Novas da lingua

Rexistros4231 a 4260 de 4427
11/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de xaneiro de 2010. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

08/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles en vídeo as intervencións do Simposio Internacional Ecolingua

Xa están accesibles en internet, en formato vídeo, as diferentes intervencións do I Simposio Internacional Ecolingua, que tivo lugar os pasados días 17, 18 e 19 de decembro de 2009 en Vigo, organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).

Se desexa ver os vídeos, prema aquí.
08/01/2010. LEXISLACIóN

Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no sistema educativo

O Goberno galego aprobou, no Consello da Xunta do pasado 30 de decembro de 2009, as Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no sistema educativo non universitario.

Segundo o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o documento aséntase en tres piares: o reparto equilibrado das horas de docencia en galego e castelán, a reserva dun terzo da docencia para impartir en linguas estranxeiras (nomeadamente en inglés) e a incorporación da opinión das familias no referente ao reparto das materias que deben impartirse en cada lingua.

Antes da elaboración do documento final, que derrogará o Decreto 124/2007, estas bases serán presentadas ás forzas políticas e aos axentes sociais implicados.
08/01/2010. INVESTIGACIóN

Que facemos coa lingua?, monográfico sobre a situación do galego no ensino

Estega, a nova publicación periódica do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), inicia a súa andaina cun monográfico sobre a situación da lingua galega no ensino.

Baixo o título “Que facemos coa lingua?”, este número inicial inclúe, entre outros contidos, unha entrevista a Emilio Insua e a Miguel Louzao onde se fai un percorrido pola normalización lingüística dos últimos 30 anos, unha análise sobre a promoción da lingua desde os ENDL, a cargo de Valentina Formoso, ou un artigo sobre a situación sociolingüística de Finlandia, autoría de Pablo Gamallo.
23/12/2009. DINAMIZACIóN

Está en liña o Cartafol Dixital de decembro

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.
Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Pilar Brocos, gañadora do premio Luísa Villalta de iniciativas normalizadoras; a reportaxe sobre agasallos en galego para o Nadal e a presentación de Ubuntu-USC, un sistema operativo libre que se está implantando progresivamente na Universidade de Santiago.
23/12/2009. DINAMIZACIóN

O noso Nadal, galego e verde

O Consello da Xuventude de Galicia elaborou, por segundo ano consecutivo, a guía O noso Nadal, galego e verde, deseñada para animar a cidadanía a que vivan un Nadal en galego, solidario e respectuoso co medio.
No que respecta á parte lingüística, a guía contén cantares e contos de Nadal, receitas tradicionais e mais consellos para mercar agasallos en galego.
23/12/2009. DINAMIZACIóN

A lingua, esa ponte que nos une

A Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino públicos do Concello de Redondela elaborou, para o próximo 2010, calendarios de parede, calendarios de peto e marcapáxinas-calendario baixo o lema A lingua, esa ponte que nos une.
A edición deste material é o colofón aos numerosos traballos de colaboración desenvolvidos neste ano entre a Coordinadora de ENDL e o Concello, realizados a través do Servizo de Normalización Lingüística.
14/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2009

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago fixeron entrega dos seus respectivos premios aos galardoados da décima edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron a tenda Pecados, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e Localia Televisión, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego.

A Libraría Pedreira recibiu tamén unha distinción especial polo seu compromiso co idioma.

Se desexa máis información, prema aquí.
14/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG entregaron o pasado venres, 11 de decembro, os XVI Premios á Publicidade en Galego. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na categoría de radio, a campaña gañadora foi "Onda Cero Galicia", elaborada e presentada por Onda Cero Radio. No ámbito da televisión, o gañador foi o anuncio de R-Cable Galicia “Cámbiache o conto”, elaborado pola axencia Oceanográfico e emitido pola TVG. Polo que respecta ao premio na modalidade de internet, nesta ocasión o xurado decidiu deixalo deserto.
11/12/2009. DINAMIZACIóN

Da mañá á noite, Convers-ando

O colectivo CambiaGalicia organiza a actividade Da mañá á noite Convers-ando, que se desenvolverá mañá, 12 de decembro de 2009, en Vigo.

