Novas da lingua

Rexistros4081 a 4110 de 4427
05/07/2010. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 25 de xuño de 2010, a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/07/2010. DINAMIZACIóN

AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a terceira edición da granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 12 anos.

O campamento desenvolverase entre o 16 e o 28 de agosto no Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso", en Sarreaus (Ourense).
O prazo de inscrición remata o 16 de xullo.

Para obter máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
05/07/2010. DINAMIZACIóN

Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 26 de xuño de 2010, dedicar o Día das Letras Galegas 2011 ao poeta monfortino Lois Pereiro.

Lois Pereiro foi cofundador, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, da revista Loia, na que publicou algúns dos seus poemas, recollidos posteriormente na obra póstuma Poemas para unha loia (1996). Participou nas antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) e publicou en vida dous poemarios individuais: Poemas 1981/199 e Poesía última de amor e enfermidade.

Se desexa máis información, prema aquí.

24/06/2010. DINAMIZACIóN

Abertos ao galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o certificado Abertos ao galego, que se concederá, en diferentes niveis, ás empresas e entidades de calquera índole que amosen o seu compromiso coa normalización do idioma galego.

As entidades que conten con este distintivo figurarán nun catálogo web, poderán participar en actos anuais de promoción e accederán a descontos publicitarios nos medios de comunicación que colaboren co proxecto.


24/06/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios Lingua de Amor 2010

O Servizo de Normalización Lingüística do Consello da Xuventude de Galicia fixo públicas as creacións gañadoras en cada unha das modalidades (“declaracións de amor en galego a través da rede” e “cancións de amor en lingua galega”) do concurso Lingua de Amor 2010.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado, 26 de xuño, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Santiago de Compostela).

Se desexa máis información, prema aquí.
24/06/2010. OUTRAS

Conversa sobre os últimos vinte anos de normalización lingüística

Baixo o lema “A batalha da língua: tantos anos!”, a Gentalha do Pichel organiza unha conversa sobre os últimos vinte anos do proceso de normalización lingüística.

O acto, no que participarán diferentes profesionais implicados no proceso, terá lugar mañá, 25 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Social A Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela).


18/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

A debate no CCG os modelos de convivencia lingüística para o futuro

O vindeiro 29 de xuño de 2010 terá lugar a cuarta sesión do
Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, na que se proporán modelos de convivencia para o futuro e se presentarán as conclusións do seminario.

Se desexa asistir a esta sesión, envíenos os seus datos a través do seguinte formulario.
Atenderemos todas as solicitudes ata completar a capacidade do salón. A súa praza só está garantida se recibe un correo de confirmación.
18/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

XII Encontros para a Normalización Lingüística

Xa pode consultar en liña o programa provisional dos
XII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 23 e 24 de setembro de 2010.

Nesta edición os Encontros van focar a atención nas accións de reivindicación lingüística promovidas pola propia cidadanía, sen esquecer a liña habitual de seguimento de iniciativas e propostas e de revisión de accións xa realizadas.

A inscrición realizarase exclusivamente a través dun formulario habilitado no web do CCG. O prazo de matrícula remata o vindeiro 15 de setembro.
18/06/2010. EMPREGO

Bolsas de estadías no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 17 de xuño de 2010, a convocatoria pública de bolsas de estadías destinadas a investigadores de fóra de Galicia para colaborar en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O período da estadía será de entre dous e sete meses e non pode superar a data tope do 31 de decembro de 2010. O prazo de presentación das solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

18/06/2010. DINAMIZACIóN

Decálogo coas razóns para elixir galego no ensino

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) publicita no seu web o decálogo "Dez razóns polas que elixirmos o galego como lingua materna", co ánimo de orientar as familias que nestes días están a facer a matrícula dos seus fillos/as no Ensino Infantil.

Como complemento do decálogo, a CGENDL difunde tamén na mesma sección do web a presentación "O que vai supoñer o decreto”.

17/06/2010. AXUDAS E PREMIOS

A Universidade da Coruña premia a investigación en lingua galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan o I Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega.

