Novas da lingua

Rexistros4171 a 4200 de 5280
14/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG entregaron o pasado venres, 11 de decembro, os XVI Premios á Publicidade en Galego. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na categoría de radio, a campaña gañadora foi "Onda Cero Galicia", elaborada e presentada por Onda Cero Radio. No ámbito da televisión, o gañador foi o anuncio de R-Cable Galicia “Cámbiache o conto”, elaborado pola axencia Oceanográfico e emitido pola TVG. Polo que respecta ao premio na modalidade de internet, nesta ocasión o xurado decidiu deixalo deserto.
11/12/2009. DINAMIZACIóN

Da mañá á noite, Convers-ando

O colectivo CambiaGalicia organiza a actividade Da mañá á noite Convers-ando, que se desenvolverá mañá, 12 de decembro de 2009, en Vigo.

Entre os principais obxectivos da iniciativa están o de romper prexuízos cara á lingua a partir do diálogo e o de provocar unha reflexión que leve ao uso e defensa do galego nas persoas participantes.

Ao longo da xornada desenvolveranse, entre outras actividades, safaris fotográficos, obradoiros de monólogos, xogos infantís e actuacións musicais.
11/12/2009. DINAMIZACIóN

En galego, consumo gusto

O Foro Enrique Peinador e mais a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística están a promover a campaña “En galego, consumo gusto”, co ánimo de alentar os consumidores na utilización de produtos con denominación de orixe etiquetados en lingua galega, como sinal de garantía de orixe.

A iniciativa foi presentada no marco da xornada Empresa e identidade, que organizou o Foro Enrique Peinador o pasado día 26 de novembro co obxectivo de poñer en valor o esforzo e o compromiso das empresas galegas que etiquetan na lingua propia de Galicia os seus produtos.

Se desexa máis información, prema aquí.

10/12/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Simposio Internacional Ecolingua

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) organiza o I Simposio Internacional Ecolingua, que terá lugar os vindeiros días 17, 18 e 19 de decembro no Centro Social Caixanova de Vigo.

Ao longo destas tres xornadas abordaranse, entre outros, os seguintes temas: a coexistencia de linguas: de problema a oportunidade; Galicia como realidade plurilingüe: unha vantaxe comparativa; o rol de cada lingua nun país plurilingüe e o papel do galego como referente colectivo e elemento de cohesión social.

O prazo de matrícula remata o vindeiro 16 de decembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
10/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

III Concurso de cartas aos reis magos no Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o III Concurso de cartas aos reis magos.
Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas, escritas en galego, nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello antes do vindeiro 29 de decembro.

Os reis magos contestarán todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios.

10/12/2009. OUTRAS

Convenio de colaboración para a promoción do uso do galego na Administración local

O Consello da Xunta do pasado xoves, 3 de decembro, aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para a promoción do uso do galego nas entidades locais.

A través deste convenio a FEGAMP distribuirá ás entidades locais que conten con servizos locais de normalización lingüística a data de 15 de novembro de 2009, unha axuda lineal destinada a sufragar os gastos xerados en dito concepto.



04/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios a proxectos de innovación en normalización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa fan pública a resolución da convocatoria de premios a proxectos de innovación en normalización lingüística para o curso 2009-2010.

A finalidade destes premios é fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que favorezan a extensión do uso do galego. Os proxectos premiados serán difundidos no web da SXPL.

Para coñecer a listaxe dos centros de ensino gañadores, prema aquí.

04/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios Anticiclón e Borrasca na Comarca do Barbanza

A Coordinadora de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística do Barbanza fixo públicos os premios anuais de normalización na comarca.

O Premio Anticiclón, concedido á entidade que máis promove o galego, recaeu no Centro Comercial aberto O Deán (A Pobra do Caramiñal), polo uso normal e cotiá do galego nas tendas que o conforman. Pola contra, o Premio Borrasca foi nesta ocasión para o Centro Comercial Haley (de Ribeira e outras localidades, pertencente ao Grupo GADISA), por obviar case por completo a nosa lingua e por empregar o topónimo deturpado.
03/12/2009. LEXISLACIóN

Novos recursos para a normalización lingüística no ámbito xurídico

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela presenta dous novos recursos en liña destinados a promover o uso do galego no ámbito xurídico.

