Novas da lingua

Rexistros4201 a 4230 de 4427
10/02/2010. OUTRAS

Encontro arredor das Bases do decreto de plurilingüismo

A Asociación Cultural Follas Novas de Ames, organiza, baixo o lema “Ten creto o decreto?”, un encontro con especialistas para analizar as consecuencias da aplicación das medidas propostas nas “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”.

No encontro, que terá lugar o mércores 10 de febreiro, ás
20:15 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns, participarán Xavier Ferreira Fernández, profesor da Facultade de Dereito da USC, José Manuel Vez Jeremías, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Francisco Fernández Rei, membro da RAG, e Bieito Silva Valdivia, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

09/02/2010. INVESTIGACIóN

En liña o Boletín de Sumarios 2009 do CDSG

O CDSG pon ao seu dispor o Boletín de Sumarios 2009, produto documental que inclúe os sumarios de 121 números de publicacións periódicas, correspondentes a 41 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o ano 2009.

Se desexa consultar a nosa colección completa de seriadas, prema aquí.

08/02/2010. OUTRAS

Probas para obtención dos certificados de lingua galega (Celga)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 para o 2010. Neste ano realizaranse tres convocatorias, dúas para Galicia, resto do Estado español e Europa (maio e novembro de 2010) e unha terceira para América (outubro de 2010).

Os prazos para a presentación de solicitudes rematan o 25 de marzo (convocatoria maio), o 30 de xuño (convocatoria de outubro) ou o 8 de outubro (convocatoria de novembro).

Se desexa máis información, prema aquí.

03/02/2010. DINAMIZACIóN

Cantalingua 2010

As entidades organizadoras do Correlingua (a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo), en colaboración co portal Komunikando.net, organizan o concurso musical Catalingua.

Os temas deberán ser orixinais e a temática das letras será completamente libre. Os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso participarán nos 11 concertos que se organizarán durante o Correlingua 2010.

O prazo para enviar as composicións remata o 10 de abril de 2010.
Se desexa consultar as bases do concurso, prema aquí.
03/02/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, dirixidos ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia.

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas e impartiranse en dúas quendas, unha que comezará en febreiro/marzo de 2010 e outra en outubro de 2010. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida.
Se desexa máis información, prema aquí
03/02/2010. DINAMIZACIóN

O Concello de Ferrol anima a festexar en galego o Día dos Namorados

Co gallo da celebración o vindeiro 14 de febreiro do Día dos Namorados, o Concello de Ferrol organiza un concurso de mensaxes de móbil (sms) en lingua galega dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos.

As mensaxes, que deben ser inéditas e non superar os 160 caracteres, teñen que enviarse ao número 654651791. A data límite para a recepción é o 12 de febreiro ao mediodía .

O premio consiste nunha cea para dous a propia noite do 14 de febreiro.
02/02/2010. LEXISLACIóN

Ditame do Consello da Cultura Galega sobre as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo”

O Consello da Cultura Galega aprobou, na súa sesión plenaria do 1 de febreiro de 2010, o seu ditame sobre as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, elaborado por pedimento do Goberno galego.

O informe foi elaborado previamente por unha comisión composta por Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez Blanco, Víctor Fernández Freixanes, José Antonio García Caridad, Ramón Máiz e Helena Villar Janeiro. Tamén participaron como asesores Felipe Ferreiro Feijoo e Bieito Silva Valdivia.

Se desexa consultar o texto completo do ditame, prema aquí.
02/02/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas “Compartimos unha cidade, compartimos as nosas linguas”

Hoxe, día 2 de febreiro de 2010, comezan en Vigo as xornadas “Compartimos unha cidade, compartimos as nosas linguas”, que se desenvolven no marco do programa de dinamización En galego, tamén noutros mundos.

As xornadas, organizadas polas concellarías de Normalización Lingüística e mais de Benestar Social do Concello de Vigo, terán continuidade os vindeiros días 9 e 23 de febreiro e 2 de marzo no auditorio da rúa Areal, das 17:00 ás 20:00 horas.

O obxectivo principal é dar a coñecer a realidade lingüística de Vigo e de Galicia, así como artellar camiños para a integración das persoas inmigrantes na cidade.

01/02/2010. INVESTIGACIóN

Nova Escola Galega, 25 anos na defensa do idioma

A asociación Nova Escola Galega presenta a publicación Nova Escola Galega e a lingua (1983-2008). 25 anos na defensa do idioma, volume colectivo elaborado co ánimo de conmemorar os seus 25 anos de traballo a prol do galego.

O obra, coordinada por Xosé Lastra Muruais, compila diferentes documentos sobre a normalización lingüística editados pola asociación nestes últimos 25 anos, así como artigos de expertos/as en materia lingüística ou achegas de entidades relacionadas coa promoción do idioma, entre elas o Consello da Cultura Galega.