O premio está destinado ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC, aos investigadores predoutorais das tres universidades galegas e mais aos doutores/as en Dereito que traballan en Galicia.

Pola súa banda, as comisións de normalización lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e mais da Escola de Estudos Empresariais, tamén en colaboración co SNL, convocan os II Premios de investigación en lingua galega no ámbito económico-empresarial, destinados aos tres colectivos universitarios (estudantado, PAS e profesorado).

O prazo de presentación dos traballos, para calquera das convocatorias, remata o vindeiro 15 de outubro.
19/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse en Ponferrada os V Premios Xarmenta de Debuxo

A Asociación Berciana da Lingua Xarmenta entregará o vindeiro 22 xuño os V Premios Xarmenta de Debuxo, destinados ao alumnado de Galego no Bierzo.
O tema dos debuxos gañadores foi a situación do idioma galego, especialmente na Comarca do Bierzo.

O acto de entrega dos galardóns terá lugar ás 17:00 horas no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Ponferrada, e contará tamén coa actuación do grupo Viravolta Títeres-Seisdedos co seu espectáculo “O cego dos Monifates”.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/06/2010. DINAMIZACIóN

A escola, unha oportunidade para aprender

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, xunto con todos os centros de ensino público infantil e primario do concello, presentan a campaña
A escola, unha oportunidade para aprender.

Logo da aprobación do Decreto 79/2010, a campaña está especialmente dirixida
ás familias que van matricular os seus fillos/as no ensino infantil para o curso 2010-2011, co ánimo de que reflexionen sobre a necesidade de que os nenos/as poidan adquirir unha competencia plena en lingua galega.

Ademais dos folletos informativos deseñados especialmente para as familias de Pontevedra, os organizadores facilitan tamén unha versión xenérica deste texto co ánimo de que poida ser utilizado por todas as entidades que o desexen.
15/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre a lingua do sindicato STEG

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) organiza unha xornada sobre a lingua co ánimo de crear foros de debate e reflexión sobre a problemática das sociedades plurilingües contemporáneas e mais sobre os diferentes modelos de políticas lingüísticas implementados tanto en Galicia como noutras comunidades do Estado.

As sesións terán lugar o vindeiro sábado, 19 de xuño, no MUPEGA (rúa San Lázaro, 107. Santiago de Compostela).

Se desexa obter máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.


15/06/2010. DINAMIZACIóN

Sumemos en galego

A CIG-Ensino, en colaboración coa plataforma Queremos Galego, convoca ao profesorado de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química a un encontro que leva por lema Sumemos en galego: continuemos a dar aulas na nosa lingua.

O acto terá lugar o vindeiro 18 de xuño, ás 18:00 h, no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela).


15/06/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, para desenvolver en centros de ensino públicos no curso académico 2010-2011.

De entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que serán premiados con cadansúa axuda de 3000 euros, cunha xornada de formación para o profesorado implicado e mais coa difusión dos materiais na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xullo de 2010.
15/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un curso en liña destinado a preparar a proba de Celga 1.

O curso desenvolverase entre o 4 setembro e o 12 de novembro de 2010. O prazo de matrícula remata o vindeiro 15 de xullo.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/06/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de materiais didácticos curriculares para niveis non universitarios.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/06/2010. DINAMIZACIóN

Nace GalegoLab, un novo colectivo para a promoción do idioma

Hoxe presentouse en Santiago de Compostela GalegoLab, un novo colectivo sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, dándolle prioridade ás culturas emerxentes e ás actividades da vida cotiá.

O traballo do colectivo xestionarase a través dunha rede social de crowdsourcing, onde os usuarios/as poderán propor e valorar novas ideas de actuación, coordinar os recursos necesarios para levalas a cabo e colaborar na difusión e implementación dos resultados.


15/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de marzo de 2011. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
09/06/2010. OUTRAS

Acordo de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Educación

O pasado 31 de maio o presidente do CCG, Ramón Villares, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, asinaron un acordo de colaboración en virtude do cal a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Consello da Cultura Galega, a través do CDSG, colaborarán no intercambio de información sobre recursos sociolingüísticos e na visibilización de produtos documentais de interese para a lingua galega.

