Novas da lingua

Rexistros4291 a 4320 de 5153
20/10/2009. DINAMIZACIóN

Este século rima en galego

A Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza un obradoiro de rap dinamizado por García, membro do grupo Dios ke te Crew.

O obradoiro, destinado a mozas e mozos de 12 anos en diante, desenvolverase os días 23 e 30 de outubro; e 6, 13 e 20 de novembro, na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 23 de outubro de 2009.



20/10/2009. DINAMIZACIóN

A lingua latexa en Pontevedra

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Pontevedra presenta o programa de dinamización lingüística A lingua latexa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego en todos os ámbitos, públicos e privados, da vida cotiá.

A programación, que se desenvolverá ao longo dos meses de outono e inverno, inclúe actividades de diversa índole, como exposicións, campañas de normalización lingüística, concursos, roteiros ou contacontos, entre outras.

Se desexa coñecer a axenda completa de actividades, prema aquí.
15/10/2009. DINAMIZACIóN

Unha lección de cine no Concello de Vigo

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e Yelmo-Cineplex organizan unha nova edición do programa “Unha lección de cine”, que lles ofrece aos estudantes de secundaria a posibilidade de ver en galego sete títulos de cine comercial.

Os centros de ensino interesados en participar nesta iniciativa poden chamar ao teléfono 986 810281, de 9:30 a 14 horas.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
15/10/2009. DINAMIZACIóN

Preséntase a segunda edición de Torrelingua

A Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) organiza, co patrocinio da Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, a segunda edición de Torrelingua, programa de dinamización lingüística que ten por obxecto promover o galego entre o alumnado de primaria e secundaria.

Nesta ocasión o programa inclúe dúas actividades, un torneo de debate destinado aos mozos e mozas de secundaria da comarca da Coruña e mais unha convocatoria de premios ao deseño dunha campaña de dinamización lingüística, que se desenvolverá nos centros de ensino primario do Concello da Coruña.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2009 (para os centros de secundaria) e o 31 de outubro (para os centros de primaria).
13/10/2009. DINAMIZACIóN

Reblogdela, a gastronomía redondelá en liña e en galego

A Asociación de Empresarios de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organizan a segunda edición do concurso de blogues Reblogdela – A nosa gastronomía, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías e, ao mesmo tempo, difundir a gastronomía redondelá.

O certame está destinado aos mozos/as de entre 12 e 18 anos. O prazo para presentar os blogues remata o 10 de decembro de 2009.

A entrega de premios farase nun acto oficial que terá lugar o 17 de decembro, ás 18:00 h, no Multiusos da Xunqueira (Redondela).
13/10/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Xeira de normalización lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e mais a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organizan a I Xeira de normalización lingüística, xuntanza na que participarán os representantes de Queremos Galego, ProLingua, Convers-ando e Galego. Patrimonio da Humanidade.

O acto terá lugar hoxe, 13 de outubro, ás 20:00 h no auditorio Fernando Carreras de Vigo (Areal, 46).


13/10/2009. DINAMIZACIóN

Presentación pública da plataforma “Galego. Patrimonio da Humanidade”

O pasado venres, 9 de outubro, presentouse en Santiago de Compostela a plataforma cidadá Galego. Patrimonio da Humanidade, que quere converterse nun espazo argumentativo sobre as retóricas de defensa do galego, co ánimo de facelas máis eficaces, inclusivas e con maior poder de interpelación social.

A plataforma, que leva recadando apoios desde o pasado mes de xuño, anunciou a celebración dun acto público en defensa do galego, que terá lugar o vindeiro 14 de novembro, ás 12:00 h, no Teatro Principal de Santiago.

13/10/2009. EMPREGO

Contrato de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Vigo

O Concello de Vigo anuncia a contratación, durante un período de 6 meses, dun técnico/a medio de normalización lingüística.

O procedemento selectivo será o de oposición libre e o prazo de presentación de solicitudes remata o mércores 14 de outubro.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
09/10/2009. DINAMIZACIóN

Recursos para a lingua no Concello de Cerceda

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cerceda está a elaborar o proxecto Recursos para a lingua, un cedé interactivo que se difundirá principalmente entre o persoal do concello.

O proxecto, aínda en fase de elaboración, está accesible na Forxa de Mancomún, onde tamén pode consultarse o manual coas instrucións necesarias para que cada quen poida modificar e adaptar o recurso ás súas necesidades.
09/10/2009. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia e mais a USC presentan o programa Volangteer

Esta iniciativa, que se enmarca no programa da Comisión europea “Learning Regional Languages”, ten como obxectivo promover o uso do galego entre os universitarios/as estranxeiros/as que estudan en Galicia, aumentando o seu coñecemento da realidade sociocultural galega así como a súa integración, comprensión intercultural e respecto pola diversidade.