Trátase concretamente do proxecto Formularios procesuais en lingua galega, que consiste na tradución e renovación dos escritos máis habituais da práctica da avogacía, e mais do web As leis en galego, que compila textos legais publicados no noso idioma.

03/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica, no DOG do 26 de novembro de 2009, as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para galego de obras publicadas noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

02/12/2009. DINAMIZACIóN

Un Nadal de agasallos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cerceda presenta unha guía de agasallos culturais (libros, cedés, filmes...) co ánimo de axudarnos a cumprir cos compromisos do Nadal.

O criterio de selección foi a máxima calidade dos produtos, así como o feito de empregaren o galego como lingua vehicular.


02/12/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oleiros

O Concello de Oleiros anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

02/12/2009. DINAMIZACIóN

Dinamizando o tempo de Nadal

Co obxectivo de dinamizar o uso do galego entre a infancia, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña elaborou un modelo de carta aos Reis Magos e mais unha unidade didáctica para que os máis pequenos poidan pedir os seus agasallos.

A carta está deseñada utilizando fragmentos de obras de artistas plásticos coruñeses. A unidade didáctica pretende fomentar a creatividade e o uso do galego entre os máis novos, así como promover valores como o consumo responsable e o respecto ao medio.

Se desexa máis información, prema aquí.

02/12/2009. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital do mes de novembro

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; a nova sobre o traballo gañador do III Premio á excelencia lingüística ou a presentación da convocatoria dos “Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación”.
26/11/2009. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia

A amplitude e intensidade que están adquirindo os debates sobre a lingua en Galicia, e moi particularmente a súa relevancia política, levou ao Consello da Cultura Galega a considerar a necesidade de establecer foros de reflexión sobre a situación sociolingüística galega.

O seminario desenvolverase en catro sesións, ao longo dos meses de decembro de 2009 a xuño de 2010, e cada unha delas xirará arredor de varios temas monográficos.

Na primeira das sesións, que terá lugar o vindeiro martes 1 de decembro, analizarase a situación sociolingüística actual. Os relatorios correrán a cargo de Albert Branchadell, Fermín Bouza, Antón Losada e Mauro Fernández.

Para coñecer o programa completo do seminario, prema aquí.

24/11/2009. OUTRAS

Obxectivos e métodos para unha reparación textual eficiente

A CTNL presenta a colección Documentos CTNL, co obxectivo de elaborar, compilar e difundir materiais de referencia para o apoio, análise e proposta sobre o traballo en normalización lingüística.

O documento co que se inicia esta serie é «Revisar a corrección. Obxectivos e métodos para unha reparación textual eficiente nos servizos de normalización lingüística», de Manuel Bermúdez Blanco, responsable técnico da Área de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Para ampliar esta información, prema aquí.
20/11/2009. LEXISLACIóN

Declaración institucional do Consello da Cultura Galega ante a situación actual do idioma galego

O Consello da Cultura Galega acordou, na súa sesión plenaria do pasado día 17 de novembro de 2009, dirixirse ao Parlamento de Galicia para propoñerlle a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística, proposta que debera elaborarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura.

Se quere coñecer o documento completo, prema aquí.
20/11/2009. EMPREGO

Praza de profesor contratado doutor na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo anuncia a convocatoria pública dunha praza de profesor contratado doutor, adscrito ao Departamento de Tradución e Lingüística, que terá que desenvolver actividades docentes e investigadoras relacionadas coa introdución á Sociolingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
20/11/2009. DINAMIZACIóN

A Comedia Bífida en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela anuncia a representación teatral da obra Comedia Bífida, que correrá a cargo da compañía Nobicarelo Teatro e que ten como obxectivo achegar a toda a cidadanía unha reflexión lúdica sobre os prexuízos lingüísticos aínda existentes na actualidade.

A posta en escena terá lugar hoxe venres 20 de novembro de 2009, ás 20:00 horas, no Auditorio do Multiusos da Xunqueira (Redondela).

Se desexa máis información, prema aquí.
20/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de postais de Nadal no Concello da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o I Concurso infantil de postais de Nadal, destinado a todos os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos centros de ensino do concello.

O tema dos debuxos debe ser “O Nadal en galego” e o prazo de entrega dos traballos remata o 11 de decembro de 2009.
20/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o premio Xoán Manuel Pintos 2009

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) anunciaron a resolución do Premio Xoán Manuel Pintos 2009, que nesta edición foi outorgado á empresa Reizentolo e mais ás Romaxes de Crentes Galegos/as.

