Novas da lingua

Rexistros421 a 450 de 5436
28/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Aulas de galego para a poboación inmigrante do concello de Silleda

O Concello de Silleda organiza unha nova edición do Programa Anduriña, unha iniciativa de alfabetización e inserción sociocultural da poboación inmigrante empadroada no concello. O programa inclúe aulas de aprendizaxe de lingua castelá e mais de lingua galega, tanto para poboación adulta como infantil. As sesións comezarán o vindeiro mes de abril, despois da Semana Santa. As aulas de galego para poboación adulta terán lugar na Casa da Xuventude, os xoves de 10:00 h a 12:00 h. As aulas para poboación infantil organizaranse en dúas quendas: un grupo asistirá os xoves de 19:15 h a 20:15 h e o outro, os venres de 19:30 h a 20:30 horas.

Para formalizar a inscrición debes poñerte en contacto co Departamento de Benestar do Concello de Silleda (986 59 20 37).

No xornal Ecos da Comarca tes máis información sobre esta iniciativa.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

O alumnado de Carballo coñece a microtoponimia urbana do seu concello

No marco do proxecto “Carballo na memoria”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo está a organizar unha serie de rutas pola microtoponimia urbana do concello, guiadas polo profesor, escritor e experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles. Nesta iniciativa participan máis de 150 estudantes de 4º da ESO e 1º de bacharelato matriculados en diferentes centros de ensino do municipio, que teñen a oportunidade de coñecer a historia dos nomes dos lugares da súa contorna.

Se o precisas, na páxina web do Concello de Carballo tes máis información.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

O ILG convoca o alumnado de Filoloxía a participar no Validatón 2025

O Instituto da Lingua Galega (USC) organiza o Validatón 2025, unha competición deseñada para contribuír á creación de recursos para o galego na plataforma Common Voice. A iniciativa está dirixida ao alumnado das titulacións de Filoloxía e desenvolverase en dúas fases: unha fase en liña (do 31 de marzo ao 10 de abril ás 12.00 h) e unha fase presencial (o 10 de abril na sede do Instituto da Lingua Galega). Así mesmo, os participantes poderán competir en tres categorías: gravación de fragmentos (en liña); validación de audios (en liña); e xeración de frases (presencial).

Haberá agasallos para todas as persoas participantes. A maiores, outorgaráselle un premio de 50 euros ao campión ou campioa de cada categoría. O campión ou campioa global (quen máis contribucións realice no total das tres categorías) recibirá un premio de 75 euros.

Na páxina web do ILG tes toda a información sobre esta actividade.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

O programa “Ben veñas, maio” premiará o talento artístico da mocidade pontevedresa

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra presentan unha nova edición do programa multidisciplinar de certames "Ben veñas, maio", dirixido ao alumnado matriculado nos institutos públicos do concello, co obxectivo de fomentar a creatividade artística e cultural en galego entre a mocidade.

Ao abeiro deste programa organizaranse certames nas seguintes modalidades: vídeos de Tik Tok e reels de Instagram; música; curtametraxes; fotografía; banda deseñada; narración curta; e poesía. O prazo de presentación dos traballos remata o 20 de abril de 2025.

Para obter máis información e consultar as bases completas, preme aquí.
27/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de pitching en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago organiza o Obradoiro de pitching en galego, no que os asistentes recibirán formación práctica sobre habilidades comunicativas e oratoria orientada á realización de pitchings, como ferramenta clave para a procura de financiamento e a venda de proxectos audivisuais e xornalísticos.

O obradoiro será impartido por Silvia Fuentes, produtora en Sétima; e Rosa Moledo, tradutora e asesora lingüística. As sesións terán lugar os días 8 e 9 de abril de 2025 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A matrícula é de balde pero cómpre inscrición previa.

Podes ampliar información premendo aquí.
27/03/2025. DINAMIZACIóN

Volve o Tándem Lingüístico da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría de Internacionalización da Universidade de Vigo, en colaboración co Centro de Linguas, presentan unha nova edición do programa Tándem lingüístico, dirixido a toda a súa comunidade universitaria: PDI, PTXAS e alumnado. O obxectivo é poñer en contacto a persoas que falan diferentes linguas (alemán, árabe, chinés, italiano, francés….) con membros da comunidade universitaria que queiran practicar algún destes idiomas e ao tempo compartir con elas os seus coñecementos de galego e castelán.