Trátase dun programa piloto que se desenvolverá ata outubro de 2010 en Galicia e mais en Frisia (Holanda), onde tamén se están a implementar medidas de promoción dunha lingua minorizada, o frisón.

Se desexa máis información sobre este programa, prema aquí.

05/10/2009. INVESTIGACIóN

Chega á Coruña a exposición “Crónicas da represión lingüística”

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello da Coruña colabora na organización da exposición “Crónicas da represión lingüística”, mostra gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar de 1936, que chega agora á Coruña despois de ter visitado diferentes puntos do país.

A mostra inaugúrase mañá, 6 de outubro, ás 19:00 h, na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras, 12. A Coruña), e estará aberta ao público ata o vindeiro 8 de novembro.

De xeito paralelo, desenvolverase tamén o ciclo de conferencias “Represión e defensa dos dereitos lingüísticos en Galiza”.

09/10/2009. INVESTIGACIóN

Novas publicacións no web do CDSG

Xa pode descargar desde o web do CDSG, en formato PDF, dous novos títulos da colección “Serie Lingüística”, froito da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega.

O volume Perspectivas sobre a oralidade reúne dezaseis artigos orixinais sobre diferentes aspectos da lingua e da comunicación oral.

O outro título que presentamos, A lexicografía galega moderna: recursos e perspectivas,
compila dezanove contribucións que responden a tres grandes perspectivas: (a) a historiografía e a metodoloxía lexicográficas, (b) os recursos lexicográficos no presente e as súas perspectivas de futuro e (c) a lexicografía académica.
05/10/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Xornada de dobraxe e idioma

A Asociación profesional da rama artística da dobraxe de Galicia (APRADOGA) organiza a 1ª Xonada de dobraxe e idioma, que terá lugar o 31 de outubro de 2009 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns-Ames).

A xornada desenvolverase en catro mesas de traballo, cuxo fío condutor será o papel da dobraxe como instrumento normalizador.

Pode obter máis información sobre os trámites de inscrición no teléfono 670439449 ou no correo electrónico: apradoga@gmail.com.
30/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a sexta edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario.

O premio está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega, agás o persoal dos SNL, e contará con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “campaña normalizadora”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de novembro de 2009.
30/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

Falemos da nosa historia

O Equipo de Normalización Lingüística do CEIP López Ferreiro organiza o IV Concurso de redacción e investigación histórica “Falemos da nosa historia”, dirixido a escolares que estean a cursar en centros educativos de Galicia o 3º ciclo de educación primaria ou o 1º ciclo da ESO.

O tema proposto para esta edición é “A noite do San Xoán”. Os traballos, que deben ser orixinais e estar redactados en lingua galega, poderán presentarse ao longo do mes de febreiro de 2010.
30/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Exposición Letras Galegas 2010”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010, Uxío Novoneyra.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. A exposición gañadora en cada unha destas categorías será distribuída en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior e os equipos de traballo que elaboren estas exposicións recibirán cadanseu premio en metálico de 4000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o 8 de febreiro de 2010.
30/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

A Universidade da Coruña premia a investigación en lingua galega no ámbito socioeconómico

O Servizo de Normalización Lingüística da UDC, en colaboración coas comisións de normalización lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e mais a da Escola de Estudos Empresariais, convocan dous premios, un para o profesorado e outro para o alumnado e mais o PAS, destinados a fomentar a investigación en galego no ámbito económico ou empresarial.

Os prazos de presentación dos traballos son o 30 de setembro de 2009, no caso do profesorado, e o 15 de outubro de 2009, no caso do alumnado e mais o PAS.


29/09/2009. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo presenta a Biblioteca da Tradución Galega

Co gallo do Día da Tradución, que se celebrará mañá en todo o mundo baixo o lema “Traballar en común”, a Universidade de Vigo presenta a Biblioteca da Tradución Galega –Bitraga, un catálogo bibliográfico que contén a referencia dos textos literarios traducidos cara e dende a lingua galega que se publicaron no período 1980-2008.

O proxecto ten como obxectivo proxectar a importancia política e cultural da produción traducida, así como fomentar o intercambio científico entre os profesionais e estudosos interesados neste campo de coñecemento.
28/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións ao audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais publica a resolución de diferentes liñas de subvención para fomentar o audiovisual en lingua galega.