Entre os principais obxectivos da iniciativa están o de romper prexuízos cara á lingua a partir do diálogo e o de provocar unha reflexión que leve ao uso e defensa do galego nas persoas participantes.

Ao longo da xornada desenvolveranse, entre outras actividades, safaris fotográficos, obradoiros de monólogos, xogos infantís e actuacións musicais.
11/12/2009. DINAMIZACIóN

En galego, consumo gusto

O Foro Enrique Peinador e mais a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística están a promover a campaña “En galego, consumo gusto”, co ánimo de alentar os consumidores na utilización de produtos con denominación de orixe etiquetados en lingua galega, como sinal de garantía de orixe.

A iniciativa foi presentada no marco da xornada Empresa e identidade, que organizou o Foro Enrique Peinador o pasado día 26 de novembro co obxectivo de poñer en valor o esforzo e o compromiso das empresas galegas que etiquetan na lingua propia de Galicia os seus produtos.

Se desexa máis información, prema aquí.

10/12/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Simposio Internacional Ecolingua

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) organiza o I Simposio Internacional Ecolingua, que terá lugar os vindeiros días 17, 18 e 19 de decembro no Centro Social Caixanova de Vigo.

Ao longo destas tres xornadas abordaranse, entre outros, os seguintes temas: a coexistencia de linguas: de problema a oportunidade; Galicia como realidade plurilingüe: unha vantaxe comparativa; o rol de cada lingua nun país plurilingüe e o papel do galego como referente colectivo e elemento de cohesión social.

O prazo de matrícula remata o vindeiro 16 de decembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
10/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

III Concurso de cartas aos reis magos no Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o III Concurso de cartas aos reis magos.
Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas, escritas en galego, nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello antes do vindeiro 29 de decembro.

Os reis magos contestarán todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios.

10/12/2009. OUTRAS

Convenio de colaboración para a promoción do uso do galego na Administración local

O Consello da Xunta do pasado xoves, 3 de decembro, aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para a promoción do uso do galego nas entidades locais.

A través deste convenio a FEGAMP distribuirá ás entidades locais que conten con servizos locais de normalización lingüística a data de 15 de novembro de 2009, unha axuda lineal destinada a sufragar os gastos xerados en dito concepto.



04/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios a proxectos de innovación en normalización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa fan pública a resolución da convocatoria de premios a proxectos de innovación en normalización lingüística para o curso 2009-2010.

A finalidade destes premios é fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que favorezan a extensión do uso do galego. Os proxectos premiados serán difundidos no web da SXPL.

Para coñecer a listaxe dos centros de ensino gañadores, prema aquí.

04/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios Anticiclón e Borrasca na Comarca do Barbanza

A Coordinadora de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística do Barbanza fixo públicos os premios anuais de normalización na comarca.

O Premio Anticiclón, concedido á entidade que máis promove o galego, recaeu no Centro Comercial aberto O Deán (A Pobra do Caramiñal), polo uso normal e cotiá do galego nas tendas que o conforman. Pola contra, o Premio Borrasca foi nesta ocasión para o Centro Comercial Haley (de Ribeira e outras localidades, pertencente ao Grupo GADISA), por obviar case por completo a nosa lingua e por empregar o topónimo deturpado.
03/12/2009. LEXISLACIóN

Novos recursos para a normalización lingüística no ámbito xurídico

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela presenta dous novos recursos en liña destinados a promover o uso do galego no ámbito xurídico.

Trátase concretamente do proxecto Formularios procesuais en lingua galega, que consiste na tradución e renovación dos escritos máis habituais da práctica da avogacía, e mais do web As leis en galego, que compila textos legais publicados no noso idioma.

03/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica, no DOG do 26 de novembro de 2009, as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para galego de obras publicadas noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

02/12/2009. DINAMIZACIóN

Un Nadal de agasallos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cerceda presenta unha guía de agasallos culturais (libros, cedés, filmes...) co ánimo de axudarnos a cumprir cos compromisos do Nadal.

O criterio de selección foi a máxima calidade dos produtos, así como o feito de empregaren o galego como lingua vehicular.


