Novas da lingua

Rexistros4201 a 4230 de 5280
04/11/2009. DINAMIZACIóN

Nace a Coordinadora de ENDL de Tabeirós – Terra de Montes

O pasado mes de outubro de 2009 constituíuse a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Tabeirós – Terra de Montes, que agrupa os ENDL dos centros educativos da comarca e que terá como principal obxectivo a organización de actividades destinadas á defensa e promoción da lingua galega.

A Coordinadora dispón tamén dun blogue, que facilitará a difusión da información e o intercambio de experiencias entre os seus membros.

04/11/2009. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas “Os recursos educativos en galego. Educación primaria”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza a segunda edición destas xornadas, destinadas ao PDI, ao PAS e ao alumnado desta facultade, que teñen como principal obxectivo dar a coñecer os recursos educativos existentes en galego para a educación primaria.

As sesións terán lugar os días 18 e 19 de decembro de 2009. O prazo de inscrición remata o 11 de decembro. Se desexa máis información, prema aquí.
04/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

XIX Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural o Brado acaba de facer pública a resolución do Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística. Os galardoados desta edición foron a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, na modalidade de “difusión da lingua na comarca de Tabeirós - Terra de Montes”, Carlos Varela García, na modalidade de “normalización no ámbito galego” e Xosé Luís Franco Grande, na modalidade “normalización durante toda unha vida”.

Os galardóns serán entregados nun acto público o vindeiro 12 de novembro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da Estrada.

Se desexa mais información, prema aquí.
03/11/2009. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Carlos Pajares, ex reitor da USC; a información sobre os novos textos legais en lingua galega ou a nova sobre a resolución dos V Premios á calidade lingüística en traballos académicos.

03/11/2009. INVESTIGACIóN

A Secretaría Xeral de Política Lingüística completa a colección “Aula de galego”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de editar o manual Aula de galego 3, deseñado como material didáctico de referencia para preparar o exame para a obtención do certificado Celga 3. O volume inclúe o libro do alumno/a, un CD con audicións, unha sección de exercicios e un anexo cun resumo gramatical.

Coa edición deste manual, a SXPL completa a colección de manuais para preparar os exames dos niveis Celga que se convocan na actualidade. Se desexa máis información, prema aquí.

03/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

X Xornadas de Tradición Oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza a décima edición destas xornadas, dirixidas ao alumnado e ao profesorado de Galicia, que teñen como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito educativo e proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula.

As sesións desenvolveranse os días 20 e 21 de novembro de 2009. O prazo de matrícula remata o 16 de novembro.

03/11/2009. DINAMIZACIóN

Galicola, sabor para a túa lingua

A Asociación Cultural Fontaira acaba de introducir no mercado a Galicola, un proxecto comercial destinado en exclusiva a acadar recursos económicos para a normalización da lingua galega.

A asociación comprométese a destinar o 5% das súas vendas brutas a proxectos, entidades e actividades que fomenten o uso do galego. Este fondo repartirase o vindeiro 17 de maio de 2010 en forma de premios do “Concurso Ángelo Casal”, cuxas bases poden consultarse no propio web do proxecto.


30/10/2009. INVESTIGACIóN

V Xornada de Normalización e Dinamización Lingüística

Hoxe, 30 de outubro de 2009, estase a desenvolver no Hotel Porta do Camiño (Santiago de Compostela) a V Xornada de Normalización e Dinamización Lingüística, organizada por Escolas Católicas Galicia.

Na xornada debaterase sobre a situación do galego no ensino, sobre a produción audiovisual en lingua galga e mais sobre a elaboración de curtametraxes na escola. O acto pecharase cunha sesión de contacontos, a cargo de Celso Sanmartín.

29/10/2009. INVESTIGACIóN

III Xornadas “Xustiza e lingua, reflexións para a normalización”

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a terceira edición da xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, dirixida aos diferentes colectivos profesionais que interveñen no ámbito da xustiza.

Nesta edición cóntase coa participación de catro profesionais e especialistas dos eidos xurídico e lingüístico, como son Xesús Palmou, Xoaquín Monteagudo, Ana López- Suevos e Manuel González. Ademais, o acto estará presidido por Evaristo Nogueira, decano do colexio compostelán, e contará tamén coa presenza de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística.

A xornada terá lugar o vindeiro 18 de novembro, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán.
29/10/2009. DINAMIZACIóN

Bota a andar o proxecto g11n.net

A plataforma g11n.net nace co obxectivo de facilitar e promover a localización ao galego de software libre a través da elaboración dunha serie de ferramentas que se porán ao dispor de toda a comunidade.

A toma de decisións e a metodoloxía de traballo organizarase arredor dun servizo comunitario de foros abertos, aos que pode accederse desde o propio web do proxecto.

Segundo os seus promotores, a iniciativa pretende continuar, agora fóra das canles institucionais, o traballo iniciado por Mancomún e animan a todas as persoas interesadas, con independencia dos seus coñecementos informáticos, a colaborar coa plataforma.
28/10/2009. DINAMIZACIóN

En galego, con moito gusto, nos mercados de Ferrol

O Concello de Ferrol, coa colaboración dos mercados e da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, está a desenvolver a campaña “En galego, con moito gusto”, que ten como obxectivo promover a presenza social do idioma galego nos mercados municipais.