No web da CTNL pode consultar o sumario completo da publicación.
01/02/2010. DINAMIZACIóN

En liña un novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o Cartafol Dixital correspondente ao mes de xaneiro.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación dos datos sobre o uso dos diferentes idiomas na docencia da USC neste curso 2009-2010, a análise sobre a polémica lingüística actual arredor do uso do galego no ensino ou a entrevista a Pilar Brocos, docente do Departamento de Física Aplicada da USC e gañadora do VI Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras.
01/02/2010. INVESTIGACIóN

Lingua de calidade

A editorial Xerais presenta Lingua de calidade, autoría do profesor da UDC Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O obra achega algunhas receitas para deter o proceso de deturpación castelanizadora da nosa lingua e para (re)construír un galego de calidade liberado de interferencias espurias.

Se ben a maior parte das recomendacións son de carácter lingüístico-gramatical (fonéticas, morfolóxicas, sintácticas, léxicas ou pragmáticas), o estudo tamén inclúe reflexións sociolingüísticas, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento da nosa autoestima lingüística.

01/02/2010. DINAMIZACIóN

O galego na Expolingua de París 2010

O vindeiro 3 de febreiro dará comezo a Expolingua de París 2010, unha feira internacional que leva 25 anos promovendo o multilingüismo, o estudo de linguas e a comunicación internacional.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia contará cun expositor (no pavillón 5.2 Porta de Versailles) no que se achegará información sobre a historia e situación actual do idioma galego, así como sobre os programas de aprendizaxe e mais a rede de lectorados e cátedras de estudos galegos no exterior.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
29/01/2010. DINAMIZACIóN

O galego en marcha cos autobuses de Pontevedra

Travibus Noroeste, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, o Foro Enrique Peinador e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron onte en Cambados unha nova campaña de normalización lingüística no ámbito empresarial.

A partir de agora as 36 empresas de autocares que conforman o grupo Travibus comprométense a usar o galego na súa imaxe corporativa, nos documentos administrativos e tamén no trato cos viaxeiros/as. Ademais, os/as usuarios/as de seis liñas, entre A Guarda e Vigo e entre Pontevedra e O Salnés, recibirán de agasallo unha das seis publicacións da colección “Relatos da paisaxe”, nas que se narra o patrimonio paisaxístico que o/a viaxeiro/a pode ver desde a ventá.

Se desexa máis información, prema aquí.
29/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para preparar os Celga

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de lingua galega preparatorios para a obtención dos certificados Celga (niveis 1, 2, 3 e 4).

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas de Galicia e impartiranse en dúas quendas, unha que terá lugar no 2º cuadrimestre de 2009-2010 e outra no 1º cuadrimestre de 2010-2011. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida.

Se desexa máis información, prema aquí.
27/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias

O Consello da Cultura Galega organiza, os vindeiros 22 e 23 de febreiro de 2010, as Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Ao longo destas dúas sesións abordaranse cuestións como os principios e obxectivos da CELMR, o réxime de protección do ensino, a intervención lingüística na vida económica e social ou os intercambios transfronteirizos.

Se desexa máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
27/01/2010. INVESTIGACIóN

55 mentiras sobre a lingua galega

A plataforma cidadá ProLingua presentará o vindeiro venres
5 de febreiro a súa primeira publicación 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada por Xosé-Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo.

A obra, que se presentará simultaneamente en máis de sesenta localidades (tanto en Galicia como no Estado español e no estranxeiro), ten como obxectivo ofrecer un argumentario rigoroso que axude a sociedade galega a comprender o actual debate lingüístico, así como a desmontar as falsidades e os prexuízos que neste momento están instalados no discurso sobre o idioma.
27/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de blogs e iniciación a ferramentas multimedia

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca o Curso de blogs e iniciación a ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística.

As sesións terán lugar os vindeiros días 18, 19 e 26 de febreiro de 2010 en Santiago de Compostela . O prazo de inscrición remata o vindeiro xoves, 4 de febreiro.
27/01/2010. DINAMIZACIóN

EuFalo.TV, un documental colaborativo sobre a lingua e os falantes

A Navalla Suíza presenta EuFalo.TV, un documental colaborativo no que son os/as propios/as falantes os/as que contan a súa historia coa lingua.