02/12/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oleiros

O Concello de Oleiros anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

02/12/2009. DINAMIZACIóN

Dinamizando o tempo de Nadal

Co obxectivo de dinamizar o uso do galego entre a infancia, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña elaborou un modelo de carta aos Reis Magos e mais unha unidade didáctica para que os máis pequenos poidan pedir os seus agasallos.

A carta está deseñada utilizando fragmentos de obras de artistas plásticos coruñeses. A unidade didáctica pretende fomentar a creatividade e o uso do galego entre os máis novos, así como promover valores como o consumo responsable e o respecto ao medio.

Se desexa máis información, prema aquí.

02/12/2009. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital do mes de novembro

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; a nova sobre o traballo gañador do III Premio á excelencia lingüística ou a presentación da convocatoria dos “Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación”.
26/11/2009. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia

A amplitude e intensidade que están adquirindo os debates sobre a lingua en Galicia, e moi particularmente a súa relevancia política, levou ao Consello da Cultura Galega a considerar a necesidade de establecer foros de reflexión sobre a situación sociolingüística galega.

O seminario desenvolverase en catro sesións, ao longo dos meses de decembro de 2009 a xuño de 2010, e cada unha delas xirará arredor de varios temas monográficos.

Na primeira das sesións, que terá lugar o vindeiro martes 1 de decembro, analizarase a situación sociolingüística actual. Os relatorios correrán a cargo de Albert Branchadell, Fermín Bouza, Antón Losada e Mauro Fernández.

Para coñecer o programa completo do seminario, prema aquí.

24/11/2009. OUTRAS

Obxectivos e métodos para unha reparación textual eficiente

A CTNL presenta a colección Documentos CTNL, co obxectivo de elaborar, compilar e difundir materiais de referencia para o apoio, análise e proposta sobre o traballo en normalización lingüística.

O documento co que se inicia esta serie é «Revisar a corrección. Obxectivos e métodos para unha reparación textual eficiente nos servizos de normalización lingüística», de Manuel Bermúdez Blanco, responsable técnico da Área de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Para ampliar esta información, prema aquí.
20/11/2009. LEXISLACIóN

Declaración institucional do Consello da Cultura Galega ante a situación actual do idioma galego

O Consello da Cultura Galega acordou, na súa sesión plenaria do pasado día 17 de novembro de 2009, dirixirse ao Parlamento de Galicia para propoñerlle a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística, proposta que debera elaborarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura.

Se quere coñecer o documento completo, prema aquí.
20/11/2009. EMPREGO

Praza de profesor contratado doutor na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo anuncia a convocatoria pública dunha praza de profesor contratado doutor, adscrito ao Departamento de Tradución e Lingüística, que terá que desenvolver actividades docentes e investigadoras relacionadas coa introdución á Sociolingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
20/11/2009. DINAMIZACIóN

A Comedia Bífida en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela anuncia a representación teatral da obra Comedia Bífida, que correrá a cargo da compañía Nobicarelo Teatro e que ten como obxectivo achegar a toda a cidadanía unha reflexión lúdica sobre os prexuízos lingüísticos aínda existentes na actualidade.

A posta en escena terá lugar hoxe venres 20 de novembro de 2009, ás 20:00 horas, no Auditorio do Multiusos da Xunqueira (Redondela).

Se desexa máis información, prema aquí.
20/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de postais de Nadal no Concello da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o I Concurso infantil de postais de Nadal, destinado a todos os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos centros de ensino do concello.

O tema dos debuxos debe ser “O Nadal en galego” e o prazo de entrega dos traballos remata o 11 de decembro de 2009.
20/11/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o premio Xoán Manuel Pintos 2009

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) anunciaron a resolución do Premio Xoán Manuel Pintos 2009, que nesta edición foi outorgado á empresa Reizentolo e mais ás Romaxes de Crentes Galegos/as.

O obxectivo deste premio é recoñecer o labor daquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua na sociedade e ao mesmo tempo manter viva a figura do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos.

A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 23 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/11/2009. EMPREGO

Bolsas de colaboración na ANL da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca catro bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística. Os solicitantes deben cumprir como requisito ser estudades de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2008/09.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 18 de novembro de 2009, ás 14.00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí