Novas da lingua

Rexistros4111 a 4140 de 4427
26/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Camilio Nogueira e Fermín Bouza, premiados tamén polo seu compromiso co galego

O pasado 23 de maio, a Fundación Pedrón de Ouro celebrou, na Casa Museo de Rosalía (Padrón), o acto público de entrega dos premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, que nesta edición recaeron en Camilo Nogueira e Fermín Bouza, respectivamente.

No caso de Camilo Nogueira, recoñécese o seu labor reivindicativo e normalizador nos ámbitos cultural, sindical, político e lingüístico. Neste último eido destácase o seu labor parlamentario no proceso de elaboración da actual Lei de Normalización Lingüística.

De Fermín Bouza valórase a súa traxectoria como docente universitario, activista político e escritor en lingua galega. No eido sociolingüístico, destácase o seu compromiso coa defensa do idioma galego a través do blog El voto con botas.
25/05/2010. LEXISLACIóN

A Xunta de Galicia aproba o novo decreto para regular o uso das linguas no ensino

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 25 de maio de 2010, o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

A nova norma, elaborada no medio dunha intensa polémica social e debate institucional, entrará en vigor mañá, 26 de maio de 2010, quedando derrogado o anterior Decreto 124/2007.


25/05/2010. EMPREGO

Praza de profesor/a de lingua e literatura galegas en Londres

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia a convocatoria de concurso público para a provisión dunha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres.

Poden participar no concurso os funcionarios/as do corpo de mestres licenciados/as en Filoloxía Hispánica (galego-portugués), Filoloxía Románica (galaico-portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os catedráticos/as e profesores/as de lingua e literatura galegas de ensino secundario con destino en Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir da publicación desta convocatoria. [Corrección de erros]

24/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o I Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña fixo pública a resolución do I Premio Rosalía de Castro de Lingua, deseñado para recoñecer a persoas, empresas, asociacións e entidades que, co seu traballo, axudan a impulsar a presenza do idioma galego.

Nesta primeira edición resultou galardoada Blogaliza, plataforma que cataloga, etiqueta e facilita resumos de mensaxes dos blogs galegos e dispón dunha listaxe destes.

O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro 28 de maio, durante a celebración da III Festa da Lingua, que este ano se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames).

Se desexa máis información, prema aquí.
24/05/2010. DINAMIZACIóN

Segunda fase da campaña “Orgullosos/as do noso, orgullosos/as do galego”

A Coordinadora Galega de ENDL presentou a segunda fase da campaña “Orgullosos/as do noso, orgullosos/as do galego”, na que corenta personalidades de diferentes ámbitos da sociedade galega, como o científico, o empresarial, o docente ou o artístico, amosan o seu compromiso co idioma.

A CGENDL convida a toda a sociedade, especialmente á comunidade educativa, a adherirse a esta iniciativa enviando o seu texto de orgullo á páxina da campaña.

24/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Xurxo Souto, Premio Leixaprén 2010

A Coordinadora Leixaprén, formada por un conxunto de equipos de normalización e dinamización lingüística de centros públicos de Educación Secundaria situados nos concellos de Dodro, Lousame, Muros, Noia, Porto do Son, Rianxo e Rois, vén concedendo anualmente un galardón que pretende recoñecer o traballos de persoas, colectivos ou institucións que se distinguen pola defensa e promoción da lingua galega.

Nesta edición, o galardoado foi o artista Xurxo Souto, pola súa traxectoria profesional e o seu compromiso na defensa da lingua e da música galegas.

24/05/2010. INVESTIGACIóN

Feijóo, o galego e nós

Edicións Laiovento presenta o volume colectivo Feijóo, o galego e nós.

A obra, coordinada por Xosé María Álvarez Cáccamo, recolle unha escolma de artigos, de diferentes autores, publicados entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010, que no seu conxunto ofrecen unha panorámica sobre a evolución da lingua galega neste último ano.
24/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios “Peña Novo” e mais “Bacelos de Prata”

O pasado 14 de maio, a Fundación Lois Peña Novo fixo públicos os gañadores da XVI edición dos Premios Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.

Os galardoados foron o catedrático Ramón Lorenzo Vázquez, o Foro Avogados Lugo SCP e mais o Concello de Burela.

Por outra banda, a Asociación Álvaro das Casas entregou tamén o pasado 17 de abril os premios Bacelos de Prata, que nesta edición lles foron outorgados á Adega Durán, S.L., da denominación de orixe Rías Baixas, e a Emilio Docampo Diéguez, da denominación de orixe Ribeiro.

10/05/2010. INVESTIGACIóN

Novo web do Proxecto Toponimia de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presentou o novo web do Proxecto Toponimia de Galicia, deseñado para salvagardar o patrimonio cultural galego a través da recuperación dos seus topónimos.

Na actualidade, o web permite buscar 357 338 nomes de lugares e localizalos sobre unha fotografía aérea. Con todo, o Proxecto Toponimia, que comezou no ano 2000, está aínda en fase de recollida de datos na maior parte do territorio galego, polo que o número de topónimos dispoñibles no web irá aumentado a medida que as diferentes fases do traballo metodolóxico se vaian completando na totalidade dos concellos de Galicia.

Se desexa máis información, prema aquí.
11/05/2010. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas sobre “A posición e o uso do galego no eido xurídico-social”

Os Comités da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña organizan as I Xornadas sobre "A posición e o uso do galego no eido xurídico-social", que terán lugar os días 12 e 13 de maio no Salón de Actos da Facultade de Dereito.

A matrícula debe facerse a través deste formulario.

Se desexa máis información sobre o programa, prema aquí.
10/05/2010. CURSOS E CONGRESOS

III Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza o III Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros, que se desenvolverá entre os días 5 e 30 de xullo de 2010 na Facultade de Filoloxía da UDC.

O prezo da matrícula é de 60 € e a organización concederá 15 bolsas de estadía de 500 € brutos. O prazo de inscrición remata o 28 de maio de 2010.

Se desexa máis información, prema aquí.
10/05/2010. DINAMIZACIóN

III Festa da Lingua

A Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela, Rois, Dodro, Teo, Oroso e Ames, organiza a III Festa da Lingua, que se celebrará o 28 de maio,
ás 20:30 h, no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames).

No acto, que será presentado por Belén Regueira, actuarán Espido, Talía Teatro, Celso Sanmartín e A Banda da Balbina.
07/05/2010. DINAMIZACIóN

Carballo dedica o mes de maio a fomentar a transmisión da lingua

O Concello de Carballo presenta o programa de actividades que se desenvolverán no municipio ao longo do mes de maio, co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas e ao mesmo tempo fomentar a transmisión da lingua.

O programa, que reserva un lugar destacado para a V Semana do Libro e a Lectura, inclúe tamén exposicións, concertos, representacións teatrais, concursos de pintura e maratóns de lectura, entre outras actividades.
07/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para producións ou coproducións audiovisuais

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, co ánimo de contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais galegas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. [Corrección de erros]


07/05/2010. DINAMIZACIóN

Actividades de homenaxe a Uxío Novoneyra en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta os actos de homenaxe a Uxío Novoneyra, que se celebrarán durante os vindeiros días 15, 16 e 17 de maio de 2010.

Durante a fin de semana (15 e 16 de maio) terá lugar a proxección da película Gisaku, unha visita teatralizada polo casco antigo de Vigo e mais a III Festa das Letras en Castrelos. O programa pecharase o luns, 17 de maio, cun concerto homenaxe a Uxío Novoneyra que correrá a cargo do dúo Sons Nus.
Se desexa máis información, prema aquí.

05/05/2010. CURSOS E CONGRESOS

Concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua”

A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca a segunda edición do concurso de vídeo “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”, que ten como obxectivo fomentar a reflexión sobre a dificultade de vivirmos plenamente en galego.

O vídeo debe ter unha duración máxima de 2 minutos e pode ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación (cámara de vídeo, cámara dixital ou cámara de móbil).

O prazo de entrega de traballos remata o vindeiro 13 de maio.
05/05/2010. DINAMIZACIóN

Redondela súmase á celebración das Letras Galegas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta o programa para festexar o Día das Letras Galegas 2010.

Entre outras actividades, celebrarase unha festa na rúa, un intercambio entre o alumnado de ensino secundario de Redondela e o de Monção, un concerto didáctico e mais un acto de presentación da campaña da Coordinadora de ENL “A mellor escola, a casa. Fálalle galego”.

Se desexa consultar o programa completo, prema aquí.


05/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

III Premio de Tradución ao Galego de Textos
Científico-Técnicos

A Facultade de Filoloxía, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, convoca o III Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos co obxectivo de contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega en contextos científico-técnicos.

O certame, dirixido ao estudantado da UDC, conta con dúas modalidades: tradución directa do francés ou inglés ao galego e tradución inversa, do galego ao francés ou ao inglés.

O prazo para a presentación dos traballos remata o 4 de xuño de 2010, ás 14:00 h.

Se desexa máis información, prema aquí.

03/05/2010. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) presentan o programa de actividades Maio, Mes da Lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.

O programa inclúe, entre outras actividades, exposicións, conferencias, mostras de teatro, xincanas culturais, unha festa da lingua e un ciclo de cine en galego.
05/05/2010. DINAMIZACIóN

En liña O Cartafol Dixital do mes de abril

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.


Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Manuel Bermejo, catedrático de Química Inorgánica; a análise dos contidos de política lingüística recollidos nos programas dos candidatos/as a reitor/a da USC ou a nova sobre os novos doce títulos que esta universidade acaba de publicar na súa colección “UD.Unidades Didácticas”.

03/05/2010. INVESTIGACIóN

O director do CDSG, membro electo da Real Academia Galega

O Plenario da Real Academia Galega, na reunión ordinaria do 30 de abril de 2010, acordou nomear académico electo a Henrique Monteagudo Romero, que ocupará a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario Antonio Gil Merino.

Henrique Monteagudo é profesor de sociolingüística na Universidade de Santiago de Compostela e desde 1996 a súa docencia e investigación véñense concentrando na historia social da lingua galega, a sociolingüística e a planificación lingüística.

Ao longo da súa traxectorio profesional ocupou diferentes cargos de responsabilidade e desde 1998 é tamén o director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

Se desexa máis información, prema aquí.

30/04/2010. CURSOS E CONGRESOS

A debate no CCG a situación do galego nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico

O vindeiro 4 de maio de 2010 terá lugar a terceira sesión do Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, que xirará arredor da situación sociolingüística nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico.

Se desexa asistir a esta sesión, envíenos os seus datos a través do seguinte formulario.
Atenderemos todas as solicitudes ata completar a capacidade do salón. A súa praza só está garantida se recibe un correo de confirmación.

30/04/2010. OUTRAS

A imposición do galego, mito ou realidade?

Mañá, 1 de maio, na Feira do Libro de Santiago, terá lugar a mesa redonda “A imposición do galego, mito ou realidade?”, na que se reflexionará sobre a situación actual do idioma galego.

No acto, que terá lugar ás 19:00 h, participarán Francisco Castro, coordinador de novos proxectos da Editorial Galaxia; Alexandre Vázquez, presidente da Mocidade pola Normalización Lingüística; Manuel Núñez Singala, autor de En galego, por que non? e
Henrique Monteagudo, autor de As razóns do galego. Apelo á cidadanía.

30/04/2010. DINAMIZACIóN

Maio das Letras en Compostela

Co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o programa Maio das Letras 2010 (doc. 1, doc. 2), que se desenvolverá ao longo deste mes de maio co ánimo de fomentar o uso do galego entre a poboación compostelá.

Entre as actividades programadas hai xincanas literarias, obradoiros de animación á lectura, exposicións, recitais de poesía e unha festa das letras.

Se desexa máis información, prema aquí.

30/04/2010. INVESTIGACIóN

En castellano no hay problema

O vindeiro 8 de maio, no marco da Feira do Libro de Santiago, Edicións Xerais de Galicia presenta a obra En castellano no hay problema, autoría de Carlos Callón.

Trátase dunha compilación de artigos sobre política lingüística publicados desde 1997 ata a actualidade, nos que o autor reflexiona sobre as diferentes vías de defensa e promoción da lingua galega.

26/04/2010. DINAMIZACIóN

Rois no camiño das Letras Galegas

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Rois organizan o programa de actividades Rois no camiño das Letras Galegas 2010, destinado a festexar as Letras Galegas e a homenaxear a figura de Uxío Novoneyra.

Ao longo do vindeiro mes de maio desenvolveranse, entre outras actividades, conferencias, exposicións, representacións teatrais, espectáculos musicais, un certame artístico-literario e unha viaxe ao Courel.
26/04/2010. DINAMIZACIóN

Un mar de viñetas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo promove o programa de dinamización lingüística “Un mar de viñetas”, co ánimo de favorecer o achegamento dos mozos e mozas á lectura en galego empregando a banda deseñada como ferramenta didáctica.

O programa, dirixido a escolares e profesorado de Vigo, inclúe obradoiros de banda deseñada para escolares, clases maxistrais para o profesorado, exposicións e mais un concurso.
26/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego

A Axencia Galega de Industrias Culturais convoca subvencións para a escrita e produción de proxectos en versión orixinal galega, entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega, co obxectivo de estimular a creación de novos profesionais da industria audiovisual.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

23/04/2010. DINAMIZACIóN

Meu. Coñecéndonos, descubríndonos

O Concello de Vigo, a través das áreas de Cultura, Xuventude, Normalización Lingüística, Patrimonio Histórico e Verbum, presenta o programa “Meu. Coñecéndonos, descubríndonos”, que ten como principal obxectivo que a cidadanía coñeza o patrimonio cultural, lingüístico, histórico e paisaxístico da cidade.

No marco deste programa desenvolveranse ao longo deste ano, entre outras actividades, campamentos de verán, roteiros pola cidade, xogos didácticos ou un programa de televisión sobre toponimia.

22/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do uso do galego na Administración local

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas a fomentar a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como o desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística naqueles concellos que carezan de servizo.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.