Novas da lingua

Rexistros4141 a 4170 de 4427
21/04/2010. DINAMIZACIóN

Bota a andar a terceira edición da campaña “O galego medra contigo!”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta a terceira edición da campaña “O galego medra contigo!”, que nesta ocasión ten como fío condutor o libro Paula e as palabras que levou o vento, de Xosé Carlos Cermeño.

O obxectivo da campaña é festexar o Mes das Letras, transmitíndolles ás familias a importancia da transmisión interxeracional da lingua galega.

O programa inclúe, entre outras actividades, obradoiros lúdicos, espectáculos musicais e contacontos.

Ademais, distribuirase entre as familias unha proposta de actividades para desenvolver na casa.

Se desexa máis información, prema aquí.


21/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premios ao desenvolvemento de novos contidos para a internet en lingua galega

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica fai pública a convocatoria de 32 premios destinados a promover o desenvolvemento de novos contidos para a internet en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

21/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para accións de normalización lingüística no Concello da Coruña

O Concello da Coruña publica, no BOP do 21 de abril de 2010, a convocatoria de subvencións destinadas á participación da mocidade (inclúense como subvencionables os proxectos xuvenís de promoción da cultura e lingua galega) e mais a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro para realizaren accións de normalización lingüística
(anexos).

En ambas as convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

20/04/2010. INVESTIGACIóN

Manual básico de documentación administrativa e xurídica

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Escola Galega de Administración Pública presentan o Manual básico de documentación administrativa e xurídica, co ánimo de achegarlle ao persoal da Administración unha guía que lle axude a adecuar os seus escritos a uns modelos de simplificación e claridade das linguaxes administrativa e xurídica, facilitando así as súas relacións coa cidadanía.

A publicación estrutúrase en catro bloques: Guía rápida para a redacción administrativa e xurídica, Modelos comentados de documentos administrativos, Modelos comentados de documentos xurídicos e Bibliografía seleccionada.
20/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais convoca axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. Con estas axudas preténdese fomentar unha das fases esenciais da produción audiovisual, como é a da selección da historia e a posta a punto dos aspectos orzamentarios e de guión.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

20/04/2010. CURSOS E CONGRESOS

Martes, mércores, xoves... tamén en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña organiza as xornadas Martes, mércores, xoves... tamén en galego, que se desenvolverán durante os días 27 e 28 de abril, e 5, 6, 12, e 19 de maio no Salón de Actos da Facultade.

A inscrición é gratuíta e debe formalizarse na Secretaría do Decanato (2º andar) da Facultade de Ciencias da Educación.
20/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Concursos para festexar as Letras Galegas no Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos, a través dos seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza, en colaboración cos centros de ensino do municipio, dúas actividades destinadas a fomentar os usos escritos da lingua galega, así como a recuperación da súa tradición oral.

As actividades consisten nun concurso de redacción sobre o Día das Letras Galegas ou sobre a figura de Uxío Novoneyra, destinado ao alumnado de primaria de Betanzos, e nun concurso de recollida de tradición oral da Comarca das Mariñas, destinado ao alumnado de secundaria.

O prazo para participar en ambos os concursos remata o vindeiro 10 de maio de 2010.
19/04/2010. INVESTIGACIóN

As sete peneiras. Saber ler axiña todas as linguas románicas

Área de Filoloxía Catalá da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración do Departamento de Filoloxía Galega, organiza unhas xornadas de presentación do proxecto plurilingüe EuroCom, que se desenvolverán os días 19 e 20 de abril na Facultade de Filoloxía (USC).

EuroCom é un método de aprendizaxe simultánea de linguas europeas baseado na facilidade de intercomprensión dentro das tres grandes familias lingüísticas: as románicas (EuroComRom), eslavas (EuroComSlav) e xermánicas (EuroComGer).

As sete peneiras: saber ler axiña todas as linguas románicas (Shaker Verlag, 2009) é a versión galega de EuroComRom, que será presentada hoxe, 19 de abril, ás 18:00 horas, polos propios responsables da edición, Sabela Labraña e Ignacio Vázquez.