Se desexa máis información, prema aquí.

04/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

VI Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Concello de Carballo e mais a CTNL organizan a sexta edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta ocasión xirará arredor da creatividade para a lingua.

As sesións desenvolveranse os días 14, 15 e 16 de xullo no Pazo da Cultura de Carballo.
O prazo de inscrición remata o vindeiro 23 de xuño.
03/06/2010. DINAMIZACIóN

A mellor escola, a casa. Fálalle galego!

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presentará o vindeiro sábado, 5 de xuño, ás
20:00 horas no Auditorio da Xunqueira, a campaña “A mellor escola, a casa. Fálalle galego!”.
A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Coordinadora de ENDL de Redondela, ten como obxectivo fomentar a transmisión xeracional da lingua a través do patrimonio oral que se conserva aínda vivo nas familias.

Ao abeiro desta campaña desenvolvéronse diferentes actividades nos centros educativos no primeiro trimestre do ano e co material multimedia compilado editouse un CD, que será distribuído o vindeiro sábado no acto de presentación. Neste acto, aberto a toda a cidadanía, actuará tamén o grupo de monicreques Tanxarina.
02/06/2010. DINAMIZACIóN

Volve Lingua Viva, agora en formato dixital

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo retoma a edición da revista semestral Lingua Viva, agora accesible na rede en formato dixital.

O número 49, correspondente ao segundo semestre de 2010 e o primeiro desta nova andaina, inclúe, entre outros contidos, a presentación das actividades desenvolvidas polo SNL na primeira metade do ano, un artigo sobre os prexuízos lingüísticos, unha nova sobre a recuperación dos microtopónimos orixinais ou unha sección destinada á resolución de dúbidas lingüísticas.
01/06/2010. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Monfero

O Concello de Monfero anuncia a convocatoria para a contratación temporal a tempo parcial dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de xuño de 2010.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
01/06/2010. EMPREGO

Resolución das bolsas para os proxectos de investigación
do CCG

O Consello da Cultura Galega fai pública a listaxe provisional de bolseiros/as seleccionados/as para colaborar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

O prazo de exposición desta listaxe será de 10 días naturais, durante os cales os interesados/as poderán facer as alegacións pertinentes.

31/05/2010. DINAMIZACIóN

En galego tamén se fai ciencia

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, integrada polas tres universidades galegas, presenta a campaña
En galego tamén se fai ciencia, na que participan investigadores/as de diferentes ámbitos científicos para promover e avalar a validez do idioma galego no ámbito da docencia e a investigación científica.

Os encargados do desenvolvemento da campaña foron os gabinetes de recursos audiovisuais e os servizos de normalización lingüística das tres universidades, baixo a coordinación xeral da UDC.
31/05/2010. DINAMIZACIóN

En liña O Cartafol Dixital do mes de maio

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Senén Barro, reitor da USC; a presentación das oito aplicacións informáticas en galego xeradas no Fiadeiro de localización de software libre ou a nova sobre a campaña En galego tamén se fai ciencia.
28/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores

A escritora Marica Campo, autora do artigo A busca do tesouro, foi a gañadora da sexta edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1200 euros e o artigo gañador será publicado nos once medios de comunicación colaboradores.

O xurado outorgou tamén un accésit sen dotación económica ao artigo Por unha Galiza neofalante, do autor Marcos Abalde Covelo.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/05/2010. DINAMIZACIóN

Manual práctico do imposto sobre a renda en lingua galega

A Axencia Tributaria acaba de editar, coa colaboración da Xunta de Galicia, a versión en lingua galega do Manual práctico do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do exercicio 2009.

O documento ten como principal obxectivo facilitarlles aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias, achegando exemplos prácticos que pretenden facer máis accesibles os textos fiscais. Así mesmo, a edición en galego do documento ten como finalidade ofrecer á cidadanía recursos que lle permitan vivir en galego en todos os ámbitos sociais.