A campaña, que naceu como proposta do Consello Municipal da Lingua, inclúe diferentes iniciativas como, por exemplo, a organización dun concurso de receitas, a publicación das receitas seleccionadas no concurso ou a distribución nos mercados municipais de bolsas, mandís, marca horarios para os coches e documentación sobre os mercados e os seus produtos frescos.

Se desexa máis información, prema aquí.




28/10/2009. INVESTIGACIóN

Preséntase o libro "As razóns do galego. Apelo á cidadanía"

A Editorial Galaxia presenta a obra As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo.

A presentación terá lugar mañá xoves, 29 de outubro,
ás 20:00 h, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, Santiago de Compostela).

No acto intervirán Víctor F. Freixanes, director de Galaxia, Xosé Hermida, delegado de El País en Galicia, e Henrique Monteagudo, autor da publicación.

27/10/2009. EMPREGO

Bolsa de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca unha bolsa de colaboración para o proxecto Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega.

Os/as solicitantes deberán estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galega, Filoloxía Portuguesa ou Filoloxía Románica, non levar licenciados/as máis de 2 anos e ter unha nota media igual ou superior a 1,5 puntos no expediente académico.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

26/10/2009. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de carteis de Nadal no Concello de Muros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Muros e mais a Asociación Cultural Pontevella organizan a segunda edición do Concurso de carteis de Nadal. O certame está dirixido a nenos e nenas de infantil e primaria deste municipio, que deben empregar nos seus traballos a lingua galega.
O premio consistirá en 100 € en agasallos para o neno/a gañador/a e outros 150 € en material escolar para a súa aula.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí
22/10/2009. INVESTIGACIóN

VI Xornadas de Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a sexta edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán sobre a relación entre lingua e xénero.

As sesións desenvolveranse os días 26 e 27 de novembro no Paraninfo da UDC (A Coruña).
O prazo de inscrición remata o vindeiro 18 de novembro.
Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da inscrición, prema aquí.
22/10/2009. DINAMIZACIóN

As comisións de normalización lingüística da UDC presentan a súa programación de actividades

Coincidindo co comezo do curso, diferentes comisións de normalización lingüística da UDC presentan o seu programa de actividades destinadas a fomentar o uso do galego entre a comunidade universitaria.

Así, a CNL da Facultade de Ciencias de Educación organiza as II Xornadas sobre a Normalización da Lingua e da Cultura no Ámbito da Educación; a CNL da Escola Politécnica Superior desenvolverá unha mesa redonda sobre a presenza da lingua no ámbito empresarial e mais dous concursos de deseño de aparellos industriais e navais; a CNL da Escola Técnica Superior de Arquitectura organiza un premio de ensaio breve e a CNL da Facultade de Socioloxía presenta unha serie de charlas coloquio.

Se desexa máis información sobre o traballo desenvolvido polas CNL da UDC, prema aquí.


22/10/2009. EMPREGO

Bolsas de colaboración no SNL da USC

A Universidade de Santiago de Compostela convoca dúas bolsas de colaboración para o seu Servizo de Normalización Lingüística.

Os aspirantes deberán ser estudantes da USC, do segundo ciclo de Filoloxía Galega.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 6 de novembro de 2009. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
20/10/2009. DINAMIZACIóN

Este século rima en galego

A Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza un obradoiro de rap dinamizado por García, membro do grupo Dios ke te Crew.

O obradoiro, destinado a mozas e mozos de 12 anos en diante, desenvolverase os días 23 e 30 de outubro; e 6, 13 e 20 de novembro, na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 23 de outubro de 2009.



20/10/2009. DINAMIZACIóN

A lingua latexa en Pontevedra

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Pontevedra presenta o programa de dinamización lingüística A lingua latexa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego en todos os ámbitos, públicos e privados, da vida cotiá.

A programación, que se desenvolverá ao longo dos meses de outono e inverno, inclúe actividades de diversa índole, como exposicións, campañas de normalización lingüística, concursos, roteiros ou contacontos, entre outras.

Se desexa coñecer a axenda completa de actividades, prema aquí.
15/10/2009. DINAMIZACIóN

Unha lección de cine no Concello de Vigo

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e Yelmo-Cineplex organizan unha nova edición do programa “Unha lección de cine”, que lles ofrece aos estudantes de secundaria a posibilidade de ver en galego sete títulos de cine comercial.

Os centros de ensino interesados en participar nesta iniciativa poden chamar ao teléfono 986 810281, de 9:30 a 14 horas.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
15/10/2009. DINAMIZACIóN

Preséntase a segunda edición de Torrelingua

A Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) organiza, co patrocinio da Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, a segunda edición de Torrelingua, programa de dinamización lingüística que ten por obxecto promover o galego entre o alumnado de primaria e secundaria.