As xornadas terán continuidade mañá, 20 de abril, ás 11:00 h, coas intervencións de Tilbert D. Stegmann, autor do método, e de Esteve Clua, da Univesitat Pompeu Fabra, que realizará unha práctica didáctica.
16/04/2010. DINAMIZACIóN

Celébrase en Redondela a II Semana do libro

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, a Axencia de Lectura de Chapela e a Biblioteca Pública de Redondela organizan a II Semana do libro: a festa das palabras.

Trátase dunha mostra plurilingüe de libros, xornais e revistas nas diferentes linguas oficiais da Península, que ten como principal obxectivo divulgar a riqueza cultural e lingüística do noso contorno.

Os materiais estarán expostos na Alameda de Chapela, os días 19 e 20 de abril, nos soportais da Casa do Concello de Redondela os días 21, 22 e
23 de abril
e entrada do Multiusos da Xunqueira entre os días 26 e 30 de abril.

O programa inclúe tamén unha conferencia de Mª Xosé Queizán, que levará por título “O galego: orixe do portugués” e que terá lugar o 21 de abril, ás 20:00 h, na Casa da Cultura de Redondela.
16/04/2010. DINAMIZACIóN

Comeza o Correlingua 2010


Baixo o lema Galego: a forza do noso amor bota a andar unha nova edición do Correlingua, proposta lúdico-educativa que pretende convidar os centros de ensino e a mocidade galega en xeral a reivindicar publicamente a normalización do idioma galego.

O Correlingua comezará o vindeiro 3 de maio en Santiago de Compostela e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país, ata rematar en Vigo o día 14.

16/04/2010. INVESTIGACIóN

O IGE presenta novos datos de coñecemento e uso do idioma galego

O Instituto Galego de Estatística (IGE) achega no seu web os datos da Enquisa de condicións de vida das familias. Ano 2008, que se centrou, como xa acontecera no 2003, na análise do uso e coñecemento do idioma galego.

Tal e como salienta o propio IGE na súa nota de prensa o 56,4% da poboación fala maioritariamente en galego. Con todo, e no que se refire aos datos máis xerais, “en 2008 o 30% dos galegos fala habitualmente sempre en galego. Esta porcentaxe baixou 13
puntos con respecto ao ano 2003. Esta baixada provocou unha suba de 8,2 puntos na
porcentaxe dos que falan máis galego ca castelán, ata situarse no 26,4%. A porcentaxe dos
que habitualmente falan máis castelán que galego subiu 3,8 puntos ata acadar o 22,5% e a dos que falan sempre en castelán subiu 5 décimas ata o 20,1%.”

Se desexa acceder á totalidade dos datos, prema aquí.
15/04/2010. DINAMIZACIóN

Literatura na praza no Concello de Ames

Co gallo da vindeira conmemoración do Día do Libro (23 de abril), o Concello de Ames organiza este sábado, 17 de abril, a feira Literatura na praza, co ánimo de sacar os libros dos espazos pechados e levalos á rúa e, ao mesmo tempo, salientar a importancia da lectura como ben de intercambio cultural.


Ademais da exposición e venda de libros, o programa inclúe a intervención da contacontos Bea Campos (Migallas Teatro); a presentación da obra As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo; e mais un acto literario-musical consistente na lectura pública dos textos premiados no VI Certame Literario Concello de Ames e na actuación musical do dúo de zanfonas Samuel e Víctor.
15/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

I Premio “Rosalía de Castro” de Lingua

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña convoca o I Premio “Rosalía de Castro” de Lingua, que ten como principais obxectivos recoñecer a aquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza do galego na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral; así como manter viva a figura de Rosalía de Castro.

O galardón, que consistirá nunha figura acreditativa, entregarase o vindeiro 28 de maio, no transcurso da III Festa da Lingua, que organiza a Deputación da Coruña.