Todas as persoas interesadas poden rexistrarse neste formulario en liña.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
26/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia convoca as bases reguladoras de dúas liñas de axudas para o libro galego, unha delas dirixida á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e outra dirixida á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

En ambos os dous casos, o prazo de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación das respectivas convocatorias.
25/03/2025. DINAMIZACIóN

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! celebra o seu 30 aniversario

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! celebrará mañá, 26 de marzo de 2025, o seu 30 aniversario cunha festa na que participarán 70 centros educativos galegos e portugueses de ensino primario, secundario e universitario. O evento consistirá nunha retransmisión “radiovisual” de catro horas de duración, que contará con nove puntos de emisión en directo. Ademais do alumnado, participarán artistas galegos/as e portugueses/as e tamén portadores/as do patrimonio cultural inmaterial (redeiras, alfareiros, contadores, regueifeiros…).

A retransmisión poderá seguirse en directo desde a páxina web de Ponte... nas Ondas! e o portal Escolas nas ondas.

Se precisas máis información, preme aquí.
25/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

O curso de autoaprendizaxe Celga 2 xa ten os contidos adaptados á lectura fácil

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia que o curso de autoaprendizaxe Celga 2, ao que se poderá acceder a través da Plataforma de Teleformación da Lingua Galega, xa ten os seus contidos adaptados á lectura fácil, co obxectivo de facelos accesibles a persoas adultas con dificultades lectoras e/ou discapacidades cognitivas. Neste proceso a Secretaría Xeral da Lingua contou co apoio formativo e de asesoramento de FADEMGA (Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento de Galicia).

Podes ampliar información premendo aquí.
21/03/2025. DINAMIZACIóN

A USC premia a divulgación científica en galego entre o alumnado de ensino medio

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a cuarta edición do certame Petiscos de ciencia, co obxectivo de atraer o interese do estudantado de ensinanza secundaria e formación profesional cara á actividade científica e formentar a creación de recursos de divulgación científica en galego. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de outubro de 2025.

Pola súa parte, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC convoca a XIII Edición do Concurso Explícoche Matemáticas 2.0, dirixido tamén a alumnado de ensino medio, para promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes breves nas que se explique en galego un concepto matemático. Neste caso, o prazo de presentación de traballos remata o 30 de abril de 2025.

Na páxina web do SNL da USC podes obter máis información sobre estas inciativas:
-Petiscos de ciencia 2025
-XIII Concurso Explícoche Matemáticas 2.0
21/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza as III Xornadas sobre bilingüismo: o uso do galego na actividade profesional da psicoloxía, nas que se tratarán os beneficios e a necesidade de usar o galego con pacientes galegofalantes no ámbito profesional da psicoloxía. As sesións terán lugar o 24 de abril de 2025, a partir das 16:30 h, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 23 de abril.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
21/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

Premios de poesía, relato curto e tradución na UVigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca os Premios de poesía, relato curto e tradución 2025, dirixidos a todos os membros da comunidade da Universidade de Vigo en activo. Os orixinais deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). O certame está dotado con 700 € para o primeiro premio e dous accésits de 250 € en cada unha das tres categorías. O prazo de admisións de orixinais remata o día 21 de abril de 2025, ás 14:00 h.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
18/03/2025. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia presenta o programa de dinamización lingüística “Falamos+”

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presentou o novo programa de dinamización lingüística “Falamos+”, que se está a desenvolver en dez centros educativos das catro provincias galegas baixo a coordinación da profesora Pilar Ponte.

A duración do programa será de 15 días lectivos, entre o 10 e o 28 de marzo de 2025. O obxectivo é promover o uso activo do idioma galego entre o alumnado de educación infantil e primaria a través de propostas lúdicas que se desenvolven nos tempos de lecer da xornada lectiva.

Na páxina de Facebook da iniciativa podes coñecer as diferentes actividades que se están a realizar.
18/03/2025. EMPREGO

Convocatoria de bolsa de emprego para a contratación de normalizador/a lingüístico/a no Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos publica as bases e a convocatoria do proceso selectivo para a constitución dunha bolsa de emprego para a provisión, como persoal laboral temporal, do posto de técnico/a de normalización lingüística (grupo I). O sistema de selección é o concurso-oposición. As persoas aspirantes deben estar en posesión, ou en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes, do título académico de licenciatura, grao ou equivalente, na especialidade “Lingua e Literatura Galegas”.

O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles, contados dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña.
14/03/2025. INVESTIGACIóN

A USC presenta un glosario cos termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta o glosario en liña Termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias, elaborado a partir do HTA Glossary, da Rede Internacional de Axencias para a Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (INAHTA) e a rede de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias internacional (HTAi).