Nesta ocasión o programa inclúe dúas actividades, un torneo de debate destinado aos mozos e mozas de secundaria da comarca da Coruña e mais unha convocatoria de premios ao deseño dunha campaña de dinamización lingüística, que se desenvolverá nos centros de ensino primario do Concello da Coruña.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2009 (para os centros de secundaria) e o 31 de outubro (para os centros de primaria).
13/10/2009. DINAMIZACIóN

Reblogdela, a gastronomía redondelá en liña e en galego

A Asociación de Empresarios de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organizan a segunda edición do concurso de blogues Reblogdela – A nosa gastronomía, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías e, ao mesmo tempo, difundir a gastronomía redondelá.

O certame está destinado aos mozos/as de entre 12 e 18 anos. O prazo para presentar os blogues remata o 10 de decembro de 2009.

A entrega de premios farase nun acto oficial que terá lugar o 17 de decembro, ás 18:00 h, no Multiusos da Xunqueira (Redondela).
13/10/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Xeira de normalización lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e mais a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organizan a I Xeira de normalización lingüística, xuntanza na que participarán os representantes de Queremos Galego, ProLingua, Convers-ando e Galego. Patrimonio da Humanidade.

O acto terá lugar hoxe, 13 de outubro, ás 20:00 h no auditorio Fernando Carreras de Vigo (Areal, 46).


13/10/2009. DINAMIZACIóN

Presentación pública da plataforma “Galego. Patrimonio da Humanidade”

O pasado venres, 9 de outubro, presentouse en Santiago de Compostela a plataforma cidadá Galego. Patrimonio da Humanidade, que quere converterse nun espazo argumentativo sobre as retóricas de defensa do galego, co ánimo de facelas máis eficaces, inclusivas e con maior poder de interpelación social.

A plataforma, que leva recadando apoios desde o pasado mes de xuño, anunciou a celebración dun acto público en defensa do galego, que terá lugar o vindeiro 14 de novembro, ás 12:00 h, no Teatro Principal de Santiago.

13/10/2009. EMPREGO

Contrato de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Vigo

O Concello de Vigo anuncia a contratación, durante un período de 6 meses, dun técnico/a medio de normalización lingüística.

O procedemento selectivo será o de oposición libre e o prazo de presentación de solicitudes remata o mércores 14 de outubro.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
09/10/2009. DINAMIZACIóN

Recursos para a lingua no Concello de Cerceda

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cerceda está a elaborar o proxecto Recursos para a lingua, un cedé interactivo que se difundirá principalmente entre o persoal do concello.

O proxecto, aínda en fase de elaboración, está accesible na Forxa de Mancomún, onde tamén pode consultarse o manual coas instrucións necesarias para que cada quen poida modificar e adaptar o recurso ás súas necesidades.
09/10/2009. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia e mais a USC presentan o programa Volangteer

Esta iniciativa, que se enmarca no programa da Comisión europea “Learning Regional Languages”, ten como obxectivo promover o uso do galego entre os universitarios/as estranxeiros/as que estudan en Galicia, aumentando o seu coñecemento da realidade sociocultural galega así como a súa integración, comprensión intercultural e respecto pola diversidade.

Trátase dun programa piloto que se desenvolverá ata outubro de 2010 en Galicia e mais en Frisia (Holanda), onde tamén se están a implementar medidas de promoción dunha lingua minorizada, o frisón.

Se desexa máis información sobre este programa, prema aquí.

05/10/2009. INVESTIGACIóN

Chega á Coruña a exposición “Crónicas da represión lingüística”

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello da Coruña colabora na organización da exposición “Crónicas da represión lingüística”, mostra gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar de 1936, que chega agora á Coruña despois de ter visitado diferentes puntos do país.

A mostra inaugúrase mañá, 6 de outubro, ás 19:00 h, na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras, 12. A Coruña), e estará aberta ao público ata o vindeiro 8 de novembro.

De xeito paralelo, desenvolverase tamén o ciclo de conferencias “Represión e defensa dos dereitos lingüísticos en Galiza”.

09/10/2009. INVESTIGACIóN

Novas publicacións no web do CDSG

Xa pode descargar desde o web do CDSG, en formato PDF, dous novos títulos da colección “Serie Lingüística”, froito da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega.

O volume Perspectivas sobre a oralidade reúne dezaseis artigos orixinais sobre diferentes aspectos da lingua e da comunicación oral.

O outro título que presentamos, A lexicografía galega moderna: recursos e perspectivas,
compila dezanove contribucións que responden a tres grandes perspectivas: (a) a historiografía e a metodoloxía lexicográficas, (b) os recursos lexicográficos no presente e as súas perspectivas de futuro e (c) a lexicografía académica.
05/10/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Xornada de dobraxe e idioma

A Asociación profesional da rama artística da dobraxe de Galicia (APRADOGA) organiza a 1ª Xonada de dobraxe e idioma, que terá lugar o 31 de outubro de 2009 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns-Ames).

A xornada desenvolverase en catro mesas de traballo, cuxo fío condutor será o papel da dobraxe como instrumento normalizador.

Pode obter máis información sobre os trámites de inscrición no teléfono 670439449 ou no correo electrónico: apradoga@gmail.com.