O obxectivo deste premio é recoñecer o labor daquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua na sociedade e ao mesmo tempo manter viva a figura do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos.

A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 23 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/11/2009. EMPREGO

Bolsas de colaboración na ANL da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca catro bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística. Os solicitantes deben cumprir como requisito ser estudades de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2008/09.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 18 de novembro de 2009, ás 14.00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí
13/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

X Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago convocan a décima edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo e compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego.
As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 30 de novembro de 2009.

13/11/2009. DINAMIZACIóN

Pequeno dicionario plurilingüe de galego para turistas

O Concello de Vigo edita o Pequeno dicionario plurilingüe de galego para turistas, co ánimo de facilitarlles ás persoas que visitan a cidade unha pequena introdución á nosa lingua e darlle visibilidade ao galego como lingua propia do concello.

O dicionario recolle 170 palabras e expresións en galego traducidas a castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés, francés, italiano e alemán.
13/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premio para a “Festa da Palabra” de Redondela

A Biblioteca Pública de Redondela e mais a Axencia de lectura de Chapela acaban de recibir o Premio María Moliner de animación á lectura do ano 2009, polo seu proxecto A Semana do Libro: a Festa da Palabra, desenvolvido en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do concello.

Trátase dun recoñecemento que outorga o Ministerio de Cultura, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/11/2009. DINAMIZACIóN

En galego tamén noutros mundos

As concellarías de Normalización Lingüística e mais de Benestar Social do Concello de Vigo están a organizar o programa de actividades En galego tamén noutros mundos, que ten como obxectivo facilitar a integración sociocultural e lingüística da poboación inmigrante a través do coñecemento mutuo.

A primeira actividade deste programa será unha festa multicultural, que se celebrará o sábado 14 de novembro nas prazas do Berbés e O Progreso. Ao longo desta xornada desenvolveranse degustacións culinarias, un taller de caligrafía árabe, un contacontos mexicano, xogos tradicionais galegos e baile.
13/11/2009. DINAMIZACIóN

Oito concellos galegos asinan a “Declaración de Mondariz Balneario”

Co gallo da conmemoración do 50 cabodano do pasamento de Ramón Cabanillas, os concellos de Cambados, Cuntis, Dozón, Moaña, Mos, Redondela, Silleda e Mondariz-Balneario, nos que traballou o escritor, decidiron honrar a súa memoria asinando a Declaración de Mondariz Balneario.

Coa sinatura deste documento, os rexedores dos oito concellos reafirman a súa vontade de seguir impulsando o galego como lingua propia da Administración local, ao tempo que reivindican o importante papel que as corporacións locais deben xogar no proceso de normalización lingüística en Galicia.
13/11/2009. DINAMIZACIóN

Sarmenteiros, nova coordinadora comarcal de ENDL

A comezos deste mesmo mes de novembro constituíuse en Pontevedra Sarmenteiros, unha nova coordinadora comarcal de equipos de normalización e dinamización lingüística, que terá como obxectivo prioritario coordinar as actividades de promoción do galego que desenvolvan os centros educativos que a integran.

A coordinadora dispón tamén dun blogue, no que irá difundindo as iniciativas que desenvolva, así como información de interese para os seus membros.

05/11/2009. DINAMIZACIóN

Galego, lingua de liberdade

A plataforma Galego. Patrimonio da Humanidade organiza o acto cívico “Lingua de liberdade”, que terá lugar o sábado 14 de novembro, a partir das 12:00 h, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

O acto estará conducido por Cándido Pazó e nel intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza.

05/11/2009. DINAMIZACIóN

Outono audiovisual na Coruña

A Concellaría de Xuventude, Solidariedade e Normalización Lingüística presenta o ciclo de curtametraxes en galego “Outono Audiovisual”, que se desenvolverá os sábados do mes de novembro en diferentes locais sociais da Coruña.

A primeira sesión terá lugar o vindeiro sábado, 7 de novembro, ás 20:00 h, no Centro Social Sagrada Familia.
As seguintes desenvolveranse na Asociación Tempo Novo (14 de novembro), no Centro Cívico Mariñeiros (21 de novembro) e no Liceo de Artesáns de Monelos (28 de novembro).