O prazo para a presentación de propostas é de 15 días, contados a partir da publicación das bases no BOP da Coruña.
13/04/2010. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames reedita a campaña Calidade en Galego

Logo da boa acollida que a iniciativa tivo o ano pasado, o Servizo de Normalización Lingüística e mais o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames reeditan a campaña Calidade en Galego, cos obxectivos de aproveitar as vantaxes que o sector comercial pode tirar do uso da lingua galega e asentar unha imaxe de marca común para todo o pequeno comercio amiense.

Os comercios que se inscriban nesta segunda fase, así coma os 200 que xa forma parte da rede Calidade en Galego dende o ano pasado, poderán participar nun obradoiro de atención ao público, ademais de recibir unha bolsa con material promocional para o establecemento.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Lingua de Amor 2010

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza unha nova edición do concurso Lingua de amor.

Trátase dun certame de cancións e declaracións de amor a través da rede pensado para promover o uso do galego nas actividades de lecer.

O concurso conta con dúas modalidades (“declaracións de amor en galego a través da rede” e “cancións de amor en lingua galega”) e no caso da modalidade de declaracións de amor estableceranse tamén dúas categorías, segundo a idade dos participantes.

A data límite para participar no certame é o 28 de maio de 2010.
Pode obter máis información no web da campaña.
13/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso de Redacción “A través das palabras…. Uxío Novoneyra”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón convoca o I Concurso de Redacción “A través das palabras... Uxío Novoneyra”, co ánimo de conmemorar o Día das Letras Galegas e mais o Día de Internet, que se celebrarán o vindeiro 17 de maio.

No certame establécense tres categorías: unha para o alumnado de educación primaria, outra para o de educación secundaria e unha terceira para os adultos maiores de 16 anos.

As redaccións deben recoller, entre outros contidos, a importancia do Día das Letras Galegas e mais de Uxío Novoneyra para a lingua e cultura galegas.

O prazo para o envío das composicións remata o 30 de abril de 2010 e estas deben ser enviadas a través do formulario web que o concello habilitou para a ocasión.
12/04/2010. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Miño

O Concello de Miño anuncia a convocatoria para a contratación temporal por interinidade dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección é o de oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de catro días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria nun diario comarcal. (La Opinión de A Coruña do 11 de abril de 2010).

Se o desexa, no web da CTNL pode consultar o texto completo da convocatoria.

09/04/2010. DINAMIZACIóN

Tes dereitos lingüísticos. Exérceos

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística, está a desenvolver a campaña Tes dereitos lingüísticos. Exérceos, co obxectivo de fomentar o uso do galego na administración e informar a cidadanía dos seus dereitos lingüísticos.

Ademais da distribución de materiais informativos, a campaña inclúe tamén diversas conferencias e accións formativas, tanto dirixidas aos/ás traballadores/as da administración como ao público xeral.

No web da Deputación da Coruña pode consultar o programa de accións formativas previstas ata o momento.
09/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a sexta edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

Outorgarase un único premio de 1200 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 3 de maio de 2010.
Se desexa consultar as bases, prema
aquí
.

09/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Igualando a lingua no Concello de Cee

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas 2010, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cee organiza o certame de relato curto “Igualando a lingua”, que ten como obxectivo fomentar a reflexión arredor da normalización lingüística e a importancia da igualdade entre linguas.

O concurso está dirixido a todas as persoas maiores de 18 anos.

O gañador/a recibirá un premio de 250 euros. Haberá tamén un segundo premio de 150 euros para o/a finalista e un accésit, que consistirá nun lote de libros.

O prazo de presentación dos relatos remata o 10 de maio de 2010.

Se desexa consultar as bases completas da convocatoria, prema aquí.

08/04/2010. DINAMIZACIóN

Cine galego e proxección exterior da lingua en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha sesión de cine galego, no marco da programación da Semana do Audiovisual Galego, que desenvolve en toda Galicia a Axencia Audiovisual Galega.

En Redondela proxectarase a curta de animación Stop explotación infantil (2008) e mais o documental Mulleres da raia (2008).
As proxeccións terán lugar o 8 de abril, ás 19:00 horas, no Auditorio do Multiusos da Xunqueira.