Trátase dun proxecto aberto á colaboración dos/as internautas, que poden completalo enviando vídeos nos que narren a súas experiencias e vivencias co uso do idioma.
26/01/2010. EMPREGO

Bolsas da ANL da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca catro bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística. Os solicitantes deben cumprir como requisito ser estudades de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2009/2010 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 5 de febreiro de 2010, ás 14.00 h.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

25/01/2010. OUTRAS

Xosé Luís Méndez Ferrín, novo presidente da Real Academia Galega

O Plenario da Real Academia Galega elixiu o pasado sábado, 23 de xaneiro de 2010, co voto maioritario dos seus membros, a Xosé Luís Méndez Ferrín como novo presidente da institución.

Da Xunta de Goberno tamén formarán parte os académicos Xosé Luís Axeitos Agrelo (secretario), Manuel González González (tesoureiro), Euloxio Rodríguez Ruibal (Arquiveiro-Bibliotecario) e Francisco Fernández Rei (vicesecretario).
25/01/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación de banda deseñada en galego

A Consellería de Cultura e Turismo convoca axudas para edición de historias longas de banda deseñada en galego. As actividades obxecto de axuda son a elaboración do guión do proxecto e mais os gastos de ilustración e de edición.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/01/2010. DINAMIZACIóN

A nosa compra, en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza a campaña “A nosa compra, en galego”, que ten como obxectivo promover entre os/as usuarios/as e os/as comerciantes dos mercados o uso da lingua galega, así como achegar o léxico galego dos produtos que normalmente están á venda nun mercado.

Con esta finalidade, o Servizo de Normalización Lingüística, coa colaboración da Federación Galega de Comercio, elaborou o Dicionario ilustrado do comercio, un caderno que ademais do léxico máis frecuente na actividade dos mercados, contén follas en branco que permiten elaborar a listaxe da compra.

Como actividades complementarias, organizaranse tamén diferentes actuacións artísticas e culturais nos recintos dos mercados.

Se desexa máis información, prema aquí.
21/01/2010. DINAMIZACIóN

Consulte en liña os informes, posicionamentos públicos e artigos de opinión sobre as "Bases para o decreto”

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) achega no seu web un especial sobre as “Bases para o decreto do plurilingüismo”, que inclúe diversos documentos de valoración, de análise e de proposta alternativa elaborados tanto pola propia CGENDL como por outras entidades educativas.

Así mesmo, a Coordinadora de Traballadores/as para a Normalización Lingüística (CTNL) ofrece tamén en liña unha compilación de artigos, entrevistas e posicionamentos públicos sobre estas “Bases”.

21/01/2010. INVESTIGACIóN

A lingüística galega desde alén mar

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela edita o volume A lingüística galega desde alén mar, obra colectiva que recolle as actas do VIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, celebrado na Universidade Federal da Bahia en setembro de 2006.

O libro, coordinado por Gabriel Rei-Doval, compila 21 artigos organizados nos seguintes apartados: Sociolingüística, estandarización e glotopolítica; Etnolingüística e pragmática; Lingüística aplicada; Estilística, sintaxe e semántica; Historia e dialectoloxía; e Lingua e estudos galegos no exterior.


19/01/2010. LEXISLACIóN

A Real Academia Galega presenta a súa análise sobre as Bases para o decreto do plurilingüismo

Despois de que o pasado 30 de decembro de 2009 a Real Academia Galega (RAG) recibise do Goberno Galego o documento titulado ”Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, a RAG fixo público onte, 18 de xaneiro de 2010, o informe coa valoración destas “Bases”.

O documento, aprobado por unanimidade polo plenario da institución o día 16 de xaneiro de 2010, está accesible en liña en formato PDF.
19/01/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a promoción do galego na Administración local

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do convenio de colaboración asinado o pasado mes de decembro de 2009 coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, resolveu a convocatoria de axudas para a promoción do uso do galego nas entidades locais.

Para consultar a listaxe de entidades subvencionadas, prema aquí.

Se o desexa, tamén pode ampliar esta información no web da SXPL.
14/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre a represión lingüística en Galicia

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza as Xornadas sobre a represión lingüística en Galicia, que se desenvolverán do 15 ao 31 de xaneiro de 2010 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns-Ames).

Durante este período estará aberta ao público unha mostra gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar de 1936, que chega agora a Ames despois de ter visitado diferentes puntos do país.

De xeito complementario, desenvolverase tamén un ciclo de charlas-coloquio sobre o tema.
11/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a particulares (adultos) e colectivos de Galicia.

Os cursos desenvolveranse en diferentes localidades galegas ao longo do ano 2010 e o prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí. (Corrección de erros)
11/01/2010. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro (1 bolsa), Dicionarios de literatura (1 bolsa), Corpus documentale latinum gallaeciae (1 bolsa) e Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
11/01/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística nos centros educativos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia durante o curso escolar 2009-2010.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 1 de febreiro de 2010. Se desexa máis información, prema aquí.