As axudas concedidas destinaranse aos seguintes conceptos: para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego, para a produción de contidos interactivos en lingua galega ou para as producións ou coproducións audiovisuais en galego con decidido contido artístico e cultural.
28/09/2009. EMPREGO

Resólvese a convocatoria de lectorados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a listaxe coa adxudicación das prazas de lectores de lingua, literatura e cultura galegas, con destino en universidades españolas e estranxeiras.

Para consultar o texto da resolución, prema aquí.
25/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas “A Europa na Galiza: lingua, historia, didáctica”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Facultade de Ciencias de Educación desta mesma universidade, organiza as Xornadas “A Europa na Galiza: lingua, historia, didáctica”, co obxectivo de dar a coñecer a historia de Galicia en relación ao espazo europeo no que se integra.

As sesións terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da UDC os días 19 e 20 de novembro de 2009. O prazo de inscrición remata o 12 de novembro.
21/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

Curso de ortografía e ortotipografía do galego

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación organiza un curso de ortografía e ortotipografía do galego, que se desenvolverá os días 9, 16, 23 e 30 de outubro de 2009 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de setembro. Se desexa máis información prema aquí.
18/09/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Dodro

O Concello de Dodro anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

16/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

A cuestión lingüística a debate no Consello da Cultura Galega

A amplitude e intensidade que están adquirindo os debates sobre a lingua en Galicia, e moi particularmente a súa relevancia política, levou ao CCG a considerar a necesidade de establecer foros de reflexión sobre a situación sociolingüística galega.

O Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, coordinado por Víctor Fernández Freixanes, Henrique Monteagudo e Ramón Maiz, desenvolverase en catro sesións ao longo dos meses de decembro de 2009 a xuño de 2010. O obxectivo final é a elaboración dun informe que será elevado ao Consello da Cultura Galega.

Así mesmo, en febreiro de 2010, baixo a coordinación de Alba Nogueira, terán lugar as Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, nas que se analizará en profundidade a aplicación da Carta e se tirarán conclusións sobre os seus efectos nos ordenamentos xurídico-lingüísticos dos países asinantes.
16/09/2009. INVESTIGACIóN

Dispoñible na rede o primeiro número de Galicia 21

O Centro de Estudos Galegos en Gales (Universidade de Bangor) e mais a Universidade de Cardiff presentan o primeiro número de Galicia 21: Revista de Estudos Galegos Contemporáneos, publicación académica de periodicidade anual accesible en liña.

Entre os contidos deste número, salientamos o artigo de Anxo Lorenzo, actual secretario xeral de Política Lingüística, que achega unha análise da situación actual da lingua galega desde a perspectiva sociolingüística.
15/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

III Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Deputación da Coruña, coa organización e xestión da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, promove a terceira edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 21 de outubro de 2009 no Pazo de Mariñán (Bergondo).


15/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”

O Instituto da Lingua Galega (USC), o Departamento de Ciencias da Comunicación (USC) e o Consello da Cultura Galega organizan o simposio Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, no que se presentarán publicamente boa parte dos traballos que recolle o volume Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I).


As sesións desenvolveranse os días 3, 4, 5, 10 e 11 de novembro de 2009. O prazo de inscrición remata o 23 de outubro.
09/09/2009. DINAMIZACIóN

Exposición “Ramón Piñeiro, Olladas no Futuro”

O museo Verbum - Casa das Palabras organiza unha exposición temporal sobre a vida e a obra de Ramón Piñeiro, na que se destaca, entre outros aspectos, a importancia do idioma na súa escrita e na súa conciencia de galeguidade.

A mostra estará aberta ao público desde o 11 de setembro ata o 1 de novembro de 2009. Se desexa máis información, prema aquí.

09/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a innovación lingüística no ámbito educativo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan 7 premios a proxectos de innovación en normalización lingüística, destinados aos centros de ensino públicos, para desenvolver no curso académico 2009-2010.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de outubro de 2009.
02/09/2009. DINAMIZACIóN

Volven os Axóuxeres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou a nova programación para o ano 2009 das Festas dos Axóuxeres e mais dos Encontros dos Axóuxeres.

As Festas dos Axóuxeres, que teñen como obxectivo fomentar a transmisión e o uso do galego desde as idades máis temperás, celebraranse nas cidades galegas ao longo deste mes de setembro.

A seguir, durante os meses de outubro e novembro, terán lugar en diferentes vilas galegas os Encontros dos Axóuxeres, un espectáculo cun formato máis reducido que, a diferenza das Festas, se organiza en lugares pechados.

Para ampliar esta información, prema aquí.