Outra das iniciativas que está a desenvolver na actualidade o SNL, desta volta en colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela, é a edición trilingüe dunha Guía do peregrino, co ánimo de promover a hostalaría e o comercio redondeláns no ano Xacobeo 2010 e, ao mesmo tempo, contribuír á proxección exterior da nosa lingua.
08/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para o desenvolvemento de contidos interactivos en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

08/04/2010. DINAMIZACIóN

O Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades para o mes de abril

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o seu programa de dinamización lingüística para este mes de abril de 2010.

O programa inclúe, entre outras actividades, o I Club de Debate, unha exposición sobre Brais Pinto, un obradoiro de hip hop e dous roteiros culturais pola cidade.

Para consultar o programa mensual completo, prema aquí.
04/08/2010. DINAMIZACIóN

Exposición Castelao e Nós no Círculo de Artesáns da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega organizan a exposición Castelao e Nós, co ánimo de conmemorar o 90 aniversario da inauguración do Álbum Nós no Círculo de Artesáns da Coruña.

A exposición estará aberta ao público do 6 ao 19 de abril de 2010 no Círculo de Artesáns da Coruña.

Como actividades complementarias, o 13 de abril, ás 20:00 h, proxectarase o vídeo Irmán Daniel e o 16 de abril, tamén ás 20:00 h, poderase asistir a A Galiza das Irmandades: un percorrido en imaxes, da man de Laura Mariño.

Se desexa máis información, prema aquí.


06/04/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre a Historia de Galicia no Concello de Zas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas organiza, en colaboración coa Deputación da Coruña, as Xornadas sobre a Historia de Galicia, que inclúen unha exposición e mais un ciclo de conferencias nos centros de ensino do concello.

A exposición, obra do ilustrador Pepe Carreiro, estará aberta ao público desde o día 5 ata o día 16 de abril no Anexo ao Polideportivo de Baio.

A iniciativa enmarcase nun proxecto de colaboración entre a Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e os servizos de normalización lingüística dos concellos de Teo, Zas, Boiro, Melide, A Coruña e Ferrol.

Se desexa consultar o calendario completo da exposición en todos estes municipios, prema aquí.
05/04/2010. CURSOS E CONGRESOS

Ponte...nas ondas! conmemora os seus 15 anos de actividade

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! organiza a XVI edición da súa xornada multimedia de comunicación interescolar, que se desenvolverá o vindeiro 16 de abril no museo Verbum (Vigo) baixo o lema “O tesouro dos avós”.

Así mesmo, co ánimo de conmemorar os seus 15 anos de actividade, Ponte...nas ondas! está a organizar tamén o congreso internacional Pontes de Cultura, Pontes de Futuro, concibido como un foro de reflexión sobre esta experiencia educativa que naceu en 1995 grazas á cooperación entre escolas de Galicia e do norte de Portugal.

O congreso terá lugar os días 23 e 24 de abril en Vigo (museo Verbum) e rematará o 25 de abril en Melgaço coa presentación dun libro-disco sobre as cantigas de amigo e un concerto no que actuarán Socorro Lira, Joao Afonso e Uxía Senlle.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/04/2010. DINAMIZACIóN

I Ciclo de Cine Documental: unha ollada ao social galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan o I Ciclo de Cine Documental: unha ollada ao social galego.


As proxeccións terán lugar entre o 14 e o 29 de abril de 2010 no Salón de Actos da Facultade de Socioloxía.

Como actividade complementaria, convócase o I Premio de Ensaio sobre Temática Social, cuxas bases se publicarán en breve.
05/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español

Os departamentos responsables da política lingüística dos gobernos de Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears entregaron, no
marco do protocolo de colaboración que manteñen, o Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español.

A entidade galardoada nesta segunda edición foi a empresa Eroski, pola integración da diversidade lingüística na súa política empresarial desde a década dos 70, co obxectivo de mellorar a atención aos seus clientes e de asumir como responsabilidade social propia o respecto pola diversidade cultural dos diferentes territorios nos que está implantada a empresa.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción de curtametraxes e videoclips en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega ou videoclips producidos por empresas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
29/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

VII Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a sétima edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en galego.

O prazo de presentación de orixinais remata o 17 de abril de 2010.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.