os usos lingüísticos no ámbito da sanidade.

As sesións desenvolveranse os días 1, 2 e 3 de decembro no Salón de actos do Edificio Universitario do campus de Oza.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 24 de novembro.

Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da matrícula, prema aquí.
22/10/2010. DINAMIZACIóN

O Concello de Zas promove o uso do galego no ámbito asociativo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta un programa de actividades para dinamizar os usos lingüísticos no tecido asociativo do municipio.

O programa desenvolverase no marco dun convenio que diferentes asociacións culturais e deportivas asinaron co Concello de Zas, a través do cal se comprometen a empregar o galego nas súas actividades cotiás, así como na documentación interna e externa da asociación.

Pola súa parte, o SNL municipal ofreceralles ás asociacións, que no se conxunto contan con máis de 2000 socios/as, asesoramento lingüístico, formación e mais unha compilación de recursos lingüísticos e modelos de documentos de utilidade para as directivas.

Se desexa máis información, prema aquí.
22/10/2010. INVESTIGACIóN

A Coruña na creación do libro galego

A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa colaboración da Real Academia Galega, organiza a exposición “A Coruña na creación do libro galego”, que quere homenaxear o bicentenario da publicación de Proezas de Galicia (1810), primeiro libro impreso en galego.

Os visitantes terán oportunidade de coñecer os 200 anos de estreita relación entre a cidade da Coruña e a edición do libro galego, así como de ver obxectos persoais expostos por primeira vez ao público, como o reloxo de Ánxel Casal ou a máquina de escribir de Leandro Carré.

A mostra estará aberta ao público na sala de exposicións do Concello da Coruña ata o vindeiro 21 de novembro de 2010.
22/10/2010. DINAMIZACIóN

Preséntase o programa Bocaberta 2010-2011

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa Bocaberta 2010-2011, un total de 747 iniciativas que teñen como obxectivo promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

O programa, que se desenvolverá en colaboración con 14 entidades, inclúe actividades musicais, de banda deseñada, de maxia, de expresión en galego e mesmo unha xincana.

No web da SXPL pode consultar o calendario mensual de actividades, con información sobre as datas e concellos nos que terán lugar as diferentes iniciativas.
22/10/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a publicidade en lingua galega

O Consello Asesor da RTVE-G e da CRTVG entregaron o pasado 15 de outubro os XVII Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na categoría de radio, o anuncio gañador foi “ARTS, divino”, elaborado e presentado por Radio Nordés-Cadena SER. No ámbito da televisión, o galardón recibiuno a campaña GADIS: maloserá, da axencia BAP&CONDE. Na modalidade de internet, o anuncio premiado foi o da “XVI Mostra de Olería de Buño”, elaborado e presentado por Canle de Comunicación.

O Premio especial Muralla de Lugo, convocado por primeira vez nesta edición, outorgóuselle á campaña de MONBUS “achega a Muralla de Lugo a toda Europa”, elaborado pola axencia Gurgullas de Cor.

19/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

III Concurso de blogs Reblogdela

A Asociación de Empresarios de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística municipal organizan a terceira edición do Concurso de blogs Reblogdela, que nesta ocasión ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito do deporte redondelán coa axuda das novas tecnoloxías.

Todos os blogs que se presenten ao certame deben estar redactados en lingua galega e ter como temática o deporte redondelán.

O prazo para entregar os traballos remata o 10 de decembro de 2010.

Se desexa coñecer as bases do concurso ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
15/10/2010. DINAMIZACIóN

O galego, o noso medio natural

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), presenta a campaña "O galego, o noso medio natural", deseñada para promover a reflexión sobre a importancia da conservación das especies e das linguas para o mantemento da biodiversidade do planeta.

Co ánimo de fomentar o ecolingüismo, os organizadores da iniciativa distribuirán na Universidade de Vigo e mais nos centros de educación non universitaria de Galicia diferentes materiais, como adhesivos, chapas, camisolas ou ecoguías, uns cadernos con textos literarios que falan da ecoloxía das linguas.

13/10/2010. DINAMIZACIóN

Xornada pola ciencia en galego

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) convida a todos os centros educativos galegos a organizar o vindeiro 4 de novembro unha actividade conxunta entre os departamentos das áreas científico-tecnolóxicas e os Equipos de
Dinamización da Lingua Galega dun mesmo ou varios centros escolares, co obxectivo
de transmitirlle á sociedade que todas as linguas son válidas para a expresión científica e reinvindicar o ensino da ciencia en galego.

A CGENDL habilitou un apartado especial na súa páxina web para acoller toda a información e materiais relativos a esta xornada.
13/10/2010. DINAMIZACIóN

O Concello da Coruña reedita o seu programa de cinema infantil en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta unha nova edición do ciclo de cinema en galego destinado aos máis pequenos/as do concello.

O ciclo 8 pelis para os/as peques terá lugar todos os sábados de outubro a decembro, ás 18:00 h, no Museo de Arte Contemporáneo. Gas Natural Fenosa (MACUF).

A entrada é de balde.
07/10/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de xestión administrativa para SNL das administracións locais

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca dúas edicións do Curso de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística (SNL) de administracións públicas locais, no que se ensinará o procedemento administrativo xeral que afecta ao traballo dos SNL.

A primeira edición do curso terá lugar os días 22 e 23 de outubro en Pontevedra e o prazo de solicitude para participar nela será do 11 ao 15 de outubro.

Os días 26 e 27 de novembro desenvolverase unha segunda edición en Santiago de Compostela. Neste caso, o prazo de inscrición será do 8 ao 12 de novembro.

07/10/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións para a promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica, no DOG do 7 de outubro de 2010, a resolución das axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.