A avaliación de tecnoloxías sanitarias é unha disciplina dedicada a analizar sistematicamente a eficacia, seguridade, custo-efectividade e outros aspectos relevantes social e eticamente dunha tecnoloxía sanitaria para os pacientes, a cidadanía e o sistema sanitario. Polo carácter transversal da disciplina, neste glosario atoparás termos relacionados coas ciencias da saúde e tamén doutras disciplinas, como a estatística, a economía, a socioloxía ou o dereito.

No Xornal da USC podes ampliar información.
13/03/2025. DINAMIZACIóN

Musical en galego para conmemorar o Día Mundial da Auga en Noia

O domingo 23 de marzo de 2025, ás 20 horas, terá lugar no Coliseo Noela (Noia) o musical en galego “Odisea a través do tempo”. A obra, que trata a problemática da auga ao longo do tempo, foi deseñada no marco dos proxectos didácticos “eCO2Rivers“ e “Cinco Climas entre os Ríos e os Barrancos do Cambio Climático”, coordinados desde o IES Virxe do Mar, de Noia. A asistencia é gratuíta e aberta ao público xeral. As entradas ao espectáculo son de balde e pódelas conseguir a través deste formulario.

Ao día seguinte, o luns 24 de marzo, haberá unha segunda función para os centros educativos participantes nos proxectos, así como unha sesión de conferencias coloquio nas que participarán o catedrático de Medicina Legal da USC Ángel Carrecedo, co relatorio Xenes e cambio climático; e a cantante, filóloga e antropóloga María Xosé Silvar (Sés), co relatorio Unha visión do musical “Odisea a través do tempo” dende a antropoloxía social.

O evento está organizado polo IES Virxe do Mar, o Concello de Noia, o Conservatorio municipal de Noia e a Escola de Danza Oitos, co patrocinio da Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, para conmemorar o Día Mundial da Auga.
12/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, un deles dirixido a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) e outro para aquelas que xa realizaron unha primeira aproximación e que desexan continuar a súa formación (nivel continuación). As sesións desenvolveranse entre o 26 de marzo e o 25 de xuño de 2025. A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 24 de marzo, ás 12:00 h.

Para ampliar información preme aquí.
11/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Real Academia Galega presentou en Cerceda a Primavera das Letras 2025

A Real Academia Galega presentou en Cerceda a nova edición do seu proxecto didáctico Primavera das Letras, que este ano está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, protagonistas das Letras Galegas 2025. O acto de presentación tivo lugar no CEIP Celso Emilio Ferreiro, cuxo alumnado participou na representación da obra As Ferreñas (En vivo e en directo), autoría de Paula Carballeira.

No sitio web do proxecto atoparás diferentes materiais lúdicos e didácticos para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, entre os que destacamos precisamente este divertido texto de Paula Carballeira ilustrado por Nuria Díaz.

Para ampliar información, preme aquí.
11/03/2025. DINAMIZACIóN

O alumnado berciano conmemora o Día do Galego no Bierzo

O pasado domingo 9 de marzo, data na que se conmemora o Día do Galego no Bierzo, deron comezo as XVII Xornadas Martín Sarmiento, organizadas pola Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León, a Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo e diferentes concellos e entidades culturais da comarca. Nesta ocasión as xornadas inauguráronse cun acto de irmandade entre Antonio Fernández Morales e Rosalía de Castro, que consistiu na plantación dunha figueira da Casa de Rosalía de Castro en Cacabelos. Ese mesmo día tivo lugar unha charla sobre a recuperación da toponimia no Bierzo occidental.

Ao día seguinte, 10 de marzo, os protagonistas foron os intercambios didácticos e lúdicos entre os centros educativos bercianos que participan no programa de galego.

No transcurso destas xornadas tamén tivo lugar a entrega da IV edición dos Premios Antonio Fernández Morales e a convocatoria da V edición.
07/03/2025. OUTRAS

Volve a revista LongaLingua en formato dixital

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego retoman a edición de LongaLingua, unha publicación que estivo aberta en formato papel entre os anos 2006 e 2010 e que agora volve en formato dixital e podcast, dirixida pola xornalista Eva Fernández Prieto.

A revista contará con análises sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos realizadas por persoas expertas, e os artigos completaranse cunha serie de videopodcast que estarán dispoñíbeis en diferentes plataformas como Spotify e Youtube. A profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro será a encargada de inaugurar a serie de análises, cunha achega que se publicará este mesmo venres, 7 de marzo de 2025.
07/03/2025. DINAMIZACIóN

Segunda convocatoria do distintivo “Gal Ego” para facultades e escolas da UVigo

A Universidade de Vigo publica a segunda convocatoria do distinto de galeguización “Gal Ego”, co obxectivo de outorgar un recoñecemento público a aquelas facultades e escolas máis implicadas no uso do galego.

O distintivo de galeguización terá unha vixencia de catro anos (2025-2029), tras os que o centro deberá presentarse de novo a esta convocatoria se o quere renovar. A maiores, o distintivo vai acompañado dunha contía económica de 3.000 euros, que a dirección da facultade ou da escola debe empregar en actividades ou iniciativas que fomenten o uso do galego.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro 31 de marzo de 2025.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
07/03/2025. OUTRAS

Convocatoria de probas para a obtención dos certificados Celga

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4. Poderán presentarse todas as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid en maio de 2025. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/03/2025. DINAMIZACIóN

A primavera chega á Coruña con moito Apego á lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta o programa de actividades que van desenvolverse no vindeiro trimestre (marzo, abril e maio de 2025) no marco do proxecto Apego, deseñado para fomentar a socialización en galego dos nenos/as de 0 a 6 anos. A programación inclúe música, teatro, monicreques, narración oral, arrolos e obradoiros didácticos. As actividades terán lugar no Centro Ágora e cada neno/a terá que ir acompañado/a por unha persoa adulta.

Para ampliar información preme aquí.
06/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, para desenvolver iniciativas durante o ano 2025 que contribúan á promoción do uso da lingua galega, á mellora do seu prestixio e á súa dinamización social; así como para a realización de estudos sociolingüísticos, ou publicacións e xornadas sobre toponimia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
06/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos para persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca diferentes actividades formativas para o persoal da Administración local. Entre os cursos ofertados inclúese o Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, que se desenvolverá na modalidade de formación entre o 5 e o 19 de maio de 2025.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de marzo de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
05/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

XXXV Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras"

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela convocan a trixésimo quinta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", dirixidos a alumnado de fóra de Galicia que quere aprender galego e familiarizarse coa nosa cultura. Os cursos desenvolveranse entre o 3 e o 24 de xullo de 2025, e están organizados en diferentes niveis: elemental, medio e superior.

O prazo para a recepción de solicitudes remata o 4 de abril de 2025.

Para ampliar información sobre o programa e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
04/03/2025. OUTRAS

Un país coa súa lingua: inscrición na mesa “Administración, xustiza e servizos públicos”

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente ao segundo debate do foro Un país coa súa lingua, que nesta ocasión se centrará na formulación de propostas para mellorar o uso efectivo da lingua galega en ámbitos como a xustiza, a atención administrativa e os servizos básicos de carácter público. O debate, coordinado por Alba Nogueira e Dolores Vilavedra, terá lugar o vindeiro 20 de marzo, a partir das 16:00 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela).

A maiores da participación presencial, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.

Na páxina web do CCG podes ampliar información e acceder ao formulario de inscrición.
04/03/2025. DINAMIZACIóN

O VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio terá como eixo temático as cantareiras

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG), convoca o VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que este ano xirará arredor do tema das cantareiras e a poesía popular oral, co obxectivo de reivindicar a radio como ferramenta pedagóxica e poñer en valor o papel das mulleres na preservación da lingua galega.

Poderán participar no certame os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, das distintas tipoloxías, integrados ou non no programa Radio na biblio, que teñan unha emisora de radio escolar. Os participantes deben gravar un podcast en galego, en formato .mp3/.wav, que pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticiario, un faladoiro, un recital, un debate, un programa monográfico…, cunha duración mínima de 3 minutos e máxima de 5 minutos.

Outorgaranse oito premios (un por modalidade) cunha dotación económica de 1.250 euros cada un.

O prazo de solicitudes remata o 20 de marzo de 2025.

04/03/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia convoca axudas para a promoción do galego na Administración local

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para a promoción do galego durante o ano 2025. As axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. Poderán optar a estas axudas os concellos ou os agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
28/02/2025. OUTRAS

O galego poderá usarse nas sesións plenarias do Comité Económico e Social Europeo

O Comité Económico e Social Europeo (CESE), un órgano consultivo da Unión Europea, aprobou o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas intervencións dos seus membros nas sesións plenarias. Este acordo enmárcase no plan de negociacións que o Goberno de España está a manter para promover o uso das linguas cooficiais do Estado español na Unión Europea, tal e como anunciou o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación nun comunicado.

O CESE súmase deste xeito ao Consello da UE e ao Comité das Rexións, que tamén permiten intervir en galego, catalán e éuscaro nas súas sesións e plenos.